Mostrando entradas con la etiqueta mitoloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mitoloxía. Mostrar todas las entradas

29/10/21

Quen dixo medo? Lecturas para o Samaín

 Chegan novidades ás bibliotecas para celebrar o Samaín:




Unha historia de acoso escolar que acaba nun atolado enredo na noite do Samaín. Novela cargada dun humor absurdo e divertido cun final aberto á imaxinación e o disparate.



Unha nova entrega dos Minimortos  de Ledicia Costas con ilustracións de Mar Vilar.
Os habitantes do Outo Barrio agardan impacientes  pola festa do Samaín, mentras artellan os seus terroríficos disfraces coñeceremos cales son os seus medos.





Carlos Negro presenta en Non cantan os paxaros neste bosque nove relatos breves protagonizados por rapaces e rapaces e por contar historias de misterio e medo.



A Editorial Galaxia publica Na procura do medo esquecido. Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia de Juáncho. Mergullámonos na natureza para homenaxear a esos seres que tradicionalmete deron medo e procurar que non caian no esquecemento.



30/10/20

Quen dixo medo? Lecturas para o Samaín

 Chegan novidades ás bibliotecas para celebrar o Samaín.



Desde a editorial Xerais recibimos unha nova entrega de Astérix en galego: Astérix e os Normandos.Os normandos chegan a nosa coñecida aldea gala dispostos a saber que é o medo, certo é que o conseguen e, como sempre ocorre na Galia, todo acaba cunha canción.
Unha oportunidade para traballar o cómic, a historia, a xeografía e, por suposto, os medos que cada quen sinte e afronta de xeito diferente.


A editorial Bululú  presenta unha nova creación de Xan Eguía: Seres Fantásticos do Camiño. Novamente, o autor e ilustrador achégase ao mundo da mitoloxía. Intentando saír do bosque, o protagonista vai descubrindo seres fantásticos dos diferentes Camiños de Santiago, criaturas da mitoloxía popular misteriosas e divertidas.
Un convite a adentrarnos na mitoloxía galega e a traballar o Camiño desde unha perspectiva diferente.

13/12/18

A filla do Minotauro, un novo título de Marilar Aleixandre para lectorado xuvenil e outros.

Marilar Aleixandre volveu facela. Novamente pon nas mans das persoas mediadoras un texto magnífico para presentar a mozos e mozas e convidalos a unha experiencia de lectura das que deixan pegada. Desta vez a escritora volve á mitoloxía clásica e de alí tráenos a Miranda, A filla do Minotauro, unha rapaza afouta, curiosa, intelixente, sensible, atenta ao que pasa ao seu arredor, disposta a botar unha man nunha empresa arriscada: cómpre agochar un documento moi valioso do patrimonio cultural de Sicilia para libralo das gadoupas dos traficantes de tesouros arqueolóxicos e Miranda non dubidará en aliarse cos "bos" na defensa dese patrimonio histórico. Pero A filla do Minotauro agocha moitas outras historias e aventuras que se entrelazan a través de diferentes voces de narradores cos que Miranda se vai atopando, comezando polos seus pais, que finalmente descubren ante ela o seu segredo. Excelente texto que revisita, entreverando na aventura de Miranda, moitas outras aventuras e mitos clásicos aos que nos permite achegarnos, desfacendo algúns tópicos e desvelando algúns misterios. 

Aventura, amor, paisaxe, historia, mito, narración oral, matemáticas, arquitectura, inventos, muller, misterio, mafias... Quen dixo que non hai libros atractivos en galego para por nas mans dos nosos lectores?

Cómpre agradecer á Editorial Galaxia a publicación desta novela que mereceu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 e que, de seguro, proporcionará unha vivencia de lectura grata a novos e maiores. Publicada na colección Costa Oeste, os equipos de biblioteca escolar deberán lela para valorar a súa recomendación pero desde aquí pensamos que non debe faltar en ningunha biblioteca dun centro de secundaria (lectorado xuvenil). Como pasa coa auténtica literatura, A filla do Minotauro ten varios niveis de lectura e pode ser tamén de interese para outros lectores e lectoras con gaña de aventura. Ademáis, é unha novela "con mapa", desas que chaman á viaxe imaxinaria e convidan á viaxes reais "para cando se poida". 


24/11/17

Marilar Aleixandre, premio Raíña Lupa 2017

https://www.flickr.com/photos/iesmgb/4462808567/in/photostream/

A escritora, profesora e académica, Marilar Aleixandre vén de recibir o Premio Raíña Lupa 2017 que convoca anualmente a sección de Cultura da Deputación de A Coruña, coa novela "A filla do Minotauro". Segundo o xurado  a obra galardoada é unha "relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural". 

Felicitamos a Marilar, unha das autoras que máis se ten comprometido coas bibliotecas escolares e coa lectura en galego para os máis novos, atendendo sempre as demandas de colaboración que desde este ámbito se lle fixeron e ofrecendo ás persoas mediadoras, e ao profesorado en xeral, excelentes títulos para por nas máis dos lectores e das lectoras.