28/7/10

SEGUNDAS ... PARTES

Pouco a pouco van aparecendo as segundas partes de novelas que deixaron bo recordo. Unha delas é O brindo de ouro II. A táboa da hospitalidade, que resulta máis doada de lectura que a primeira e que, ademais neste ano de Novoneyra, nos trae de novo a toponimia, o léxico e o mundo do poeta: “Courel dos altos cumes que ollan de lonxe Eiquí sábese ben o pouco que é un home!” Unha saga propia e situada na serra que nos identifica. A primeira entrega, A Chamada do Brindo, acadara o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil 2004. O seu autor, Xesús Manuel Marcos, mantén un blogue co nome de Abellonenia, un dos escenarios da novela.

27/7/10

O HOME DO TRAXE BRANCO


Con vocación de continuidade, O home do traxe branco, é un libro que pode semellar doutra época todo el, cunhas imaxes espléndidas e unha historia de extraterrestres das que xa case non se oía falar. Unha obra novidosa na que nos gustará adentrarnos, pero aínda máis facelo tamén a través dos debuxos que nos levan a un espazo imaxinativo que semellaba perdido. O autor Herikberto Muela Quessada, pertence a unha familia galega na que abundan os artistas plásticos. Así vai a presentación editorial: "Nun caloroso día de verán prodúcese un grande incendio nun bosque de Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que dá a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun estraño animal. ¿Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde vén e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. Esta é a historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul."

8/7/10

VIAXES DUN CAN DE PALLEIRO

Viaxes dun can de palleiro de Pere Tobaruela, publicado por Sotelo Blanco na colección xuvenil para rapaces e rapazas de 12 anos en diante. En primeira persoa preséntasenos “Eu son un can de palleiro, un can de aldea. Coma quen di, un ninguén. O meu nome non importa. O realmente importante desta historia é a historia mesma. Unha aventura popularmente coñecida como A Odisea.” Este comezo, homenaxe a Balbino a as súas Memorias dun neno labrego, xa nos sitúa no reescritura dun vello relato que anda entre nós desde os tempos antigos. Pero agora, cambiámoslle a voz -é un can quen nos conta- e o lugar -xa non damos voltas querendo volver a Itaca senón que temos a casa no Barbanza. Todo nos é próximo: o Olimpo está no Courel.

5/7/10

Novo autor para o Día das Letras Galegas

Lois Pereiro será o autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2011.
Un autor iconoclasta, representante da contracultura; poeta punk para algúns e poeta bisturí para outros.
Poeta cun bo epitafio:
"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria"
Tal como di o escritor Manuel Rivas, esta é unha valente decisión da Real Academia Galega. Agora esperamos unha valente e responsable intervención do profesorado e de toda a sociedade no seu conxunto. Haberá que demostrar que a cultura galega está suficientemente madura como para asumir todas as formas de expresión e todas as maneiras de enfrontar a vida, sen prexuízos nin falsas modas, sendo consecuente no que dicimos e o que facemos...
Leamos a súa poesía, busquemos os seus poemas nas antoloxías como a de Fran Alonso Poetízate, e incluso aproveitemos para ler as crónicas do irmán, X. Manuel Pereiro, unha voz chea de intelixencia e humor no panorama actual.

24/6/10

O CORAZÓN DO XASTRE

Álbum da factoría OQO, ilustrado por Cecilia Varela e escrito por Txabi Arnal.
Despois dunha vida facendo traxes luxosos en palacio, o vello xastre sente un baleiro enorme no peito, como se o seu corazón non latera. Por iso, silenciosamente se vai unha mañá mentres todos durmen despois dunha noite de festa.

Percorre os puntos cardinais e vai atopando, nese camiño, xentes que necesitan dos demais: rapaces e mulleres que non teñen calzado, vilas a punto de anegarse, aldeas en guerra, mercaderes que perden a senda de volta á casa na noite, rapaces que se aburren porque o vento lles leva os xoguetes, lugareños que deben fuxir ante o risco da erpcuión dun volcán... e a todos eles axudará o xastre, coas súas agullas e fío, facendo mocasíns, cosendo as marxzes do río e facendo pontes colgantes de fíos, pechando cos costuras as bocas das armas, recortando e atando no ceo estrelas que alumbren a noite, cosendo papaventos ou as ás dunha bolboreta ferida...

A cada un destes lugares ía atando un nobelo "Se un día decidía regresar, o fío indicaríalle o camiño" .

O seu corazón latía.

Pero tal vez non haxa retorno... tal vez deba utilizar ese fío para despedirse...

23/6/10

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS




O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro obtivo o premio Lazarillo 2009.

Unha historia que se sitúa nos últimos anos de Vincent Van Gogh.

Protagonizado por un adolescente convertido en narrador que acompaña ao pintor nos días de Auvers.

Dous seres atormentados que camiñan ao par con encontros e desencontros.

Os lenzos van aparecendo como espello nos que mirarse e mirar ao pintor de malvas e amarelos, ás xentes e paisaxes desa vila que asiste atónita á xenialidade mesturada co desequilibrio.

Un muchacho que medra na comprensión da vida a base de golpes e dor. A descuberta do amor e da morte. E a aprendizaxe da loita polo futuro: "(...) Eu tamén tiña que coller ese tren, tiña que marchar de Auvers para sempre..."

Un libro máis para o autor que está a recoller a meirande parte dos premios da literatura infantil e xuvenil escrita en galego, o último deles, o premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña.

4/6/10

INFORMA ...






Informa Kalandraka que catro dos seus libros foron seleccionados entre os máis destacados da literatura infantil e xuvenil internacional do ano 2010 polo xurado “Mellores Libros para Nenos e Mozos 2010” do Banco do Libro de Venezuela. Este premio que vai pola trixésima edición ven sendo un dos máis importantes do sector no ámbito de fala hispana e recoñece, neste caso… A viaxe do bisavó de Marta Farias e Aitana Carrasco (premio “obra orixinal”) Discurso del oso de Julio Cortázar e Emilio Urberuaga (premio “obra orixinal”) editado en galego, portugués e italiano por Kalandraka e en castelán por Libros del zorro rojo e Tecolote Estás na Lúa de Carmen Montalbán e Pilar Millán (libro entrañable) Lágrimas de cocodrilo de André François do selo Factoría K (mención “rescate editorial”) A historia do Rainbow Warrior de Rocío Martínez foi incluído na selección “Los tres imprescindibles de la biblioteca”.

1/6/10

«O armiño dorme», de Neira Cruz, obtén o premio ao mellor libro xuvenil do 2009 publicado no Brasil


Recollido en La Voz de Galicia do 31 de maio.

A novela O armiño dorme do escritor compostelán Xosé Antonio Neira Cruz ven de recibir o premio FNLIJ a o mellor libro xuvenil traducido e publicado no 2009, un galardón que se concede anualmente pola Fundaçao Nacional do Livro Infantil e Juvenil de Brasil seguindo o xuízo da crítica especializada brasileira.

Este prestixioso premio (equivalente aos premios nacionais aos mellores libros do ano) recoñece, por primeira vez, a unha obra da literatura galega.

Lembramos que O armiño dorme, publicado por Galaxia, xa acadara o premio Raíña Lupa da Deputación de A Coruña no 2002, e forma parte da lista dos White Raven a súa versión en catalán está incluída na Lista de Honra do IBBY e a versión castelá foi considerada polo Banco do Libro de Venezuela como un dos dez mellores libros xuvenís do mundo no 2008.

Un luxo para a literatura xuvenil galega!

31/5/10

AS SERPES CEGAS


As serpes cegas Con guión de Felipe Hernández Cava e debuxos de Bartolomé Seguí. Un cómic publicado por BD Banda en galego e castelán, e pola editorial Dargaud en francés. Unha verdadeira coedición galego francesa.
Ambientado na España da guerra civil e no Nova York da época, retrata o compromiso da esquerda internacional coa república española nun ambiente militante ao tempo que tinguido de novela negra con dobre espionaxe e traizón. Unha magnífica historia na que atopar a inocencia e o idealismo ao lado dos intereses máis escuros. Un relato de grandes personaxes.

Vexamos algún adianto...

28/5/10


Os amigos de Archiboldo Roque é o nome do blogue do autor destas historias: Jacobo Fernández Serrano.
Os amigos de Archiboldo Roque, era a tira que se publicaba periodicamente en Golfiño, aquela revista de banda deseñada para pequenos e pequenas que dirixira Miguel Vázquez Freire cun loable empeño.
Posteriormente foron recollidas no álbum do mesmo nome publicado por factoría K, na colección BD Banda, con moito acerto, ao tratarse dun material cheo de imaxinación e orixinalidade. O surrealismo campando polas follas e recollendo a posibilidade de que calquera obxecto, ser ou anaco pode ser protagonista; para entendelo só temos que ler a frase que encabeza cada historia “Na terra hai moita xente e cada un é cada un”, frase que se fai presente, tamén, no último premio Merlín Mil cousas poden pasar, que bebe do mesmo imaxinario, deses mundos imposibles nos que semella crer Jacobo Fernández Serrano.
Xuntar lecturas, pasear por autores e abrirse a novos campos. Niso andamos.

18/5/10

AS LETRAS DESPOIS DAS LETRAS


Porque non é só un día senón o ano, todo.

Porque o Día das Letras é unha porta de entrada, non de saída.

Porque nunca nos fartaremos de ler a Novoneyra...


Coma se tiveses a unha nena que xa é rapaza ao carón e quixeras contarlle a vida e obra do poeta, coma se te foras estendendo, explicando o que vai aparecendo e debullas un anaco da historia do país... así Fran Alonso se adentra na biografía de Novoneyra para dar razón do pasado e que se entenda o presente, e vai ofrecendo as súas palabras para que se disfruten e se pensen.

Unha homenaxe ao poeta e unha mostra de respecto pola rapazada á que considera capaz de comprender todo ou case todo.

Leamos:

"A poesía de Uxío Novoneyra cae donda e manseliña sobre o papel. Cae imperceptiblemente, cae amodo, de vagar, cae case coma se non caese, enchoupando a folla de palabras sen que se note, sen que se advirta. A poesía de Uxío Novoneyra cae docemente sobre o papel, pero ao caer amárrase a el con esas raiceiras profundas e vitais coas que foi escrita. As palabras de Novoneyra esvaran polo papel coma a neve suave da serra, esa neve que cae, folerpa a folerpa, falopiña a falopiña, "e nin o vento a arremuíña nin a auga a desfai".

10/5/10

NOVAS DE LITERATURA



Un escritor que se despide, onde tal se veu? Suso de Toro, o autor de novelas xuvenís como A sombra cazadora (coa que se botou a andar o buque insignia da literatura xuvenil, a colección Fóra de xogo de Xerais), Conta saldada ou Morgún.
O autor que recibiu premios como o da Crítica de Galicia e Española, o Blanco Amor ou o premio Nacional de Narrativa quere deixar a literatura e volver ás aulas. “Un dos escritores con mellor pulso e dos intelectuais con máis criterio” en palabras de Xabier R. Blanco. Un escritor con obra traducida a varios idiomas e recoñecido por universidades estranxeiras, volve ás aulas. Así nolo conta no seu blogue.

3/5/10

VERDADES DE PLASTILINA, novo Lagarto Pintado




Nestas datas, arredor do Día do Libro, acostuman saír á luz novas entregas da Colección Lagarto Pintado.

Neste 2010, unha delas leva o nome de Verdades de plastilina e recolle textos de Yolanda Castaño, Jacobo Fernández, Charo Pita e Xavier Queipo. Todos eles adobados co pincel de David Pintor

Recollemos un pequeno fragmento do relato de Queipo, un texto magnífico que nos reconforta e nos fai pensar no valor da literatura.


"Estaba no bordo do leito. Abrín os ollos e fun pasando así un a un os obxectos que había naquela caixa que eu gardase cando neno. A area transportoume a un deserto imaxinario, camiño da China, onde un día me levasen as lecturas das aventuras de marco Polo. O tacto frío dunha bóla de aceiro fixo que recorrese dacabalo as estepas de Siberia como correo do Zar de todas as Rusias, ata que me queimaron os ollos e fiquei "xa para sempre" cego. Un anaco de madeira atopado andando as crebas na praia de Carnota levoume a navegar camiño das Indias, a sucar os mares do Sur ata cruzar o Cabo da Boa esperanza e partir logo na rota das Illas das especias, alí houben confrontar os tigres comedores de homes e os piratas máis feros, aos que con mañas elegantes arrebatei o tesouro que tiñan agochado nunha illa de coral. Xa logo apreixei na man as penas de ouriolo e de bubela e abrindo os ollos puiden ver que estaba montado nun cisne percorrendo toda Suecia dende o alto, voando por riba de lagos e forestas, outeando o horizonte camiño do Polo Ártico. Entretívenme con morsas e osos brancos, vin combater narvais co seu corno en espiral, vin paspallás de plumas brancas e golfiños barbados. Agora tiña frío e daquela, pensando no caloriño do sol, entrei nun saloom dun pobo de kansas. Fóra había indios pacíficos e con eles cabalguei co rostro pintado de cores e tocado de plumas, percorrendo as chairas na caza dos búfalos."

29/4/10

ADIANTOS


Bajo la sombra de las piedras flotantes” é a primeira novela gráfica que escribirá Kiko da Silva e farao coa axuda da Fundación Arte y Derecho e Vegap que promove o premio a proxecto de cómic. Tal como se di na noticia xornalística, Kiko ten reunido toda a documentación empregada, na realización deste cómic, no blogue http://alotroladodelmuro.blogspot.com/ O creador de Fiz é un artista completo que tanto fai humor gráfico como banda deseñada, tamén creador de editoras e revistas de banda deseñada e humor. Parabén e boa obra!

26/4/10

Dúas novidades para un mesmo tema


Que pasa cando non nos gusta o noso físico? Que podemos facer para cambiar a imaxe? Ou que é o que debemos cambiar?
Estas e outras preguntas bulen no caletre cando lemos os últimos libros de OQO
Nariz de ouro e Ranilda.
O primeiro, escrito e ilustrado por Raquel Saiz e Juliana Bollini, trata dun problema de nariz, unha nariz enorme como a de Cirano de Bergerac e un neno que está farto de cargar con ela, de que todos se rían nas súas narices e das súas narices... A nai que lle le un conto, e cal ha de ser? Si, tod@s pensamos no mesmo, no parruliño feo. En base a ese conto Eduardo terá que soñar e pensar... ata dar co mellor final.
O segundo, de Mar Pavón e Choé Rémiat, ten como protagonista unha rá que busca quen a bique para converterse en princesa. Fai o percorrido que corresponde; pedindo, rogando e castigando a quen non lle presta axuda, ata que é ela quen bica a alguén que sufrirá unha transformación. Un final inesperado coincidindo cunha inocentada. E, coma sempre o valor dos bicos e da demostración dos afectos.
Para aprender a vivir co corpo, para aprender a querer a imaxe que reflectimos nos espellos... un par de contos que, sobre todo, nos dará gusto ler.

22/4/10

PREMIO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA


O pasado sábado tivo lugar a entrega dos premios da AELG Os finalistas que obtaban ao premio nesta modalidade eran: Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix) Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos Valados, de Agustín Fernández Paz E... o ganador Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz De XornalGalicia.com recollemos o seguinte comentario: "Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta. Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da prota-gonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes."

14/4/10

CAMA E CONTO

De que pode tratar un libro con este título? De que pode falar alguén como Gonzalo Moure nunha obra dedicada a “Ballobar, capital dos contos”? Ide catando… “Ti, mamá, abrías un libro, aínda teño esa imaxe gravada, o momento máxico en que abrías o libro e gargarexabas un chisco. Eu pechaba os ollos e abría os oídos, en canto escoltaba a túa carraspeira. Comezabas a ler e metíame no conto aos poucos, como no mar no verán á hora da sesta. (...) O que me contabas, ao comezo, non eran máis ca palabras. Pero as túas palabras ían esvaecéndose e no seu lugar aparecían as imaxes. ¿E os sons? Poucas veces había sons, pero imaxes, sempre. E vaia imaxes. De xente, de fragas."

12/4/10

MÁIS NOVAS DE LIBROS


A obra A familia de Pep Bruno e Mariona Cabassa é a gañadora do III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Este libro publicarase en galego, castelán, catalán, euskera e portugués.

Un galardón que xa vai pola terceira edición e que convoca a editorial Kalandraka e o concello de Santiago.

O fallo do certame inicia a campaña de Animación á Lectura co lema "Un gran soño" que organiza esta editorial xunto co Departamento de Educación deste concello e que se desenvolverá ata o 22 de maio con sesións de contos e música, visitas guiadas ás exposicións, obradoiros de escrita e ilustración, actividades formativas para profesorado, charlas para familias e encontros con diferentes creadores/as.

7/4/10

NOVAS DE LIBRO (bis)



Un novo premio para o libro galego.

O león Kandinga de Boni Ofogo e Elisa Arguilé, editado por Kalandraka foi un dos gañadores da 2ª edición do Concurso Internacional CJ Pictore Book Awards na categoría de Novas Publicacións.

Neste apartado competían 635 libros de 39 países.

A organización do certame vén de participar na feira do Libro Internacional de Boloña, cun stand no que amosaba as obras premiadas.

6/4/10

NOVAS DE LIBRO

Na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, nº 9 en Santiago de Compostela) pódese ver a exposición das viñetas "Aventura no Camiño" da autoría de Primitivo Marcos. Os paneis achegan as diferentes fases do traballo de banda deseñada. Unha boa ocasión para visitar a Torrente. Unha oportunidade estupenda para ver unha exposición sobre un libro. Un motivo para ler. Unha porta de entrada a un libro. Un libro sobre o Camiño de Santiago...

5/4/10

BD BANDA, revista de banda deseñada


BD BANDA revista de banda deseñada publicada pola asociación do mesmo nome, BD Banda. Outro proxecto no que atopamos a Kiko Dasilva, ese ilustrador, cartelista, autor de banda deseñada e de humor, que tamén sacou á luz Retranca (a revista mensual de humor galego). Proxectos, empeños, esforzos… por manter vivas unhas publicacións que funcionan como fiestras mostrando camiños non trillados e que só resisten cando atopan un público lector que as sostén. Algunha responsabilidade teremos, non? Algúns e algunhas de nós seguiremos recoñecendo o traballo doutras publicacións anteriores como Golfiño e recoñecendo o traballo de quen as promoveu como Miguel Vázquez Freire. Falar de BD Banda é falar dunha serie de creadores que achegan as súas series como Jacobo Fernández con “Animais Pantasmas”, Javier Olivares con “As novas aventuras de Astro”, Jorge García e David Rubín con “Zemo”, as tiras de Raúl Ariño, Albert Monteys, Alberto Guitián, Miguel Robledo, … entrevistas e artigos ou capítulos de obras.

24/3/10

TEATRO TEATRO TEATRO








































































































O próximo 27 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro, dentro do calendario do Libro e da Lectura.
Un xénero con dúas vertentes (ler e mirar, ser lector ou espectador, publicar e representar) e múltiples axentes (que van desde a autora ou autor ao tramoia). Pero ás veces ter tanto non é o que máis presta e así podemos constatar que nin se le moito teatro nin se acude demasiado ás salas onde se representa.

Aínda así, sabemos que todo ha de cambiar se nos empeñamos en facelo visible.
Agora, lembramos outras entradas deste blogue (para presentar premios como O punto da escarola, novidades como Restaurante Farruco ou aquela outra titulada "O teatro tamén se le") e introducimos algún que outro título que nos fascina.

18/3/10

POESÍA. Para facer boca.














Poesía necesaria, como escribía Celaya e titula García Teijeiro.
Poesía para todos os días, aínda que o 21 de marzo a fagamos protagonista das nosas lecturas.
Poesía para todas as idades, para todas as personalidades, para todos os estados.
Poesía imprescindible na música, no recitado, nas lecturas públicas e privadas.
E para facer boca... ter sempre presentes as antoloxías, as seleccións poéticas, as ocasións nas que abrimos un libro e catamos un poema. As antoloxías permíteno: atopar varias voces e escoller as que nos "tocan" para seguir buscando eses libros e eses autores /as.
Para mostra algún botón:
Os nosos versos de Antonio García Teijeiro en Anaya
O libro dos cen poemas de Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez
Poetízate de Fran Alonso
...

15/3/10

De libros e bookcrossing

A paixón de Alexandra, escrita por Xulio Ricardo Trigo e traducida por Eva Lozano. O autor (tamén artista plástico) é galego pero vive en Cataluña desde o 65; escribe en catalán literatura xuvenil, poesía e narrativa para adultos. Podemos seguir o seu diario persoal na rede El violinista celest.


Esta obra, publicada na colección Fóra de xogo, é unha novela de mulleres, de mozas de orixe estranxeiro que se atopan nun instituto de Barcelona, comparten experiencias e móvense polo mundo da música e a literatura, ao tempo que maduran e queiman etapas. Lemos: “(...) -É unha páxina especial para solitarias coma ti e mais coma min. Entraches algunha vez en Bookcrossing? Ou, mellor dito –di rindo-, sabes que é, o bookcrossing? Sei inglés dabondo como para adiviñalo, pero dígolle que e soa a “libro” máis un xerundio. Ela constrúe un neoloxismo con acento arxentino... -Un xerundio? Si: “libreando”, non é? -Pero crossing quere dicir paso ou cruzamento –dígolle facendo a sabia-. Podería ser: “pasando os libros”. -Regio! Sos toda unha anglófila vos!. (...) Na pantalla aparece a páxina principal de bookcrossing-spain.com e a discusión sobre a arxentinidade queda pendente. A miña amiga procura rapidamente a páxina catal´qa e entra no foro onde hai mensaxes de todo tipo. -Hai outra acepción de bookcrossing que sería algo así como liberar ou deixar á súa sorte. Pero os membros do bookcrossing tentamos que as liberacións sexan un chisco controladas. Deixamos os libros en algures e facemos unha ficha na páxina; despois tentamos seguirlles a pista. -É dicir que intercambiades libros. (...)"

12/3/10

MIGUEL DELIBES


Hoxe queremos traer á rede de lecturas un dos libros de Delibes: Tres pájaros de cuenta. Unha vez, alguén nos contou que con ese libro conseguira entusiasmar a toda unha aula de 5º (daquela EXB). Un bo día a profesora leulles un capítulo, e xornada a xornada tivo que ir completando esas lecturas ata dar remate á historia, tal como lle foron pedindo e tal como ela ía retrasando ese final. Pero non rematou aí a experiencia, unha nai preguntou ao cabo duns días por outros libros semellantes a ese pois quería facerlle un agasallo ao fillo que non parara de falarlle del día a día. Noutra ocasión, un pai comentoulle como tivera que colaborar coa filla formando unha colección de cromos de natureza. No quiosco faláronlle dos rapaces que seguían unha publicación, tamén relacionada co tema. A profesora segue a contalo: a mellor experiencia de fomento da lectura, unha revolución!

Así funcionan os bos libros, os bos autores e as boas profesoras que se emocionan e contaxian ese entusiasmo ao seu alumnado. Pode ser un bo momento para recuperar estes relatos pegados á natureza e lembrar a este autor con orgullo de campo e terra. De paso, podemos reler, retomar... as obras deste autor que nos emocionou moitas máis de Cinco horas horas con Mario ou entender mellor cando tiñamos a man El príncipe destronado...

11/3/10

SOPA DE NADA



A modo de antiga receita, o autor recolle un conto popular e realiza unha versión, reelaborándoo para conseguir esa Sopa de nada cos ingredientes engadidos dun anaco de humor e unha chisca de valores morais relacionados coa necesidade de combater a usura e a falta de solidariedade.
Unha verdadeira fábula coa que se aborda a problemática creada polas grandes diferenzas económicas, ao tempo que se propón unha maneira de solucionala a base de enxeño e imaxinación.
A necesidade de compartir e ser solidarios fronte ao egoísmo preparado á maneira dun conto acumulativo. A imaxe simbólica dos personaxes tal e como se nos transmitiu desde vello no que os raposos son astutos, os gatos intelixentes, os cans fieis e os ratos... que serán os ratos?
Pensemos, mentres gozamos dos textos de Darabuc e das ilustracións de Rashin Kheiriyeh nesta novidade da colección O de OQO