29/4/10

ADIANTOS


Bajo la sombra de las piedras flotantes” é a primeira novela gráfica que escribirá Kiko da Silva e farao coa axuda da Fundación Arte y Derecho e Vegap que promove o premio a proxecto de cómic. Tal como se di na noticia xornalística, Kiko ten reunido toda a documentación empregada, na realización deste cómic, no blogue http://alotroladodelmuro.blogspot.com/ O creador de Fiz é un artista completo que tanto fai humor gráfico como banda deseñada, tamén creador de editoras e revistas de banda deseñada e humor. Parabén e boa obra!

26/4/10

Dúas novidades para un mesmo tema


Que pasa cando non nos gusta o noso físico? Que podemos facer para cambiar a imaxe? Ou que é o que debemos cambiar?
Estas e outras preguntas bulen no caletre cando lemos os últimos libros de OQO
Nariz de ouro e Ranilda.
O primeiro, escrito e ilustrado por Raquel Saiz e Juliana Bollini, trata dun problema de nariz, unha nariz enorme como a de Cirano de Bergerac e un neno que está farto de cargar con ela, de que todos se rían nas súas narices e das súas narices... A nai que lle le un conto, e cal ha de ser? Si, tod@s pensamos no mesmo, no parruliño feo. En base a ese conto Eduardo terá que soñar e pensar... ata dar co mellor final.
O segundo, de Mar Pavón e Choé Rémiat, ten como protagonista unha rá que busca quen a bique para converterse en princesa. Fai o percorrido que corresponde; pedindo, rogando e castigando a quen non lle presta axuda, ata que é ela quen bica a alguén que sufrirá unha transformación. Un final inesperado coincidindo cunha inocentada. E, coma sempre o valor dos bicos e da demostración dos afectos.
Para aprender a vivir co corpo, para aprender a querer a imaxe que reflectimos nos espellos... un par de contos que, sobre todo, nos dará gusto ler.

22/4/10

PREMIO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA


O pasado sábado tivo lugar a entrega dos premios da AELG Os finalistas que obtaban ao premio nesta modalidade eran: Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix) Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos Valados, de Agustín Fernández Paz E... o ganador Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz De XornalGalicia.com recollemos o seguinte comentario: "Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta. Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da prota-gonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes."

14/4/10

CAMA E CONTO

De que pode tratar un libro con este título? De que pode falar alguén como Gonzalo Moure nunha obra dedicada a “Ballobar, capital dos contos”? Ide catando… “Ti, mamá, abrías un libro, aínda teño esa imaxe gravada, o momento máxico en que abrías o libro e gargarexabas un chisco. Eu pechaba os ollos e abría os oídos, en canto escoltaba a túa carraspeira. Comezabas a ler e metíame no conto aos poucos, como no mar no verán á hora da sesta. (...) O que me contabas, ao comezo, non eran máis ca palabras. Pero as túas palabras ían esvaecéndose e no seu lugar aparecían as imaxes. ¿E os sons? Poucas veces había sons, pero imaxes, sempre. E vaia imaxes. De xente, de fragas."

12/4/10

MÁIS NOVAS DE LIBROS


A obra A familia de Pep Bruno e Mariona Cabassa é a gañadora do III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Este libro publicarase en galego, castelán, catalán, euskera e portugués.

Un galardón que xa vai pola terceira edición e que convoca a editorial Kalandraka e o concello de Santiago.

O fallo do certame inicia a campaña de Animación á Lectura co lema "Un gran soño" que organiza esta editorial xunto co Departamento de Educación deste concello e que se desenvolverá ata o 22 de maio con sesións de contos e música, visitas guiadas ás exposicións, obradoiros de escrita e ilustración, actividades formativas para profesorado, charlas para familias e encontros con diferentes creadores/as.

7/4/10

NOVAS DE LIBRO (bis)



Un novo premio para o libro galego.

O león Kandinga de Boni Ofogo e Elisa Arguilé, editado por Kalandraka foi un dos gañadores da 2ª edición do Concurso Internacional CJ Pictore Book Awards na categoría de Novas Publicacións.

Neste apartado competían 635 libros de 39 países.

A organización do certame vén de participar na feira do Libro Internacional de Boloña, cun stand no que amosaba as obras premiadas.

6/4/10

NOVAS DE LIBRO

Na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, nº 9 en Santiago de Compostela) pódese ver a exposición das viñetas "Aventura no Camiño" da autoría de Primitivo Marcos. Os paneis achegan as diferentes fases do traballo de banda deseñada. Unha boa ocasión para visitar a Torrente. Unha oportunidade estupenda para ver unha exposición sobre un libro. Un motivo para ler. Unha porta de entrada a un libro. Un libro sobre o Camiño de Santiago...

5/4/10

BD BANDA, revista de banda deseñada


BD BANDA revista de banda deseñada publicada pola asociación do mesmo nome, BD Banda. Outro proxecto no que atopamos a Kiko Dasilva, ese ilustrador, cartelista, autor de banda deseñada e de humor, que tamén sacou á luz Retranca (a revista mensual de humor galego). Proxectos, empeños, esforzos… por manter vivas unhas publicacións que funcionan como fiestras mostrando camiños non trillados e que só resisten cando atopan un público lector que as sostén. Algunha responsabilidade teremos, non? Algúns e algunhas de nós seguiremos recoñecendo o traballo doutras publicacións anteriores como Golfiño e recoñecendo o traballo de quen as promoveu como Miguel Vázquez Freire. Falar de BD Banda é falar dunha serie de creadores que achegan as súas series como Jacobo Fernández con “Animais Pantasmas”, Javier Olivares con “As novas aventuras de Astro”, Jorge García e David Rubín con “Zemo”, as tiras de Raúl Ariño, Albert Monteys, Alberto Guitián, Miguel Robledo, … entrevistas e artigos ou capítulos de obras.