7/9/09

Historia da resurrección do papagaio


De novo, a través de Trafegando ronseis, chéganos este comentario:


Unha lenda brasileira -unha historia sinxela, como boa lenda que se precie- recuperada por Eduardo Galeano que explica a orixe da cor das plumas do papagaio. O texto encerra a tristura do mundo cando aquel afoga. E as ilustracións de Antonio Santos axudan a que os lectores nos conmovamos máis con esta historia rotunda e delicada. Unha ilustracións diferentes, xa que o seu artífice as constrúe primeiro en esculturas de madeira para logo fotografalas e logar que nos mergullemos extasiados nelas, tan cheas de cor e de vida.

O papagaio caeu na pota que fumegaba (...)

e afogou na sopa quente.

A nena, que era a súa amiga, chorou.

Por fin o home recuperou a fala,

e contoumme que o papagaio afogara

e a nena chorara

e a laranxa espírase

e o lume esmorecera

e o muro perdera unha pedra

e a árbore perdera as follas

e o vento perdera unha refolada

e a fiestra abrirae o ceo ficara sen cor

e o home sen palabras.

A morte do papagaio encheu de tristura, tanto, que ata o ceo o soubo. Le o libro e saberás que pasou!

Publicado en galego por Kalandraka, e en castelán, por Libros del zorro rojo.

4/9/09

O león Landinga


"Trafegando ronseis" remítenos a seguinte entrada:




Este conto tradicional africano amosa o poder da intelixencia -personalizado nunha lebre- sobre a forza bruta -o león depredador-; como bo conto oral ensina como a avaricia ou o egoísmo non son bos conselleiros: "se tes, comparte". A ilustración feita por Elisa Arguilé é impresionante, predominando as cores cálidas, o vermellos sobre todo, e con trazos e proporcións que lembran pinturas primitivas; con estes debuxos viaxamos máis facilmente a eses lugares tan afastados onde domina a natureza animal. Boniface Ofogo, o autor, escoitou a historia por primeira vez cando tiña tres anos, en Camerún.

Un novo álbum de Kalandraka.

2/9/09

PEDRA, PAU E PALLA.


De "Trafegando ronseis" pásannos este comentario.


O libro, Pedra, pau e palla, adaptado por Ana Presunto e ilustrado por Josep Rodés, é un conto popular ruso que nos lembra a Pulgariño. As ilustracións son "rotundas", ocupando case toda a dobre páxina. Coma naquel conto, o pai sae da casa deixando tras de si unha pegada feita con diferentes materiais; pero, ollo!, hai un oso máis listo que sabe como reter ás fillas deste home que semella non dar moita seguridade. Iso si, como bo conto que se precie, remata coa imaxe da felicidade de toda a familia xunta e triunfadora.


De OQO e para a infancia.

7/8/09

SELECCIÓNS POÉTICAS


Poesías escollidas baixo o criterio que se queira, antoloxías elaboradas por especialistas ou por simples lectores que aprecian o verso; benvidas todas elas porque nos achegan voces que doutra maneira tal vez non chegarían a todos. E por aquí andan estas dúas editadas por Factoría K: unha de Unamuno (Miguel de Unamuno. Selección poética con ilustracións de Artur Heras e edición de Antonio Rubio y Federico Martín Nebras) e outra de Gabriela Mistral (Gabriela Mistral. Selección poética con ilustracións de Paloma Valdivia e edición, tamén, de Antonio Rubio y Federico Martín Nebras), para que a rapazada os lea na súa lingua de orixe, igual que le aos poetas galegos e pode ler aos portugueses na súa. Lela baixiño, para dentro. Lela en voz alta, declamándoa. Saboreala. Escoitala. Pedirlle a alguén que nola lea para que a gusto sexa dobre e o pracer maior. Tamén é tempo de poesía.

5/8/09

AUTOR DE CÓMIC de visita nun club de lectura


David Rubín (Ourense, 1977), autor de El circo del desaliento e La tetería del oso malayo visitou o club de lectura "Os trasnos dos libros" deixándolles este pequeno texto, que transcribimos:

"Ola!

Antes de nada, quería darvos as grazas por ler a miña obra, pois a lectura -e a relectura- é o que mantén vivos os libros.

Agardo que desfrutárades lendo "La tetería del oso malayo", para min foi toda unha aventura levar a cabo este libro, deixei moito de min nel, é coma un anaco do meu corazón, por iso éncheme de ledicia cada vez que alguén abre as súas tapas e faise partícipe das alegrías, os medos, a paixón e a desesperanza que eu volquei nesas páxinas.

Se xa sodes lectoras habituais de tebeos agardo que esta lectura a gardedes na mente e no corazón durante moito tempo, se polo contrario "La tetería..." foi o voso primeiro achegamento ao mundo do cómic desexo que fora para vos unha experiencia pracenteira e que quedarades con gañas de repetir, tanto lendo outras historias miñas como calquera outro dos marabillosos tebeos de calquera outro autor que hoxe en día podedes atopar con facilidade.Mil grazas por camiñar da miña man nesta aventura, a tetería de Sigfrido estará sempre aberta para vos.

Un bico!


29/7/09

NOVONEYRA para a infancia





Gorgorín e Cabezón ilustrado por Quintana e Vázquez




Tres relatos dun poeta.


Tres obras para a infancia nos que se adiviña o mundo do poeta da montaña. Ímolo vendo nos animais (corzos, lobos, xabaríns); atopámolo nas palabras e na sonoridade que as acompaña; están no escenario desa serra do Courel, na paisaxe plagada de covas e ríos ou nos personaxes míticos coma o home do saco e as lendas como a da moza amiga dos animais que recibe o nome de Ilda; está no vocabulario que a modo de glosario acompaña a historia...


E estará na poesía que o profesorado irá seleccionando para que a rapazada o coñeza, para que a diga en voz alta sentindo na boca que a fonética tamén é poesía e a lingua é voz, para espertar sensibilidades e gozar dos versos.

21/7/09

NOVONEYRA, Letras Galegas 2010


A Real Academia Galega tomou a decisión e poucas veces recibirá tantos parabéns por un acordo, pois haberá máis autores e autoras que o merecen (que é certo) pero el ... tamén, e canto antes mellor.


Traer á actualidade unha voz como a de Novoneyra, cando aínda non hai tanto tempo que podíamos escoitala, é un luxo e un gusto. Poder achegarlla á rapazada para que a goce, poder lembrala; volver a ler - mirar as súa caligrafías e dicir en voz alta eses que semellan pequenos versos - poemas nos que se agacha un mundo que é o noso...



Neso andamos recuperando a voz da montaña.


E con ela chega algún que outro libro que escribira para pequenos. O primeiro deles, este O cubil do xabarín, con ilustracións de Quintana Martelo nesa primeira intervención na literatura infantil e xuvenil galega, os dous estreándose. Unha iniciativa que debemos a Xulio Cobas que por aquela dirixía a colección Ala Delta e traballaba arredor da literatura infantil e xuvenil galega. Tamén a el lle debemos un recoñecemento merecido.

17/6/09

UNHA OBRA DE TEATRO


Restaurante Farruco de Chus Pereiro, a quen lembramos por aquela outra peza teatral ¡Mamasiña que medo!.


Chus, ademais de escritora é unha profesora á que lle gusta facer teatro co seu alumnado, e iso nótase. Cando les as súas obras imaxinas o ben que o pasan os pequenos e as pequenas traballándoas / xogándoas.


Neste caso, sitúanos nun restaurante. Unha parella acude a celebrar o seu aniversario e o rei a comer. Uns piden con medo -atentos ao prezo- mentres o outro se deixa aconsellar, pero aínda así xantar vaille resultar pouco doado, pois os alimentos están vivos e pouco dispostos a deixarse engulir ou manipular.


Unhas rimas que nos enchen de ledicia, uns personaxes ben definidos e con ganas de troula, unha obra para ler e representar.


Xan López Domínguez dálle moi ben o contrapunto cunhas ilustracións para non esquecer. Un traballo feito con ganas e sen avaricia. Pasen e vexan...!


Tal como pasara co Ramón Lamote de Paco Martín, que existía e podía viaxar a Lugo, restaurantes Farrucos hai varios espallados polo mundo, miremos nesa enciclopedia aberta que é internet e viaxemos desde Betanzos a Barcelona, de comedor en comedor...

8/6/09

O HOME QUE PRANTABA ÁRBORES


En galego, nunha tradución de Ánxela Gracián, na Editorial Galaxia, publicouse este magnífico libro de Jean Giono, con ilustracións de Jacobo Fernández.


Del fíxose eco o blogue da biblioteca escolar do IES Macías o Namorado recollendo dous recursos de grande interese.

Un libro que fala do valor dunha vontade decidida, a vontade dese home sinxelo e solitario que prantaba árbores como un acto de amor á terra e á humanidade. Un empeño férreo que fai cambiar a paisaxe.


En consecuencia, fálanos da nosa capacidade para transformar a realidade por moi imposible que semelle, por moi impotentes que podamos sentirnos. Prantando árbores, de esas que tardan en medrar e se sementan pensando no futuro que talvez non vexamos, e lendo libro a libro, páxina a páxina, ... para facerse lectores responsables, tamén coa terra.


Un pequeno gran libro para todas as idades.

4/6/09

GUNDAR E O CABALO DE OITO PATAS


Unha “videoaventura” editada pola Asociación Cultural Monte Branco e a Deputación da Coruña arredor do libro de Xelucho Abella Chouciño, con ilustracións de Josep Gual, do mesmo título. A historia deste neno, Gundar, publicada na colección O Trolebús da editorial Casals, está situada na beiramar de Bergantiños, nos tempos da revolta irmandiña, alá polo século XV. E nesa historia baséanse os xogos que se nos propoñen no CD. Unha maneira de darlle voltas á literatura, de motivala ou de seguir dentro da historia unha vez rematada a lectura. Animación á lectura a través do cd interactivo. Baseado no libro...

26/5/09

Soños de andel. Soños de papel. Soños de libro.


Soños de andel de Susana Lamela con ilustracións de María Lires. Publicado na colección Ala Delta de Tambre, trátase dun libro que fala de libros e de lecturas. Comeza así: “Lepouco é un val. Lemoito é unha vila. No val de Lepouco está Lemoito, xusto no medio do camiño entre Lerasveces e Leracotío. As distancias entre as vilas son curtas, un chega axiña dun lado ao outro, só ten que estar disposto a percorrer o fermoso camiño que vai entre Lerasveces e Leracotío. E pega a pena.” Pois si, vai de lugares con nomes que nos interesan moito e que nos deixan coas ganas de saber algo máis acerca deles. E tamén de bibliotecas e libros. Libros que teñen sentimentos, que se senten sos ou con ciumes, e que poden ser felices se unha rapaza os baixa do andel e se empeña en levalos de viaxe ata a súa casa. Porque, imaxinemos: Que senten os libros cando están aí quedos, pousados nos andeis? Que lles pasa pola cabeza cando ningunha man os agarra? Que pensan cando alguén os colle de calquera maneira e os manca?...

Aí están os libros dispostos a contarnos mil historias e algunha delas acerca deles mesmos. E aí, unha escritora e unha ilustradora dispostas a achegárnolas.

19/5/09

OS DUROS DE XERAIS (2)


Ademais de A NOITE D’O RISÓN de Gonzalo Moure e O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR de Agustín Fernández Paz un novo libro:


O pequeno señor Paul de Martin Baltscheit. Ilustracións sinxelas, a dúas cores e moi expresivas de Ulf K. Traducido por Patricia Buján


Entre libros… O primeiro capítulo titúlase “Os libroeiros” e comeza así: “Cando o pequeno señor Paul era un señor Paul aínda máis pequeno, vivía nun mundo cheo de libros. A casa dos seus pais estaba de arriba abaixo chea de libros. Había libros no salón, mesmo no faiado había libros en andeis. Poderíase pensar que a familia Paul vivía realmente nunha biblioteca. Mesmo algúns dos mobles eran libros. Había tallos feitos de libros, unha butaca de libros,e co atlas enorme do avó fixeran unha mesa. Dependendo da páxina por que estivese aberto, a familia podía almorzar en América, cear en África ou tomar café na Lúa. Lían durante o día, quedaban durmidos cun libro sobre o bandullo e, antes de se diciren “bos días”, xa leran un capítulo. (…)". Vai de libros, de casa con libros, de libroeiros que medran na horta, de libros malos cos que facer compost, de diferentes finais de historias dependendo do lector, de lectores á busca de editor/autor que determine un final... Interesante, moi interesante, especialmente aquel outro capítulo titulado “A obra de arte” e... o resto do libro. Non o perdades!

11/5/09

OS DUROS DE XERAIS


No labirinto do vento de Marina Colasanti, ilustrado por Carmen Segovia (obra seleccionada na Feira Internacional de Boloña de 2002) e traducido por Mercedes Pacheco. Contos de fadas, princesas, unicornios e demais fauna marabillosa, obxectos e espazos que desde sempre acompañaron o inexplicable coma o espello, o reflexo, o pelo, o labirinto; o vento coa súa carga de loucura e absurdo, o tempo; o soño e o sono... Son contos dos de sempre pero doutra maneira, contos de autora que vai un pouco máis lonxe coa imaxinación e o misterio, contos que introduce no surreal e xogan a partir da tradición dándolle unha nova volta de torca. Dise na presentación que a obra desta autora foi admirada por escritores co mo Julio Cortázar e enténdese moi ben a razón, pois máis dunha vez os imaxinarios de ambos poden entrar en contacto. O libro que reúne dous anteriores Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ten acadado o Gran Premio da Crítica e o Premio da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil, en Brasil. As ilustracións achegan unha recreación das historias no mesmo plano, desde unha óptica que parte de compartir unha mirada. En canto ás técnicas vai alternando as sombras ou baleirados nunha cor, os debuxos en branco e negro que lembran as imaxes dos vellos libros introducindo o desconcerto de personaxes que a medias son paxaros ou leóns, e os colaxes nos que se unen as técnicas anteriores con outros compoñentes. En canto ao contido faise presente o misterio e a presenza de personaxes actuais ilustrando contos que pertencerían á tradición, rapazas con roupa á moda, unicornios que son nenos con disfrace ou reis que no deixan de ser rapaces en roupa deportiva. Unha boa mestura da realidade actual coa tradición marabillosa.

5/5/09

XARDÍN DO PASATEMPO


Para falar deste libro, quero recoller as palabras dun editor, Ignacio Chao, que segue a exercer o oficio como a arte que é ... para mostrar libros de autor (Ramiro Fonte) e de ilustrador (Jacobo Muñiz), pero tamén libros de editor.


"Á parte das súas virtudes estilísticas e da escolla dos temas (outra vez o diálogo entre tradición e modernidade, unha das marcas da súa obra), valoro nel que sexa un libro non para unha categoría ou unha franxa da infancia, senón verbo dunha categoría da infancia. Tamén, como a súa triloxía narrativa, é un libro de memorias de cativo. O libro do neno que habitaba no corazón do adulto. O primeiro poema, "Xardín do pasatempo" está entre os mellores da súa obra. É unha declaración de intencións e propón o panorama moral de todo o libro: a idea de que a infancia é o espello da identidade de cada un. Pero tamén pola simplicidade do enunciado, pola súa potencia plástica, cunha enumeración de elementos cheos de vida, pola enorme capacidade de evocación e pola axilidade rítmica, que suxire o compás dun paseo real."

30/4/09

Emilio Pascual. Na defensa da literatura oral.


EL FANTASMA ANIDÓ BAJO EL ALERO Anaya, 2003. Colección Leer y pensar. Ilustracións Javier Serrano. No estilo do artista, en branco e negro; todas elas son cartas dunha baralla, aquela que o pequeno debuxa para que o avó poida xogar con el o só mentres está no purgatorio. Unha baralla na que as espadas son agullas, os ouros estrelas, os bastos lapis e as copas rosas. Un xogo e unha aposta de gran calidade na que texto e imaxe se enchen de simbolismo e poesía. O libro, unha reivindicación da literatura oral, da contada, da trasmisión da tradición de avós a netos… porque o avó non pode deixar de contarlle todo tipo de historias: as que están ao seu alcance e aquelas que precisan do seu apoio para entendelas, e aínda aquelas que poida que non se entendan, como se recolle naqueles fragmento no que o avó pregunta: “-¿Lo entiendes?” e o neto contesta: “-No, pero me gusta.” Todo se pode contar, todos os libros se poden comentar cun pequeno… iso é o que pensa este avó que foi mestre republicano e agora vive “bajo el alero” convertido nun fantasma que debe andar polo purgatorio (ao entender do pequeno), un fuxido en tempos de posguerra, … O autor entroncaba así con esa literatura que toca cos dedos a memoria histórica e coa alma as historias que nos humanizan...

27/4/09

Emilio Pascual. Unha literatura que reivindica a literatura.


Ilustracións de Javier Serrano con profusión de imaxes de libros. A obra constitúe unha defensa da literatura escrita, da redención a través da lectura literaria. Un libro de libros, de lectores que len para outros ao tempo que se van facendo donos das palabras e das historias… que os van atando para sempre aos libros e á cultura. Un rei mago, varios reis magos, vanlle preparando o camiño do ocio cultural ao adolescente protagonista, salvándoo do risco de abandono escolar e familiar, levándoo a compartir o patrimonio propio da cultura occidental, a converterse en lector. El aprende literatura ao tempo que aprende vida. E conta … “(…) Lo cierto es que mi ciego (…) parecía adivinar cuándo era yo lector de oficio y cuándo quedaba atrapado en algún laberinto de la historia. Si presentía que me acechaba el fantasma del aburrimiento, con una notable destreza simulaba que se acababa el tiempo, y el libro no volvía a aparecer. Otras veces, aunque sabía que me apasionaba -o precisamente por ello-, interrumpía la lectura en el momento más emocionante, como si quisiera asegurarse mi regreso.”

22/4/09

MARCOS S. CALVEIRO: Premio Nacional da Crítica en galego




Gústanos lembrar a Calveiro e as súas incursións na literatura xuvenil (Sari, soñador de mares /Rinocerontes e quimeras) e infantil (O carteiro de Bagdad, XVIII Premio de Literatura Infantil Ala Delta /O canto dos peixes, Premio O Barco de Vapor 24 edición).



Un dos novos valores da literatura infantil e xuvenil galega, como o demostran os premios recibidos en tan curto espazo de tempo, pero tamén a calidade de cada un dos seus libros. Calveiro lembrándonos a Simbad, o mariñeiro dos contos e a fantasía; a ese neno fillo dun carteiro no Bagdad en guerra; a ese outro que recolle quincalla e se fai amigo dun vello mariñeiro co que comparte a preocupación por un mar que xa non o é ou aos rapaces "diferentes" que acompañan ás quimeras do circo.

Podemos ler os seus libros e, tamén, a súa bitácora: Alfaias.


Aledámonos dos seus premios: Irmandade do libro / Premio Nacional da Crítica en narrativa en galego... e os que virán.

13/4/09

Miguelanxo Prado, a banda deseñada na Academia


Recollo

a noticia na prensa:


"A Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario aprobou o ingreso de Miguelanxo Prado como membro numerario. Prado, proposto polos académicos Xurxo Lobato, Felipe Senén e José Ramón Soraluce, integrarase na sección de Artes da Imaxe, sendo o primeiro autor de banda deseñada que fai parte desta prestixiosa institución galega. A Academia aínda non ten data para o acto de ingreso."


E, con este motivo lembramos un dos últimos traballos deste autor. De Profundis, o libro aparecido despois da longametraxe que nos sorprendera por constituír unha proposta audiovisual de gran orixinalidade ao fusionar pinturas ao óleo dotadas de movemento coa música do compositor Nani García. Era a primeira vez que se traballaba con óleo nunha longametraxe. O propio autor definiuna como un poema visual e musical que non pretende convencer senón suxerir, que non pretende impoñer unha realidade senón conseguir a complicidade sentimental e estética do espectador; o seu aviso a navegantes - espectadores era "A quen lle aburra contemplar un atardecer de 10 minutos resultaralle tediosa".

E despois de poder disfrutalo en cines e de aparecer en formato doméstico, preséntase o libro cun relato ilustrado.

Unha obra na que seguir a traxectora do autor de Trazo de xiz, Quotidiania delirante ou Fragmentos da enciclopedia Délfica e que traballou para Spielberg na serie de debuxos animados Men in Black. Lembremos tamén a súa participación no Proxecto Terra co cómic A mansión dos Pampín ou o seu papel como director do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico.

6/4/09

A CABEZA DA MEDUSA


Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, un dos tres White Raven de literatura galega 2009 e un dos cinco finalista dos premios de literatura infantil e xuvenil AELG 2009.
Coller o libro na man e atopar á fotografía de Victoria Dielh na capa. Unha imaxe que sintetiza o texto recollendo o que se podería chamar fotografía escultórica pero non só, porque é fotografía si, escultura tamén e mestura de realidades; algo suxerinte e evocador como porta de entrada a un libro valente dunha escritora que ten demostrado o seu compromiso desde a primeira publicación. Marilar Aleixandre enfronta o tema da violación dunhas adolescentes á volta dunha festa e faino con todas as consecuencias, relatando paso por paso as situacións polas que han de pasar, todas elas co denominador común da vergonza – culpabilidade que semella deben sentir elas e non quen comete o delito. A identidade de quen o fai, as dúbidas nas que se debaten as violadas, o intento de mercalas, a xustiza que semella cega e xorda algunha vez, o sensacionalismo da prensa… O relato vai camiñando por esas rutas mentres as citas relacionadas coa historia da Medusa o acompaña. Onte e hoxe, no mito e na realidade, as mulleres pagan polo que outros cometeron co horror de vivir cunha melena de serpes e coa soidade dunha mirada que mata. Un bo libro dunha boa autora. Un libro para ler, para traballar igualdade, para reflexionar e falar … falar.

30/3/09

FUME


FUME con texto de Antón Fortes e ilustracións de Joanna Concejo, publicado por OQO, na colección Contextos. Un dos libros galegos seleccionados pola Internationale Jugendbibliothek München, xunto con A cabeza da Medusa de Marilar Aleixandre e O prodixio dos zapatos de cristal de X. A. Neira Cruz. Un dos nosos White Raven 2009. Un novo orgullo para esta literatura que semella ter que demostrar continuamente que está entre as mellores, que non ten que acomplexarse, que pode recomendarse… que pode lerse en galego sen estar na periferia de nada. En Fume, aparece de novo o nazismo e os campos de concentración. De novo un dos momentos máis duros da Historia da humanidade e, de novo, na voz dun neno. Un pequeno preso con súa nai e separados do pai. No medio da crueldade, o neno fala dese mundo tal como el o entende, porque aínda no horror segue a ser un neno que analiza a realidade cos ollos da súa experiencia; fálanos da realidade, da solidariedade co “outro” e da amizade que tamén aí ten o seu lugar. O fume sube ao ceo, os mortos van ao ceo..., e calquera lugar é mellor ese. As ilustracións manteñen o ton con apenas cor, as figuras envólvennos no ambiente do relato e o libro pasa a ser un obxecto de arte para ver, sentir, emocionar... Algunha vez haberá que facer, tamén, libros nos que os nenos palestinos nos conten o que ven, o que senten, o que lles emociona...

23/3/09

O LIBRO DAS VIAXES IMAXINARIAS


Agora, que sabemos que o premio Irmandade do libro a un escritor, será entregado a Xabier P. Docampo, queremos lembrar o seu "Libro das viaxes imaxinarias". Esta obra foi premio Isaac Díaz Pardo a libro ilustrado da AGE, no 2008.
Introducimos un pequeno texto que mostrará o ton xeral: "Arama non ten río nin montañas que o arrodeen e delimiten. Non está nunha beiramar que poña un rumor de auga no aire seco e tépedo que o acomete da mañá á noite. Arama é un lugar no medio de ningures que chama polo Viaxeiro desde o renxer continuo das carricantas e a secura areosa dunhas rúas de fino po branco. Ándase por elas no temor dun vento que espila esa brancura virándoa en nube que envolva ao transeúnte, penetrándoo por todos os orificios até afogalo. Quizais por iso Arama está sempre deserto coma un pobo abandonado; coma un pobo agonizante ou morto. Pero abonda con entrar neste lugar e petar nunha porta calquera, facelo golpeando cun daqueles chamadores de martelo, que semellan unha man que agarra unha esfera metálica ou os que son un medallón cun aro metálico que bate no seu centro; tamén os hai que parecen un can que pega coas patas dianteiras; outros son unha simple argola de ferro que golpea sobre dun cravo de cabeza arredondada. Calquera deles que for, cando o Viaxeiro petou nel, abríronse todas as portas de Arama e en cadansúa unha persoa inquiriu polo motivo da chamada. O aire de todas as voces da cidade soando a un tempo moveu lixeiramente, coma unha ameaza, o po albar das rúas, que non chegou a refolar. Cando o Viaxeiro respondeu que andaba á procura dun lugar para pasar a noite, as portas fóronse pechando unha por unha e a muller que abrira aquela na que el petara, indicoulle onde estaba a pousada. Díxolle que a recoñecería porque era a única que habería ficar, despois da súa chamada, coa porta entreaberta. Alí se dirixiu e encontrou que, efectivamente, tiña a porta algo entornada pero non pechada. Mais, como non vise a ninguén, deu un golpe co puño na madeira e de inmediato todas as portas de Arama se abriron a un tempo, porque en Arama cando petas nunha porta a túa chamada resoa en todas, e todas se abren e en cada oco hai unha persoa que lle pregunta ao Viaxeiro que é o que quere, e con iso unha nova pasada do airiño que remexe o po do chan." Unha verdadeira homenaxe a Italo Calvino e Ulises, á imaxinación e ás viaxes.

17/3/09

SEN PALABRAS (3)


O boneco de M. Alzéal. Factoría K de libros Álbum sen texto. Historia sen palabras. Novela gráfica que nos fala das diferentes xeracións (avós / pais / fillos), do paso do tempo, da diferenza entre os xoguetes do pasado e os actuais, e, especialmente, da relación que se establece entre un humano e un boneco. Un problema de saúde fai que o avó marche da casa familiar, daquela légalle ao neto o boneco que o acompañou desde a infancia, pero o pequeno está inmerso nas pantallas dos vídeo xogos e non lle fai caso… Daquela o boneco séntese condenado ao esquecemento e marcha aproveitando unha ventá aberta; é feliz polas rúas, case se namora dunha boneca nun parque, ata que volve á tenda onde fora vendido e se atopa con que tampouco alí hai lugar para el. Ante isto decide suicidarse atándose unha pedra aos pés e tirándose á auga, pero no último momento parécelle ver ao vello e decide volver. Aí, o autor fai unha chiscadela humorística, cando o boneco quita a cabeza e a coloca debaixo do brazo para poder retirar a cadea corda que o ata á pedra. Sube pero o vello xa morreu e o boneco acompañarao ao cemiterio onde espera a que se erga e o colla, de novo, nas súas mans para levalo con el. Encanto e bondade… sentimentos a flor de pel, sen necesidade de palabras.

9/3/09

SEN PALABRAS (2)


Mi león.


Libro de imaxes no que se relata o encontro dun neno e un león.

Ao principio, o león quere comer ao neno -como corresponde- pero todos os animais son sensibles ás crías, incluso ás das outras especies, así que remata establecéndose unha amizade entre os dous.

A historia, que comeza cando o neno se perde no deserto, continúa co rescate e a devolución aos seus por parte do felino. O león debe defender á criatura dos outros animais, e ao darse conta do perigo que corre decide levalo ao poboado e entregalo á súa tribo; cando o fai é el quen se atopa en situación de risco, pois os humanos queren cazalo.

O libro mostra o poder das imaxes para construír unha narración rica en situacións e emocións, no que a amizade e os afectos poden coas diferenzas, aínda que sexa no mundo da imaxinación... Unha historia que mostra unha difícil relación, na que león e neno deben vivir separados pero poden continuar soñando un co outro, cada noite.

Unha historia africana contada por Mandana Sadat, publicado por FCE na colección A la orilla del viento.

SEN PALABRAS 2

Mi león. Libro de imaxes no que se conta o encontro dun neno e un león. Ao principio, o animal quere comer ao neno -como corresponde- pero todas as especies son sensibles ás crías, incluso ás das outras, así que remata establecéndose unha amizade entre os dous. A historia, que comeza cando o neno se perde no deserto, continúa co rescate e a devolución aos seus por parte do felino. O león debe defender á criatura dos outros animais, e ao darse conta do perigo que corre decide levalo ao poboado e entregalo á súa tribo; cando o fai é el quen se atopa en perigo, pois os humanos queren cazalo. O libro mostra o poder das imaxes para construír un relato rico en situacións e emocións, no que a amizade e os afectos poden coas diferenzas, aínda que sexa no mundo da imaxinación... Unha historia que mostra unha difícil relación, na que león e neno deben vivir separados pero poden continuar soñando un co outro, cada noite. Unha historia africana contada por Mandana Sadat, publicado por FCE n acolección A la orilla del viento.

2/3/09

SEN PALABRAS (1)


Hai libros sen palabras, para os que non fai falla utilizar o código escrito. Libros para observar, para interpretar as ilustracións, para ler imaxes... Libros magníficos para pequenos e grandes. Libros que nos fan pensar, imaxinar,... Libros nos que vemos máis do que nun principio pensabamos. Libros para ver, mirar e remirar, para descubrir e gozar. Así é La ola de Suzy Lee, publicado por Barbara Fiore Editora. E ollando este libro preguntámonos: quen dixo que había que saber descifrar o código escrito para entender as historias? Só utilizando o branco e negro do lapis / carbón xunto ao azul da acuarela o relato vai sucedendo. Poucos personaxes, apenas unha nena que xoga coa ola que representa a descuberta do mar, unhas gavotas que semellan secundar á protagonista e unha nai que a introduce e a recolle ao final, simbolizando esa tarefa dos adultos facilitadores de experiencias que se manteñen á distancia necesaria. Unha expresividade a proba de significado que nos mostra o diálogo lúdico entre o mar e a nena; unha relación que semella simétrica na que se pasa do medo á confianza, da sorpresa ao susto, do desafío ao agasallo con que o mar remata premiando á nena. E cando marcha vai cambiada, algo mudou e converteu o mar en amigo.

23/2/09

MOLA QUE CHOVA


Mola que chova con textos e ilustracións de Renata Otero, publicado por Galaxia na colección Árbore.

Renata é unha artista e tamén profesora de educación plástica e visual no IES de Ames. O seu estilo podería definirse como pop. A súa é unha maneira alegre e colorista de observar a vida… comezando coa propia. Talvez, ela, lle toma así o pulso á realidade e represéntaa por medio de pinturas e colaxes, que pasan de formatos redondos a cadrados, do rectángulo ao círculo. Ata o momento só fixo esta incursión no mundo da literatura infantil. E del nos acordamos aqueles días, nos que chove despois de chover (monotonía de chuvia tras os cristais), en palabras de Manuel Rivas. Mola que chova, pois daquela poderás facer cousas diferentes, poderás gozar dese tempo distinto no que o mundo se molla e limpa, para que todo poida volver a medrar. E unha vez rematado.., poderás continuar engadindo cousas que se poden facer cando chove, por eso mola que chova. E cando nos cheve, como agora, acordámonos deste libro porque a autora ten unha exposición na galería Espacio 48 de Compostela.

19/2/09

ADIVIÑANDO … ADIVIÑANDO…


Aquí, Gloria Sánchez; aquí, adiviñas!

“Un verde fogón,

que fixo: “¡Atchíiiiiiiiiiissss!”

queimou o pano

do nariz.

Ten escamas

e peixe non é.

Ten gadoupas con coitelos,

un rabo longo con punta

e unha crista de carrelo.

¿Paparía o moi babeco

a bombona de butano?

¡A-a-a-at----------------chíssssssss!

¡Ale! ¡Todo o conto chamuscado!”

Adiviñas monstruosas de Gloria Sánchez, con ilustracións de Purificación Hernández.


As adiviñas poden ser as estrelas da literatura de tradición oral, pero non só. Ao lado dos moitos libros que recompilan as adiviñas que foron de boca en boca, hai outros tantos nos que diferentes autores as crearon para ledicia dos pequenos e pequenas, aos que tamén lles encanta inventalas.

Entre as autoras de adiviñas, Gloria Sánchez podería ter recollido máis dun premio. Lembremos as 303 adiviñas, publicadas en Xerais, con ilustracións de Pablo Otero “Peixe”, ou leamos agora estas outras, que chegan da man de Rodeira na colección Tucán. Coa creatividade que a caracteriza e eses grans de humor salpresando os versos, a sorpresa coa que nos pilla unha e outra vez e a intelixencia coa que nos trata…

13/2/09

CANDO DE AMOR SE TRATA…


O amor pode dicirse, declararse, mostrarse, demostrarse; pode lerse… e esta pode ser unha obra axeitada. O amor pode regalarse … Un libro é un bo agasallo, un dos mellores. E, de novo, pode ser este: Bolboretas. As ilustracións de Cobas, entre a figuración e o etéreo, coas manchas de cor creando fondos marabillosos que serven de espita á imaxinación, cun deseño de bolboreta que fai historia e uns trazos de lapis que achegan outra ollada. O texto de Docampo, coa sinxeleza do profundo, co ton do que antes foi contado e emocionou á audiencia. Porque o amor é iso, sentimento que aniña sen poder explicarse demasiado, descuberta que se quere compartir. O autor é artista, na arte de escribir e de contar, artista que engade a creatividade ao oficio. Amores antigos, camiños a facer xuntos, sensacións para describir... Docampo e Cobas comparten libro, coma en moitas outras ocasión. Neste caso, o libro faise obxecto a compartir cos demais, a mostrarlles e entregarlles en man, nun día sinalado porque... “ (...) Pero un día, mentres unha bolboreta me enchía a boca de azul e cerraba os ollos para identificar ben todas as sensacións que lle contaría despois, sentín que me dicía: - Pásama. Notei os seus labios nos meus. Sentín que abría a boca e eu abrín a miña. A bolboreta pasou tocando lixeiramente a miña lingua. Ela pechou os labios atrapando todo aquel azul. Abrín os ollos para ver como os cerraba ela. (...)”

10/2/09

CANDO VAI DE ANTROPÓLOGOS...


“Raposiño e o cego” A primeira obra narrativa de Manuel Mandianes con paratextos que se aproximan á literatura dirixida á infancia e xuventude, publicada por Limaia, con ilustracións de Aurora López. Dise na presentación que se trata “dun libro sobre a Galicia que desaparece e que permanece, ao mesmo tempo; narrada por catro voces: o cego, que é o pobo galego; o avó, que é a voz da tradición; a avoa, o verdadeiro sostén da sociedade: a tenrura, a nostalxia, o cariño; e Raposiño, a posible e única continuación. O libro revela, ademais, a modo documental, parte das vellas tradicións e anécdotas desta aldea nos séculos pasados (...)” Mandianes lembra a aldea, unha aldea do interior de Galicia, da que saían as xentes para a emigración, especialmente a Barcelona. O seu é unha contada dos aconteceres daqueles tempos, nos que un neno nado fóra da terra, entra en contacto co mundo dos avós. Recolle os personaxes e os costumes, as crezas, pero tamén vai deitando unha serie de pensamentos para remoer. Tal vez se nos pide un esforzo por entender esa maneira entre real e máxica de estar no mundo. Un libro formado por pequenas historias - a modo de píldoras- que pode ser alimento, na mochila, para avós e pais. Botádelle unha mirada! Un anaquiño de mostra... “ Unha persoa da familia pechoulle os ollos, outra foi dar a noticia ao sacerdote, e o sancristán tocou a defunto. A nova traspasou todos os recunchos do val. - Até os animais, nas cortes, deixaron de respirar – sentenciou o avó. - Por un intre, o mundo parou – proclamou a tía Manuela. O avó vira a avoa sentada ao pé da figueira que medra na beira do canastro, xunto aos muros do patio. A tía Dolores ouvira un espertador, o tío Francisco sentira as pegas grallando cando cruzaban a aldea en voo rasante e a Raposo dixéranllo as campás. - Cubran os espellos – ordenou Dolores cando a avoa deu o último bafexo. (...)”

9/2/09

CAL VIVA, CAL MORTA. A DERRADEIRA FESTA.


Unha curtametraxe documental sobre os últimos caleiros, que xa foi presentada en Mondoñedo, Ourense e Santiago. O artista audiovisual Mariano Casas e o antropólogo Duarte Fernández xúntanse para documentar un oficio pouco coñecido e en período de regresión, o dos caleiros que transforman a caliza en cal. Leamos a presentación dos autores na web da Academia Galega do Audiovisual: Esta peza documental, de 48 minutos de duración, é unha interesantísima ollada á vida dos derradeiros CALEIROS, sobreviventes ata hai pouco dun milenario oficio, que consistía en cocer pedra caliza durante días nunha enorme cheminea, obtendo así o cal. Deste oficio, que supuxo unha incipiente industria da que vivíu moita xente na zona da Mariña Central, apenas quedan erguidas unha ducia de caleiras, algunhas delas en moi mal estado de conservación. Esta ruindade material é o primeiro síntoma da desaparición dunha cultura que viu no coñecemento dos usos tradicionais do cal, unha forma de subsistencia e posterior desenvolvemento. Os últimos caleiros, homes xa octoxenarios, fixeron unha derradeira QUEIMA, para que o oficio que coñeceron en vida non morra con eles. Esa queima foi unha gran festa na que a xente de Masma (Mondoñedo) contou en primeira persoa o que fora esta dura e fermosa labor. Vexamos un trailer en You Tube