9/10/13

PREMIO NACIONAL DE POESÍA en galego


Manuel Álvarez Torneiro acaba de conseguir o Premio Nacional de Poesía co seu libro Os ángulos da brasa editado por Factoría K.
Esta libro xa fora recoñecido co Premio da Crítica de Poesía galega que concede a Asociación Española de Críticos Literarios, co Premio Ánxel Casal da AGE (Asociación Galega de Editores) e co premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012.
Álvarez Torneiro (A Coruña, 7 de xullo de 1932) traballou como xornalista, e aínda que comezou a escribir poesía con 18 anos, a súa primeira publicación foi Memoria dun silencio, en 1982. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta, dos que entre outros dera noticia Avilés de Taramancos nos artigos publicados en Obra viva. Os estudosos sitúano na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: "os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes."
Leva publicados uns 13 poemarios máis, entre os que destacan Rigorosamente humano (1995) e Luz de facer memoria (1999). Conta tamén con outros galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999); tamén foi nomeado socio de honra da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Parabéns ao poeta, a factoría K e á poesía galega! 

No hay comentarios: