Non hai berce coma o colo é un libro disco que responde ao proxecto de Paulo Nogueira e Magoia Bodega con ilustracións de Mariona Cabassa, publicado por Kalandraka. A nana como canto primixenio e central da vida nas voces de Mini e Navia Rivas, de Merche Rodríguez (Leilía) e Sonia Lebedynski. Ademais da música, non deixan de chamar a atención unhas delicadas ilustracións arredor dun mundo onírico protagonizado por ese neno en pixama collido ao boneco e acompañado por nais e pais que nos abren a visión a unha maternidade/paternidade de todas as cores. Non hai dúbida de que ese primeiro contacto coas palabras e coa tradición vai envolto no afecto e acompañado polas imaxes que nos levan a países que quedan ao leste dos soños.
Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey con ilustracións de Laura Súa Campos; unhas imaxes con moito movemento e liñas curvas que nos traen o aire dunha época que coñecemos a través das postais. Unha historia chea de lirismo que nalgún momento pode lembrar as de Juan farias. Un tempo de guerra no que un rapaz de familia de pastores admira a un amigo do pai que traballa colocando postes para a telefonía... esa maneira de subir ao máis alto dos paus e esa bicicleta... polo medio, formando o núcleo do relato a desaparición do pai que ha de fuxir e andar pola cadea antes de volver á casa, pero cando iso sucede xa ten desaparecido ese home lagarto que tanto lles axudara na súa ausencia con alimentos do corpo e do espíritu, con libros e lembranzas de Miguel Hernández. Ese neno esfórzase en manter a respiración para darlle azos á esperanza e nós acompañámolo por eses camiños de Albarracín e Gaudalaviar, por eses tempos tristes dos que aínda queda recordo e escritoras dispostas a contárnolos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario