30/1/14

Libros que se transforman en teatro


 O espectáculo Acuario do grupo Teatro dos Ghazafellos, forma parte do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Esta función está basada no libro de poemas Acuario de María Canosa, publicado por Embora (colección Fardel dos soños) con ilustracións de Dani Padrón. A súa temática xira arredor da flora e a fauna do litoral, pois é a visita a un acuario por parte dun grupo de nenas e nenos coa intención de coñecer a vida na auga o fío que ata a historia, dirixida aos máis pequenos.
Na representación, ademais dos actores e actriz, participa a autora do poemario.
Poemas para ler, cantar, e tamén, representar.

29/1/14

Crowdfunding para a revista OINK!

Verkami é unha plataforma de crowfunding para apoio de proxectos creativos. Oink é a única revista galega para xente de seis a quince anos.
Cowdfunding é unha forma directa de financiar proxectos coa suma de achegas individuais. Os lectores convértense en mecenas e reciben recompensas exclusivas a cambio da súa colaboración.
Así se presentan:
Queres que a rapazada teña unha publicación feita na nosa terra?
Se pensas que a mocidade precisa de medios feitos na súa lingua axúdanos a facelo realidade. Hai preto de 200,000 rapaces e rapazas entre os seis e quince anos de idade que non contan cunha revista que lles fale desde a súa mesma realidade.
Estes son tempos de acción, de non mirar pasivos o que pasa senón de intervir para contruír boas noticias, desas que necesitamos cada día para non deprimirnos diante dos medios de comunicación. Toca actuar, consumir responsablemente, manter o necesario e desbotar o que non o sexa. Por iso, haberá que converterse en protagonistas, en mecenas, en construtores do día a día. Agora, Oink danos esa posibilidade. Aproveitémola, especialmente a través da rapazada, porque a eles tamén lles toca.  

27/1/14

Libros de teatro. Teatro para ler e para ver.

Paula Carballeira gana de novo o premio Manuel María de Literatura Dramática 2011 (despois de Boas noites) coa obra O refugallo, que aparece publicada na colección Biblioteca Dramática Galega de Xerais. Ilustrada por Dani Padrón, co seu característico estilo.
Situada no lugar do refugallo, catro rapaces xogan desde o que cada un deles é: Isolda ten un libro de viaxes, Barborante é un neno con tartaruga, Hipatia ten un telescopio e Lustucú unha pata de pau. Cada nome e cada obxecto fala do personaxe e do destino. 
A acción consiste no xogo dos rapaces que vai  transformando o espazo: Isolda poñeralle nome, Hipatia achegará a información... 
Xogan "ás casarotas" nun nonsense que divertirá aos máis pequenos e fará pensar aos máis grandes, porque o pasan ben nun lugar de mágoa, porque os nenos poden sorrir en calquera lugar, xogar nos malos tempos... Viaxan a bordo do refugallo e chegarán aos paraísos, para iso está a imaxinación e ¡a palabra!
Co ritmo rápido a que nos ten acostumados a autora, brincando coas palabras e os seus significados, coas cancións e as imaxes, co libro ou co teatro representado pola compañía de Paula, deixémonos ir ao refugallo ¡seguro que o pasaremos ben!

24/1/14

Libros de Carlo Frabetti en versión dixital e libre











Na páxina do Instituto de Seguridad Vial de MAPFRE, están a disposición de lectores e bibliotecas unha serie de libros de Carlo Frabetti, ese matemático marabilloso que se dedica a escribir literatura infantil e xuvenil.
Neste caso trátase dunha colección de libros para a infancia e a mocidade vinculada a seguridade vial, dirixida polo Instituto de Seguridade Vial (valla a redundancia) da Fundación MAPFRE. A pesar de estar escritos baixo unha óptica educativa, o xenio do autor consegue superar a proba e ofrecernos unhas historias acaídas e "libres". Son libros en formato dixital, interactivos e con audio. Libros libres para ler en pantalla con todas as posibilidades que esta ofrece. Pódense ler en castelán e en inglés.
O primeiro deles, La selva de Mario, está dirixido a nenos e nenas de 3 a 5 anos e ilustrado por Adolfo Sierra.
O segundo, Julia, pato y el espía, está dirixido a nenos e nenas de 6 a 8 anos e ilustrado por Mónica Calvo.
O terceiro, La Banda de las Ruedas Locas, está ilustrado por Patricia Metola e dirixido a lectores de 9 a 11 anos. Nesta entrega tamén resulta de moito interese a visión que o autor achega sobre a temática de xénero.
Para máis de 12 anos, está pensada a novela La señal torcida en PDF. Todos os materiais están dispoñibles, tamén, en  iTunes.


22/1/14

Dos libros, dos premios, das lecturas e dos autores


Neste 2014 estamos de celebración, pois hai 30 anos que naceu Ramón Lamote.
Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín vira a luz no 1984 e con el foronselle abrindo portas á literatura infantil e xuvenil galega.
Lamote, ademais de profesor de Chairego (así, con maiúsculas) e debuxante de soños por encarga, converteuse no noso embaixador maís alá do Cebreiro. 
Das cousas de Ramón Lamote foi o primeiro libro escrito en galego que acadou o premio Barco de Vapor en 1984.
Das cousas de Ramón Lamote foi o primeiro libro escrito en galego que conseguiu (en 1986) o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
Das cousas de Ramón Lamote foi o primeiro libro escrito en galego que entrou a formar parte da Lista dos White Raven da biblioteca de Múnic en 1988.
E aínda que non foi o primeiro, case, en incorporarse á IBBY Honour List, en 1986.
Anos máis tarde aparecería a segunda parte: Das novas cousas de Ramón Lamote, que segue a fondar na vida deste insólito personaxe e continúa acompañándose das ilustracións de Xoán Balboa.

21/1/14

De editoras e tendas. Edición de banda deseñada.


Demo editorial púxose en marcha hai un tempo.
Manel Cráneo, un coñecido comiqueiro estaba detrás do proxecto, e a banda deseñada fíxose protagonista do catálogo.
A man do diaño de Brais Rodríguez, que foi elixida "mejor cómic nacional publicado en catalán, euskera o gallego" por Entrecómics en 2011 e xa contaba co premio Castelao 2010 da deputación d´A Coruña.
A torre dos Mouros de Manel Cráneo, que recolle e historia un xacemento arqueolóxico e unha experiencia de voluntariado en Lira.Do mesmo autor, Os lobos de Moeche.
Cabana de balieiros de Tokio. Unha historia de intriga nunha vila baleeira de finais do século XIX.
Punto de fuga de Miguel Cuba. Un espello no que mirar sa actualidade dunha xeración que busca o seu lugar de escape.
Castelao, a serie. De Inacio Vilariño e Iván Suárez, varias entregas, arredor da figura de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao. Un proxecto moi interesante no que posiblemente falte algo de reflexión acerca do que é mito ou non na cultura do país, do cómo xogar cos coñecementos previos do lector,...
Mamed Casanova. O fillo da furia de Manolo López Poy e Miguel Fernández. Salpock., o val dos cegos de Álvaro López e Luís Sendón. Sin mirar atrás de Dani Montero.
Os días do cometa de Manolo López Poy e Miguel Fernández é a ultima das publicacións deste selo. Unha historia que bebe nas entrañas escuras que nos levarían a obras como A esmorga de Blanco Amor; eses días do cometa sae o peor de cada un dos amigos que levan tempo coñecéndose e amolándose... no medio, unha muller.

20/1/14

Libros sobre científicos galegos

A editorial Ouvirmos que xa nos ten presentado colección tan interesantes como Cociña infantil e familiar, abre un novo campo coa colección de biografías de científicos galegos. A súa finalidade é facer asequible a vida dos pioneiros da ciencia en Galicia A primeira das entregas ten como protagonista ao químico, médico e farmacéutico Antonio Casares.
Agradecemos o esforzo editorial e dámos a benvida a estes produtos tan necesarios nas nosas bibliotecas.

17/1/14

Máis libros e música arredor da Rosalía.

Máis obras, máis músicas que traen os Cantares Gallegos á actualidade, para que sigamos lendo e escoitando os versos. 
Para iso están as autoras clásicas... as obras clásicas, para volver unha e outra vez a elas e reinterpretándoas desde os diferentes tempos e as diferentes representacións. 
Teno demostrado Rosalía sempre, pero máis ao longo do pasado ano, cando se cumprían os150 anos da súa publicación.
Agora, queremos lembrar dúas edicións: Nas tardes escuras de Narf, editado por El Patito Editorial con ilustracións a base de colaxes de Fausto Isorna Por outra, Os ollos que falan, un CD de Tempo Catro no que o sexteto, composto por profesores/as do Conservatorio de Ferrol, musica os versos de Rosalía a ritmo de valse, fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre. 
E outra máis, aCadaCanto (Guadi Gallego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero) acaban de publicar A Rosa d´Adina. Escoitémola! 

15/1/14

En perigo de extinción


Unha a unha van desaparecendo as publicacións en galego.
Hai moito tempo foise Vagalume, un antecedente do Oink.
Tamén se foi o papel do xornal Galicia hoxe, o semanario A Nosa Terra... a revista Retranca?
Tantas e tantas publicacións perdidas, co traballo que costa poñelas en marcha, co tempo que leva construír o que sexa por moi pequeno que semelle. E co pouco que leva... deixalo caer ou tiralo.
Pois ben, Oink aínda está viva, agonizando pero viva. Trátase da única revista infantil en galego, dunha revista creada arredor do personaxe de Miguelanxo Prado que se fixo famoso na TVG e que creou un club do que moitos e moitas forman ou formaron parte. En perigo de extinción, a poucos pasos de desaparecer se non tentamos mantelo, tal como facemos coas especies en perigo de extinción.
Así se nos presentaba... 
"CONTIDOS EDITORIAIS: Reportaxes, artigos, entrevistas, novas... todo pensado para as mentes inquedas e co único obxectivo de acender a súa curiosidade polo mundo.

BANDA DESEÑADA: Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto: Todos eles sacarán o lapis para darlles vida aos seus personaxes número tras número

CONCURSOS: Cando leas OINK! tamén terás que estar atento e... Ollo ao tesouro!"
E así o fai neste momento: 
"O futuro da revista OINK! en xogo 
(...) Recibimos os datos de ventas do número 4 de OINK! e non son bos. Como sabedes, non contamos con financiamento externo á nosa empresa, Agalip. Comentamos isto porque rematamos de tomar a decisión de non imprimir o número 5 ata que consigamos resolver os problemas de liquidez que estamos a experimentar. Seguir a imprimir e distribuír a revista poría en risco a existencia da nosa empresa. (...)"

14/1/14

De libros, coleccións e traducións


Rinoceronte editora, está especializada en tradución.
Entre o grupo de libros vertidos ao galego, queremos destacar hoxe, as súas versións de banda deseñada internacional recollidas na colección Novela Gráfica como Entender o cómic, Persépole, Contrato con Deus, Na procura de Ed O RiseiroPalestina e Gorâzde, zona segura. Títulos, todos eles que forman parte das maletas viaxeiras de cómic, que se poñen en marcha desde a Asesoría de bibliotecas escolares.
Outras editoras, que falan do número cada vez maior de tradutores que traballan no día a día por ofrecernos os mellores platos da literatura universal na nosa lingua, son Urco e Contos estraños; a primeira delas que botara a andar coa saga de Basilius Hoffman, explícanos así o seu proxecto:
"Urco editora é unha iniciativa editorial que vén encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de «clásicos» ou de «literatura xuvenil». Por isto URCO é pioneira na achega sistemática destos tres xéneros ao público galego.
Os nosos títulos, divididos en tres coleccións temáticas ― gótica, fantasía e ciencia ficción ―, buscan en primeira instancia sentar unhas bases sobre as orixes dos tres xéneros, coa publicación dos autores «clásicos» dos mesmos, e tamén de outros moitos non tan coñecidos polo grande público mais sen dúbida fundamentais para o desenvolvemento posterior deste tipo de literatura."
E así o fai Contos Estraños:
"Benvidos o universo do estraño, do heroico, do tenebroso, do ucrónico. Benvidos a reinos lendarios, a mundos de pesadelos, a realidades alternativas… a galaxias moi moi afastadas. Benvidos o proxecto Contos Estraños. De seguro que o seu propio nome esperta en vós ecos recoñecíbeis, non por nada tomámolo prestado da mítica publicación “Weird Tales”, aquela revista pulp de comezos do século XX na que autores americanos como H.P. Lovecraft ou Robert E. Howard entre outros, asentaron as bases da fantasía e o terror moderno. Con aquel mesmo espírito famento de sorprender, estarrecer ou marabillar emprendemos esta viaxe, que como todas as grandes aventuras comeza cun primeiro paso, e coa firme intención de dar a coñecer eses talentos da escrita fantástica que sabemos moran nesta terra."
Unha literatura que sempre tivo adeptos e os segue a ter, por iso, non nos queda outra que agradecer a Urco e Contos Estraños o seu bo facer.

13/1/14

De libros e coleccións

Hai coleccións que debemos ter en conta. Coleccións que reúnen, un bo traballo editorial, un feixe de libros unidos por un barro que lle dá sentido. Son colección que resultan necesarias e que amplían a nosa visión do mundo e da súa literatura.Coleccións indispensables, como Narrativa de Factoría K que nos achega títulos e autores de plena actualidade, unhas veces dirixidos a un lector máis infantil e outras máis adulto, movéndose nesa agra aberta do libro xuvenil que que leva ao lector a preguntarse e responder ata onde pode e quere. Grandes traducións tanto ao galego como deste ao castelán, como pode verse en Amor de Sara, no que queda convertido Querido Tomás, de Neira Vilas.