16/7/20

Carabela


Paula Carballeira achéganos unha pequena peza teatral cargada de contido. Carabela é a historia dunha cociñeira que naufraga na Illa Pequena de Plástico.

Unha oportunidade para concienciar sobre o uso e abuso dos plásticos e as súas consecuencias para o noso planeta. Para falar de reutilización e reciclaxe, como fai a protagonista ao construír a súa boneca.

A ter en conta para aumentar os fondos deses recunchos verdes que están agromando nas nosas bibliotecas, comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemeto Sustentable da Axenda 2030.

15/7/20

Un rico pastel



A editorial Kalandraka achega unha nova e divertida historia de Christian Voltz. Un rico pastel
narra a disparatada elaboración dun pastel que pronto deixa de selo, entrelazando o diálogo con esas estruturas acumulativas das que tanto gosta o autor. 

Unha oportunidade para achegar ao alumnado maís novo ao mundo das receitas, tanto as dos cadernos das avoas como as que podemos buscar na rede.

Un básico para os nosos espazos creativos, non só polo traballo coas receitas senón tamén pola calidade e creatividade das ilustracións ás que o autor nos ten acostumados. Un convite para aprender a crear figuras con materiais reutilizados e o collage.

14/7/20

A proba de auga



A proba de augade Anémona de Río, (Aldara Álvarez García) é a obra gañadora do I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, convocado por Xerais e O Garaxe Hermético.

Un cómic de carácter científico e informativo, que axuda a descubrir o funcionamento do noso corpo da man da súa protagonista, unha novata pinga de auga. Os virus, as bacterias e as vacinas que axudan a combatilas abren fiestras para a investigación. 

Un básico a incluir nas nosas coleccións de banda deseñada de carácter divulgativo.