8/4/13

DRAGAL, o Harry Potter galego?


Desde Praza:
“(…) Dragal salta ao cinema, ao cómic e aos videoxogos, convértese nun proxecto multimedia de distribución internacional a través de Ficción Producciones. A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo. Cando a Elena Gallego lle preguntan por estas similitudes coas novelas de Harry Potter, ela responde que Rowling “tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia”.
Esa dobre dimensión, local e universal, fantástica pero cunha base real, permitirá que no proxecto se inclúan elementos coma rotas guiadas por Galicia polos “escenarios do dragón”, un proxecto multimedia de xeoposicionamento no que o patrimonio cultural galego terá unha importancia clave, comezando polo propio Códice Calixtino, ou que no videoxogo -un shooter 3D- se inclúan escenarios reais do Camiño de Santiago. E tamén merchandising ou a creación dunha comunidade virtual. (…)”.



5/4/13

A REPRESENTACIÓN GALEGA NOS WHITE RAVENS


A representación galega nos White Ravens deste ano ten relacións cos paxaros.
Trátase de Bandada, o álbum ilustrado que xa se fixera co V PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA PARA ÁLBUMES ILUSTRADOS - 2012.
Unha metáfora sobre a historia da humanidade da autoría de David Daniel Álvarez HernándezMaría Julia Díaz Garrido.
Kalandraka está de noraboa!


4/4/13

CATÁLOGO 2013 DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA


O catálogo 2013 de literatura infantil e xuvenil galega, no que se reseñan todas as publicacións deste ámbito editadas ao longo do ano 2012 acaba de saía á luz para dirixirse cara á feira de Bolonia.
Nel recóllense 144 obras, de corenta editoriais con sipnose en tres linguas (galego, castelán e inglés) e co obxectivo de dar a coñecer a nosa produción nas máis importantes feiras do sector.
Autores e autoras, ilustradores e ilustradoras, editoras... terán así unha fiestra aberta á edición internacional. 
Galician Books for Children & Young Adults 2013

3/4/13

Emilio Urberuaga en Santiago


Emilio Urberuaga, Premio Nacional de Ilustración 2011, aproveita o seu paso por Santiago (como membro do Xurado do VI Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados), para realizar un encontro aberto ao público en xeral. Terá lugar mañán xoves, 4 de abril ás 19 horas, na Galería Sargadelos.
Este ilustrrador, moi recoñocible pola serie de Elvira Lindo,  Manolito Gafotas, ten realizado para Kalandraka as ilustracións de As catro estacións e Discurso do oso.

FINALISTAS DOS PREMIOS DA A.E.L.G.



Entre os finalistas dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega, destacan os de
Literatura Infanto-xuvenil








2/4/13

2 de abril. Día do libro infantil e xuvenil


Este ano, o IBBY escolle as outras culturas dentro dos Estados Unidos de América, para realizar o seu cartel e mensaxe.
A ilustración corre a cargo do afroamericano Ashley Bryan e o texto da descendente de latinos Pat Mora. Un e outra orgullosos das súas orixes, mostrándonos a evolución dunha estética que non nega o pasado senón que o acolle e o desenvolve. 
É a grandeza de aceptarse!  

1/4/13

EDITORIAIS QUE DESAPARECEN

Hai un tempo falabamos da desaparición dun premio de literatura xuvenil en galego. Unha perda!
Agora lembramos que nesta invernía tamén se foi a editorial Espiral Maior. Unha editora especializada en poesía e dirixida polo poeta e dinamizador cultural a todos os niveis Miguel Anxo Fernán - Vello.
Unha odisea! atreverse a publicar só poesía e manterse un tempo. de calquera maneira, cando cae un deste soños, todos perdemos algo dos nosos: a crencia na capacidade de soster estas pequenas utopías ou no compromiso de determinados grupos sociais para apoiar estas pequenas empresas culturais. Quédanos ese desgusto de que non se pode confiar... que ou todos e todas, individualmente ou por biblioteca  nos facemos cargo de protexer estas especies en vías de extinción ou non será moita a diversidade.
Agora podedes atopar os restos dese naufraxio en determinadas librarías ou nos "outlets" de libros.
Foi pena que non editara máis libros dirixidos á infantil!

25/3/13

DÍA DE...


Aínda que non nos gusta facer publicidade directa dunha editorial, agradecemos os recursos que cada unha delas pon á nosa disposición, para poder visibilizar materiais relacionados con determinadas datas do calendario civil e cíclico.
Neste caso, para celebrar o día da auga.

22/3/13

SELECCIÓNS DE LECTURA TEMÁTICA


O Club Kiriko achéganos unha selección de lecturas arredor da diferentes temas.
Unha delas é SER MUJER.
Outra unha referencia ao día da poesía, co sempre poeta Frederick e un grupiño de libros relacionados con este género.
Tamén podemos acceder a un monllo de libros arredor da narración oral ou outras co día do pai como eixe.
Este grupo de librarías, Kiriko, acostuma realizar este tipo de traballos de calidade manifesta. Cumpre estar atentos/as á súas publicacións.

21/3/13

LITERATURA DE RISCO


A novela O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais, acaba de ganar o premio de literatura infantil e xuvenil da AGE (Asociación Galega de Editores)
Unha novela que reflite un problema.
Un problema moi actual.
Unha moza que se refuxia nun amor a distancia, que nace e se mantén grazas a internet e as súas redes.
Mitoloxía e estrelas como punto de unión; o misterio da noite cos astros tan lonxe e tan perto.
Unha relación platónica, na que non hai fallo.
O encontro e desenlace.
Un final duro para unha historia que non fai concesións a Hollywood.
Un relato para ler e falar. Un relato que non deixa indiferente.
Ledicia, volve á novela, despois de Unha estrela no vento que se publicara no 20000, nesta mesma colección. É certo que polo medio participou con Pere Tobaruela, baixo o acrónimo de Pereledi e varios títulos de novela policiaca: Desaparizión, Mortos de Ningures e Letras de xeo, na editoral Everest Galicia.

20/3/13

A NOITE DA EDICIÓN PREMIA A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL




Por fin, se produciu ese cambio cualitativo que moitas agardabamos.
A presenza do libro dirixido á infancia e á xuventude faise presente nunha entrega de premios, acadando unha cotas nunca antes conseguidas.
Era algo que tiña que suceder, porque o contrario sería inxusto e unha maneira de seguir minusvalorándoo.
Cando non se pode negar que a industria editorial galega se mantén grazas aos lectores e lectoras máis novas, que sentido ten seguir ocultando a calidade dos produtos dirixidos a ese tramo de idade?
A contradición é enorme, sobre todo se temos en conta que unha das editoras máis especializadas foi recoñecida co premio do Ministerio á mellor labor editorial.
Pois ben, a noite da edición, otorgou os seus premios de tal maneira que o premio Ánxel Casal ao libro de non ficción foi para Agustín Fernández Paz (un autor de lix) por O rastro que deixamos, O premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado foi para a novela gráfica Cartas de inverno, o premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil foi para O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, o premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo foi para a colección Cociña infantil e familiar de Ouvirmos, o premio Xosé Mª Álvarez Blázquez para Fina Casalderrey (unha autora de lix) e o premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial foi para OQO films. Incluso o premio Ánxel Casal ao libro de poesía e teatro, así como o Lois Tobío ao libro traducido, recaeron na mesma colección dunha editora que se dirixe maioritariamente ao lector infantil e xuvenil.
Estamos de noraboa! 

19/3/13

DE DÍA EN DÍA



Todas as ocasións nos valen para ler, para facernos cun libro; para ir de librarías.
Agora é o día do pai. E OQO faise eco desta data para propornos libros relacionados cos pais.
Tampouco podemos esquecer aquel Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos, publicado por Xerais.

18/3/13

LIBROS INFORMATIVOS

O Carballo, de Calros Silvar, editado por Baía.
Trátase dunha especie rara, entre nós. Non nós referimos á árbore, senón ao libro. Un libro informativo, realizado co coidado e a minuciosidade necesarias para agradar e convencer. Unha obra na que consultar e coñecer todo o relativo ao carballo. Nela recóllese información sobre a importancia desta árbore na nosa historia e cultura, os diferentes tipos, a flora e fauna que vive nas carballeiras, os seus cambios ao longo das estacións do ano, os ditos e refráns relacionados, un glosario e unhas ilustracións hiperrealistas, precisas e fermosas, do mesmo autor.

15/3/13

CIRCO E TÍTERES


Titiricircus é un álbum ilustrado no que colabora a editorial Kalandraka e a compañía de títeres Tanxarina. Conmemoran así, os vintecinco anos da obra que leva este nome, Titiricircus, e as máis dun milleiro de representacións.
Neste libro cóntase a historia de dous traballadores dun cico desaparecido que lembran os éxitos cos seus monicreques: equilibristas, homes dunha fortaleza incrible, encantadores de serpes, malabaristas e outros personaxes van pasando polo recordo e a escena para que os nenos e nenas de todas as épocas volvan a sentir a emoción de presenciar o gran espectáculo do mundo unha e outra vez. Ao tempo, é unha inmersión nas interioridades do teatro desde o proceso de elaboración e pintado dos títeres á posta en escena.
As ilustración correron a cargo do escenógrafo Pablo Giráldez ‘O Pastor’.  


14/3/13

UN FINALISTA DOS PREMIOS DA EDICIÓN QUE SE RETIRA


O valor da dignidade
Recollémolo, da súa páxina Cabrafanada.
Fran Alonso solicitoulle hai dúas semanas á Asociación Galega de Editores a retirada de concurso de «A punta de pistola» dos Premios da Edición, coincidindo co momento en que se fixo pública a composición do xurado dos Premios da Edición, a retirada de concurso da súa novela A punta de pistola, que foi elixida entre as finalistas do Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil. A solicitude do escritor prodúcese pola relación familiar que o une a unha das persoas que a organización nomeou para o xurado. Fran Alonso agradécelle, así mesmo, aos editores/as o apoio á súa novela, o que permitiu que fose finalista.

12/3/13

Aí veñen as LETRAS!





Veñen chegando... as Letras, e con elas os libros relacionados coa figura á que se lle dedican este ano: Roberto Vidal Bolaño.
Por primeira vez un dramaturgo completo. Un home de teatro na creación de grupos, na representación, na dirección, na escrita.
As Obras completas son publicadas por Edicións Positivas, pero tamén é o momento das edicións críticas, dos libros que analizan o seu teatro. Así, van saíndo á luz Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño de Camilo Franco, publicada en Biblos; A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de X. Manuel Fernández Castro e Roberto Vidal Bolaño e o xogo dramático de Afonso Becerra de Becerreá,  publicadas ambas por LaioventoRoberto Vidal Bolaño, unha vida para o teatro de Laura Tato publicado por Toxosoutos e un longo etcétera que irá aparecendo ao longo do ano 2013. 

11/3/13

PREMIOS QUE DESAPARECEN...






Víase vir...
Todo comezara cando unha fundación empezou a facerse publicidade a si mesma en vez de promover os valores culturais do país ao que representaba. Así, os que foran calendarios de pintores galegos que se conservaban en cada casa enmarcados para permanecer máis alá do ano, pasaron a ser publicidade da publicidade con calendarios onde se vían fotos do logo nos paraugas, nas "marquesinas", bancos e demais...
Nesa orde de cousas, foi unha alegría cando se decidiron a promover un premio de literatura xuvenil galega que se publicaría na colección Fóra de xogo. A mala noticia era que en vez de levar ese nome (o da colección) lle puxeron o da propia entidade (burda publicidade, de novo), de tal maneira que cando deixaron de subvencionalo a editora non podía convocalo: como facelo publicitando un nome que non aportaba nada, nesa caso?
É unha mágoa que desapareza un premio, tan necesario.
Un premio con cinco edicións, catro sucesivas e unha bianual (por aquilo de que un ano non se convocou e posteriormente resurxiu por unha soa vez)
Febre de Héctor Carré foi a derradeira obra premiada.

6/3/13

CONTADAS DESDE ATLÁNTICA


Desde onte mesmo, 5 de marzo, ata o 16 deste mes terá lugar en Compostela o Festival Internacional de Narración Oral, ATLÁNTICA.
O festival que ten como obxectivo a posta en valor da narración oral, está promovido polo Pub Atlántico (o berce desta actividade na cidade) e conta con destacados narradores e narradoras desta e aquela ribeira, con representación de Galicia, Arxentina, Brasil, Uruguai, Portugal e Reino Unido.
Unha boa ocasión para tomarlle o pulso á narración, a través das voces de Kiko Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Avelino González, Tim Bowley, Pedro Brandariz, Raquel Queizás, Clara Hadad ou Celso Fernández, escritores como Manuel Rivas, Xabier P. Docampo ou Xurxo Ayán, e bibliotecarias como Blanca Calvo, Mª Luz Fernández ou Carina Fernández.




Finalistas de L.I.X. nos premios da edición









Traemos aquí os finalistas dos premios da edición, na modalidade de literatura infantil e xuvenil, é dicir, finalistas ao Premio Neira Vilas ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil:

Paxaro de Mar e Vento, Tucho Calvo (Biblos)
O corazón de Xúpiter, Ledicia Costas (Xerais)
Titiricircus, Miguel Borines, Tanxarina (Kalandraka)
Carrabuñas, Charlotte Pardi (OQO)
Maria Fumaça, Uxía Senlla (Galaxia)
A punta de pistola, Fran Alonso (Xerais)
Cartas de inverno, Agustín Fernández Paz (Xerais)



5/3/13

Máis música


Magín Blanco acaba de sacar o seu segundo traballo na estela de A nena e o grilo, a través do selo editorial Fol Música.
Trátase dun conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. Un libro de sesenta páxinas, ilustrado por Leandro Lamas e acompañado de actividades creativas e interactivas para que os nenose nenas poidan crear o seu propio libro, acompañado dun Cd. O proxecto vaise presentar o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, onde tamén terá lugar o primeiro concerto o día 9. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Este traballo conta coa colaboración de Uxía, Fran Perez, Guillerme Fernandez, Isaac Palacin ou Segundo Grandío, entre outros.

4/3/13

COCIÑA INFANTIL E FAMILIAR


A editora Ouvirmos acaba de sacar á luz a colección "Cociña infantil e familiar" cos títulos Bocadillos e sándwiches, Sobremesas e Pastas e pizzas.
Cada libro inclúe vinte receitas básicas para animar ás familias a compartir horas na cociña. Un tempo rico en experiencias e moi aproveitable para traballar valores e igualdade.
Unha boa iniciativa a de esta editora que xa nos tiña sorprendido coa calidade das súas edicións sonoras.

1/3/13

Stéphane Hessel e o seu legado

O 27 de febreiro morreu Stéphane Hessel. No cumio dos noventa anos conseguiu que o seu nome fora coñecido por mozos e mozas de todo o mundo. A súa voz chegou a todos a través dun pequeno libro que baixo o título de INDIGNÁDEVOS! aportábanos as reflexións dunha longa vida, rica en experiencias e loita pola democracia e o ben común.
Acompañouno José Luís Sampedro no prólogo da versión en castelán e Manuel Rivas á edición en galego da man de Kalandraka. Xente, tamén de ben.
Foi unha lección, esa derradeira lección do mestre da que falaba Castelao, tendendo a man ás xeracións novas cando semellaba que ninguén se atrevía a facelo ou non tiña o valor moral de enfrontalo. Por iso compre lembralo, a el, a Sábato... e desexarlle longa vida a José Luís Sampedro (outro imprescindible).  
De paso, ter en conta o valor do texto corto e de certas edicións que chegan a moitas mans.

28/2/13

UN GALEGO NA FEIRA DE BOLONIA


De novo, foi seleccionado o ilustrador galego, David Pintor, para presentar os seus traballos na Feira de Bolonia. Neste caso, foi o libro a través do libro Nel bosco della Baba Yaga, unha recompilación de contos tradicionais rusos ilustrados por diferentes ilustradores de todo o mundo, no que Pintor ademais de realizar a portada, ilustra o conto "Il pesciolino d´oro". Esta obra está publicada pola editorial italiana Franco Cosimo Panini.
Pintor xa fora seleccionado para esta feira nos anos 2007, 2010 y 2011
Unha boa plataforma para demostrar o bo facer da ilustracións galega.




27/2/13

LIBROS CON BLOG PROPIO


Así como atopamos blogues de asociacións, hainos de editoriais, de autores/as, e de libros.
Neste caso traemos á páxina o dun libro que acaba de saír á rúa, de autoría de Pere Tobaruela e publicado na colección Fóra de Xogo.  
O libro é O códice do Santo Lugar un novo achegamento a Santiago e a súa historia eclesiástica xa visitada en A cripta do apóstolo. Este o seu blogue.
Tobaruela, nacido en Cataluña, escribe en catalán e en galego, ao levar afincado en Galicia uns anos. Unha experieiica a ter dn conta. Del son outros títulos como Memorias dun can de palleiro, Na cerna da selva...
Gusta der escribir a catro mans e ata o de agora teno feito con Ana Boullón, con Luz Mendez e con Ledicia Costas, asinando ambos como Pereledi, unha serie de novela negra para peques (Desaparizión, Mortos de Ningures, Letras de xeo)

26/2/13

COUSAS DE CRÁNEO



Manel Cráneo traenos un par de publicacións ben interesantes. Unha delas é Cousas de mortos que lembra aquelas outras "cousas" que sempre temos presentes. Estas cousas de Cráneo teñen o seu aquel (chamémoslle filosofía, comprensión dese outro mundo ou creación dunha xeografía propia coas súas maneiras de facer e desfacer, de saberse mortos ou non querer escoitalo, ...). A ninguén deixará indiferente e moit@s recoñecerán ese humor escuro... pero non tanto. Unha obra que non é gótica pero si de mortos, porque así somos nós!
A torre dos mouros é un xacemento arqueolóxico, un ciclo de barferencias, un proxecto, unha inicitaiva de voluntariado, un calendario de visitas guiadas,... un cómic. Se o proxecto arqueolóxico foi unha inicitiva de arqueoloxía pública retransmitida en directo a través das redes, esta banda deseñada ten por obxectivo divulgar os achados e as hipóteses da primeira fase de intervención na fortaleza. Aí o temos, ademais das redes sociais, a banda deseñada facendo pública a imaxinación sobre as prospecións (en rima).
Publicadas por Demo Editorial.