11/10/11

NOVELA GRÁFICA EN GALEGO





Cabana de Balieiros de Tokio.

Unha novela gráfica que conta unha historia de intriga ambientada na Costa da Morte, nunha vila dedicada á caza de baleas, en pleno século XIX. Nesta obra atopamos referencias a feitos históricos como o naufraxio do buque Serpent perto do cabo Vilán.


Tokio sorpréndenos con este cómic editado por Demo Editora.

7/10/11

REVISTA DE BANDA DESEÑADA INFANTIL



Recollemos do blogue de Kiko sa Silva
"Fiz, unha revista para iniciar aos nenos no cómic, aproveitando o éxito e a estrutura de Retranca. Poderase ver no Salón de Barcelona e sairá en galego e en español.
Será unha revista bimestral que sairá en quioscos, en galego en Galicia e en español para o resto de España. Un proxecto sen subvencións, outra vez. A revista chámase FIZ, a revista do neno máis porco do mundo. A idea é aproveitar o éxito do personaxe para entrar na casa dos rapaces sen ter que acudir aos personaxes das series de TV. Sei que a experiencia errada de Míster K está recente (Aínda que eu asinaría xa por poder chegar a sacar todos os números que se editaron de ela!!). Pero creo que debemos de tentar recuperar o mercado dos nenos no cómic español, que o temos descoidado, e que quizais a experiencia en quioscos de Retranca axude a atraer novos lectores aos quioscos.
Trátase de facer unha revista pensada para os nenos, politicamente incorrecta, de historietas feitas por autores españois e sobre todo tentando entreter. Cadro de persoal de luxo: Mel, Monteys, Fernando Iglesias (Kohell), Ed Carosia & Diego Arandojo, un relato de Manuel Lourenzo ilustrado por Víctor Rivas, Jali, José Domingo, Alex Fuentes & Busquet, Vergara & Olivares, Jorge García & Sagar e eu mesmo".


5/10/11

NOVIDADES. A partir de oito anos.

Unha de OQO na colección Q.
Unha historia de medo (agora que se achega o
Samaín e defuntos) salpresada de humor para tratar o sempre negro tema da morte. Pablo Albo é o autor deste relato no que os zombis se mesturan con personaxes ao estilo do frautista de Hamelín que levaba con el aquelo que molestaba ou con lembranzas de experiencias como as das vacas tolas. O que tal fai unha alimentación inadecuada!
A irreverencia comeza co nome da vila, Matamala, onde teñen lugar os sucesos, para continuar coa escolla dos protagonistas: un grupo de galiñas que á súa vez comeron o millo afectado polo primeiro raio da lúa chea en noite de defuntos; a partir de aí unha historia de zombis imposibles de matar ou morrer, por moitos anacos que fagas dos polos, noite plenas de loucura con polos fragmentarios correndo polos camiños e con eles que tiveron a desdita de comelos á súa vez... Observando a situación os humanos: o dono das mazurcas que as vendeu, o gandeiro que llas dá aos pitos, o empregado da carnicería, o crego, ... e outros.
Mikel Mardones, desde as ilustracións, completando o relato e introducindo outras asociacións moi ao caso. como ese Frankestein que semella drogarse, esa aldea que é unha das nosas e case a recoñecemos con nome propio... nunhas imaxes de gran riqueza que non esqueceremos.
O ano que os pitos perderon a cabeza será inesquecible, sen dúbida.

4/10/11

E ... MÁIS




Dous libros, dúas traducións na colección de Arte de FAKTORÍA K. O de Picasso (Guernica) do que xa falamos e este outro de Velázquez, As Meninas. Un cadro que permite moitas miradas, moitas ópticas desde a que miralo.
Como no caso anterior, trátase de obras de
Claire D’Harcourt, que combinan equilibradamente texto e imaxe, que analizan detalles artísticos do lenzo, desde a técnica pictórica ata o tratamento da luz ou os planos visuais. Tamén achegan datos sobre o contexto histórico e a biografía do pintor. Coidadas edicións, incluso con superficies barnizadas, que se completan cunha lámina desplegable da obra.
Trátase de entrar no cadro e ir pasando duns a outros personaxes e con eles na época e na sociedade dese tempo, atoparse co autor ou coa parella que se adianta desde o fondo do espello. Non se trata dun retrato ou unha imaxe de grupo posando, senón de recoller unha escea chea de complexidades.

3/10/11

ALGUNHA TRADUCIÓN MÁIS



Rinoceronte, a editora do Morrazo especializada en tradución, entra no campo da novela gráfica ao presentar Persépole de Marjane Satrapi. Desta maneira, completaría a oferta de banda deseñada en galego que está aparecendo da man de Xerais, BDBanda e El Patito Editorial.
Persépole é obra autobiográfica na que esta autora nos conta o seu pasado a partir do ano 1979, cando Marjane ten dez anos e é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do sha de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica.
Deben agradecerse os esforzos pola tradución e a edición de obras actuais e de boa recepción entre o mocidade, e a maneira de facelo é mercándoas para facer posible que estas empresas continúen editando. No caso que nos ocupa, fálase -na nova de prensa- do proxecto de continuar a colección con Palestina e Safe Area Goraz de de Joe Sacco e o clásico que dou nome ao movemento da Novela Gráfica: Contrato con Deus de Will Eisner.

30/9/11

ALGUNHA TRADUCIÓN

Moito hai que agradecer ás editoriais que, ademais de publicar os libros de calidade que se escriben en galego, promova as traducións de libros escritos noutras linguas. Faino Galaxia con moito empeño, e na súa colección Costa Oeste contamos cun bo lote de obras verquidas á nosa lingua. Eles posibilitan que podamos ler o mundo desde nós.
Pois ben, hoxe traemos aquí Tardes con Margueritte de Marie - Sabine Roger, en tradución de María González González. Trátase dun libro que xa conta con película, na que -ademais- interveñan grandes actores e actrices. Será un pracer lelo e vela para aqueles que aínda non o fixestes.
Agora, queremos recoller un anaco que ven moi a conto.
"(...) Pero o caso é que ela estaba seria. Explicoume que a ler se empeza escoitando. Eu pensaría máis ben que se empeza lendo. Pero díxome: "Non, non, Germain, non pense iso!, para conseguir que lles guste a lectura aos pequenos, cómpre lerlles en voz alta". E engadiu que se iso se fai ben, máis adiante, vólvense dependentes, porque é coma uha droga. Despois, segundo van medrando, precisan libros. Resultoume estraño, pero, pensándoo ben, pareceume que non era ningunha parvada. Se me lesen contos sendo un cativo, pode que metese máis a miúdo o nariz nos libros, no canto de facer parvalladas, simplemente por aburrimento."

22/9/11

LIBROS DE ARTE

Un cadro de Picasso, con texto de Claire D´Harcourt (autor de obras como "Los teatros del mundo" ou "Mirar con lupa"), concepto gráfico de Loïc Le Gall e tradución do francés de Pedro A. Almeida, publicado por factoría K.


Guernica é o nome dunha cidade. Pero Guernica xa é algo máis, vai ligada a unha árbore, a un bombardeo e especialmente a un cadro. Deste cadro, trata tamén este libro.


Un libro de museo, para ler e ver, para mirar de maneira demorada e comprender un cadro. Moi ben escollida a obra, con toda a súa complexidade para mostrar e facerse entender. Con todas as axudas necesarias para clarificar o cadro ao completo e cada unha das súas partes.


Di Picasso: "No, la pintura no está hecha para decorar habitaciones; es un instrumento de guerra ofensiva y defensiva contra el enemigo" e, en base a esta explicación, preséntase a obra, unha obra cun nome (o dun pobo bombardeado) e cunha historia (non debía vir a España ata que se instaurara a democracia neste país).


O Guernica quería lembrar para sempre a barbarie da guerra sobre a sociedade civil e quería facelo enfrontando bombas a pinceis.
Utilizando só o branco, o gris e o negro e unha serie de imaxes que se converten en símbolos para expresar o horror, pero tamén a esperanza na bondade de homes e mulleres, e nun futuro mellor.



O libro inclúe un cartel despragable coa obra enteira, a biografía do autor e a explicación do cadro en base a doce detalles do lenzo. Un fermoso libro de arte e para entender a arte e a historia.

19/9/11

Unha de detectives




Novela negra, historia de investigación... unha novela para os máis novos. Nela cóntase o caso dos mortos de Ningures, uns cadáveres con sangue verde.
Porque hai un Todures, un Ningures e un Algures. Uns nomes que din moito e detrás dos que se agachan prexuízos e realidades. Cando os mortos son ningurenses, pode que alguén os considere menos dignos de investigación, pero hai unha inspectora que non se deixa levar polo que lle din e se pon a buscar toda a información necesaria para descubrir que hai detrás deses mortos. Nola ou Manola, co seu gato Lolo no sidecar da moto, vai ser unha nova icona desa literatura negra que tantos adeptos está a atopar. Por outra banda está a familia, a vida persoal... pero xa sabemos o que pasa con estas mulleres que se toman moi en serio o seu traballo ...que o fan ben e conseguen chegar ao miolo do problema.
Unha historia (que pode ter continuidade con novos casos) escrita a dúas mans por Pere Tobaruela e Ledicia Costas con ilustracións de Andrés Meixide, está publicada na colección Punto de Encontro da Editorial Everest.

16/9/11

ANTOLOXÍA POÉTICA




Poemas no faiado. Antologia de poesia lusófona para crianças é o título desta selección de poemas de autores de lingua galega ou portuguesa, na que se ao lado dos poemas galegos atopamos os portugueses, brasileiros, angolanos, de San Tomé, Cabo Verde, Guinea Bissao, Timor Leste ou Mozambique. Versos da lusofonía para moverse á beira desa música que tamén anda a darse a man.
A recompilación está realizada por Gemma Fernández e José Serén e publicado por Através Editora.
Explícase, na presentación editorial, que en Galicia o faiado é ese local onde se arromban as cousas menos cotiás e que sempre agacha un monte de tesouros. Eses tesouros son os poemas para pequenos e pequenas que nacen da tradición popular ou das mans dos autores e autores que os escribiron ao longo do tempo.
Os poemas aparecen distribuídos en dous grandes apartados "Prateira de baixo", para os máis pequenos, que inclúe "A caixa dos espellos", "A caixa dos sons", "A caixa dos círculos", A caixa dos cadeados", "A caixa dos xogos", "A caixa do sono" e "A caixa das cores"; o segundo apartado "Prateira de Cima", para lectores máis expertos, recolle "A caixa das historias", "A caixa das fotografías", "A caixa das chamadas", "A caixa das reflexións" e "A caixa dos libros". Uns orixinais títulos para agrupar poemas baseados na rima e nas repeticións, nos paralelismo e na estrutura, en series,...
En normativa lusista, tamén para que a rapazada sexa consciente de que pode entendela e entenderse co ámbito lusófono.

15/9/11

COLECCIÓN DE AUDIOLIBROS





A editorial Galaxia abre unha nova colección de Audiolibros.
Audiocontos é o seu nome e dentro dela aparecen títulos clásicos como Os tres osos, (adaptación de Xesús Carballo Soliño e ilustracións de David Soler), A casiña de chocolate (con adaptación de Ánxela Gracián e ilustracións de Antonio Seijas) ou Branca de Neve e os sete ananos (con adaptación de Ánxela Gracián e ilustracións de Ánxeles Ferrer.
Trátase duns contos de tapa dura, acompañados dun CD.

14/9/11

NOVIDADES

Tucho Despistes é o primeiro libro -do que temos noticia- de Ana Santiso.
Ela dedícase á ilustración e -certamente- está traballando moito. Pena que no seu blogue non se recollan os libros ilustrados e resulte pouco doado poder citalos. Entre outros, Cormarín de Xoan Babarro, Xan o das Fabas Máxicas, Os Poderes máxicos de Aitema de Concha Blanco, Alicia no País das Maravillas ou Filiberto e Sofonisba de Xavier Seoane.
Nesta ocasión, a obra é enteiramente súa, letra e debuxo; pensada para os máis pequenos e editada na colección Merliño.
Imaxes interesantes para un texto no que se fala acerca de ... "Tucho Despistes sempre anda despistado, fai os recados mal, perde as cousas e non sabe onde as deixa...A súa nai enfádase cada vez que se confunde e a el dálle medo, pero tamén rabia e pena. Coa axuda do peixe Pirucho, da Monstra Pena, da Monstra Rabia e do Monstro Medo, todo cambiará." (Da presentació editorial)

13/9/11

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ Premio Iberoamericano de Literatura Infantil

Parabéns para Agustín e para toda a literatura galega!
Onte, fíxose público o fallo do xurado polo que o autor de O único que queda é o amor resultou ganador da VII convocatoria do Premio Iberoamericano S.M. de Literatura Infantil, que organiza esta editorial e conta cunha dotación de 30.000 dólares.
Anteriormente entregaraselle a Juan Farias e a Monserrat del Amo, á colombiana Gloria Cecilia Díaz, ao brasileiro Bartolomeu Campos de Queirós e ás arxentinas María Teresa Andruetto e Laura Devetach. Farias foi quen estreou o galardón e daquela estivera presente o noso mundo a través das súas palabras en castelán, pero agora, é Fernández Paz quen leva o galego ao palmarés. Neira Vilas, neste ano en que se cumpren os cincuenta de Memorias dun neno labrego, responde aos recoñecementos a esta obra dicindo que as acepta encantado porque o son a unha lingua, a galega.
Neste caso, é a primeira vez que obtén este premio un autor que escribe nunha lingua minorizada.

Como no caso de Juan Farias, foi GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil) quen realizou a proposta.

12/9/11

Anunciando próximas Letras: VALENTÍN PAZ ANDRADE





Galicia como tarea foi o título dunha das obras de Valentín Paz Andrade, a quen se homenaxeará o próximo 17 de maio, por iniciativa da RAG. Galicia como tarea, pode ser a mellor maneira de definir a traxectoria deste intelectual do que a nivel humano sempre se cita o seu papel na defensa e axuda aos perdedores da guerra civil.

Un home polifacético que escribiu poesía (formando parte da Xeración de 1925, con obras como Soldado da morte de 1921; Pranto matricial de 1954 con ilustracións de Seoane, Colmeiro, Maside e Souto na que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento de1968, Cen chaves de sombra de 1979 con limiar de Lorenzo Varela e ilustracións de Laxeiro; e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo de1985 que podemos ler directamente no enlace; e ensaios (literarios, históricos e económicos). De oficio avogado, impulsou o grupo industrial Pescanova, técnico da FAO, organizador de parladoiros (con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, F. Fernández del Riego ou os irmáns Álvarez Blázquez), militante do partido galeguista que formou parte da Xunta Democrática, promotor e director de xornais como Galicia e revistas como Industrias Pesqueras. Unha boa escolla, de novo, por parte da Real Academia.

Seguro que desde as aulas e as bibliotecas saberemos dotalo, de novo, de todo o seu contido.

9/9/11

ANO LOIS PEREIRO

Hai un conto no que se repite, unha e outra vez, ¡Que sorte tivemos con (menganito)! e vennos á mente cando facemos reconto do ano das Letras dedicadas a Lois Pereiro.
¡Que sorte tivemos con Lois! e, sobre todo, que sorte temos co profesorado que soubo buscarlle a este poeta de vangarda e subversión o contido e o valor que se precisaba para traballalo.
Agora, o ano vai na etapa final; estes son os momentos nos que lembrar que continúa presente, que as Letras non se acaban o 17 de maio e os poetas non rematan co ano, nin o ano ten a súa fin ata o 31 de decembro.
Alguén escribiu..."o ano que descubrimos o Lois Pereiro" e parécenos que o título é perfecto para moitos de nós e para felicitar á Real Academia Galega polo acertado da súa elección.
Nestes últimos meses, foron aparecendo novos materiais para seguir dándolle voltas e este será un tempo adecuado para telos en conta.
Falamos, por exemplo, de Que lle podo ofrecer a quen me intente? (magnífico título!), de Modesta proposición e outros ensaios e, especialmente, de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta de Jacobo Fernández Serrano. Unha novela gráfica en branco e negro, unha obra da que Manolo Rivas dixo "Non trata de condecorar a Lois nin de poñelo nun pedestal. Trata de facelo reexistir, de andar por aquí de novo."

8/9/11

LIBROS NECESARIOS




Edicións Positivas, unha empresa que tivemos moi presente este curso por ser a primeira editora dos textos de Lois Pereiro, e volve a ser primicia pola publicación desta obra, Os fillos do vento, unha escolma de contos tradicionais romanís realizado polo Colectivo Onofre Sabaté.
Recollemos da presentación editorial:
"Esta escolla só tenta mostrar o talento de contadores do pobo xitano, e a súa intensa e variada literatura oral, espallada polas máis diversas culturas e por múltiples territorios. E hai certos contos que se poderían incluír no patrimonio oral de moitos outros pobos, sendo o exemplo máis claro O barqueiro xitano. Porque hai un fondo común de moitas narrativas e porque o pobo xitano sempre libou de todas as culturas. A escolma desta edición ten como protagonista case sempre ao pobo xitano, e a súa historia, a perfección e superioridade da raza, a intolerancia da que son vítimas, as profesións, a música, a antipatía polo traballo e o parezo pola liberdade ou o antimilitarismo, a hospitalidade..."
Podemos acceder a máis información no
blogue da biblioteca do IES de Catabois e tamén no desaparecido xornal Galicia Hoxe.

6/9/11

NOVAS DE LIBRO





Libros e autores de aniversario.
O 1 de setembro, 32 aniversario da morte de Celso Emilio Ferreiro, foi
noticia este autor ao poñerlle o seu nome á rúa onde viviu en Venezuela.
O próximo ano, 2012, conmemorarase o centenario do seu nacemento: o 6 de xaneiro.
Por estas razóns e, especialmente a calidade da obra, traemos de novo a estas páxinas a
escolma poética deste autor, seleccionada por Ramón Nicolás e ilustrada por Baldo Ramos, o pintor de tintas e calígrafo poeta, dous homes de Celanova a mirarse a través do tempo. O libro, forma parte da colección Trece Lúas.
Esta será unha boa ocasión para volver á obra deste autor de títulos tan significativos como Onde o mundo se chama Celanova, Viaxe ao país dos ananos, O soño sulagado, Cimenterio privado, Terra de ningures ou Longa noite de pedra, que dou nome a toda unha época.E tamén unha desculpa para lembrar coleccións como Alba y Mayo de Ediciones de la Torre, que tanto teñen feito pola poesía para os nenos e nenas. Libros a resgardar a pesar de que o seu traxe xa non se sexa moda, pero segue feito coas mellores telas, libros a coidar nos expurgos cando alguén pretende dalos de baixa simplemente porque a súa presentación non resulte atraínte.

5/9/11

Fábulas con segunda parte



Historias de Mestre Raposo 2, un cómic de Bruno Heitz, traducido do francés por David Gippini e publicado or Kalandraka.
De novo, atopamos ao personaxe principal, ese raposo astuto e disposto a todo para salvarse da xustiza do rei, pero tamén con ansias de revancha e vinganza. Así como non pode haber máis rei que o león -pois para iso leva unha melena que o fai destacar entre toda a fauna- non podería haber un raposo que non coma "bicherío" e aí xorde a gran dúbida: pódese castigar a un animal por facer aquilo que está na súa constitución e instinto? E que pasa co home ao que o raposo representa nesa fábula?
Di o raposo que o león tampouco vive só de herba e pregúntalle a compañeira “pero non é iso o que fan os raposos?” Todo un dilema que pode resolverse indo ver o papa e Roma para que lle limpe os pecados; de novo o sarcasmo presentándose coma un machadazo.
A seguir as historias que acontecen entre a corte do rei e o camiño do raposo. El , o raposo, é un pai de familia que se vai facéndolle recomendacións á muller coma que protexa os fillos dos baróns e os condes que roldan sempre. Todas son burlas artelladas polo mestre, enganando a todos os que pretendían enganalo coma o gato ou o home, pero tamén ao inocentes oso e lobo. Ao final, como nos vellos contos, o rei enferma e será o raposo quen consiga sandalo grazas á medicina que lle rouba a un médico e coa vinganza engadida duns pelos do lobo e do gato, así, o raposo non só conseguirá o favor do rei senón tamén a metade das súas terras, que lle ofrece nun momento de desesperación.
O enseño é o protagonista destas historias de Le Roman de Renart, unha das obras máis antigas da literatura francesa (séculos XII e XIII) redactada en verso coa intención de parodiar a épica e a novela cortesá da época, segundo senos explica na presentación editorial.
Unha volta pola tradición, polas fábulas de sempre que, tamén hoxe, continúan de actualidade.

2/9/11

LIBROS PARA PERSOAS MIÚDAS

O segundo dos libros de cartón duro (que está a publicar factoría K)) é da autoría dunha mestra moi querida, Ana Mª Fernández – Abascal; unha muller de biblioteca escolar e apoio á lectura. Agora que os seus días son longos e libres de horario, esperamos que continúe achegando obras para nenos e nenas, co bo facer que a caracteriza.
O señor don Nicanor é un texto rimado e de estrutura circular. Unha historia encadeada cunha fórmula que se repite con pequenas variacións, para volver ao principio, alí onde as cousas comezaron e han de rematar. O libro que fala dun libro dentro do que hai outro libro e dentro deste outro no que se fala, de novo, do primeiro deles. O libro dentro do libro; os libros que falan de libros.
A mensaxe -porque a ten- valorando a lectura, afirmando o poder do libro cando a televisión só ofrece historias sen interese … daquela, en lugar de permanecer fronte a ela tragando o alimento dos cerebros planos o señor Nicanor, o lagarto Coleón ou o ratiño Fociñón collen un libro decontado para non aburrirse e manter o cabeciña en funcionamento. As ilustracións de Flavio Morais, no seu estilo no que conviven o pop coa estética fondamente popular coas raíces en Brasil; bebendo das fontes da tradición, do traballo de gravado en madeira que tanta divulgación tivo nos anos setenta e oitenta, xogando con fondos de cores fortes aínda que esvaídas por algo que semella o paso do tempo ou o descoido do destinguido; imaxes que nos remiten a outros tempos e lugares distantes, ao surrealismo e ao expresionismo máis eficaz. Xa coñecido entre nós, por Só un segundo, Flavio Morais retoma a relación co selo Kalandraka, para ilustrar esta historia.
Porque os telespectadores teñen criterio e opinan se unha película é boa ou mala, e porque o señor Nicanor nos chisca un ollo cómplice, acompañándonos nesa aventura que se chama libro e lectura.

1/9/11



Comeza Factoría K cunha colección de libros duros para prelectores e primeiros lectores. Libros con cantos redondeados, de doado uso nas mans dos máis pequenos da casa; cartón a proba de dediños gordechos e pouco mañosos.
ARTUR cunhas magníficas ilustracións de Marc Taeger que acompañan a historia do pequeno pito na aventura do nacemento e primeiras experiencias. Cuns trazos mínimos pero de gran expresividade vainos mostrando o pito dentro do ovo e os esforzos por rachar a casca e saír dun habitáculo que xa lle resulta incómodo, a sorpresa ante a grandeza do mundo e a súa frialdade, o descubrimento da soedade e a saudade. Tamén descubriu que o que, ás veces, nos dá medo pode acabar resultando moi grato, como ese primeiro sono nas alas de mamá galiña. Uns marabillosos resultados, tamén no deseño da páxina e na súa ocupación, nos pequenos textos e esquemáticos debuxos de fortes cores sobre fondo branco. Só nos preguntamos se terá continuidade…
Tanto Oli, autor de historias como Once damas atrevidas e O pirata pata de lata, como Marc Taeger ilustrador de A verdadeira historia de Carapuchiña, Aquiles o puntito, Tic – tac e Garavanciño, son creadores moi recoñecidos polo lectorado infantil e mediadores.

11/8/11

LIBROS PARA A SOLIDARIEDADE


Hai libros solidarios polo tema que tratan ou porque os beneficios da súa venda será, para fins solidarios. Dentro destes últimos casos, podemos atopar iniciativas como esta, á que se fai referencia na entrada.

Recollemos a nova directamente desde a páxina oficial da ONG:
"Implicadas/os No Desenvolvemento pon á venda libros da súa biblioteca para recadar fondos para o Proxecto de Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem (India)
A maioría dos títulos, escritos ou traducidos en galego, están sen estrear e ofrécense á metade do prezo de mercado.
Dentro das iniciativas que Implicadas/os No Desenvolvemento está levando a cabo para financiar o Proxecto de Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem (India) inclúese esta nova acción que consiste en ofrecer ao público en xeral obras da súa biblioteca a prezos reducidos. Os títulos, escritos ou traducidos en galego, están en estado seminovo ou sen estrear e as persoas interesadas pódenos mercar a 5 euros/exemplar.
As obras á venda son:
TÍTULO AUTOR/A EDITORIAL ANO DE PUBLICACIÓN UNIDADES DISPOÑIBLES PREZO
A Cabeza de Medusa Marilar Aleixandre Xerais 2008 7 5 €
A crise irreductible Alberte Momán Lulu.com 2009 2 5 €
A filla do filósofo Elena Poniatowska Galaxia 2009 7 5 €
A neve e a cadeira Xosé Miranda Nigra 1995 1 5 €
Ancho mar de argazo Jean Rhys Xerais 2007 4 5 €
Así nacen as baleas Anxos Sumai Galaxia 2007 3 5 €
Calella sen saída Víctor Omgbá Galaxia 2001 4 5 €
Cerco de ferro Daría Xohán Cabana Nigra 1995 2 5 €
Como se non existise Slavenka Drakulic Xerais 2005 4 5 €
Ningúen está só VV.AA. Amnistía Internacional Tristram 2001 1 5 €
O club da calceta María Reimóndez Xerais 2006 4 5 €
O concertista de paxaros Josep-Francesc Delgado Tambre 2006 4 5 €
O paxado do mel Adolfo Caamaño Xerais 2006 5 5 €
Pirata María Reimóndez Xerais 2009 9 5 €
Se algún día esta muller morta Miguel Sande Galaxia 2006 3 5 €
Silencio Francisco Alonso Nigra 1995 2 5 €
Smara Paula Carballeira Kalandraka 2006 3 5 €
Tres mulleres galegas de armas tomar Guillermina Domínguez Touriño, Felicia Estévez Salazar Baia Edicións 2009 6 5 €
Un escuro rumor tralo silencio Isidro Novo Sotelo Blanco 2005 5 5 €
Vestio Xosé Miranda Nigra 1995 2 5 €
A voda Carson McCullers Xerais 1946 3 5 €
Usha María Reimóndez Xerais 2006 4 5 €
Se estás interesada/o en mercar algunha destas obras podes visitar o noso local situado en Avenida das Camelias, 49 interior - 36211 Vigo (Pontevedra) ou contactar con nós a través das seguintes canles: 886 111 911 – 606 315 071 ou info@implicadas.com."
Máis información do proxecto de Erradicación do Infanticidio Femininio en Salem (India) na páxina http://200implicadas.com/

22/7/11

Branco sobre negro

O souto escuro e perigoso de Miguel Vázquez Freire, ilustrado por Xosé Tomás en branco sobre negro, está publicado na colección Merliño de Xerais.
Trátase dunha peza especial, dirixida aos máis pequenos e que nos trae vellas evocacións tanto polo lado textual como plástico; o propio título nos sitúa nese mundo de referencias.
"Este era un souto moi grande,
moi escuro e moi PERIGOSO.
Neste souto vivía un LOBO moi grande,
moi negro e moi moi PERIGOSO.
(O lobo fai ¡¡AAUUUUUUHH!!!)
O lobo faise presente, coma nos versos de Novoneyra: "O lobo! Os ollos o lombo do lobo!". Pero nese souto non só está o lobo meténdonos medo, tamén anda por aí o oso (e continúa o fonosimbolismo).
Gústanos, especialmente, que as palabras maiúsculas sexan esenciais no conto (aquelas que teñen que ver co significado), o xogo de onomatopeas e repeticións, a adxectivación absolutamente exemplar, os aumentativos e superlativos que nos conducen a un terror ... que non é tal, porque fronte a lobo e oso hai un animaliño tan inocente coma o coello que non lles ten un chisco de medo e que ata semella darnos un consello final, unha moralexa, mentres segue a triscar na súa cenoria.
As ilustracións de X. Tomás teñen ese ar de xiz sobre encerado e de ar de familia que nos remite a outras, nunha especie de homenaxe silencioso.
Unha fábula para contar e tamén para ler con aqueles que comezan a recoñecer palabras, para xogar a avanzar e adiviñar a historia. Pero, o libro tamén permitirá que os que xa saben ler poidan recoñecer algunha errata.

20/7/11

Premios á literatura dramática para á infancia





Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama resultou ganadora do V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010.
Aparece, agora, publicada por Xerais dentro da súa colección Biblioteca Dramática Galega, ilustrada por Xosé Tomás que lle achega unha carga de intensidade plástica á historia.
A presentación editorial resume así o argumento:
"Na cidade de Néboa vívese unha aparente rebelión de todos os reloxos, que deixan de contar o tempo. A alcaldesa Sabela Depresa e centos dos seus concidadáns teñen pesadelos cos reloxos, con moreas de reloxos que se lles aparecen nas noites invernais, mentres dormen, reivindicando a súa galbana ou a súa rebeldía. O Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo, don Cuco Campá, é o encargado de todo o sistema que mide o tempo en Néboa e ten un trato especial cos seus reloxos parlantes. A través del comezamos a intuír todo un mundo de misterios e segredos marabillosos. A detective Lupita Grande e o doutor Hipócrates Verruga contribuirán a desvelar que alguén está manipulando os reloxos co fin de impedirlles contar o tempo. Detrás desa situación albíscase un boicot de grandes dimensións sobre o que converxen moitos misterios. A partir de aí van xurdindo personaxes, digamos… especiais, ou mellor sería dicir moi especiais. É o caso do cociñeiro chinés Chung Pataching, ou do propietario do pazo señorial de Néboa, o tricentenario don Baldomero Ninsesabe, que axudarán a desentoldar claves aparentemente incomprensibles."
Un entretemento artellado arredor dunha boa idea, que pasaría se todos os reloxios se pararan? Será que alguén pode roubar o tempo xogando cos instrumentos que o miden?

19/7/11

MÁIS "LECTURA FÁCIL"









Da presentación editorial...
KALANDRAKA e BATA (Baión Asociación de Tratamento do Autismo, con sé en Vilanova) crearon unha nova liña na súa colección de libros de fácil lectura, dirixida a persoas con necesidades educativas especiais. “Nicolás va de compras” e “Nicolás cocina sin fuego”, que levan o selo Makakiños día a día e están ilustrados pola artista pontevedresa Alicia Suárez, son materiais complementarios -de coñecemento e experimentación- que axudarán no desenvolvemento da súa autonomía persoal e da súa intercomunicación co contorno ás persoas con Autismo, Disfasia, Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Con Makakiños día a día preténdese dar un salto cualitativo, proporcionándolles aos seus usuarios un material de gran valor informativo para uso cotiá, que lles resulte útil á hora de realizar por si mesmos accións tan habituais e necesarias como cociñar ou mercar. Como principal novidade con respecto aos anteriores álbums de Makakiños, as páxinas están encadernadas en espiral para facilitar o manexo dos libros, que inclúen pegatinas -a modo de diccionario mímico- para que poidan amosarllas aos seus interlocutores.
Os textos adaptáronse ao sistema de Símbolos Pictográficos para a Comunicación (SPC) desenvolvido por Roxana Mayer Johnson, que incorpora diferentes cores asociadas ás distintas categorías de palabras: amarelo para designar ás persoas; verde para os verbos; azul para os termos descriptivos; laranxa para os sustantivos que non pertencen a outras categorías; rosa para identificar palabras referidas a actuacións sociais; branco para artigos, cores, conxuncións, preposicións, adverbios.
Antes da existencia de Makakiños, os expertos de BATA elaboraban artesanalmente o seu propio material de apoio, a base de símbolos debuxados, fotografías recurtadas e outros elementos que compoñían a modo de ‘collage’ sobre papel.

14/7/11

Libros de "Lectura fácil"


De vez en cando temos que volver os ollos e buscar materiais que resulten doados de ler por rapaces e rapazas con necesidades especiais.

Ben é certo que, nos últimos tempos, moito se fala do papel dos álbumes como facilitadores ao combinando a lectura de texto coa de imaxe. Debemos telos moi en conta para analizar cales son os que teñen un contido suficientemente claro e atractivo, coa calidade que pedimos e os niveis de lectura que buscamos.

Pero ademais, temos que estar atentas a aquelas propostas de lectura fácil como aquelas das que nos informa a propia asociación que leva este nome: Associació lectura Fàcil, con sede en Barcelona e que informa da publicación deste tipo de libros pola editorial Almadraba dentro da colección Kalafate. Trátase de libros en catalán, catalán e algo -tamén- en galego. Nesta lingua conta coas versión de tres clásicos xuvenís: A pantasma de Canterville, A volta co mundo an 80 días e Robinson Crusoe. Deberíamos contar con eles nas bibliotecas escolares para que aqueles que teñan dificultade para acceder aos orixinais poidan facelo a través destas obras facilitadoras.

16/6/11

JUAN FARIAS (3)


E... seguimos





























Cando Arturo escapou da casa. Traducido por Xavier Senín e publicado por Edelvives, na colección Ala Delta, en 1993.
Os camiños da lúa. Tradución de Silvia Gaspar, publicado por Anaya no 2000.
Ismael, que foi mariñeiro. Traducido por Xavier Senín e publicado por Everest Galicia no 2000.
Galego: á beira do mar. Tradución de Xavier Senín e publicado por Kalandraka en 2007.
A pousada do sétimo día. Tradución de Xavier Senín e publicado por Everest Galicia en 1998
Anacos de pan de millo. Ilustrado por Miguelanxo Prado e Jesús Gabán e publicado por Anaya en 1997.
Bastián e mailos trasnos. Ilustrado por Guadalupe Hernández e publicado por Galaxia, na colección Árbore, en 1997.

15/6/11

JUAN FARIAS (2)









Continuamos lendo...
Crónicas de media tarde traducido por Xavier Senín e publicado por Everest Galicia.
Anacos de pan de millo publicado en Anaya.
Bastián e mailos trasnos publicado por Galaxia.
A pousada do sétimo día publicada por Everest.
Ismael, que foi mariñeiro traducido por Xavier Senín e publicado por Everest Galicia.

14/6/11

JUAN FARIAS (1)




Coma quen repite un mantra, dicir os títulos dos seus libros, para que continúen presentes as imaxes e as páxinas nas nosas mans. Os nenos numerados na colección Fóra de xogo de Edicións Xerais de Galicia en tradución de Xavier Senín.
Algúns nenos, tres cans e máis cousas en Planeta&Oxford en tradución de Xavier Senín e Isabel Soto.
Un tarro cheo de lapis cos mesmos tradutores e na mesma colección.
O fillo do xardineiro, na colección O trasniño verde de Anaya, traducido por Ana Mª Fernández
Os Corredoiras, na serie vermella de O barco de vapor S.M., traducido por Xela Arias


Desde o corazón da mazá na colección Ala Delta de Edelvives en tradución de Xulio Cobas Brella.

13/6/11

JUAN FARIAS

A nova da morte de Juan Farias obríganos a unha entrada triste.

Farias foi deses autores, nados en Galicia, que levaron o recendo desta terra á literatura española. Un home de mar que marchou terra adentro co macuto de lembranzas e saudades que o acompañan ao longo das páxinas e os días.

Destacamos a súa literatura destinada, tamén, aos máis novos. Unha manchea de relatos cos que demosta o seu respecto á rapazada e o seu compromiso coa intelixencia. A súa foi, unha literatura comprometida coa realidade por difícil que ela sexa. Creador dun imaxinario e un estilo absolutamente recoñecible, no que a poesía vai envolvendo a prosa e a fantasía abraza o cotián; unhas historias cheas de heroes anónimos que padecen a dureza dos tempos e sempre nos achegan a sensibilidade ante o ser humano, os afectos, a tenrura ...

Seguiremos lendo as historias de Juan Farias, agora con máis motivo, para mantelo vivo, e para seguir gozando das obras de calidade.

Juan Farias é un autor recoñecido, que contou co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1980 por Algunos niños, tres perros y más cosas, foi nominado por España ao Premio Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil Astrid Lindgren e ao Ándersen; foi Prmeio Internacional de Álbum Ilustrado en 1994, e, varias das súas obras forman parte da Lista de Honor do IBBY, dos White Raven e dos CCEI; ten unha Mención de Honor do XI Premio Europeo Pier Paolo Vergero e foi Premio Iberoamericano de Literatura Infantil y Juvenil Ediciones S.M. na súa primeira edición (2005).

O CEIP Pazos de Ferrol púxolle o seu nome á biblioteca escolar, e este 2 de abril traballou a súa obra xuntos con outros CEIP e IES de Ferrolterra. Porque hai comunidades escolares que recoñecen aos autores en vida (xustamente cando hai que facelo) converténdose así en faros que alumbran o día a día.

6/6/11

Teatro premiado (2)

Larpancia saborosa do lobo e a raposa. Farsa de monifates nun lance de Bernardino Graña. Obra ganadora da quinta edición do Premio Estornela de teatro para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas.
Da presentación editorial, realizada pola citada Fundación, podemos recoller a seguinte información:
“Trátase dunha fábula en verso para ser representada por monicreques ou actores. Exemplifica, de xeito humorístico, o mundo dos contrastes do reino animal fronte ao dos humanos, a inxenuidade fronte á ambición e a cobiza. Todo nun marco natural campestre, na procura dun ambiente bucólico no que a linguaxe xoga un papel moi importante á hora de recrear expresións e léxico propio do galego máis patrimonial.”
O mellor é lela e gozar da maneira de contar deste autor que aproveita o mellor da tradición e introduce o xogo verbal e o malentendido como recurso. É volver aos tempos dos lobos e raposos, aos días nos que os animais falaban e os labregos tiñan un papel fundamental nas historias. Retomar agora ese
divertimento de monicreques introducindo aos vilegos ou domingueiros para rir un pouco máis con eses elementos alleos que chegan ao campo coa súa merenda.
Publicada por
Edicións Embora en decembro de 2011

1/6/11

Teatro premiado (1)




Pedra sobre pedra de Xosé A. Neira Cruz, acadou o VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques modalidade de adultos. Este autor xa conta con outro Barriga Verde na modalidade infantil coa obra O punto da escarola.
Neste caso, preséntanos unha peza ambientada nos últimos días da construción do Pórtico da Gloria, co Mestre Mateo de protagonista e as súas figuras tomando vida. Unha obra situada no Santiago de Idade Media coas súas miserias e as súas bondades, coa igrexa e o seu armazón interno, coa envexa reinando.
Leamos un chisco:
“ANXO I
Mesmo os santos padres chegaron a discutir se as mulleres terían alma.
ANXO 2
Así é. No Concilio de Nicea. E por poucos votos a favor decidiron que si a tiñan, o cal proba a dúbida sobre ese particular.
DEMO 1
Moi douto acordaches hoxe, compañeiro.
ANXO 2
E ti moi faltón...
DEMO 2
... como é propio dos demos.
A raíña Esther ceiba unha gargallada sarcástica desde o seu fornelo.
ANXO 1
E ti de que ris?
A raíña segue rindo sen facerlle caso.
ANXO 2
Non é propio de nós rir. Somos arte románica.”

Unha peza teatral publicada por Baía.