21/12/12

ÁLBUM PREMIADO


O ilustrador galego é, neste caso, tamén autor, como sucedera con Voces na lagoa do espantallo, Baile de colores, La gallina churra, El Rally de los locos, Gago por merenda, O xigante e a lúa (con Gloria Sánchez), A princesa e o dragón, Antoloxía da poesía galega para nenos, Teodomiro soña con dragóns, Mis historias perdidas...
Que pasa cun gato que pode converterse en rato e de novo en gato ... e de novo en rato? Unha vida difícil, sen dúbida ¡e moito que aprender!

20/12/12

DE NENAS E DE LIBROS


Esta é a páxina que dentro de Álbum de mulleres (Consello da Cultura Galega) recolle unha serie de artigos e recursos para poñer en relación muller e literatura infantil. 
Artigos de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, María Reymóndez  ou Montse Penas. Monográficos das revistas Andaina ou Festa da palabra silenciada. Ligazóns a páxinas de interese no tratamento do tema.
Unha páxina a ter en conta, aínda cando non estea actualizada ou algún dos enlaces non funcione, porque moito do que aí se di segue vixente e pendente de logro.
A favor das nenas e dos nenos non estereotipados!

19/12/12

Premio para FANTASMAS DE LUZ

Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz, foi Premio de Creación Literaria dos Premio da Crítica 2012.
Así se nos conta na sección de actualidade da AGE (Asociación Galega de Editores):
"O xurado desta modalidade acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra "a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor."
Esta obra tamén acadou o Premio AELG ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil, 2012
As ilustracións de Miguelanxo Prado complementan de maneira inmellorable unha obra editada con todo o detalle ao alcance. Prado podería considerarse o ilustrador de cabeceira dos libros de Fernández Paz. Unha parella a ter moi en conta!

18/12/12

CONTOS NA REDE


Galaxia acaba de abrir unha páxina (GalaxiaTales) de contos interactivos  que se poden adquirir e ler dende calquera dispositivo. Son contos en galego español e inglés, que conteñen animación, música e locución. de cada un deles pódese ver previamente ao redor dun 20 por cento do seu contido. O proxecto arranca con Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Así nolo contan na presentación editorial.
Podemos entrar e ver.

17/12/12

COMER... COMER DE PREMIO


"Os prestixiosos premios Gourmand Beste in the world veñen de galardoar Os cogomelos na cociña e outras cousas, editada por Baía Edicións, na categoría "Best Single Subject Cookbook", sendo a gañadora de España en galego. Tamén foi recoñecida a obra da mesma editorial Sopas frías e quentes, na categoría "Best Translation Cookbook", sendo a gañadora de España en galego.
Asemade, o libro de Ideaspropias Editorial, Inglés profesional para servicios de restauración, foi o gañador dos prestixiosos premios Gourmand World Cookbook en España na categoría de Mellor Libro para Profesionais da Alimentación. O título optará, o próximo 23 de febreiro de 2013 no evento Gourmand Best in the World que se celebrará en París, ao Premio ao Mellor Libro do Mundo.
Os gañadores de cada país compiten contra os gañadores na mesma categoría doutros países polo "Best in the World". Os resultados anunciaranse o sábado 23 de febreiro de 2013 no teatro Le Carrousel du Louvre de Paris. Todos os detalles do evento da Paris Cookbook Fair do 22 ao 24 de febreiro 2013 estarán disponibles na páxina web www.cookbookfair.com."
Así se nos conta na páxina da Asociación Galega de Editores
Sabíamos que a gastronomía era unha das razóns polas que o turismo che achegaba a Galicia, pero fomos un pouco máis alá, son os nosos libros os que tamén resultan coñecidos en todo o mundo. A por eses premios e moitos máis! 







12/12/12

POESÍA E FOTOGRAFÍA


Xardín de inverno, o novo libro de Ledicia Costas, é unha boa mostra de fotografía poética ou poesía fotográfica. Nel danse a man Ledicia e DNL, o mesmo que ilustrara Páxinas de carricanta ou Mans, sempre con fotografías.
Xardín de inverno é o que temos en Galicia. Xardíns de camelios que florecen nesta epoca, de camelias que estran os chans das hortas e parques. Este é o meu xardín, di unha muller que ben o merece, cando pasa por un dos parques da cidade. "Xardín de inverno" ten algo de tristeza escrita nos xenes, de muller que expresa os seus silenzos, de aí que non nos sorprendan poemas como este:

"fálanme ao oído e son máis de unha:
a conciencia da miña nai,
a voz da miña avoa
(hoxe soñei que estaba viva
pero aparecía con cara de morta),
as palabras desgarradas das que me escoitan

a moitas outras non as coñezo de nada,
pero sei que teñen 14 cordas vocais

       todas elas recítanme versos de lobishomes
                                                      e de mundo

      tantas voces levo ao lombo
(mulleres de palabra viva
mulleres de carne)
que ás veces nácenme antenas no corazón

escóitoas en estéreo
teñen o costume de falarme á vez,
unhas sobre outras

      son surtidores de verdades"
        

                                               

10/12/12

TITOÁN. BANDA DESEÑADA CON PREMIO


Certamente trátase dunha boa entrega, que nos achega a figura de Castelao e a súa obra dunha maneira clara e interesante. Non podería dicir o mesmo do segunda entrega, Castelao. O pobre tolo, que resulta escura e confusa -ao meu entender- ata o punto de considerar que se trata dunha oportunidade perdida, que se debería remediar se o obxectivo é continuar a colección dedicada ao artista e político galego. Como o tempo non pasa en balde, como os coñecementos que temos sobre estas figuras do noso pasado non son tantas nin de tanta calidade... faise necesario que as referencias sexan claras e as actitudes reflexionadas (dentro do posible).

NOVAS EDITORAS (E NON TAN NOVAS)



Cada vez que unha nova editora se atreve a sacar a cabeza alegrámonos, é unha nova posibilidade, e confiamos en que non nos defraude.
Así, recibimos a Patasdepeixe hai un tempo, e lemos os seus libros (O incrible neno devorador de libros, O gran libros dos medos de rato pequeno, Perdido?, A vaca que puxo un ovo...) con gusto. Agora, preséntase Bululú da man de títulos como O Crebanoces, As estrambóticas viaxes de Gulliver, ... tamén temos noticia de Quequeres Edicións. aínda que non fumos quen de atopar ningún dos seus libros ata a data.

4/12/12

EXPOSICIÓNS desde BDBanda

BDBanda acaba de presentar dúas novas exposicións didácticas dirixidas a centros de ensino. Unha delas,  As bases da banda, unha reedición dunha exposición anterior que, neste caso, se presenta coa escola de cómic O Garaxe Hermético, dentro das súas propostas de accións formativas. Un folleto informativo recollido da páxina de Bdbanda dá idea do que imos atopar.  
A segunda, Cantigas de Santa María. Arte BDieval, xira en torno a esta obra medieval como narración gráfica. Está elaborado xunto coa Associaçon Galega da Língua, que se encargará da distribución.Un folleto acompaña a presentación na páxina xa citada.

Cada vez máis, as exposicións están a demostrar a súa potencialidade á hora de visibilizar determinados xéneros e aprendizaxes. De aí que nunca veña mal o seu coñecemento. A este respecto, tamén debemos lembrar outras que teñen en marcha a Secretaría Xeral de Cultura (As orixes do cómic en Galicia...) e El Patito Editorial