25/2/13

ROSALÍA, SEMPRE ROSALÍA


Da presentación editorial:
"O proxecto Rosalía 21, promovido pola Dirección Xeral de Creación e Promoción Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional."
Facémonos eco desta publicación de Xerais, por non ser demasiado coñecida e realizar achegas a este figura fundamental das nosas Letras, desde outros soportes.

22/2/13

ROSA, ROSA, ROSALÍA

Rosalía na voz dos poetas. Poetas novos e vellos. Poetas e poetisas. Poetas vivos e non tanto.
Publicación da Fundación.
Igual que aquela outra Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.

De Rosalía para a rapazada

Rosalía de Castro. Parece unha rosa. Publicado por unha editorial que botaremos de menos, Espiral Maior, unha editora atrevida, centrada na poesía e cun par de títulos para nenos e nenas: este de Rosalía de Castro e outro de Emilio Pita, Cantiga do mazarico.
As ilustracións de Isabel Pintado e o bo facer de Miguel Anxo Fernán Vello, a quen confiamos en seguir atopando en novas aventuras editoras, culturais...
Poñemos o enlace á páxina de blix, onde se presenta.
E tamén...


Daquelas que cantan...


Uxía Senlle canta a Rosalía
Fuxan os ventos, Amancio Prada,... tod@s nós!




ROSALÍA. 150 ANIVERSARIO DE CANTARES GALLEGOS


Os poemas musicados, recitados, lidos...
Unha e outra vez volver a eles. Traelos dunha a outra man. Facelos propios.
Rosalía de Castro por Amancio Prado.

21/2/13

CANTARES GALLEGOS ilustrado


Acaba de saír do forno unha nova edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un libro fundacional da nosa literatura e alborada do rexurdimento das nosas letras.
Neste caso, ven da man de El Patito Editorial e con ilustrracións de Pepe Barro. Unhas ilustracións nas que o deseño paila coas cores, coas texturas e materias, con fotos de elementos vexetais ou patrimoniais, de terra terra ou da formación de figuras a modo de calidoscopio, marabillosas tipografías... figuras que nacen do xogo; telas, sal e terra combinándose para achegarse a un mundo que é feminino pero tamén plural. De todo hai, para ver e para ler, para reler, para volver unha e outra vez aos versos de Rosalía, sempre Rosalía. 

ÚLTIMO CONCURSO


Un concurso para ler e escribir.
Urco fainos chegar a súa convocatoria para o I Premio de Relato Fantástico. Leamos as bases:
1.E isto que vén sendo?
Urco, a editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua
galega convoca o: I Premio Urco de Relato Fantástico
2.E logo por que?
A mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria
entre a mocidade, así como dar a coñecer a literatura de xénero
fantástico.
3.A quen vai dirixido / quen pode participar / que teño que facer?
Poderá participar calquera alumno de secundaria dos centros públicos da Galiza, presentando como máximo un relato por cada categoría.
4.Como participo?
Fase 1: inspiración
Todos os grandes escritores en potencia teñen que se inspirar nos mestres da súa época e do pasado, daquela deberás ler, cando menos, un dos seguintes libros, que estarán encadrados en cadansúa categoría:
A praga escarlata, Jack London
Categoría «Horizontes escuros»
Nas montañas da loucura, H.P. Lovecraft
Categoría «Teño medo, mamá!»
O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños, Fernando M. Cimadevila
Categoría «Fantasías aventureiras»
O xogo de Ender, Orson Scott Card
Categoría «O distante e fantástico futuro»
Fase 2: a choiar!
Despois dunha conveniente dose de inspiración, toca sacar o mellor de cada un e escribir o noso conto fantástico.
Os relatos terán que estar escritos en lingua galega e ser orixinais e inéditos.
A extensión será de dez folios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño
12.
Os traballos escritos en Comic Sans serán directamente descartados sen ler.
5.Onde e como os mando?
O enderezo para envialos é o seguinte:
Urco Editora / Rúa do Avío 11, baixo / 15705, Compostela, Galiza
Debes enviar 2 sobres separados, un co relato ou relatos (non os asines!!!) e outro cos datos persoais. Este procedemento serve para que o xurado lea os contos sen saber de quen son e así garantir que os premios se repartirán só en función da calidade. Ambos os dous sobres deben ter o mesmo tamaño e levar por fóra o título do conto ou contos, a categoría ou categorías a que se adscriben e o pseudónimo co que os asines.
Sobre 1: Conterá unha folla cos datos reais da autora ou autor (nome e apelidos, centro docente e datos de contacto, título do relato ou relatos e categoría ou categorías nas que participa).
Sobre 2: Aquí terás que meter a túa obra mestra, unha ou varias, segundo participes nunha categoría ou en máis.
6.E canto teño que bulir?
O prazo de recepción de orixinais finaliza o 26 de abril de 2013.
7.Como se escollen os gañadores?
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado
elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría.
O xurado estará formado por profesionais reputados do mundo da literatura e a cultura galegas.
8.E que gaño, se gaño?
O premio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un
dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
9.E cando sei se gañei?
A entrega de premios terá lugar a finais do mes de maio, en Compostela. Todos os participantes serán convidados ao acto.
A obra colectiva de gañadores e finalistas estará a disposición do público desde o mesmo día da entrega de premios.
10.A quen me dirixo se teño algunha dúbida?
Para calquera dúbida podes contactar connosco a través do correo electrónico davidcortizo@urcoeditora.com.
As dúbidas non resoltas ou calquera continxencia sobre estas bases serán resoltas pola organización e, no seu caso, polo xurado.
11.Que se vai facer cos orixinais?
Os participantes poderán pasar pola editora a recoller os seus orixinais até o 30 de Xuño, pasado ese tempo procederase á súa reciclaxe.
12.O feito de participar no concurso supón a aceptación das presentes bases.

20/2/13

CONCURSOS E MÁIS CONCURSOS


Recollido do Boletín informativo da Consellería de Cultura, Educación e O.U.
"Inspiraciencia é un proxecto da Unidade de Cultura Científica da Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Cataluña e o Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona, que consiste nun concurso de relatos curtos e microrrelatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha maneira lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinalas pode xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto a todo o mundo onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción."
A editorial Galaxia participa na organización e desenvolvemento de Inspiraciencia.

19/2/13

CONCURSOS DE ESCRITA


Cada vez son máis orixinais os concursos que se convocan desde as bibliotecas escolares.
Hai uns días mostrábamos un concurso de contracubertas de libros de literatura infantil e xuvenil, agora presentamos un de escrita na que se premian letras para cancións. Trátase do VII Certame de Poesía Xosé A. Barral, organizado polo departamento de música e a biblioteca do I.E.S. Plurilingüe As Bizocas. O departamento de música encargarase de musicar os poemas ganadores de cada unha das categorías.
Aquí, aparecen as bases.


18/2/13

PREMIOS GOYA para o conto infantil


Blancanieves foi a gran ganadora da noite dos Goya, cos premios á mellor película, mellor actriz (no personaxe da bruxa), mellor dirección de fotografía, mellor música, mellor dirección artística, mellor actriz revelación (nun dos papeis de Blancanieves), mellor deseño de vestiario, mellor maquillaxe e perruquería e mellor guión orixinal. Ao recoller este último premio, Pablo Berger, dedicoullo a todos os pais e nais que cada noite contan un conto aos seus fillos. A el contáronllos, por iso se denominou contador e... posiblemente por iso conseguiu unha noite como a de onte.
Un alegato a favor das contadas e da literatura para os máis pequenos.
Por iso, podemos dicir que nós tamén estivemos nos Goya, e os pais e nais do noso alumnado.

15/2/13

De Agustín Fernández Paz


Zeralda e o dragón, un dos últimos libros de Agustín Fernández Paz, ilustrado Fran Jaraba (que xa ilustrara tamén a  primeira versión publicada na colección A Chalupa) e publicado por Galaxia.
Trátase da reescritura dunha obra anterior de título O tesouro do dragón Smaug
Trata dunha princesa valente. Ela irá á cova do dragón Moghur para roubarlle o cofre do tesouro e tamén o Anel de Luz. Para iso ha de bañarse na Lagoa Negra, para non ser vista nin descuberta a través do olfato excepcional do dragón. Pero o dragón non se dá por vencido e acudir ao bruxo Ogomei que o transforma nun príncipe que a namora. De aí para diante... vos diredes.

14/2/13

VERDEDADES = +


Verdedades Podemos imaxinar que de verde e verdades, xa que son verdades rimadas que tratan sobre o verde dos vexetais. Estrofas / poemiñas de catro versos, cada un deles de oito sílabas, con rima nos pares... que entre todos eles compoñen un poemario con unidade de seu.
Tratará Yolanda do mundo vexetal: plantas e árbores, porque todas son verdes de clorofila. Pasa a poetisa das margaridas (quéreme / non me quere) á hedra, das cabazas ao carballo, xeranios e algodóns... contándonos virtudes e características a modo de adiviñanza que cita, acompañándose dunhas felices ilustracións nas que continúa a adiviñanza. Un bo libro, unha poeta ganada á causa da literatura infantil, traéndonos un mundo de herbas e arrecendos, de aromáticas e infusións, de plantas medicinais e especias.
Un aperitivo, a modo de conclusión:
"Acompáñannos seguido
cego estás se non o ves:
ter un berce vexetal
ata a páxina que les."
Con texto de Yolanda Castaño e ilustracións de Xosé Tomás, publicado por Biblos, nun formato xeneroso.

DE PETISCOS E LIBRISCOS


Da páxina de Urco editora, recollemos a noticia:
"Urco Editora e Edizer, en colaboración con diversos locais de Compostela (Café Bar O 13, Pub O Curruncho, As Dúas Café Bar, Ultramarinos, Medusa, Casa das Crechas e Bicoca) e a imprenta Sacauntos, poñen en circulación os Libriscos, a nosa nova iniciativa cultural para as vosas noites compostelás.
A nosa intención é achegar ao público a lectura, como se dun petisco se tratase. De feito, estes oito libros serán postos aos clientes que consuman nestes bares, como se adoita facer cos petiscos. A iniciativa procura darlle un pulo á lectura e que o público considere os libros como parte da súa vida cotiá, mesmo cando saen a tomar algo polo casco histórica de Compostela".



13/2/13

Dos libros aos filmes

OQO filmes presenta nove relatos do seu catálogo editorial en linguaxe audiovisual. O salto do papel á pantalla aparece en animación audiovisual con música e presentacións plásticas diferentes para cada un dos contos.
En Os contos do camiño I recóllense:

12/2/13

UN LIBRO PARA APRENDER A CONTAR


Un subtítulo interesante, sobre todo cando o título é Un gorila.
Esta obra de Anthony Browe, está traducida ao galego por Silvia Pérez Tato e publicada por Kalandraka.
Con esas magníficas ilustracións imos identificando un gorila, dous orangutáns, tres chimpancés e todo o que segue (no mundo dos primates) ata dez.
Da presentación editorial, podemos recoller o seguinte:
"Debuxos realistas e detallistas, nos que destaca o uso da cor e a expresividade dos simios, que transmiten afabilidade, dozura, picardía, timidez... Nos seus rostros adivíñanse xestos e actitudes propios das persoas."
A relación de proximidade entre estas especies e os humanos pode verse claramente a través das expresións e, dun xeito evidente, no momento no que Anthony Browny presenta o seu autorretrato ao lado dunha "foto" antropolóxica que reflicte a diversidade de razas e culturas a modo de espello no que se pode ver calquera.

11/2/13

DISCURSOS DE REIS MAGOS


Unha guía de discursos, preparada para que ninguén rei que dirixirse noutro idioma aos nosos nenos e nenas. Porque se pode ser rei e mago ¡en galego! Agora xa non hai desculpa.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo o acerto de contar cunha ilustradora de excepción, Marina Seoane, autora do cartel "Biblioteca escolar, un mundo de oportunidades", e con vintecinco escritoras  (Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Halena Villar, Ana Mª Fernández, Antía Otero, Concha Blanco, Rosa Aneiros...) que redactan esas alocucións.
Pódesmo dicir todo ¡en galego! semella o lema. Noraboa pola idea e ogallá aparezan moitas outras deste tipo!
A rapazada xa lle escribía aos reis neste idioma, fíxoo tamén pola man da escritora Fina Casalderrey naquela magnífica Derradeira carta ós Reis Magos

8/2/13

POESÍA NA VOZ DE POETAS E POETISAS



Poesíagalega.org (arquivo de poéticas contemporáneas na cultura), recuperou as voces dunha serie de recitais realizados en locais do casco vello de Santiago. Estes documentos de propiedade de Rafa Villar foron gravados entre os anos 1997 e 2000, nas vinte e sete presentacións dos libros de Edicións do Dragón de Paco Souto e as de Letras de Cal da Asociación cultural Amaía e moi ligada ao Batallón literario da costa da morte. Así, pódense escoitar as voces de Marilar Aleixandre, Anxo Angueira, Helena de Carlos, Eduardo Estévez, Paco Souto, Modesto Fraga, Claudio Pato, Séchu Sende,... 
Neste momento podemos acceder a eles no repositorio que atoparemos no enlace seguinte.
Esta páxina, poesiagalega.org, é un proxecto do grupo GAAP (Grupo Alea de Análise Poética), coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

7/2/13

POESÍA RAPEADA


A poesía ten música, desde sempre. Cada un vaille poñendo a súa. Cada unha das persoas creadoras e tamén cada unha das lectoras. Quen escribe / di e quen le / escoita. Algunha vez a lectora ponlle a súa música para compartir con outras, de tal maneira que a poesía pasa a ser música total. Algo diso sucede con AID e o seu traballo Rapoemas, un libro - disco no que musica grandes poesías do século XIX e XX, como "A xusticia pola man", "Castellanos de Castilla", "O maio", "Cantarte hei, Galicia"... dos poetas Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio.
A POESÍA ESTÁ VIVA! ... Escoitade.

Video gravado na praza do concello de Carballo e publicado por Nel Vidal en You Tube

6/2/13

NOVOS LIBROS


Niños, con texto de Pepe Márquez, ilustracións de Natalia Colombo (coñecida entre nós por Cerca, que resultara gsanadora do Premio Compostela de Álbum Ilustrado) e traducido por Manuela Rodríguez.
Un inventario de niños, un achegamento aos paxaros, un mundo que pertence por mérito propio ao ámbito infantil. Quen non se emocionou ante a visión dun niño, sendo neno? Quen non admirou paxaros? Quen non quixo aprender a distinguir os seus cantos, imaxe ou niño? Pois aquí os están! Nun álbum para prelectores e primeiros lectores.    

5/2/13

NOVIDADES



Neste caso, da editorial Kalandraka, que nos achega un par de libros que xa coñeciamos noutras edicións. Libros necesarios, libros imprescindibles: clásicos que sempre son ben acollidos.
O soño de Matías de Leo Leonni, en tradución de Xosé Manuel González Barreiro. Unha historia próxima a Frederick, aquel poeta que alegraba o mundo. Agora, Matías quere ser artista e viaxar por todo o mundo. A arte como vida e as experiencias que cha cambian, como esa visita a un museo. este libro conta co Premio Children´s Choice IRA - CBC
Outra das novidades é Imos cazar un oso de Michael Rosen e Helen Oxenbury, traducido por Sandra e Óscar Senra e Gómez. Unha historia que nos leva a unha infancia dourada, na que o pai cos catro fillos vai de aventuras, a cazar un oso, por un camiño no que cantan e repiten, no que observan e... corren riscos ¡que aventura habería sen eles!
Dúas traducións agardadas.  

4/2/13

Banda deseñada galega no iPad e iPhone


Información editorial:
"A editorial Galaxia ven de crerar Galaxia Cómic, unha aplicación para iPad e iPhone que nos permitirá ler nas tablets e móbiles novelas gráficas e toda clase de produtos relacionados coa banda deseñada. A aplicacíón, dispoñible en galego, castelán, inglés e coreano é totalmente de balde.

A primeira novela gráfica que se pode consultar é Nómades, de Xosé Tomás, por un prezo de 2′69 euros.

Esta é unha das novas iniciativas posta en marca dende Galaxia, xunto a Galaxia Tales, unha web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet."

1/2/13

UN CONCURSO ORIXINAL


A Asociación Sociocultural Muíño do Vento de Canido (Ferrol) ven de convocar o I Premio “Muíño do Vento” de Textos de Contraportada para obras de Literatura Infantil e Xuvenil editadas en galego.
Podeán presentarse ao premio todos os libros de literatura infantil e xuvenil publicados no ano 2012, calquera que sexa o seu xénero literario. Os interesados en participar deberán remitir, antes do día 15 de febreiro de 2013, unha fotocopia da portada e da contraportada da obra.
Seguro que este é un aliciente para poñernos a revisar os textos das contrapostados dos libros que nos gustaron.
Ánimo!

31/1/13

Os + de 2012 para Fervenzas literarias


Recollemos da súa páxina
“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. (...) Estes premios queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
- Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
- Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
- Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
- Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
- Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
- Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
- Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
- Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
- Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
- Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
- Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
- Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
- Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
- Mellor editorial para Xerais.
- Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
- O mellor acontecido para o Culturgal.
- O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
- Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
- Mellor medio de comunicación para Praza.
- Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”




29/1/13

HONORIS CAUSA PARA UN ESCRITOR DE LIX


Agustín Ferñández Paz foi nomeado doctor honoris causa pola Universidade de Vigo. 
O autor de múltiples libros para a infancia e a mocidade, o dinamizador de movementos de renovación pedagóxica e defensor da lingua, ve así recoñecida a súa achega á cultura e ao saber deste país.
Conta con numerosos premios entre os que destacan o Nacional de Literatura Infantil por O único que queda é o amor, o Lazarillo por Contos por palabras,o Edebé infantil con A escola dos piratas e o xuvenil por Trece anos de Branca, o Merlín por As flores radiactivas, o premio Rañolas por Cartas de inverno ... 
Os seus libros están traducidos a múltiples idiomas. A súa voz chega cada vez a máis lugares. Segue a falar e a escribir, Agustín!

28/1/13

TRABALLO COLABORATIVO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

(Clicar no título para ver presentación)  Un exemplo máis de traballo colaborativo entre as bibliotecas escolares do Plan de mellora. Unha vez máis, unímonos para demostrar que podemos, que queremos e séntanos ben facelo. Agora, tratábase de demostrar a ledicia de ver a unha compañeira na R.A.G. (Real Academia Galega), porque Fina Casalderrey sempre será unha compañeira, unha mestra que escribe, tamén, porque está en contacto cos nenos e nenas, que fai teatro con eles na escola e nolo conta nun caderno de experiencias onde mostra as obriñas que ten adaptado para eles e as maneiras que ten utilizado. Escribe para peques porque non esqueceu a nena que foi e consérvaa viva, porque ten o ouvido atento ao que din e como o din os rapaces e rapazas que acompañaron os seus días de traballo e... por moitas cousas máis. Grazas a Olga e a Isabel. Grazas a tod@s e cada unha das persoas responsables de bibliotecas escolares e os seus blogues que desde o antes, pero tamén desde o venres 25 ata agora mesmo foron sumando entradas con esta nova no seu blogue e van máis de 80, + de 80 comunidades educativas que se poñen de acordo... non é pouco.

25/1/13

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA


A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

24/1/13

Os + de RedeLibros do 2012


RedeLibros, a rede social galega, realiza cada ano, unha selección dos máis destacados na opinión dos lectores. Así nolo explican: "Tras unha primeira fase onde se propuñan os candidatos nas diferentes categorías, os membros de RedeLibros votaron nunha segunda quenda para seleccionar os e as gañadoras nos diferentes apartados"
Ainda que se trata dunha selección xeral (non centrada na literatura infantil) recollémola porque se trata de destacados dentro da produción galega.
É a que segue:
Gañadores dos máis destacados do 2012:
- Editorial galega: Contos Estraños Editora.
- Obra literaria en galego: Os abismos da noite eterna I. O morador da fenda, de Roberto A. Rodrigues.
- Libro infantil e xuvenil en galego: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila.
- Obra non literaria en galego: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás.
- Banda deseñada en galego: Ardalén, de Miguelanxo Prado.
- Banda deseñada en castelán: El héroe 2, de David Rubín.
- Autor en galego: Agustín Fernández Paz.
- Autor en castelán: Miguel Otero Furelos.
- Ilustrador: Iván Valladares.
- Tradutor: Tomás González Ahola.
- Libro mellor editado: Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo (Xerais).
- Mellor proxecto ou evento cultural: Contos Estraños.
- Libraría: Cartabón (Vigo).
- Blog: Criticalia, de Armando Requeixo.
- Crítico máis destacado: Armando Requeixo.

23/1/13

EFEMÉRIDES LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 2013

Temos unha literatura que xa conta cos seus clásicos. Uns clásicos que xa cumpren anos. Por iso, neste 2013 teremos a oportunidade de celebrar...
100 anos da publicacións de O gran Meaulnes de Alain Fournier (traducido ao galego por Camino Noia e publicado en Galaxia).
125 da morte de Louisa May Alcott, a autora de Mujercitas.
25 da publicación de Matilda, unha das novelas máis lidas de Roald Dahl.



50 anos da morte de C.S. Lewis, autor de As crónicas de Narnia e personaxe protagonista da película Tierras de penumbra. 75 anos do nacemento de Tony Ross, ilustrador e autor de obras tan coñecidas La pequeña princesa. 50 anos da publicación de Onde viven os monstruos do premio Ándersen, Maurice Sendak. Esta obra está traducida ao galego por Xosé Manuel González Barreiro e publicada por Kalandraka.

21/1/13

BANDA DESEÑADA DE ÉXITO



Con motivo do final de ano 2012, varias publicacións aproveitan para pasar un repaso á produción, e incluso elaborar o seu propio hit parade.
Desta maneira, enteirámonos que Emma Ríos, a autora do cartel Biblioteca escolar, última xeración está entre as debuxantes do ano para a web Comicsbulletin que a coloca no seu Top Ten Comic Artist 2012. Os críticos Dylan Tano, David Fairbanks, Steve Morris, Danny Djeljosevic, Chris Kiser, Shawn Hill, Zack Davisson e Keith Silva, que elaboran a lista, destacan a súa capacidade á hora de planificar as páxinas e, de xeito especial o seu traballo na obra Doctor Strange: Season One.   
Praza Pública faise eco das listaxes estatais  nas que destacan tamén, os últimos traballos doutros galegos como David Rubín (El héroe 2) e Miguelanxo Prado (Ardalén) nas recomendacións do xornal ABC, en TVE ...
Miguelanxo Prado é autor doutro dos carteis Bibliotecas escolares, espazos de lectura.
Estamos de noraboa!

18/1/13

O mellor do 2012



Lo+ 2012, é unha selección de libros seleccionados polo Centro Internacional do Libro Infantil y Juvenil da FGSR (Fundación Germán Sánchez Ruipérez) entre todo o publicado no ano pasado.
A selección aparece agrupada por idades con tramos de (0-5 anos; 6-8 anos; 9-11 anos; 12-14 anos, 15-18 anos). Cad un dos títulos leva a súa ficha bibliográfica e un prqueno resumo do contido.
Unha ferramenta valiosa, a ter en conta, á hora de realizar a selección de fondos de literatura infantil e xuvenil (especialmente en castelán e de fondo nesta lingua) para a biblioteca escolar. Ao non poder contar cunha selección semellante en galego, habería que revisar se algún dos títulos que proveñen de linguas estranxeiras contan con tradución ao galego, como sucede cos títulos publicados por Kalandraka e OQO. 
Picando no título accedemos ao recurso.