30/11/11

Poesía por un espello

Vaia tropa! de Antón Cortizas con ilustracións de Mª Reyes Guijarro, na colección Merlín. Unha man chea de poemas que seguen o xogo que lle dá título e que continúa na dedicatoria “a todos os tolos e tolas de amar”. Poesía con rima na presentación do libro e do autor, poesía xogo que se introduce tamén nas ilustracións e na tipografía, poesía sen sentido na maneira de ler dándolle voltas á páxina ou á cabeza, no absurdo das propostas, no surrealismo que o pasea do dereito e do revés. Un libro que poderíamos chamar toponímico “Camilo é de Muros e tiña un camelo (...)”, “En Baiona hai unha casa sen xanelas (...)”, “Naceu un volátil bebé no Rosal (...)”. Versos en líneas, versos en círculos ou en semicírculo; versos para ler en vertical ou en espiral, do dereito ou do revés, directamente ou en espello, con lupa ou sen anteollos, seguindo curvas imposibles, en forma de caligramas... poemas nos que todas as palabras comezan con f e outros que esperan a que o lector ou a lectora os completen. Para axudar, ademais do espello flexible que acompaña ao libro, unhas notas ao final dan pistas para que ninguén se despiste. As ilustracións acompañan moi ben os textos, moitas veces son elas o texto, outras adoptan os mesmos xogos que os poemas, de aí que non só lemos palabras senón tamén imaxes. Unha moi interesante aposta de Xerais.

22/11/11

SEGUNDAS PARTES

Hai libros que anuncian segundas partes, como aquel de Jacobo Fernández Serrano que acadara o premio Merlín 2009: Mil cousas poden pasar (Libro I). Agora, acaba de publicarse o Libro II.
Nel continúase unha das historias máis surreais que se escribiron nunca para pequenos e pequenas.

Así presentaban a primeira das entregas na páxina de Casa del Libro:

"Os fillos do rei do mar, Neda e Mercurín, caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai, Pindo IV o Tratable, e aínda non teñen agasallo. Na procura dese galano desencadéanse as mil cousas que dan título a obra. A partir de aí, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. O xurado do Premio sinalou que Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil."

Só queda dicir que a historia continúa levando a extremos máis radicais o que na primeira parte se avanzara; por exemplo, un neno que herda o oficio de sepultureiro de seu pai e fai unha gran labor de hixiene e educación cos mortos do cemiterio, converterase en alcalde (se ninguén o remedia) ... que máis se lle pode pedir á imaxinación

21/11/11

Libros que falan doutros libros, historias que remiten a outras

"O amor xurdiu no mercado, cando un mozo de pelo roxo lle regalou á princesa unha mazá, malia que lle podía caer un lapote dun garda real, que daquela non andaban con andrómenas. Marisela aproveitou a ocasión e, sorrindo con picardía, soltou unha frase para a historia:

–Non será esta a mazá envelenada de Brancaneves?"

Da presentación editorial do álbum Marisela e o roxo, recollemos o seguinte texto:

"A princesa Marisela argalla un divertido plan para que o seu príncipe, que non é azul senón roxo, a rescate da torre. O seu amado –que nada ten que ver cos caprichosos príncipes dos castelos veciños– burla muros e vixilancias e consegue entrar no cuarto da princesa. Moitos serán os encontros ás agachadas, pero para que o asunto acabe en voda, aínda que sexa por decreto e non por convicción, Romeo (que se chama así por ironías da historia) terá que enfrontarse cun terrible dragón –porque ata un dragón conseguiron, para lle dar ao asunto un toque serio… e sinistro!"

E así vai a historia, lembrando a de Brancaneves e cun mozo que se chama Romeo, coma aquel outro dunha historia de amor que todo o mundo coñece. O humor polo medio dos ecos no texto do autor e realizador audiovisual cubano, Geovanys García Vistorte, con imaxes do portugués André Letria, traducido por Laura Rubio.

20/11/11

Un libro galego finalista en Suecia




Esa é a noticia.

O libro Ollos de auga de Domingo Villar foi seleccionado pola Academia da novela negra sueca para a final do seu premio. Este autor é un dos que competirán nesta fase do premio á mellor novela negra traducida en 2010.

Ata este momento o único autor español ganador deste galardón, de gran tradición en Suecia, foi Vázquez Montalbán.

Así nolo contaron os medios de comunicación.