13/12/18

A filla do Minotauro, un novo título de Marilar Aleixandre para lectorado xuvenil e outros.

Marilar Aleixandre volveu facela. Novamente pon nas mans das persoas mediadoras un texto magnífico para presentar a mozos e mozas e convidalos a unha experiencia de lectura das que deixan pegada. Desta vez a escritora volve á mitoloxía clásica e de alí tráenos a Miranda, A filla do Minotauro, unha rapaza afouta, curiosa, intelixente, sensible, atenta ao que pasa ao seu arredor, disposta a botar unha man nunha empresa arriscada: cómpre agochar un documento moi valioso do patrimonio cultural de Sicilia para libralo das gadoupas dos traficantes de tesouros arqueolóxicos e Miranda non dubidará en aliarse cos "bos" na defensa dese patrimonio histórico. Pero A filla do Minotauro agocha moitas outras historias e aventuras que se entrelazan a través de diferentes voces de narradores cos que Miranda se vai atopando, comezando polos seus pais, que finalmente descubren ante ela o seu segredo. Excelente texto que revisita, entreverando na aventura de Miranda, moitas outras aventuras e mitos clásicos aos que nos permite achegarnos, desfacendo algúns tópicos e desvelando algúns misterios. 

Aventura, amor, paisaxe, historia, mito, narración oral, matemáticas, arquitectura, inventos, muller, misterio, mafias... Quen dixo que non hai libros atractivos en galego para por nas mans dos nosos lectores?

Cómpre agradecer á Editorial Galaxia a publicación desta novela que mereceu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 e que, de seguro, proporcionará unha vivencia de lectura grata a novos e maiores. Publicada na colección Costa Oeste, os equipos de biblioteca escolar deberán lela para valorar a súa recomendación pero desde aquí pensamos que non debe faltar en ningunha biblioteca dun centro de secundaria (lectorado xuvenil). Como pasa coa auténtica literatura, A filla do Minotauro ten varios niveis de lectura e pode ser tamén de interese para outros lectores e lectoras con gaña de aventura. Ademáis, é unha novela "con mapa", desas que chaman á viaxe imaxinaria e convidan á viaxes reais "para cando se poida". 


O BESTIARIO CIENTÍFICO DE ANXOS NOGUEIROSA, I Premio María Víctoria de Literatura Xuvenil



Urco vén de publicar a novela  O BESTIARIO CIENTÍFICO DE ANXOS NOGUEIROSA de Antonio Manuel Fraga, coa que o autor gañou o I Premio María Víctoria de Literatura Xuvenil. As ilustracións son de Víctor Rivas. 
A acción sitúase no ano 1933 no Sanatorio Marítimo de Oza dos Ríos, onde coinciden Suso e Tila para pasaren unhas colonias de verán. 
Cunha intención clara de homenaxear á científica galega Ángeles Alvariño e á mestra Elvira Bao, a novela vai intercalando a vida no hospital e as descricións do "Liber Bestiarium Scientificus", bestiario máxico galego onde se recompilan e describen animais fabulosos. O libro chegou a mans de Suso dunha forma estraña e vincúlase con Tila, cando conflúen ambas as dúas historias.
A novela ben pode estar nas seleccións lectoras para o Nadal que fan as nosas bibliotecas escolares ou ser tida en conta para un club de lectura de lectores xa expertos.