Mostrando entradas con la etiqueta Tradición oral. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tradición oral. Mostrar todas las entradas

20/3/20

20 de marzo:Día Mundial da Narración Oral


Todos os anos, o 20 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Narración Oral. Comezou a celebrarse en Suecia coincidindo co equinoccio de primavera e despois foi estendéndose ao resto dos países.

Este ano vai ser moi diferente a súa celebración por causa da pandemia do coronavirus (COVID-19) pero nestes días as asociacións de narradores/as orais Colectivo NOGA e AEDA Narración Oral poñen á nosa disposición contos para ver e escoitar mentres quedamos na casa.







Como novidade bibliográfica, Antonio Reigosa vén de publicar en Xerais con ilustracións de Noemí López a Guía de campo de Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, unha guía para divulgar a nosa cultura popular chea de mitos, lendas, ritos, contos, saberes e sucedidos, tesouros, lendas urbanas, prodixios, mitoloxía, pontes, camiños... que conforman o noso gran patrimonio inmaterial.

É tempo tamen para revisitar a  súa páxina: Galicia encantada. Enciclopedía da fantasía popular de Galicia, especialmente o apartado de XOGOS (diversións, entretementos, enredos, pasatempos, actividades físicas ou mentais tradicionais de Galicia.)  nestes momentos de acougo forzoso.




27/2/19

É TEMPO DE ENTROIDO!!!

Xerais publicou a fins de 2018 o álbum É tempo de entroido! con texto de Ramón Domínguez e ilustracións de David Sierra.
O libro fai un percorrido polos diferentes entroidos galegos, á vez que vai organizando un xantar propio da festa de carnaval.
Polo álbum desfilan as figuras tradicionais do entroido como son os cigarróns, boteiros, volantes, peliqueiros, mázcaras, troiteiros, labardeiros, vergalleiros, pantallas, felos ou osos, madamas e galáns, os xenerais do Ulla, o loro Ravachol, unha merdeira viguesa e mais uns choqueiros coruñeses que foron xuntos nun chimpín a facer festa. 
O libro complétase cunha canción de Isabel Fernández Reviriego inspirada no propio texto, un karaoke  e dúas figuras para colorear, que se poden descargar no Blog de Xerais.

Múltiples posibilidades ofrece o álbum de investigación sobre os entroidos tradicionais galegos: máscaras, traxes ou a gastronomía propia da celebración.
Recomendado para primeiros lectores,  ben merece estar nas nosas bibliotecas escolares.

27/12/17

Pensando na biblioteca escolar: Saltón no camiño


Kalandraka acaba de publicar en galego Saltón no camiño, un dos libros clásicos de Arnold Lobel que vén acrecentar os títulos dispoñibles deste autor na nosa lingua.
Na súa viaxe, Saltón atopa a moitos personaxes  como uns escaravellos, un verme, unha mosca, un mosquito, unhas bolboretas ou  uns cabaliños do demo, e vive con eles unhas historias moi interesantes, que van enriquecer seu camiño.
Aínda que a ilustración ou o tamaño da letra nos fagan pensar que está destinado para os máis pequenos, a súa lectura pode resultar de interese para todas as idades.
Autor e título imprescindible nas nosas bibliotecas, moi acaído para pensarmos na biblioteca escolar. 

9/12/13

Libros para cantar e bailar


Edicións do Cumio é unha editora especializada en temas musicais (entre outros), de aí que de cando en vez nos achegue produtos imprescindibles para atender eses campo. Xa coñecíamos Para cantar e bailar de Luís Prego e agora temos a ocasión de ver Xogos musicais, do mesmo autor, ambas na colección Música e multimedia.
A presentación editorial aclara:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”.
Contén un CD con 38 cancións."
As ilustracións de Marta Iglesias aportan ese outro compoñente plástico tan necesario cando se trata de ter o libro nas mans. Unha visión sintética e esquemática, unhas cores alegres que falan desa ledicia que todos sentimos cando cantamos e xogamos, a arte nas páxinas.
Un material de moito interese que ten un lugar de privilexio nas mochilas viaxeiras dos máis pequenos, para recuperar a tradición, para vinculala aos afectos, para xogar e xogar!
Outro título que debemos lembrar é Zampadanzas do mundo. Danzas á carta de Marta Pereira Coutinho, e lembrar que se pode descargar un capítulo de cada libro para catar.

31/10/13

A tradición nos libros e nas páxinas


Lembremos coleccións e libros, páxinas da rede...
Cabalo buligan de Xerais
Toda a mitoloxía galega da man de Reigosa, Miranda...
Dediños de Tambre - Edelvives
Contos populares de A Nosa Terra
Algúns da colección Ler é vivir de Everest Galicia
Algúns de Montaña encantada de Everest Galicia
Algúns soltos, como
Cristo e San Pedro, peregrinos de Bernardino Graña
A páxina de Galicia encantada
A páxina de Orella pendella
Refraneiro galego de Taboada Chivite
Lendas galegas en Galicia espallada
Un pequeno ensaio sobre a literatura galega de transmisión oral.
E moitos outros materiais, que están a man na biblioteca escolar de cada un dos centros. 

30/10/13

A tradición oral petando na porta


Cando se acerca a semana da tradición oral (4 ao 10 de novembro), temos que ir quentando motores.
O mellor da tradición é escoitala, chamar aos máis vellos para que nola vertan ao ouvido. Probar a transmitila, nós tamén, á nosa maneira; demostrar como funciona botándoa a voar aos catro ventos. No noso caso, esa tradición -en versión orixinal ou adaptada aos tempos que corren- ten unha lingua propia na que comunicar a cultura que a envolve. E móvese nos brazos do vento. Xa o dicía Cunqueiro: 
                           "No niño novo do vento hai unha pomba dourada"
Que bo momento para chamar aos avós/avoas e aos pais/nais á biblioteca, que bo momento para ir ás residencias a escoitar aos maiores (nesa viaxe de ida e volta, na que dan e reciben), que tempo de convivencia entre unhas e outras xeracións que falan é escoitan.
E tamén, son os tempos de sacar todos eses materiais musicais e impresos nos que se recolle a tradición. 
Un petisco:
Este é o dedo moumiño,
este é o seu sobriño,
este é o maior de todos,
este é o furabolos
e este o escachapiollos.