26/5/11

LETRAS PARA TODO O ANO

Porque as lecturas arredor do autor das Letras non deben rematar o 17 de maio, queremos lembrar esta obra que chamou a nosa atención.
Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, por
Marcos Calveiro na colección Fóra de Xogo de Xerais.
Calveiro enfróntase á biografía e antoloxía do autor das Letras deste ano, 2011, cunha proposta novidosa e interesante, segundo a presentación editorial “Coma se do falso guión dun filme imaxinario se tratara, esta biografía amosa algunha das escenas de vida do poeta. A súa infancia e adolescencia nese universo que foi para el o seu Monforte natal. Aqueles anos de Loia en Madrid, nos que percorreu os camiños do entusiasmo e da fatalidade. As viaxes europeas na procura de acordes e descubertas. Os últimos días na Coruña. A familia, os amigos, a paixón, a escrita artellan este emocionante relato con agarimo e admiración”
Unha biografía que se completa cunha detallada cronoloxía, un caderno fotográfico e unha antoloxía poética.”
Calveiro non fai unha biografía nin tampouco unha biografía novelada, escribe un guión. Di Calveiro, no limiar que Vida, Poesía e Morte van xunguidas no caso de Pereiro. Morte, sen dúbida, enfermidade.
Calveiro apreixa instantes fuxidíos na memoria daqueles que acompañaron ou poeta mozo, pegadas soltas, a modo de flash-back final que comeza coa avoa e a muller que axudou a crialo arredor da tumba e remata co irmán e
Rivas despois de entregar os papeis para solicitar o Día das Letras para Lois. Polo medio a infancia, a adolescencia, a mocidade, a enfermidade, as viaxes, a morte... un guión que resulta máis real e vívido, tal vez por non pretendelo, que unha biografía.
Unha homenaxe a un cinéfilo. Unha orixinalidade.

No hay comentarios: