18/5/10

AS LETRAS DESPOIS DAS LETRAS


Porque non é só un día senón o ano, todo.

Porque o Día das Letras é unha porta de entrada, non de saída.

Porque nunca nos fartaremos de ler a Novoneyra...


Coma se tiveses a unha nena que xa é rapaza ao carón e quixeras contarlle a vida e obra do poeta, coma se te foras estendendo, explicando o que vai aparecendo e debullas un anaco da historia do país... así Fran Alonso se adentra na biografía de Novoneyra para dar razón do pasado e que se entenda o presente, e vai ofrecendo as súas palabras para que se disfruten e se pensen.

Unha homenaxe ao poeta e unha mostra de respecto pola rapazada á que considera capaz de comprender todo ou case todo.

Leamos:

"A poesía de Uxío Novoneyra cae donda e manseliña sobre o papel. Cae imperceptiblemente, cae amodo, de vagar, cae case coma se non caese, enchoupando a folla de palabras sen que se note, sen que se advirta. A poesía de Uxío Novoneyra cae docemente sobre o papel, pero ao caer amárrase a el con esas raiceiras profundas e vitais coas que foi escrita. As palabras de Novoneyra esvaran polo papel coma a neve suave da serra, esa neve que cae, folerpa a folerpa, falopiña a falopiña, "e nin o vento a arremuíña nin a auga a desfai".

No hay comentarios: