17/3/11

Libro con referencias


Amar unha serea de X. H. Rivadulla Corcón con ilustracións de Antonio Seijas, publicado na colección Árbore de Galaxia. Comeza coa cita de Novoneyra “Ser poeta é ser verdadeiro” En primeira persoa nárrase a historia de Varucho, un neno de oito anos, fillo de mariñeiro, que vive en Muxía e se namora dunha serea o primeiro día de escola. A serea é unha nena que vai en cadeira de rodas, chámase Almudena e acaba de chegar da Coruña. O neno ha de ir axustando a súa relación con esta nena, cometendo erros e avances no tratamento coa diferenza. Farao coa axuda da irmá, pero especialmente dun vello amigo do seu avó que traballa no cine do pobo, o Pulgas, e tamén da señora Dans que fai a limpeza no cole. Un mundo real no que personaxes soñadores e románticos loitan por sobrevivir, como pode observarse nesa caixa de galletas na que o Pulga garda os seus tesouros: Os Eidos asinado polo autor, unha foto con Díaz Pardo, un debuxo asinado por un Luís –que pode ser Seoane-... Unha serie de referencias, colocan a obra nun contexto real, engadíndolle a valoración da cultura actual a través de libros como Profecía do mar de Bernardino Graña ou Abracadabras de Marica Campo ou da visita do poeta Isidro Novo. Unha serea convértese na metáfora dunha rapaza en cadeira de rodas, e a minusvalía transfórmase en orixinalidade. Algo a ter en conta!

No hay comentarios: