29/5/13

MATERIA DE BRETAÑA


Cando Artur non era rei. Costa Oeste. Editorial Galaxia
Xabier López López relata as aventuras do mozote Artur polos camiños. Neles vaise atopando con Lanzarote, Trim (o fillo vinculeiro dun labrego que por trouleiro ha de abandonar a casa) e Zeuxis, o fillo dun mercader xudeu. Cada un deles irá resolvendo as apostas e os problemas que xorden da mellor maneira, sempre baixo a óptica e calidades de cadaquén. Artur disfrazado e adoptando o papel de escudeiro de Lanzarote.
Volvemos á materia de Bretaña, ao rei Artur neste caso, ao tempo das súas mocidades... cando aínda non era rei.
Unha prosa coidada que nos leva a relatos vellos, a maneiras exquisitas.
No limiar, o autor confesa que o relato é bebedor de materiais orientais (persas, hindús e árabes) e da tradición grecolatina.
Un glosario recolle datos sobre os diferentes personaxes que aparecen na narración.
Un aperitivo para saborear a linguaxe:
“Disque pola estreita corredoira que cruza o bosque sagrado de Tinteol, abeirado de fentos, hedras e recendentes plantas de anís, camiñaba ensumido nos seus moitos pensamentos o mozo Artur, seguindo os curiosos ditados de Merlín Silvestre, disfrazado de vagabundo ou de mendigo. Que como é un disfrace de ...? Ben. Ao non haber demasiados acordos sobre este particular, conveñamos en que, con vestir unhas calzas cheas de remendos e un xibón sen máis adorno que as costuras, xa vai amañado medio asunto; se a iso sumamos a determinación de soltar a trenza”
O autor xa publicou Biff, Bang, Pow!  e A vella quenlla perde os dentes. Conta cos premios Lueiro Rey, Vicente Risco e o García Barros por A vida que nos mata, quedando finalista do Torrente Ballester con Trinta e dous dentes.

No hay comentarios: