31/5/11

LIBROS PARA ... PENSAR (2)



Dous libros para ... pensar
O outro, Exogamia 0.3, de Ramón Caride, con ilustracións de Manuel Busto trata a temática medio ambiental. Partindo de que a única noticia é a ciencia, crea media ducia de relatos “suxestivos e non pechados, para abrir debates arredor dos temas candentes, de cuestións nas que a ciencia é protagonista...”.

Desde diferentes situacións de nenos en lugares distintos do mundo arredor do coltan e as consolas de última xeración, as cazas vip no futuro Chernobil no que os animais froito da radiación son presas espectaculares, as pastillas que fan esquecer aquilo do que te queres desfacer e coas que se pode xogar segundo os intereses de cada un, as liñas de investigación con mascotas a través dos clons e outras sutilezas, os xogos dos ricos observando a capacidade de supervivencia dos pobres ou os corpos destes últimos servindo de continente aos cerebros dos que teñen poder e cartos suficientes para poder pagalos.

Historias que enxergamos ao lonxe, medos e temor a un futuro peor que o presente no que os avances científicos están sempre ao servizo dos poderosos.

30/5/11

LIBROS PARA ... PENSAR (1)

DDous libros para ... pensar
Dous libros de educadores, un centrado nos valores do comportamento, no que se debe facer e o que non, no medre persoal, na capacidade de enfrontar a realidade só ou coa axuda dos amigos, baixo un título ben evidente: Ti non xogas! de Silvestre Gómez Xurxo con ilustracións de Anxo Fariña.
O libro dun mestre, dedicado ao alumnado dunha escola “porque cada día dan leccións de convivencia”. Diso trata, da convivencia entre a rapazada, do papel dos adultos axudando a razoar e cambiar os comportamento inadecuados, dos abusóns e dos que non o son.
Por que o recollemos? Pois porque a este docente non lle avergonza falar de educación e de formación, de valores e de comportamentos, de actuacións que pretender rachar a violencia e o acoso e fomentar a paz na escola.

27/5/11

MÚSICA E BAILE

NA PUNTA DO PÉ de Pesdelán, un libro CD-DVD publicado por Kalandraka con ilustracións de Joao Vaz de Carvalho e que xa vai pola segunda edición. Está claro que era algo esperado e necesario.
Dise na presentación editorial que se trata dunha obra orientada a público de todas as idades para aprender cantigas, bailes e xogos da tradición galega e portuguesa, co obxectivo de recuperar o espírito lúdico das festas, cun enfoque didáctico e participativo.
Os sete compoñentes de Pesdelán forman parte doutros proxectos musicais do panorama galego como Berrogüetto, Leilía, Alfolíes, Xochilmica, Almáciga ou a banda de Susana Seivane. A proposta didáctica está dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera, a produción musical é Pedro Pascual e conta coas colaboracións de Guadi Galego e Celina Piedade. A través deste
video facémonos idea do que atoparemos neste material.

26/5/11

LETRAS PARA TODO O ANO

Porque as lecturas arredor do autor das Letras non deben rematar o 17 de maio, queremos lembrar esta obra que chamou a nosa atención.
Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, por
Marcos Calveiro na colección Fóra de Xogo de Xerais.
Calveiro enfróntase á biografía e antoloxía do autor das Letras deste ano, 2011, cunha proposta novidosa e interesante, segundo a presentación editorial “Coma se do falso guión dun filme imaxinario se tratara, esta biografía amosa algunha das escenas de vida do poeta. A súa infancia e adolescencia nese universo que foi para el o seu Monforte natal. Aqueles anos de Loia en Madrid, nos que percorreu os camiños do entusiasmo e da fatalidade. As viaxes europeas na procura de acordes e descubertas. Os últimos días na Coruña. A familia, os amigos, a paixón, a escrita artellan este emocionante relato con agarimo e admiración”
Unha biografía que se completa cunha detallada cronoloxía, un caderno fotográfico e unha antoloxía poética.”
Calveiro non fai unha biografía nin tampouco unha biografía novelada, escribe un guión. Di Calveiro, no limiar que Vida, Poesía e Morte van xunguidas no caso de Pereiro. Morte, sen dúbida, enfermidade.
Calveiro apreixa instantes fuxidíos na memoria daqueles que acompañaron ou poeta mozo, pegadas soltas, a modo de flash-back final que comeza coa avoa e a muller que axudou a crialo arredor da tumba e remata co irmán e
Rivas despois de entregar os papeis para solicitar o Día das Letras para Lois. Polo medio a infancia, a adolescencia, a mocidade, a enfermidade, as viaxes, a morte... un guión que resulta máis real e vívido, tal vez por non pretendelo, que unha biografía.
Unha homenaxe a un cinéfilo. Unha orixinalidade.

25/5/11

MULLER E LITERATURA



Unha costura no tempo de X. Antonio Neira Cruz, na colección “A árbore da lectura” de Edicións Oxford
Que pode ser unha costura no tempo? Esa é a pregunta. A resposta chéganos a través de dúas historias que semellan tocarse aínda que proveñen de tempos moi distantes; a vida de dúas mulleres que a través dos soños e o azar se atopan (sen encontrarse) e se axudan.
A solidariedade entre unha rapaza actual e unha moza que forma parte do clan das iniciadas, un grupo ao que só pertencen mulleres que teñen demostrado a súa capacidade para a liberdade e o poder fronte aos homes que fican absolutamente sometidos e “desaparecidos”. Unha tribo na que mandan as mulleres fronte a un mundo no que estas son a sombra dos homes, os seus animais de compañía, e a súa mirada é de mansedume innata. Unha páxina web na que as rapazas actuais coñecen a historia desas mulleres, unha adolescente que forma parte dunha estirpe de mulleres solitarias e descubre o amor ao tempo que repite a pregunta de sempre acerca da situación do pai.
O tempo que cose dúas historias: a da traidora da que din que acaba co poder das mulleres e a da rapaza que lle fala a través do tempo e descubre a illa na que sucedeu...
Para saber que pasou en San Simón onde as ondas cantan cantigas de amigo, hai que ler o libro e a iso vos convidamos. Porque tamén reflexionaredes acerca da igualdade, sobre a muller, sobre “o machismo de signo contrario” , sobre o amor e a súa capacidade para parar o tempo...

24/5/11

Páxinas de Carricanta de Ana Mª Fernández, ilustrado por DNL en Punto de Encontro, Everest Galicia.
Da presentación editorial recollemos en relación ao texto: “Proponnos un metafórico percorrido vital a través das experiencias cotiás dun humilde animal, que, como calquera ser humano, teima na procura de respostas perante os misterios da existencia: o nacemento, o amor, as intuicións telúricas, o arcano da vida e a morte.”
Difícil o empeño de situarse na pel da carricanta, ao carón da terra, baixando ata o principio do ser e sentir como humana e carricanta, ser muller e pequeno insecto observando a vida e a natureza. Un difícil empeño que comparte cun fotógrafo que asume cada un dos poemas para colocarlle unha imaxe que non se sabe se naceu antes, despois ou ao tempo. Fotografías que asumen o reto de Rivas na cita do comezo de libro “o mundo antigo a soñar / na elevación da estruga”, mirar o mundo desde a altura do humus, desde o ollo máis minúsculo, ver só natureza pero un natural fermoso, preñado da estética sensible … cada foto unha obra de arte outorgada coa xenerosidade dun ecoloxista e artista.
Un proxecto único dentro da nosa literatura que merece todo o recoñecemento a ambos creadores e á editorial que o permite e promociona. Fotos que ocupan toda a páxina deixando que o texto se imprima sobre elas ou retraéndose á outra páxina que acompaña o poema. Un proxecto que lembra -dentro desta mesma editora- o álbum Bolboretas.
Leamos para despois mirar, e ler, e mirar, e ler...



O vento engurra os coios
sobre a terra tombada,
que recibe os abalorios da pluma e a semente.
Guedellas de herba sobre o lodo,
saltóns e vacalouras,
carricantas…
Terra humilde, sen brillos,
sen estrelas,
sen cisnes,
sen cofres nin tesouros.
Esa é a terra miña!

Calma que embalsama
os berros das tronadas,
os arpóns dos raios,
os anacos de cuarzo,
a ofrenda dos froitos agochadas,
a peregrinaxe dos vermes,
dos saltóns,
das toupas…
Ferméntarán as follas tras do verán,
podrecerán as plantas e ela seguirá calada
porque xa sabe
como saír da casca,
da crisálida,
da cova do esquecemento,
cunha donda melena de herba verde,
salvaxe, de novo,
cabalgada polas nubes errantes,
tinguida polos menceres,
soñada para fogar e tumba
dos que só viven un tempo.

23/5/11

De princesas e gustos

A princesa Sabela de Cornelia Funke con ilustracións de Kerstin Meyer. Álbum ilustrado publicado por Xerais. Tradución de María Xesús Bello Rivas.
“Dorotea, Rosalinda e Sabela eran princesas reais. Tiñan trinta armarios roupeiros cheos de preciosos vestidos. Serventes que lles limpaban o nariz e doncelas que lles aquelaban os dormitorios, colgaban as súas roupas e pulían as súas coroas ata que brilaban.” Con mestres que lles ensinaban de todo, serventes que todo llo facían e elas sen nada en que molestarse, podíase pensar que podían ser totalmente felices pero… Sabela, a máis nova, suspiraba mirando para a lúa ata que unha mañá se rebelou ao berro de “Estou farta de ser princesa!” Fronte á defensa que cada unha das irmás facía de tal oficio - honra ela aducía aburrimento.
“- Eu Quero poñerme perdida! –berrou Sabela saltando por riba da cama coma unha tola-. Quero limpar eu o meu nariz. Non quero sorrir seguido. Quero decidir que me poño! Quero untar as torradas eu mesma. Non quero seguir sendo princesa!”. Tira a coroa ao estanque dos peixes e négase a facer nada do que corresponde, por iso o rei a castiga a traballar na cociña; alí é feliz e aprende un mundo de cousas; ao día seguinte cando o pai tenta que entre en razón non o consegue así que a envía a traballar ao cortello dos porcos... cando volve cheirando as irmás terán asco dela e Sabela decide ir durmir ao palleiro coa súa boneca… e ata alí irá seu pai despois de coller a coroa no estanque e dicirlle que a bota de menos. De volta ao castelo leva unha Sabela con liberdade ganada. As ilustracións acompañan moi ben ao texto.

20/5/11

Recollemos da presentación realizada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez:

A Rede de Selección de Libros Infantís e Xuvenís edita, por segunda
vez en formato electrónico, a publicación*/ Libros escollidos de
literatura infantil 2009-2010 (3-15 anos)/*, repertorio de cento
vinte e un títulos seleccionados entre os publicados en España dende o 1
de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de 2010, en castelán (62
títulos), català (25 títulos), éuscaro (11 títulos) e galego (23 títulos).
A Rede de Selección de Libros Infantís e Xuvenís mantén a súa oferta
actualizada en Internet, que consta de dúas partes:
- A base de datos que contén un *corpus de 822 obras*, todos os
títulos seleccionados pola Rede dende o inicio dos seus traballos,
consultable a través dunha serie de pantallas que permiten seleccionar
as obras utilizando diversos criterios de busca (autor, lingua, idade
recomendada, ano da selección, etc.).
- A versión da publicación en formato de visualización "pasa-páxina "
de cada unha das *siete bibliografías selectivas anuales* que se
xera automaticamente a partir da base de datos xeneral a petición
do usuario.
A dirección de acceso á páxina web da Rede de Selección de Libros
Infantís e Xuvenís é: http://www.reddeseleccion.com/

19/5/11

GUIA DE LITERATURA NON DISCRIMINATORIA




Recollemos da páxina oficial:
"Trátase dunha guía na que se recollen 50 obras da literatura en galego publicadas entre os anos 2005 a 2007, destinadas aos nenos e as nenas de entre 0 e 18 anos, nas que se recolle o valor da igualdade e se racha cos estereotipos sexistas.
A guía foi elaborada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) por encargo da Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través do seu Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, que ten por obxectivo traballar na formación e na información do profesorado, e das nais e pais, cara á súa decidida implicación na consecución dunha escola coeducativa e igualitaria, na que desaparezan prexuízos de carácter sexista e que permita o desenvolvemento libre e integral das persoas.
Esta segunda guía tenta destacar obras en que as nenas cumpren un papel protagonista activo e senlleiro; sinalar narracións en que tanto as cativas como os cativos se ven liberados dos roles de xénero máis esterotípicos; reflectir textos en que o maltrato e a violencia, en calquera das súas formas, son claramente condenadas ou nos que se establece unha reflexión profunda a partir delas; valorizar os saberes tradicionalmente considerados femininos; impulsar os valores de igualdade, paz e tolerancia a través da literatura; e achegar outras culturas para que se coñeza a situación de nenas e mulleres en ámbitos diferentes ao europeo."
Este documento do que se cita que será enviado aos centros, tamén é accesible directamente na páxina da Secretaría de Igualdade.

18/5/11

DOUS PREMIOS PARA A EDICIÓN GALEGA

Kalandraka ven de obter dous novos premios.
Trátase do terceiro Premio Nacional de Edición na categoría de Libro de Arte para Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados e outro terceiro Premio Nacional de Edición na categoría de Libro Infantil para Dióxenes, o título que xa obtivera o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2008 (texto de Pablo Albo e ilustracións de Auladell).

O primeiro deles é unha escolma poética que se editou con motivo do centenario do nacemento do poeta, e que foi ilustrada por diferentes artistas plásticos como Baldo Ramos, Darío Basso, Federico Fernández, Óscar Villán, Pablo Otero, Marc Taeger ou Xosé Cobas.

Estes recoñecementos do Ministerio de Cultura súmanse a outros recibidos en edicións anteriores por libros como O coelliño branco, Onde perdeu Lúa a risa?, Animalario...

16/5/11

Nova colección




Cinco contos sobre Velázquez da autoría de Eliécer Cansino, Joan Manuel Gisbert, Xosé A. Neira Cruz, Daniel Nesquens e Xavier P. Docampo. Publicados na colección A árbore da lectura, na serie xuvenil da editorial Oxford
Trátase da recreación dun cadro deste pintor converténdoo en parte da trama do relato. Eliécer Cansino en “As mans transparentes” recolle a historia dun pintor adolescente que, nas últimas vacacións antes da entrada na universidade, busca a voz de Velázquez. Gisbert en “Os soños da Sibila”, acude ao cadro da Sibila para relatar o proceso de curación dunha moza coa axuda dunha copista. Neira Cruz en “Os fíos dunha historia”, parte do cadro “As fiandeiras” e do gato que desde a imaxe lle lembra ao da súa avoa, para introducirse nas historias que esta conta, dos tempos que lembra nunha fabulación marabillosa que remata nun conto clásico. Daniel Nesquens escolle o lenzo “Inocencio X” para cederlle a voz a un neno que leva o mesmo nome e tamén vai ser retratado. Docampo en “Retrato dun home que se parecía a Esopo” acolle a historia do mendigo que posa para ese cadro deixando un pouco de realismo máxico, de relación imposible entre ese mendigo e o gran fabulador: “(...) aquel infeliz que dicía habitar, en tempos ben afastados, reinos remotos e ter aconsellado os seus monarcas, facía súas, para dar verosimilitude aos seus relatos, as palabras do fabulista Esopo.”
Cinco escritores, cinco cadros de Velázquez e cinco historias, nas que o lenzo achega personaxes, obsesións, parecidos inverosímiles, motivos de fantasía, ambientación,... sempre desculpa, para a creación de mundos distantes ao motivo e distantes entre si. A meirande riqueza é esa creación de ambientes desde o identidade de cada autor, en base á creatividade dun gran
pintor.

9/5/11

LIBRO SOLIDARIO

¿Qué me pasa, Ntumba? Cuentos sobre enfermedades olvidades: Tuberculosis, Mal de chagas, Kala Azar, Enfermedad del sueño, VIH/SIDA, Malaria.
Escritos por
Feli Ibáñez con ilustracións de Mariona Cabassa e fotografías de Juan Carlos Tomasi. Publicado pola ONG Médicos sin fronteras en Icaria editorial.
Unha excepción a ter en conta, un libro de contos relatados por Ntumba, a contadora de contos que nos explica así o que é a solidariedade “Nese tempo aprendín –entre outras moitas cousas- que colaborar para cambiar o mundo é moi doado; simplemente é necesario preguntarse:¿isto que lle ocorre a outra persoa... gustaríame que me pasara a min? Se sentes que a ti non che gustaría vivir a mala situación que viven outros, daquela é preciso comezar a pensar que se pode facer.”
Ela cóntanos historias de nenos que padecen “enfermidades estrañas e esquecidas, enfermidades que non temos aquí en Europa, que case non se estudan nin investigan, a pesar de que miles de persoas en África, América Latina e outros continentes si as padecen.” E faino “para que a xente, ao escoitalas, saiba un pouco máis do que pasa alí e empecen a pensar acerca de que facer para cambiar o mundo. Escoitando esas historias, empezarás a reflexionar sobre que podes facer ti...”
Non quixera deixar de recoller as palabras da presidenta de Médicos sin Fronteras España, acaerca da literatura:
“Os contos son os responsables da dimensión da nosa realidade. Son os que nos ensinan a distinguir aos heroes dos viláns, ensínannos a soñar un mundo e axúdannos a decidir cal será a nosa maneira de estar nel. Os contos, como o primeiro ensino, vertébrannos e constrúennos, murmurándonos as dimensións precisas que ha de ter ese patio de recreo no que xogaremos toda a vida."
Pois para ampliar o noso patio, están estes contos nos que coñeceremos outras realidades, outras enfermidades, outros mundos, ... ao tempo que colaboraremos con esta ONG que nos di que ás veces hai que "pagar mediciñas" para que os outros se curen.

5/5/11

BANDA DESEÑADA E TEATRO

O regreso do caralludo Sr. Mundo.

É Alfonso Martínez quen traslada á banda deseñada unha peza teatral que recibe o mesmo nome, escrita conxuntamente por Nathan Carter e Juan Junquera como proxecto xerminal da asociación cultural SRMUNDO.

Aínda que publicada en 2010 por Volta editores, estes días semella estar de moda (quen o leo verá a razón).
A macrópole berce da superhoroicidade observa sumida no caos, o impacto dun obxecto voador sen identificar contra a torre do rañaceos máis alta do mundo, entre as dúbidas os últimos super heroes loitan…
Unha banda deseñada en branco e negro que recolle unha historia de gran complexidade ou non tanta. Comeza coa imaxe de Goya na que dous homes de pelexan con paus para adentrarse nunha trama na que a iconografía relacionada con Cristo vai ter un papel relevante, e xunto a ese Sr. Mundo, os outros heores: o Señor Oscuro, Aracnos e Mole (irmáns, coas súas potencialidades e máscaras, coas diferenzas sempre presentes na familia... e buscando un lugar na BD). Entre todos eles a Asociación de Vitimas de Agresións con Carácter Violento

3/5/11

"O pintor do sombreiro de malvas", premio da AELG










O pintor do sombreiro de malvas de Marcos S. Calveiro, resultou libro ganador na modalidade de literatura xuvenil nos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Este autor, un dos máis premiados da última literatura que se está a facer por estas terras, e esta obra que xa vai pola 4ª edición, é unha das que máis galardóns ten conseguido:
Premio Lazarillo, 2009 - Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 - Lista The White Ravens 2011 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil e Xuvenil), 2011.

Quedamos á espera da obra de Calveiro que resultou ganadora do último premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña Centauros do norde.

2/5/11

Uhía, ilustrador, autor e director de documentais científicos



Un documental científico sobre os cefalópodos das costas de Galicia, O mar da fin do mundo, dirixido por Manuel Uhía, acaba de ser premiado no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián CIMASUB 2011.
Porque Uhía ademais de ser un magnífico ilustrador e autor de libros, tamén acostuma traballar en cine submarino e xa non é este o primerio premio que acada.
Este pode ser un motivo para lembrar algún dos libros ilustrados por el como Misterio dos fillos de Lúa, Trece anos de Branca, Estes días refresca polas tardes, A casa abandonada, A cidade dos desexos, Leonardo e os fontaneiros, Rabibranca, Un robot pequeno, Rata linda de Compostela, O torques de ouro, Ás de mosca para Anxo, Memorias dun raposo... e aqueles outros dos que tamén é autor do texto como Pinturiño, O gato que lle puxo o cascabel ao gato, ¡Piratas na buguina!, O anel, e o magnífico Evaristo, un corvo moi listo, no que nos mostra ese mundo submarino que tanto lle atrae a través dunha estupendas ilustracións.