21/10/10

As historias da avoa Catarina


As historias da avoa Catarina con texto de Iñaki Zubildia e ilustracións de Estíbuliz Jalón, está publicado por Factoría K. Foi premio álbum iustrado en euskaro.

Unha vella cigarra relata as historias que lle contou a súa avoa. A das xoaniñas que teñen as ás de cor roxo por comer moitos amorodos, a da bolboreta que tendo as ás de cor cincenta un día no que se pousa nunhas flores e se pon a chorar tíntase cos pétalos quedando de diferentes cores... mentres tanto o patilongo pregunta por que non conta a súa historia. Ao final ten historia porque come algo verde que resulta ser un resorte co cal comeza a saltar, gana os Xogos Olímpicos de Salto, e así todos os seus ata que xa non coñecerán como patilongo senón como saltón, e Catarina xa poderá contar a súa historia, unha e outra vez, ata chegar a nós.

Moi interesantes tamén as ilustracións.

14/10/10

LUCAS E O OSO

Lucas e o oso, con textos de José Campanari e ilustracións de Kristina Andrés, é un álbum para primeiros lectores. Lucas semella vivir nun mundo de soño (que pode lembrar o de Max). Lucas e o seu amigo oso de peluche, durmen na mesma cama e soñan paseos pola selva, aventuras nun e outro lugar no que sempre acaban mollados; eles queren atrapar ao monstro da xerra de auga que cada noite lles molla a cama... mil aventuras, soñadas ou vividas, nas que sempre acaban molladiños. Isa é a súa derrota. Todo lle vale a Lucas para non asumir que mexou na cama, e todos están dispostos a crer as súas razóns desde o amigo oso ata os pais, aos que tamén lles preocupa que mañá é o primeiro día de clase.

8/10/10

COAS MANS BALEIRAS



Coas mans baleiras de Ana Tortosa & Cecilia Varela. Colección O (Primeiros lectores) de OQO. Seguimos a Marta mentras se prepara para ir ao aniversario de Mario e busca algo (polo camiño) con que agasallalo, ao tempo que vai desbotando: “-E se lle levo auga do mar? -Non, iso xa o ten, porque o mar está nos seus ollos.” Todo está nel, por iso chega á casa de Mario sen nada, coas mans baleiras “-Parabéns...! Non puiden traerche ningún regalo porque... –Como que non me trouxeches nada? Alba, para min o mellor regalo ... es ti!” Daquela descubrimos que Mario é un vello, pode ser o avó ou calquera outro. Todo nun ambiente moi mariñeiro, desde o camiño, ata a casa, os retratos que nela aparecen e a roupa deles. Moi pouco texto, de forma que o pouco que aparece, adquire moita forza.

7/10/10

LIBROS SOLIDARIOS (3)


O son das buguinas publicado por http://implicadas.blogspot.com/ no desenvolvemento (IND) e Xerais.

Implicad@s no desenvolvemento é unha Organización Non Gobernamental (ONG) galega que apoia proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. O proxecto O son das buguinas, xermolouse como unha das respostas de IND á tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India (onde esta ONG viña traballando desde 1998 en Tamil Nadu, un dos estados máis azoutados polo maremoto) e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diversoas narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe. Froito daquel chamamento é O son das buguinas, un producto editorial conformado por un libro de sete relatos (ilustrado por Xulia Barros) e un DVD. O volume inclúe os relatos de Marilar Aleixandre (“No lombo do río elefante”), An Alfaya (“Fiu, o paxaro de canto fino”), Fran Alonso (“A guerra”), Rosa Aneiros (“Ver os paxaros voar”), Agustín Fernández Paz (“Lúa do Senegal”) , María Reimóndez Meilán (“O ventre do mar”) e Dolores Ruíz (“O canto do papani”), ademais dunha introdución, titulada “O son das buguinas”, textos que conforman unha proposta de literatura comprometida, unha buguina que fala da alternativa, da posibilidade real de chegar á Pobreza 0 para toda a humanidade. O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental (8’30’’) sobre o labor de IND en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación (4’30’’) sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental (7’30’’) sobre a tsunami e un xogo interactivo (“Pensa e actúa”) sobre a cooperación.

De O Xornal de Galicia. com

6/10/10

LIBROS SOLIDARIOS, 2


Camiñan descalzas polas rochas. Autoras polos dereitos humanos das mulleres. Amnistía Internacional e Editorial Tris Tram, 2010. Toman o título dunha poesía de Ana Romaní. Trátase da colaboración de escritoras e ilustradoras xunto co desinteresado apoio da editorial. As obras foron creadas para contribuír coa campaña de Amnistía InternacIonal “Non máis violencia contra as mulleres”. O obxectivo é resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres (a violencia sexual, o maltrato de xénero, a violación como arma de guerra...) e o papel das mulleres como axentes de cambio. Os beneficios da venda serán para a ONG Amnistía Internacional do grupo de Lugo. Comeza co poema de Ana Romaní que lle dá nome e remata cun de Yolanda Castaño, envolvendo os relatos do resto das autoras. Autoras: Rosa Aneiros, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Carme Blanco, Marilar Aleixandre, Maria Reymóndez, Helena Villar, Ana Expósito, Marica Campo, Yolanda Castaño. Ilustradoras: Nuria Díaz, Noemí López, Almudena Aparicio, Ánxeles Rodríguez Ferrer, Marina Seoane, María Lires, Carmela González, Ana Pillado, Aurora López, RebecaLópez.

5/10/10

LIBROS SOLIDARIOS


Trátase de libros solidarios pola temática que tratan, pero tamén polo beneficio da compra, neste caso destinado ao grupo de Lugo de Amnistía Internacional.

Ninguén está só. 21 autores a prol dos dereitos humanos. Amnistía Internacional / Editorial Tris Tram, 2001. Toman o título dun poema de José Agustín Goytisolo para un manllado de relatos inspirados no tema dos dereitos humanos: inmigración, guerra, subdesenvolvemento, tortura, pena de morte, refuxiados, compromiso político... que servirán de instrumento de coñecemento, reflexión e debate, tal como aparece na presentación. Colaboración de escritores (Fran Alonso, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Ana Expósito, Agustín Fernández Paz, Jaureguízar, Paco Martín, Antonio Reigosa, Helena Villar) e ilustradores (Miguelanxo Prado, Noemí López, Manuel Díez, Xosé Tomás, Xan López Domínguez, Carmela González, Santiago Catalán, Honorio, Espiral); 10 relatos ilustrados.

4/10/10

EN SETEMBRO













En setembro perdemos unha das escritoras pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega: Dora Vázquez. Ela, coa súa irmá Pura, comezaron a escribir a mediados do século pasado. Ao seu modo estrearon a escrita a catro mans que logo veríamos da man doutros como Helena Villar e Xesús Rábade ou Xoán Babarro e Ana Mª Fernández. Pero sobre todo, estrearon o interese por dotar á rapazada de textos escritos na súa lingua. Poesía, narrativa, teatro... todo era necesario naqueles comezos porque nada ou case nada había, por iso é tan necesario recoñecer o seu esforzo e agradecer a quen o ten feito como a Deputación de Ourense que puxo os seus nomes ao Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil que concede anualmente.

1/10/10

PARA LER E VER


Para ler e ver, para mirar e remirar, para ver as melloras que se producen cando pasamos do negativo ao positivo… para todo isto: Andrés cabeza abaixo. Con texto de Pablo Albo e ilustracións de Roger Olmos, esta novidade de OQO dirixida a nenos e nenas de 3 a 7 anos (e compañía). Unha historia a modo de matrioska, que comeza coa lei de Murphy de raíña e señora, pero que ten un bo final. Comeza o relato con Andrés sendo engulido por un ogro e mentres baixa pensa que só faltaba que nese estómago bestial o esperara outro protagonista dos seus medos, un dragón que tamén o papa, e cando baixa polo aparato dixestivo deste, de novo pensa, anticipando o futuro, que xa só faltaba que nese estómago o estivera esperando un oso... e así vai, de mal en peor. De mal en peor, na cabeza do lobo queda esperando a que chegue alguén a liberalo, un leñador, un cazador, un cabaleiro,... pero nada pasa ata que decide cambiar a súa sorte e pensa (iso é o que ten pensar) que así como se entra poderase saír, ou non? Pois quen ten boca para comer ten outro furado para botar fora e cun optimismo a proba de bomba vai buscando eses furadiños, duns comellóns noutros ata que sae á superficie feito un asco pero feliz, esperando unha chuvia que no lave. A historia non ten desperdicio, peor as ilustracións moito menos. Ir atopándose personaxes das que non fala pero se mostran, como a carapuchiña en esqueleto dentro do lobo (leva tanto tempo dentro), as ferramentas do lume dentro do dragón acompañando ás que foron damas.