26/6/15

Novidades varias (II): A nena do parque, Inmundicia e Roñoso, Ulises e as cronoamigas...


A nena do parque, é un libro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Nuria Díaz e editado por Edicións Embora. Trátase dunha unha edición revisada e ampliada polo autor do anterior Noa, que nos anos noventa do século pasado, escribira para a súa filla. 

Ledicia Costas acaba de publicar Inmundicia e Roñoso, no selo galego da editorial Edelvives, Tambre. A obra está ilustrada por Laura Catalán.

Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, creada por Érica Esmorís (premio Merlín 2015) e ilustrada por Jacobo Fernández Serrano. En Sushi Books.

25/6/15

Novidades varias (I): A Gramola Gominola, Eu e nós durmindo nun garaxe


A Gramola Gominola, formación musical composta por Paula Romero, Ro Muñoz, Anxelo de Xermar e Paco Cedeira, que presenta o seu traballo na colección Sonárbore de Galaxia. Música de todo tipo e para parar un tren: blues, o country, rock, pop, punk, reagge, heavy metal... 
Así se presentan:
"A Gramola Gominola é un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non é un grupo máis, non é o de sempre, é unha banda de rock!!"

De Xoán Babarro, Eu e nós durmindo nun garaxe con ilustracións de Antonio Seijas, publicado por Embora. Brabádegos coméntao así:  "Trátase dun libro que transmite memoria léxica de xeito natural e fluída artellando pequenas historias que falan de trasnadas en forma de anaco de lúa ou de cabras coma Sinompoida, que poden predicir acontecementos. No souto recomendamos este libriño para lectores autónomos pola súa fermosura, xa que inclúe valores como o da igualdade e transforma aros de ferro de pipotes en chouchonas bolouchas con tituras de purpurina que engaiolan coma aros de luz".

23/6/15

Día das Galegas nas Letras





A plataforma de crítica literaria A Sega organiza o Día das Galegas nas Letras. Mª Victoria Moreno foi protagonista desta segunda edición celebrou nesta segunda edición. O ano pasado, dedicáranllo a DOROTHÉ SCHUBARTH, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. 
Así explican a elección deste ano, da autora de Anagnórise, Mar Adiante, Leonardo e os fontaneiros, Guedellas de seda e liño, Diario da luz e a sombra:
"A FORZA DA VONTADE
Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas".
 





22/6/15

Cadros dunha exposición: libro música

Cadros dunha exposición é unha peza de Modest Mussorgsky, que interpreta a Filarmónica de Nova York dirixida por Guiuseppe Sinopoli. Ademais, Cadros dunha exposición é un libro con texto de José Antonio Abad e ilustracións de Xosé Cobas.
Un obxecto de arte. Un libro CD no que se unen as palabras, as notas musicais e a pintura para que todos os sentidos poidan gozar da beleza.
Cóntasenos a historia dun grupo de gansas que cada día pasa por diante do Museo de San Peterburgo e nunha ocasión, unha delas -nova e despistada- entra no museo e vai paseando e vendo os cadros de Viktor Hartmann, observando as pinturas mentres a música nos conduce.

19/6/15

Premios Frei Martín Sarmiento

 
















Na undécima edición do certame Frei Martín Sarmiento, convocado pola Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos (Ferega-Ceca) resultaron ganadoras as obras seleccionadas polo alumnado e familias dos centros que forman parte de Ferega-Ceca−
Raro de Marcos Calveiro (na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria).
Marcopola e a illa remeira de Jacobo Fernández (na categoría de 3º e 4º de Educación Primaria, pola obra). É unha alegría descubrir que Marcopola xa pasou ao castelán e agardamos moitas outras traducións.
Soños de mar de Xosé Henrique Ribadulla Corcón (na categoría de 5º e 6º de Educación Primaria)
Améndoas e flores silvestres de David Vázquez (na categoría de 1º e 2º de ESO)
Bágoa da lúa de Sabela González (na categoría de 3º e 4º de ESO).
Foran finalistas...
Para 1º e 2º de Educación Primaria:
– Pablo Díaz, Toc-Toc, Galaxia.
– Marcos Calveiro, Raro, Tambre.
Concha Blanco, Catuxa quere saber, Everest.
 Para 3º e 4º de Educación Primaria:
 – Xelís de Toro, O gato fantasma, Xerais.
Para 5º e 6º de Educación Primaria:
Para 1º e 2º de ESO:
Para 3º e 4º de ESO:
Elena Gallego, Dragal III, Xerais.

18/6/15

O imaxinario da literatura galega actual

Non deixa de chamar a atención a información recollida no artigo "Un lugar chamado presente", publicado no lg3 do Consello da Cultura Galega.
Para desfacer tópicos, literatura anclada no hoxe, homes e mulleres en pé de igualdade nos papeis principais, ... e que dirían dos xéneros que máis interesan? e dos lugares nos que sitúan a acción?
De todo isto e moito máis...
(De paso, un xogo - adiviña: a que responde a foto da imaxe?)

17/6/15

Premio CookBook Gourmand Award 2014


O álbum ilustrado Maruxa, da editorial pontevedresa OQO, ven de ser galardoado co CookBook Gourmand Award 2014, que selecciona os mellores libros de cociña de todo o mundo.  
Maruxa foi premiado na categoría “Best Illustrations CookBook” no estado español, na súa edición en galego. Os gañadores de cada país competirán en Yanyai, na China, polo título “The best in the world” o vindeiro mes de xuño. Os Gourmand coñécense popularmente como os “Oscar” dos libros de cociña e levan máis de 15 anos premiando obras de todo o mundo.
Maruxa, con texto de Eva Mejuto e ilustracións da portuguesa Mafalda Milhões, é a adaptación dunha canción tradicional polaca “Maryna gotuj pierogi” e forma parte do proxecto “Cociña de Contos. Europa á carta”, unha acción de cooperación do programa Cultura 2007-2013 da UE. Esta iniciativa promove distintas actividades que relacionan a literatura e a gastronomía para o público infantil, e que xa chegaron a máis de 20.000 nenos e nenas en España, Portugal e Polonia.
Información vía Fervenzas Literarias

16/6/15

Novo premio para unha das nosas editoriais



Kalandraka acaba de recibir o 3º Premio Nacional aos Libros de Divulgación Mellor Editados en 2014
Recollemos da nota editorial:  
"Fernando Pessoa, selección poética, traducido por Xosé Ballesteros, ilustrado polo artista luso Pedro Proença e publicado o pasado ano na colección Trece Lúas do selo FAKTORÍA K, vén de ser distinguido co 3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados 2015, no apartado de Obras Xerais e de Divulgación. O xurado valorou 143 títulos clasificados en cinco categorías. Os galardoados polo Ministerio de Cultura vanse expoñer nas feiras internacionais de Liber, Frankfurt e Leipzig. 
Neste libro os versos de Pessoa vense acompañados dos “collages xeométricos” nos que o deseñador combina aleatoriamente fondos de cores sobre os que traza debuxos,  tipografías e recortes de revista, formará parte da exposición Best Book Design from all over the World (Libros mellor deseñados en todo o mundo) e quedará depositado nesta última cidade, no seu Museo Alemán do Libro e da Tipografía".

15/6/15

Máis alá da fiestra, outro clásico dun clásico

Maurice Sendak segue a facerse presente nas publicacións de Kalandraka. Neste caso, con Máis alá da fiestra, un álbum que recibe diferentes nomes nas diversas linguas nas que esta editora o versiona: Al otro lado (castelán), Allà fora (catalán), O que está lá fora (portugués)... que ven sendo o mesmo, ou non o é?
Ímonos á estética vitoriana, a unha ambientación clásica e realista para contar uns feitos atemporais.
E cóntasenos o pasou nuns tempos afastados... nos que o pai estaba no mar e a nai no xardín (que poético iso de ter a nai no xardín!, abstraída,...semellando depresiva). Unha nena, Aida, coida a irmá pequena, mentres unhas pequenas figuras fantasmais andan polo medio. E sucede, que cando Aida se cansa e toca a trompeta máxica os trasnos levan ao bebé e deixan no seu lugar un boneco de xeo. Ante os aloumiños da irmá maior, o xeo licúase e Aida, desesperada búscaa ata atopala e recuperala, mentres os pantasmiñas se desfán. É a canción do pai quen a guía nesa busca, e será a carta do pai quen, ao final, lle lembra o que espera dela: que coide da pequena e da nai mentres el non está.
O mar, a modo de cadro, está presente ao longo do relato, igual que o o está o pai. E a natureza entrando pola fiestra... porque somos natureza e non todo é controlable no noso comportamento.

11/6/15

Lista de Honra do IBBY. Últimas incorporacións di sistema literario galego


Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), de Ledicia Costas, que xa acadara o premio Merlín de Literatura Infantil foi seleccionada para formar parte desta prestixiosa lista no bienio 2015-2016.
Tamén acadou este galardón, a tradución de Ramón Nicolás do libro Bisa Bea, Bisa Bel de Ana María Machado.

10/6/15

Os premios de San Simón

Na illa de San Simón, nun dos primeiros sábados do mes de xuño, teñen lugar a entrega dos premios da factoría Xerais.
O premio Merlín, recaeu este ano en Érika Esmoris.
O premio Jules Verne corrrespondeu a Andrea Maceiras. Ela resultou ser a máis veterana de todos eles. Xa lle coñeciamos o Proxecto Bolboreta (gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior), Violeta Tamurana ganadora do 4º Premio Meiga Moira, Nubes de evolución  (finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014) e Volverás, golfiño (finalista do Premio Merlín, 2013). 

O acto tivo un mantedor de excepción: Miguel Vázquez Freire.
Entre o xurado estaba profesorado responsable de bibliotecas escolares.
Entre o público abundaban as dos clubs e de bibliotecas, a xente da lectura, as mediadoras e mediadores do libro, boa xente.
E a illa, como sempre, situada no mundo de San Ero, agachada do tempo, gardando os buxos baixo os que pasear, os camiños da vida e o ar encantado dun lugar gardado para a memoria.

9/6/15

Abecedario para primeiros lectores

O abecedario, as 23 letras do abecedario galego acompañadas dunha ilustración de Óscar Villán, é para aprender mais tamén para admirar as ilustración, para ver, imaxinar ou inventar.
Este libro ten como obxectivos incrementar o uso do galego na educación infantil, proporcionar materiais en galego para nenas/os de 0 a 6 anos, potenciar o uso de vocabulario en galego, recoñecer as letras e aprender o abecedario galego. Está publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Recollido en Fervenzas Literarias.

8/6/15

Agustín Fenández Paz, premio dos clubs de lectura 2015

As memorias dos clubs de lectura inclúen un apartado onde deben recollerse os libros lidos por cada un deses clubs. Os resultados fanse públicos no blogue Ler en mancomún e nos cadernos de bibliotecas escolares de Galicia.
Por primeira vez, o 23 de abril deste ano, a Dirección xeral de Centros e Recursos Humanos publica unha resolución pola que se concede o premio dos Clubs de Lectura ao autor máis lido polos Clubs no curso anterior. E recae en Agustín Fernández Paz. El é merecente deste e moitos máis premios; os seus libros para mozos e mozas son recoñecidos cos premios máis salientables da literatura xuvenil, (Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Lazarillo, Jove, Edebé, Lista de Honra do IBBY, Lista dos White Raven...), con maior número de edicións e traducións e máis idiomas.
O autor, que non puido asistir á VIII Xornada dos Clubs de lectura por motivos de saúde, foi representado polo seu editor, Manuel Bragado.
O premio, unha peza de Cuqui Piñeiro, para lembrar ese día, ese ano, esa obra completa ao servizo da construcción lectora
Grazas mestre!

4/6/15

Clásicos da literatura infantil internacional en lingua galega

Sushi Books acaba de publicar O pequeno Virgil de Ole Lund Kirkegaard.
Podemos ler a presentación da editorial e ler as primeiras páxinas do libro neste enlace, para facer boca.
Ao longo deste mes de maior, e do próximo, irán saíndo á luz outros libros deste autor danés ata facer un total de nove títulos (Albert, Frode e outros pícaros, Per e o pequeno Mads, Tippe Tophat, Otto é un rinoceronte, Orla Tragarrás, La aventura de Hodia de Piort, Tarzán de goma... )
As ilustracións son do propio autor.



3/6/15

Carme Kruckenberg, musicada


Xardín desordenado, ponlle música a un poema de Carme Kruckemberg, ao tempo que nos conta o necemento desa colaboración.
Así se presentan: 
"No ano 2.011 uns músicos de Vigo decidiron percorrer librarías e bibliotecas, á busca de palabras ás que poñer música. A selección resultante non obedeceu a criterios centíficos, senón á provocación que os poetas producían nos “exploradores”.
Logo, algunhas noites reuníanse nunha bufarda de Tirán, onde, compartían os poemas elexidos e as súas experiencias musicais; case todos transitaran polo Jazz, aínda que chegados dende diversas procedencias.
O seu obxectivo era promover a poesía galega e o concretaron nun primeiro traballo, con quince poemas escritos por homes. Chamaron ao CD como a si mesmos: “Xardín desordenado” e nel, acompañados pola cálida sonoridade que proporcionan os instrumentos acústicos, estes “xardineiros desordenados” convertiron os magníficos textos en boleros, en swing, en blues…"

2/6/15

"A esmorga" considerada a mellor novela galega



É un titular de prensa.
Hai boas novelas que poden colocarse á par de A esmorga. Si, pero oito expertos consultados por El Progreso, no día das Letras, coinciden en defendela.
Así o conta Jaureguízar, un escritor xornalista: "A crítica galega considera que a literatura galega é un reino de poesía, pero coroa unha novela"
A novela, ao lado da película que acaba de estrearse, volven a colocarse no centro do noso universo literario.
Volver a Blanco Amor, á súa narrativa e ao seu teatro, é sempre un luxo.