Mostrando entradas con la etiqueta Libros para os máis pequenos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libros para os máis pequenos. Mostrar todas las entradas

2/6/16

Con Tango son tres


Kalandraka vén de publicar en galego  Con Tango son tres,  
premiado álbum de Justin Richardson e Peter Parnell, con ilustracións de Henry Cole. A tradución para o galego é de Sandra e Óscar Senra Gómez.

Cóntasenos a historia real dunha parella de pingüíns do zoo de Central Park en Nova York , que gozaron da oportunidade de teren unha cría, Tango, a primeira pingüín en ter dous pais.
Destinado para primeiros lectores, fálanos dos diferentes modelos de familia apelando á tolerancia e o respecto, valores que se promoven desde as nosas bibliotecas co programa de voluntariado, entre outros.
Este álbum é un exemplo de como unha selección coidada dos fondos da biblioteca pode contribuír á educación emocional, máis alá da denominada "autoaxuda".

28/4/16

Os libros da merenda de Urco Editora


Agora que xa vén o bo tempo, non vos esquezades de levar ao patio Os libros da merenda de Urco editora... ou metelos no peto do mandilón ou na mochiliña para a casa. Son dez divertidos minilibros interactivos para os máis pequenos.

Os títulos son os seguintes:
-Don Bento, o porco fedorento
-Fariñeiro, o burro larpeiro
-Señor Fiz, o repolo feliz
-Xoana, a ra lacazana
-Besteira, a cebola falangueira
-Ramona, a cenoura sabichona
-Clemente, o polo valente
-Rosa, a vaca agarimosa
-Eladia, a ovella sabia
-Sinforoso, o can temoroso





25/1/16

Para onde imos cando desaparecemos?


Xerais publica Para onde imos cando desaparecemos?  álbum de Isabel Minhós Martíns, con ilustracións de Madalena Matoso.

A tradución do portugués é de Anaír Rodríguez.

Como non somos quen de responder a esta pregunta, o que fai o libro é fornecernos de posibles respostas, observando o que acontece ao noso redor: o sol, as nubes, as follas..., atopándoas  na imaxinación.

Este álbum vén acrecentar o listado de libros que falan da ausencia, da desaparición e da morte aos máis pequenos, que vén de ser actualizado.

Congratulámonos tamén de contar en Galicia con textos da literatura portuguesa.

29/10/15

De novo, O lapis de Rosalía de Antón Cortizas


O lapis de Rosalía de Antón Cortizas vén de ser editado de novo da man de Xerais na colección Merlín ,con ilustracións de David Sierra.
O novo lapis de Rosalía é imaxinativo, poético, optimista, mesmo desobediente...un lapis especial para nenas de seis anos, ao que non lle gusta escribir parvadas.

Trátase dun libro moi acaído para as lecturas compartidas entre pequenos e grandes, que seguro se han divertir coas situacións  que nos propón o autor.
Para nenos e nenas de seis anos ou máis...!

14/10/15

Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir


Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir 

É o título do primeiro álbum da escritora María Lado , publicado en Apiario en 2014. As ilustracións son de Yanina Torres Tuirán.
Neste álbum, María Lado cóntanos o que lle acontece a Cuqui, un osiño de peluxe, dende a visión dun neno pequeno que cuestiona a sensibilidade das persoas adultas.
Este álbum ten interes para a lectura en familia e a través del podemos establecer vínculos afectivos coa lingua, tan necesarios hoxe.
Para ter en conta ao seleccionarmos materiais para as mochilas viaxeiras dos  máis pequenos.



28/9/15

Teatro para pequenos: O lobo e a lúa


A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer  acadou o premio Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, na súa edición de 2014.
Nesta peza teatral, publicada agora por Baía Edicións e ilustrada por Chus Ferrín, os personaxes non son o que a priori pensamos e van axudar a resolver o enigma de por que o lobo quere falar coa lúa...
Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”.
A autora dános moitas pistas para a súa representación. 


26/5/15

Nova colección en nova editora

Na granxa e 1 2 3 contando son libros despregables (din que para barrigolas, é dicir para pequeniños ou prelectores ou xentes de ben con ganas de ler). Estes son os dous primeiros títulos para estas idades lectoras de Engaiolarte Edicións, con ilustracións de Maxine Davenport e Cindy Roberts que se publicaran na súa lingua orixinal por Autum Publishing.
Que mellor maneira de presentárnolos que a través dun video?
1 elefante, 2 coches, 3 pingüíns... e así ata 10. Podemos contar para diante e para atrás dependendo de como coloquemos o acordeón. Imaxes moi visuais e claras, o texto mínimo para familiarizalos coa numeración, para seguir xogando con novos obxectos que tamén se poden contar e debuxar e volver... a empezar. 
O outro libro, Na granxa xoga coas ilustracións de cada un dos animais en branco e negro por un dos lados e coa granxa a troda cor e con todo tipo de aditamentos, polo outro. Da individualidade ao colectivo, do máis mínimo á suma de elementos que habitan a granxa, coas cores da realidade.

15/5/15

Novidades en álbum ilustrado


Na colección O de OQO, dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos, acaban de publicarse os títulos A mellor sopa do mundo de Susanna Isern con ilustracións de Mar Ferrero, e tamén O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez con ilustracións de Elsa Klaever.
A mellor sopa do mundo pode que sexa esa que facemos entre todos e repartimos entre os que chegan á casa un día de inverno. Porque non somos como Mafalda e gustamos da sopa, ese manxar líquido e quente que mornece os corpos, como o fai a mizade e o tempo compartido, por iso sabe tan ben... e nunca nos damos por fartos.
A autora, Susanna Isern, xa ten publicado en galego ¡Pilú! ¡Pilú!, Oso atrapabolboretas e ¿Onde estás caracol?
En O avó de Zulaimar, Juan Carlos Méndez Guédez bota man desas necesidades que todos e todas temos e da maneira na que tentamos cubrilas. Que facer cando che falta un avó? Pódelo pedir prestado ou podes inventalo, crealo, construílo... e niso andamos. Así comeza esta historia tan próxima:
"Zulaimar non tiña avó.
Pero todas as amigas tiñan un.
O de María era alto como unha palmeira.
O de Lucía, redondo como unha O.
O de Susana, cos ollos escuros coma o café.
Polas tardes ían con eles ao parque.
Tomaban xeados.
Facían debuxos na area."

28/4/15

Pequeno tigre e oso pequeno. Unha serie para os máis pequenos


Eses dous amigos, que xa tamén o son nosos, móvense polo universo de Janosh.
"Un día tigre pequeno regresou do bosque coxeando, xa non podía camiñar máis nin manterse en pé e caeu.
E quedou alí tombado no chan, no medio do prado.
Deseguida chegou correndo oso pequeno e preguntoulle:
–Que che pasa, tigre pequeno? Estás enfermo?
- Eu curareite, dixo oso pequeno"
As personaxes máis entrañables da literatura infantil continúan xuntas. Se sempre se prestaron coidados, agora fano máis, pois os amigos están para iso: para axudarse cando se necesita. Tenrura e humor, diálogos dunha sinxeleza universal e a dozura salpresando o relato. 
É a amizade!!!!!!
Que bonito é Panamá!
Imos buscar un tesouro.
Correo para tigre



20/4/15

Animais, animais... e paseando pola obra dun gran arquitecto

"Cor animal é un libro que achega de forma amena unha trintena de animais de difeentes lugares do mundo, presentándoos cun sinxelo texto descritivo e cunhas chamativas ilustracións elaboradas coa técnica do collage dixital, que destacan polo seu extraordinario colorido, as sorprendentes texturas e a orixinal fisonomía dos seus protagonistas.
Pensada para primeiros lectores, a partir dos catro anos, está escrita por Agustín Agra (que fai a asúa primeira incursión nesta editorial) e ilustrada por Maya Hanisch a base de recortes de revista e xornal, estampados de correo postal, tipografías, papel pintado con pinceladas de tinta, trazos soltos ou retais
de materiais téxtiles." 
Da presentaicón editorial.
Lembremos que nesta editora podemos atopar a colección de "Animais extraordinarios", en gran formato. Sempre son ben recibidos estes produtos nas nosas bibliotecas.

9/7/14

Libros de monstros para comezar as vacacións



Sushi Books, o selo editorial do Morrazo presenta dous títulos que teñen como protagonistas aos monstros, na colección álbum. Ambos creados por autores e ilustradores islandeses como son Áslaug Jónsdóttir, Rakel Helmsdal,  Kalle Güettler e Áslaug Jónsdóttir.

Os seus títulos son Os monstros grandes non choran e Monstro pequeno di non, traducidos ao galego polo denominado «Equipo Sushi».
A personificación dos monstros con comportamentos case "demasiado humanos", o papel do poder pero tamén da amizade, a posibilidade de modificar os roles, son aspectos que aí aparecen para motivar o comentario, para animar a opinión. 
Para darlle unha volta a este mundo tan monstruoso!

14/9/11

NOVIDADES

Tucho Despistes é o primeiro libro -do que temos noticia- de Ana Santiso.
Ela dedícase á ilustración e -certamente- está traballando moito. Pena que no seu blogue non se recollan os libros ilustrados e resulte pouco doado poder citalos. Entre outros, Cormarín de Xoan Babarro, Xan o das Fabas Máxicas, Os Poderes máxicos de Aitema de Concha Blanco, Alicia no País das Maravillas ou Filiberto e Sofonisba de Xavier Seoane.
Nesta ocasión, a obra é enteiramente súa, letra e debuxo; pensada para os máis pequenos e editada na colección Merliño.
Imaxes interesantes para un texto no que se fala acerca de ... "Tucho Despistes sempre anda despistado, fai os recados mal, perde as cousas e non sabe onde as deixa...A súa nai enfádase cada vez que se confunde e a el dálle medo, pero tamén rabia e pena. Coa axuda do peixe Pirucho, da Monstra Pena, da Monstra Rabia e do Monstro Medo, todo cambiará." (Da presentació editorial)

2/9/11

LIBROS PARA PERSOAS MIÚDAS

O segundo dos libros de cartón duro (que está a publicar factoría K)) é da autoría dunha mestra moi querida, Ana Mª Fernández – Abascal; unha muller de biblioteca escolar e apoio á lectura. Agora que os seus días son longos e libres de horario, esperamos que continúe achegando obras para nenos e nenas, co bo facer que a caracteriza.
O señor don Nicanor é un texto rimado e de estrutura circular. Unha historia encadeada cunha fórmula que se repite con pequenas variacións, para volver ao principio, alí onde as cousas comezaron e han de rematar. O libro que fala dun libro dentro do que hai outro libro e dentro deste outro no que se fala, de novo, do primeiro deles. O libro dentro do libro; os libros que falan de libros.
A mensaxe -porque a ten- valorando a lectura, afirmando o poder do libro cando a televisión só ofrece historias sen interese … daquela, en lugar de permanecer fronte a ela tragando o alimento dos cerebros planos o señor Nicanor, o lagarto Coleón ou o ratiño Fociñón collen un libro decontado para non aburrirse e manter o cabeciña en funcionamento. As ilustracións de Flavio Morais, no seu estilo no que conviven o pop coa estética fondamente popular coas raíces en Brasil; bebendo das fontes da tradición, do traballo de gravado en madeira que tanta divulgación tivo nos anos setenta e oitenta, xogando con fondos de cores fortes aínda que esvaídas por algo que semella o paso do tempo ou o descoido do destinguido; imaxes que nos remiten a outros tempos e lugares distantes, ao surrealismo e ao expresionismo máis eficaz. Xa coñecido entre nós, por Só un segundo, Flavio Morais retoma a relación co selo Kalandraka, para ilustrar esta historia.
Porque os telespectadores teñen criterio e opinan se unha película é boa ou mala, e porque o señor Nicanor nos chisca un ollo cómplice, acompañándonos nesa aventura que se chama libro e lectura.

1/9/11



Comeza Factoría K cunha colección de libros duros para prelectores e primeiros lectores. Libros con cantos redondeados, de doado uso nas mans dos máis pequenos da casa; cartón a proba de dediños gordechos e pouco mañosos.
ARTUR cunhas magníficas ilustracións de Marc Taeger que acompañan a historia do pequeno pito na aventura do nacemento e primeiras experiencias. Cuns trazos mínimos pero de gran expresividade vainos mostrando o pito dentro do ovo e os esforzos por rachar a casca e saír dun habitáculo que xa lle resulta incómodo, a sorpresa ante a grandeza do mundo e a súa frialdade, o descubrimento da soedade e a saudade. Tamén descubriu que o que, ás veces, nos dá medo pode acabar resultando moi grato, como ese primeiro sono nas alas de mamá galiña. Uns marabillosos resultados, tamén no deseño da páxina e na súa ocupación, nos pequenos textos e esquemáticos debuxos de fortes cores sobre fondo branco. Só nos preguntamos se terá continuidade…
Tanto Oli, autor de historias como Once damas atrevidas e O pirata pata de lata, como Marc Taeger ilustrador de A verdadeira historia de Carapuchiña, Aquiles o puntito, Tic – tac e Garavanciño, son creadores moi recoñecidos polo lectorado infantil e mediadores.