26/5/15

Nova colección en nova editora

Na granxa e 1 2 3 contando son libros despregables (din que para barrigolas, é dicir para pequeniños ou prelectores ou xentes de ben con ganas de ler). Estes son os dous primeiros títulos para estas idades lectoras de Engaiolarte Edicións, con ilustracións de Maxine Davenport e Cindy Roberts que se publicaran na súa lingua orixinal por Autum Publishing.
Que mellor maneira de presentárnolos que a través dun video?
1 elefante, 2 coches, 3 pingüíns... e así ata 10. Podemos contar para diante e para atrás dependendo de como coloquemos o acordeón. Imaxes moi visuais e claras, o texto mínimo para familiarizalos coa numeración, para seguir xogando con novos obxectos que tamén se poden contar e debuxar e volver... a empezar. 
O outro libro, Na granxa xoga coas ilustracións de cada un dos animais en branco e negro por un dos lados e coa granxa a troda cor e con todo tipo de aditamentos, polo outro. Da individualidade ao colectivo, do máis mínimo á suma de elementos que habitan a granxa, coas cores da realidade.

25/5/15

Sira e o robot. Adventures on Titan. Galego e inglés con música


Sira e o robot. Adventures on Titan é un libro disco de Mark Wiersma e Miguel Mosquera 
As ilustracións de Iván Sende resultan moi adecuadas, especialmente as máis panorámicas como a do colexio e destaca pola súa orixinalidade como a da nave espacial en forma de hórreo que nos lembra aquela serie de nome Anamarciana de Alberto Varela, na que no firmamento, entre os planetas aparecían as vacas. 
Para ler e escoitar, para cantar acompañando as voces a modo de galeoke
Diferentes ritmos musicais: hip hop, rap, lied... 
Plurilingüísmo: galego, castelán, inglés, francés, portugués, chinés, alemán
A modo de teatro radiofónico, as voces do narrador e a narradora así como a de cada un dos personaxes, condúcennos a unha visión imaxinativa.
Referencias a Luar, a catedral de San Google, Leo Arremecaghona ou a clase de twitter sitúannos na máis salvaxe actualidade. E os valores a pé de obra, eses valores realmente plurais que non agachan imperios encubertos. Grazas pola frescura!
Terá continuidade?

A neve interminable, unha novela de terror

A neve interminable de Agustín Fernández Paz
Volvemos ao xénero de terror. 
Volvemos a reunir un grupo de xente, illada nun lugar d eonde non poder saír, que ha de contar (ou escribir) historias para compartir.
Catro relatos:
"A casa azul" (lugares que ocultan o innomeable, aínda que desapareza a casa e unha nova construción ocupe o lugar da anterior. O monstro continúa no trasmundo e volve volve volve...
"Herdanza de sangue". A sangue é algo moi querido para determinados seres, si, si, é deles do que trata, porque un herdo convértese en obriga, e que será dos artistas mozos de paso pola cidade?
"A néboa da vinganza". O medo aos cans leva a outros medos que rematan en espectros conducidos polas maldicións.
"Un incidente no internado", as diferenzas de clase marcan distancias. As distancias e os seus prexuízos tamén levan á morte e dunha a outra... porque chega un momento en que a inocencia vai rematando con esas diferenzas. Un bo relato onde a inconsciencia de non saberse mortas ou a crueldade inxenua lle suman unha carga ben interesante. 
Porque a neve fai desaparecer as cores e a vida baixo a brancura e a frialdade. E fronte a esa idea da morte en branco, está aquela outra da escuridade máis absoluta. Que interesante!
E o título, que nos leva (sen que queiramos) a El rastro de tu sangre en la nieve de García Márquez.

21/5/15

Arte e libro. Caxigueiro


Neste caso é Caxigueiro, un artista plástico moi recoñecido especialmente polo seu traballo en terracota e nos últimos tempos en forma de libros. Moi interesante a exposción montada na Cidade da Cultura na compañía da obra de Baldo Ramos.
Nesta entrada recollemos unha video creación titulada Marcapáxinas.
Nela une a súa faceta de escultor á de poeta.

20/5/15

Dragal IV. A estirpe do dragón. A fantasía en serie

Porque as series crean lectores, traemos hoxe aquí o número IV de Dragal, neste caso co título A estirpe do dragón.
Trátase dunha historia de longa traxectoria: a estirpe dos dragóns, a especie desaparecida que ha de volver da man dos dragalianos, e fronte a eles a gran Igrexa Inquisición (con este ou outro nome co que se recoñezan en cada momento), os grandes represores que os buscan para acabar con esa posibilidade. Os vellos códices nas casas dos descendentes, a igrexa de san Pedro coa súa cripta secreta, a poza da Moura, os ouroboros que cada dragaliano leva no brazo, a alquimia, os cabaleiros da Fraternidade, a telepatía, as viaxes no tempo, xente que se volve invisible e outros que ven as auras dos demais, as transformacións; o códice onde está o pasado, o presente e o futuro que se está a reescribir a cada instante... son elementos desta historia. E dentro desta, outra historia: a dun par de adolescentes namorados, con todos os ingredientes dun relato de amor e instituto: o acoso escolar, un embarazo non desexado, o melodrama de non acabar de confesarse nunca ese segredo que está aí pendente dun fío, as gravacións roubadas, ... 
As grandes forzas do ben e do mal sobre o taboleiro da Historia ou do día a día.
Algunha chiscadela que nos moverá o riso como esa referencia á última novela do Xerais que alguén está a ler ou a necesidade de cantar A Rianxeira para desconectar... porque todo sucede neste tempo que estamos a vivir, sen dúbida.
Un libro de Elena Gallego, publicado por Xerais.

Un percorrido pola vida e as obras de Gaudí

Dàlia Adillon Marsó crea o texto e as ilustracións desta pequena biografía ilustrada de Gaudí, traducida por Xosé Ballesteros e dirixida a lectores a partir dos catro anos.
Esta obra resultou finalista do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. E con ela continúa esa liña de álbumes relacionados con artistas e obras, polas que xa teñen pasado Velázquez, Picasso e Van Gogh.
Libros necesarios para autores imprescindibles.
Libros de arte.

19/5/15

Fondo Local

http://www.edu.xunta.es/centros/iesribadeo/?q=system/files/revista%20con%20l%20de%20local%20portada%20%20INSTITUTO.pdf
O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo acaba de publicar un catálogo fundamental en todas e cada unha das bibliotecas, o chamado fondo local, é dicir os fondos relacionados coa localidade (de autores / tradutores / ilustradores... da zona, que tratan sobre temas relacionados co lugar...).
As bibliotecas escolares han de poñer nas mans da comunidade escolar estes materiais tan fundamentais para o coñecemento da localidade e das súas xentes. Fundamentais porque achegan informaicón sobre quen somos e onde vivimos pero tamén porque aproximan posibilidades, porque achegan o valor do máis próximo e porque fan que visibilicemos aos que escriben ao tempo que sentimos que podemos facelo.
O fondo local, é unha parte da biblioteca escolar de cada centro, neste caso presentada en forma de catálogo (que podería ser virtual, unicamente); na biblioteca ocupando un lugar determinado.

18/5/15

A Gala das Letras. Lugo, 2015

A pasada fin de semana entregáronse en Lugo os premios da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega). 
Como resultado da votación dos asociadosresultaron ganadores...
Na categoría de Narrativa: A viaxe de Gagarín de Agustín Fernández Paz de Edicións Xerais de Galicia
Na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil, o poemario Penúltimas tendencias de Carlos Negro, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
Na categoría de Blog literario, Caderno da crítica de Ramón Nicolás.
Na categoría de Poesía: A distancia do tambor de Eva Veiga (que tamén acaba de ganar o premio de poesía do concello de Carral), publicado por Espiral Maior.
Na categoría de Teatro Obras completas IV de Roberto Vidal Bolaño, publicado por Edicións Positivas.
Na categoría de Traducción, A Divina Comedia de Danti Alighieri, en versión de Darío Xohán Cabana, publicado por Edicións da Curuxa.
Na categoría de ensaio a premiada Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego de  ha sido Helena Miguélez-Carballeira, pubñlicado por Através Editora.
Na categoría de xornalismo cultural, resultou premiado o "Magazine cultural galego" de Montse Dopico.
Parabéns aos premiados e ás letras galegas!

15/5/15

Novidades en álbum ilustrado


Na colección O de OQO, dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos, acaban de publicarse os títulos A mellor sopa do mundo de Susanna Isern con ilustracións de Mar Ferrero, e tamén O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez con ilustracións de Elsa Klaever.
A mellor sopa do mundo pode que sexa esa que facemos entre todos e repartimos entre os que chegan á casa un día de inverno. Porque non somos como Mafalda e gustamos da sopa, ese manxar líquido e quente que mornece os corpos, como o fai a mizade e o tempo compartido, por iso sabe tan ben... e nunca nos damos por fartos.
A autora, Susanna Isern, xa ten publicado en galego ¡Pilú! ¡Pilú!, Oso atrapabolboretas e ¿Onde estás caracol?
En O avó de Zulaimar, Juan Carlos Méndez Guédez bota man desas necesidades que todos e todas temos e da maneira na que tentamos cubrilas. Que facer cando che falta un avó? Pódelo pedir prestado ou podes inventalo, crealo, construílo... e niso andamos. Así comeza esta historia tan próxima:
"Zulaimar non tiña avó.
Pero todas as amigas tiñan un.
O de María era alto como unha palmeira.
O de Lucía, redondo como unha O.
O de Susana, cos ollos escuros coma o café.
Polas tardes ían con eles ao parque.
Tomaban xeados.
Facían debuxos na area."

13/5/15

Novas de libro: premios

Resolveuse a VIII edición do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. A esta cponvocatoria presentáronse 340 orixinais procedentes de 20 países
Resultou ganadora a obra presentada baixo o lema "Y se hizo la luz" do ilustrador Miguel Cerro, segundo palabras do xurado pola "coherencia, o estudo minucioso dos personaxes, o colorido e a composición" así como o tratamento de temas como "o valor da solidariedade, daquel que sempre axuda os demais e segue crendo no colectivo (...) o afán de superación e a busca da felicidade inmaterial".  
O xurado declarou finalista a obra deAna Rita Pinheiro Marques dos Reis, Anabela, a pinguim friorenta e outorgoulle unha mención especial a ¿Amigos?, de Anabel Fernández Rey.
Miguel Cerro, xa coñecido na nosa literatura a través de Un anaquiño de horizonte publicado por OQO.

12/5/15

De mulleres con nome propio

 
Exeria. Nos límites do mundo é un libro de Arturo Iglesias con ilustracións de Xosé Tomás, que  se sitúa dentro da colección "Historia das exploradoras galegas" de Baía Edicións.
En primeira persoa e con moito apoio de imaxes, Exeria, vainos contando a súa vida desde os pirmeiros anos ata o camiño de volta daquela aventura que a levou desde Gallaecia ata a zona habitada polos persas no século IV.
Un libro para ler, para informarse, para relacionar coa Historia, a xeografía e a vida das mulleres (tantos século agachada).
Co nome de Exeria creouse unha aplicación para unha linguaxe non-sexista por parte da Secretaría de Igualdade.


11/5/15

Nova colección



Galaxia abre unha nova colección de nome “Libro cinema”. O primeiro título que recolle é A cicatriz branca de Margarita Ledo. 
Libros con película. 
O filme achega o DVD con subtítulos e extras acompañado de textos que contextualizan e explica diferentes aspectos desta produción. 
A través dunha historia persoal, trátase a problemática da emigración das mulleres galegas, en solitario, a América durante o século XX.




8/5/15

Paseos literarios polas cidades galegas

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) organiza unha serie de paseos literarios polas cidades. Na súa páxina poden verse algúns deles. Neste caso recóllense os de Vigo da man de Pedro Feijoo, María Reymóndez e Francisco Castro.
Cada un deles escolle o libro ou libros, autor ou autores aos que lembrar neste percorrido.
Pedro Feijoo irá da man de Os fillos do mar, o libro que ten Vigo como telón de fondo e escenario.
María Reymóndez percorrerá a cidade con En vías de extinción e adiantando a nova novela A música dos seres vivos.
Francisco Castro farao arredor do seu libro Tes ata 10.
Noutras cidades xa se teñen realizado estes paseos literarios. En Santiago da man de Euloxio Ruibal, Marilar Aleixandre... Na Coruña realizouse un arredor da figura da poeta Luísa Villalta, da man de María Casar.
Os paseos literarios son outra de percorrer a cidade, neste caso arredor das lecturas literarias.

6/5/15

Poetas no mapa.


http://culturagalega.gal/noticia.php?id=25206&soportal=lg3
A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) fixo público un mapa de poetas, realizado por Noelia Gómez. Uns maís coñecidos que outros, unhas con máis obra e outras.. pero todas elas con videos de recitados na páxina da asociación.
Como noutros ámbitos, na costa concéntranse tamén as persoas creadoras de poesía. Démoslle unha volta á xeografía mentres escoitamos poemas e coñecemos / recoñecemos poetas. Cada un de nós pode buscar quen está máis perto da súa localidade ou da súa sensibilidade (con rima, tamén).

5/5/15

Animación de novela gráfica

Emigrantes, é Unha novela gráfica do autor Shaun Tan.
Unha novela sin palabras que nos deixa sen respiro. A tristeza da emigración contada en branco e negro.

4/5/15

Animación en álbum


El árbol rojo de Shaun Tan.
Un libro sin historia nin palabras. Unha nena que nos acomapaña o longo das ilustracións. As emocións, os sentimentos, os mundos imaxinarios... facéndose donos das páxinas que non teñen orde... que non han de ser lidas en ningunha dirección determinada.