Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas

5/3/18

RAPAZAS 25 LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA PARA A IGUALDADE


Pilar Sampedro,  experta en Literatura Infantil e Xuvenil (foi integrante do equipo da Asesoría de bibliotecas escolares),  vén de publicar co gallo da celebración dos 25 anos da publicación de Rapazas de Agustín Fernández Paz dous taboleiros en Pinterest cunha selección de títulos para a igualdade. Esta mirada literaria é moi necesaria nestes tempos que nos tocan vivir, tanto para as persoas mediadoras como para os lectores e lectoras que precisan tamén de referentes femininas para construír un mundo igualitario e con perpectiva de xénero.


  • Taboleiro no que se mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado infantil e  nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero
  • Taboleiro no que mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado xuvenil e nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero

Máis alá do mes de marzo, cómpre ter en conta estes materiais coa intención de equilibrar e completar as coleccións das bibliotecas escolares. Da mesma forma, débense  de valorar estes recursos á hora de programar actividades ou facer propostas para os grupos de lectura.

9/6/17

Premios Xerais 2017


O sábado  3 de xuño de 2017 falláronse os Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela). Na XXXIVª edición do Premio Xerais resultou gañador Santiago Lopo con A arte de trobar; na IXª edición do Premio Jules Verne de literatura xuvenil, Manuel Lourenzo González con Ceiba de Luz e na XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, María Canosa con Muriel.
O profesor e divulgador científico  Xurxo Mariño actuou como mantedor literario. No seu discurso, titulado Unha pedra negra, defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas.
O acto contou cunha lembranza especial á figura do escritor Agustín Fernández Paz, a quen Xerais adicou esta edición de 2017 e agasallou ás persoas asistentes con Un mundo de palabras, onde se reúnen artigos sobre o acto de ler e o amor pola literatura do propio Agustín.

26/11/16

Novidades de Agustín Fernández Paz en Xerais

A editorial Xerais acaba de publicar unha edición especial de Cartas de Inverno (nº 35) ao acadarse os 100.000 exemplares vendidos da novela, cifra á que só chegou na historia da edición en Galicia Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, falecido hai un ano.
Esta edición especial vai encadernada en "flexibook", con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto Doce + nove: vinte un anos despois actualizado por Agustín Fernández Paz.
Tamén en Xerais vense de editar outra novela de Agustín Fernández Paz, O soño do Merlo Branco con ilustracións de Lucía Cobo. A novela fora publicada anteriormente en Everest e con ilustracións de Manuel Uhía
Ambos os dous libros son imprescindibles nas bibliotecas escolares así como o resto da produción literaria de Agustín Fernández Paz. A nosa mellor homenaxe é promover a lectura dos seus textos nas mochilas viaxeiras, nas recomendacións lectoras, nos clubs de lectura...

26/10/16

A casa do medo de Agustin Fernández Paz


En torno á data do 1º de novembro moitas bibliotecas escolares preparan seleccións de lecturas que teñen o medo como eixo temático.

Presentamos unha  novidade editorial, obra póstuma de Agustín Fernández Paz, A casa do medo, que debe estar nesa selección xunto con outras obras de Agustín, un mestre neste tipo de relatos, como Cartas de inverno, Aire negro, O centro do labirinto, As fronteiras do medo ou A neve interminable, entre outras.
Publicado en RodeiraA casa do medo está dirixida a lectores expertos e conta a historia dun home que  lembra uns feitos acontecidos durante a súa infancia cando se achega á casa do medo ...
Traemos tamén a nova sobre o catálogo que vén de editar Xerais con todas as obras de Agustín Fernández Paz publicadas nesa editorial, que se está a distribuír por escolas, bibliotecas, librarías ou no próximo cultur.gal


20/10/15

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

O selo editorial Apiario presenta este libro para docentes que queren traballar coa poesía nas aulas. Xa no prólogo, Agustín Fernández Paz quere derrubar os muros para que a literatura, neste caso a poesía, se desprenda do enfoque historicista e que estimule as capacidades creativas do alumnado. Lémbranos Fernández Paz a Rodari na Gramática da Fantasía: “A cuestión é que na escola se len os textos para xulgalos e clasificalos, non para comprendelos. A peneira da corrección retén e revaloriza as pedras, deixando escapar o ouro.”
Nos seis ensaios que compoñen o libro, seis poetas, fannos cadansúa proposta :

Tamén conta cun blog onde se pode atopar material extra para continuar co traballo na aula.

Facer chegar a poesía á mocidade é labor ben complicado. Agradecemos a Apiario esta aposta tan decidida.



24/4/14

A viaxe de Gagarin, novo libro de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz anuncia a publicación do seu novo libro, A viaxe de Gagarin. Nesta ligazón pódese descargar xa o primeiro capítulo desta novela. 
Ademais, o escritor abre un blogue, A VIAXE DE GAGARIN, no que recompila algunhas informacións que foi atopando no proceso de escrita e que poden ser de interese para os lectores. A xenerosidade do escritor e o coidado para cos seus lectores maniféstase unha vez máis na creación desta "canle complementaria" para ampliar información sobre a temática da súa novela. 
Lembramos que Agustín Fernández Paz mantén, así mesmo, un blogue no que vai creando entradas de gran interese sobre diversos temas que lle son queridos: o cómic, o cine, a música, a literatura...