Mostrando entradas con la etiqueta Traducións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Traducións. Mostrar todas las entradas

20/9/19

Bechopoemas e outras bestas

    
Bechopoemas e outras bestas é un fantástico bestiario e un bestiario fantástico.

Leire Bilbao agasalla aos lectores e lectoras máis pequenos con poemas inmediatos e potentes, de gran valor metafórico e imaxinativo. Versos nos que os animais voan, nadan, reptan e ruxen.

Maite Mutuberria pon imaxe, coas súas ilustracións, a estes animais con letras, recortes, manchas, pegadas ... ofrecéndonos a oportunidade de traballar co noso alumnado a creatividade a partir da palabra, de aprender xuntos a mirar e ver o que unha ilustración pode ofrecer máis aló de apoiar un texto.

Para non perder, a tradución de Isaac Xubín que traslada o eúscaro ás nosas singularidades.

22/12/17

Dándolle a volta aos contos clásicos: Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas


A editorial Xerais vén de publicar  os contos Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas, ambos os dous da autoría de Davide Cali, con ilustracións de Raphaëlle Barbanègre e traducidos por  Anaír Rodríguez.

Na presentación editorial indícannos que son reinterpretacións dos contos clásicos e un canto á liberdade. Desde o humor cuestiónanse os estereotipos aceptados, que impiden a educación en igualdade de dereitos de oportunidades de nenos e nenas.
Indicados para primeros/as lectores/as, son boas lecturas para incluír nos fondos da biblioteca escolar co fin de traballar a coeducación, a iguadade de xénero e o dereito a decidir das persoas, nomeadamente as mulleres. 

8/9/16

Lista de honra do IBBY 2016

Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas pasa a formar parte da lista de honra do IBBY 
(International Board of Booksfor Young People) 2016, que recoñece as mellores publicacións internacionais dedicadas á literatura infantil e xuvenil. A novela, publicada en Xerais, xa fora galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e co Premio Lazarillo.
Estes días cúmprense dous anos da súa publicación e chega á súa oitava edición.

Tamén forma  parte da lista o escritor e crítico literario Ramón Nicolás pola tradución ao galego de Bisa Bea, Bisa Bel da escritora brasileira Ana María Machado, publicada en Galaxia.

Podedes consultar a lista das publicacións premiadas aquí 

7/1/16

Son un animal de LLuis Llort e Salvador Macip

Xerais acaba de publicar os dous primeiros títulos da serie Son un animal, escritos por LLuis Llort e Salvador Macip, ilustrados por Sergi Cámara e traducidos do catalán por Eva Lozano Carpente.
No primeiro libro,  Son un animal: unha viaxe inesperada,  coñecemos a Armán e os seus pais científicos, a súa mascota e o singular país onde vive. Tamén descubriremos cal é o poder que o leva a vivir múltiples aventuras: transformarse no animal que toca.
En Son un animal: Armán e a fábrica podre  as amizades de Armán  xunto con el  aventúranse nunha historia para salvar a cidade e o planeta das industrias contaminantes, que producen graves danos ecolóxicos.
Indicados para lectores autónomos, Son un animal: unha viaxe inesperada e Son un animal: Armán e a fábrica podre, son uns relatos que mesturan aventuras, fantasía e humor. Neles atopamos valores como a amizade, a lealdade, a liberdade, e a defensa e protección do medio ambiente. 
Libros que conforman series, tan do gusto do noso alumnado, ben valen para a Hora de ler ou para a lectura individual cun  posterior comentario en grupo.

15/6/15

Máis alá da fiestra, outro clásico dun clásico

Maurice Sendak segue a facerse presente nas publicacións de Kalandraka. Neste caso, con Máis alá da fiestra, un álbum que recibe diferentes nomes nas diversas linguas nas que esta editora o versiona: Al otro lado (castelán), Allà fora (catalán), O que está lá fora (portugués)... que ven sendo o mesmo, ou non o é?
Ímonos á estética vitoriana, a unha ambientación clásica e realista para contar uns feitos atemporais.
E cóntasenos o pasou nuns tempos afastados... nos que o pai estaba no mar e a nai no xardín (que poético iso de ter a nai no xardín!, abstraída,...semellando depresiva). Unha nena, Aida, coida a irmá pequena, mentres unhas pequenas figuras fantasmais andan polo medio. E sucede, que cando Aida se cansa e toca a trompeta máxica os trasnos levan ao bebé e deixan no seu lugar un boneco de xeo. Ante os aloumiños da irmá maior, o xeo licúase e Aida, desesperada búscaa ata atopala e recuperala, mentres os pantasmiñas se desfán. É a canción do pai quen a guía nesa busca, e será a carta do pai quen, ao final, lle lembra o que espera dela: que coide da pequena e da nai mentres el non está.
O mar, a modo de cadro, está presente ao longo do relato, igual que o o está o pai. E a natureza entrando pola fiestra... porque somos natureza e non todo é controlable no noso comportamento.

4/6/15

Clásicos da literatura infantil internacional en lingua galega

Sushi Books acaba de publicar O pequeno Virgil de Ole Lund Kirkegaard.
Podemos ler a presentación da editorial e ler as primeiras páxinas do libro neste enlace, para facer boca.
Ao longo deste mes de maior, e do próximo, irán saíndo á luz outros libros deste autor danés ata facer un total de nove títulos (Albert, Frode e outros pícaros, Per e o pequeno Mads, Tippe Tophat, Otto é un rinoceronte, Orla Tragarrás, La aventura de Hodia de Piort, Tarzán de goma... )
As ilustracións son do propio autor.



13/4/15

Libros infantís, gratuítos e para ler en pantalla

A editorial Weeble preséntase como un pequeno grupo de nais e pais que deron paso a unha rede de persoas comprometidas coa educación e dispostas a investir o seu tempo na creación de libros infantís para ler en pantalla. Escriben, ilustran e traducen.
Hai uns días uniuse a esta rede o nosos compañeiro Xoaquín Freixeiro, que comezou a traducir ao galego parte destes libros, así, podemos acceder a Viaxe ás estrelas, A miña primeira viaxe ao sistema solar,... e varios máis que verán a luz nas próximas semanas.
Alguén máis se anima a traducir?
A iso se lle chama voluntariado lingüístico!
Porque hai xente que pon estes recursos a disposición de tod@s, gratuitamente. Para que contemos con maís recursos informativos en formato dixital, e na nosa lingua.
Grazas!!


17/9/14

Literatura xuvenil galega en inglés

 

Será que necesitamos que outros lean e valoren a nosa literatura para crer que realmente ten calidade?
Pois ben, unha nova demostración para descridos!
A editorial Small Stations está a mostrar esta literatura en inglés. 
Títulos como Dragal, O pintor con sombreiro de malvas, Aire negro, A pomba e o degolado... aparecen nos fondos desta editora. Pódese entrar e ler ata un capítulo en inglés.
 É o mercado libre, sen subvencións nin trato de favor, sen discriminación positiva; o mercado en estado puro.
Jonathan Dunne é o responsable deste reto e forma parte dese grupo de estranxeiros que defenden o noso, moitas veces a pesar de nós mesmos. 


5/9/14

A literatura galega en inglés

O portal web Portico of Galician Literature, que foi posto en marcha en 2012, ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura. 
O obxectivo desta iniciativa é promover a proxección internacional das letras galegas a través da rede. Está   promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e pretende converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono e, en xeral, para a proxección internacional das letras galegas.
promover a proxección internacional das letras galegas a través da rede.  
Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre os que se inclúen ‘Merlín e familia’, de Álvaro Cunqueiro; ‘A lingua das bolboretas’ e ‘O lapis do carpinteiro’, de Manuel Rivas; ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas; ou ‘Bestiario dos descontentos’, de Miguel Anxo Murado.
En 2013, o portal exterior da literatura galega integrou fragmentos de obras de novos escritores, engadindo ao catálogo extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés.
No 2014, incorpóranse ‘Dime algo sucio’, ‘Ámote Leo A. Destino Xalundes’, ‘Dragal I: A herdanza do dragón’, ‘Papaventos’ e ‘Así nacen as baleas’, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
Así se conta no portal educativo

1/9/14

Libros traducidos. Culturas en contacto.

A casa de Mango Street de Sandra Cisneros, traducido por Alicia Meléndez e publicado por Sushi Books
Sandra Cisneros, é unha escritora moi representativa dunha literatura/cultura como a chicana, marcada pola mestura de dous mundos, o da orixe sureña e o de residencia no norte. Neste libro móstranos, desde a perspectiva dunha adolescente, as claves dun universo contado dunha maneira especial e que mostra a discriminación exercida cara a un colectivo, un xénero, unha clase social e unha identidade.

11/7/14

Libros en serie

Conan o Bárbaro é un personaxe que naceu nos relatos e novelas de Robert E. Howard, que con Conan (creado no ano 1932), e o seu precedente, o atlante rey Kull de Valusia, estableceu a base para as historias de fantasía, o chamado xénero de espada e bruxería.
Levado despois á banda deseñada e máis tarde ao cinema, Conan representa o estado esencial da humanidade, salvaxe e libre, fronte aos enganos da civilización. Neste volume preséntanse catro historias deste personaxe, continuando a cronoloxía interna da obra que comezamos co primeiro volume desta colección.
Urco editora presenta o terceiro volume da historia de Conan, en galego.Unha boa ocasión para lelo!

1/7/14

Sabías que...?

Hugin e Munin acaba de traducir O afundimento do Titán, unha novela curta, escrita polo estadounidense Morgan Robertson, catorce anos antes do afundimento do Titanic. Semella que a ficción adiviña ou predí o futuro 
Así a presetna a editora: "A novela, pensada para o gran público, mais cun adecuado manexo da intriga que mantén vivo o interese do lector e que manexa ingredientes de distintos xéneros, desde o relato de catástrofes ata a aventura a través da natureza aterradora dos polos (...)Só nos queda sinalar que a noveliña, mais de cen anos despois de ser escrita e editada, segue a resultar entretida e fainos revivir a catástrofe do Titánic desde a pespectiva de quen a imaxinou catorce anos antes de que acontecese. Para os estudosos da literatura serve para que mediten sobre como foi xurdindo nos Estados Unidos unha literatura popular, de baixo custo, pero de calidade, que é a antecesora directa das grandes películas comerciais de éxito así como dos telefilmes e series que hoxe contempla tanta xente en todo o mundo.»
A tradución ao galego é de Alejandro Tovar.

20/6/14

Novidades que son traducións

Os nenos de Bullerbyn de Astrid Lindgren, ilustrado por Ingrid Vang Nyman e traducido por Moisés Rodríguez Barcia, aparece publicado no selo Sushi Books
Así se recolle na presentación editorial: 
"Lisa, Britta, Anna, Lasse, Bosse e Ole viven en Bullerbyn, unha aldea tan pequena que non ten sitio para o aburrimento. Alí constrúen cabanas, van pescar, dormen na palleira e fan carreiras na neve."
A autora, cun cento de libros publicados e traducida a máis de 80 idiomas, foi avalada co Premio Hans Christian Andersen, o Premio Nacional de Literatura de Suecia, a Medalla de ouro da Academia Sueca e o Premio Internacional do Libro da Unesco. Trala súa morte, no 2002, instaurouse o Premio Memorial Astrid Lindgren de literatura infantil e xuvenil, ao que foi nominado en varias ocasión o escritor galego Agustín Fernández Paz.

22/5/14

Tradución ao xaponés de "Memorias dun neno labrego"


Memorias de un niño campesino
Col. La Vela Latina, 17. Ed. Júcar. Madrid, 1974
109 p. - 12x20 cm / ISBN: 84-334-0105-X

Memorias de un niño campesino
Col. Biblioteca Júcar, 64. Ed. Júcar. Madrid, 1980
109 p. - 18 cm / ISBN: 84-334-1064-4

Memorias de un niño campesino
Col. Contemporáneo. Ed. Arte y Literatura. La Habana, 1977
125 p. - 19 cm

Memorias de un niño campesino
Il. Xosé Cobas
Kalandraka Editora. Pontevedra, 2009
128 p. - 24x16 cm / ISBN: 978-84-8464-725-6

Memòries d´un nen de pagès
Il. Alfonso Costa - Trad. Marc Ferrer i Cuixart
Col. Lectures Moby Dick, 18. Eds. Granica. Barcelona, 1985
128 p. - 12x19 cm / ISBN: 84-7577-093-2

Mutiko baserritar baten oroitzapenak
Trad. Andres Urrutia Badiola
Col. Galburua, 5. Ed. Instituto Labayru Ikastegia/Bilbao Bizkaia Kutxa. Bilbao, 1988
120 p. - 17x11 cm / ISBN: 84-86833-02-7

Memories d´un nenu llabriegu
Trad. Xandru Fernández
Col. Incla interior, 20. Ed. Trabe. Uviéu, 1996
93 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-8053-058-8

Memórias de um pequeno camponês
Trad. Jose Viale Moutinho
Ed. Forja. Lisboa, 1997
148 p. - 20 cm / ISBN: 84-8053-058-8

Tagebuch einer Kindheit in Galicien
Il. Lothar Reher - Trad. Gudrun Hohl
Col. Bücherei, 51. Ed. Gustav Kiepenheuer. Leipzig / Weimar, 1984
118 p. - 19,5x12 cm

Memoirs of a peasant boy
Trad. Camilo Ogando Vázquez
Col. Espacio abierto, 115. Trafford Publishing. Canadá, 2004
118 p. - 23x13 cm / ISBN: 1412028922
Estas son algunhas das traducións de Memorias dun neno labrego recollidas na Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil (BLIX).
Agora, estase preparando a versión en xaponés, tal como se nos conta na prensa.

14/4/14

Nova tradución: O libro da selva

O libro da selva de Rudyard Kipling, en tradución de Rafael Salgueiro, acaba de ser publicado por Sushi Books.
Recóllese da presentación editorial: "Unha manda de lobos protexe a Mowgli cando este apenas sabe camiñar. O pequeno aprenderá as leis que rexen a vida na selva da man de Baloo, un vello oso pardo que tamén lle ensina o valor da amizade. (...) Publicado orixinalmente en inglés en 1894, o libro recolle unha serie de historias ambientadas na selva india, protagonizadas por animais e das que se desprenden ensinanzas para a vida." 
Nunca é tarde para volver aos clásicos, todo o contrario!
A través deste título, dámoslle a benvida a este novo selo editorial que engade valor ao sistema literario galego.