30/3/20

Novas de Banda Deseñada: Luzbell e o demo bombilla


Luzbell o demo bombilla é un álbum de banda deseñada publicado por Galaxia con guión de Diego Rosales e debuxos de Xosé Tomás. Os creadores recuperan nel un personaxe que vira a luz no congreso Pé de imaxe (a mediados dos noventa), pasando pola revista Golfiño, a páxina dominical do diario El progreso e no Diario de Pontevedra.

O álbum componse de historias humorísticas dunha páxina nas que o protagonista é o demo Luxbell que xunto con outros personaxes como Vatio, Al-Kalina, Oliverius, Slurp e outros, revisitan a Historia Sagrada cun toque de humor para tirarnos o sorriso.

Destinada a un lectorado experto, a banda deseñada é un xénero moi demandado entre os/as adolescentes.

Se queredes consultar recomendacións de cómic en galego, tedes as nosas seleccións nas Maletas viaxeiras ou nos Taboleiros de Pinterest.

27/3/20

27 de Marzo: Día Mundial do Teatro 2020

O 27 de marzo de 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro. O obxectivo é poñer en valor a forma de arte "teatro".  Este ano o dramaturgo pakistaní Shahid Nadeem é o encargado do manifesto baixo o lema: O Teatro como Santuario.

Achegamos dúas recomendacións para coñecer mellor este arte e para interpretala: 


Teatro é un dos Actividarios de Ediciones Ekaré. Un caderno cheo de información e propostas, de comedia, drama e traxedia. Pra traballar na escola e en familia. Un teatro que so pide ollos para ven e mans para aplaudir.





Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville  editado por Xerais. Unha biografía que achega a nosa rapazada á figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2020. O autor inserta 7 pequenas pezas teatrais sobre momentos puntuais da vida de Calero. Unha homenaxe á afición deste polo teatro e ás 7 pezas teatrais que publicou.




20/3/20

20 de marzo:Día Mundial da Narración Oral


Todos os anos, o 20 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Narración Oral. Comezou a celebrarse en Suecia coincidindo co equinoccio de primavera e despois foi estendéndose ao resto dos países.

Este ano vai ser moi diferente a súa celebración por causa da pandemia do coronavirus (COVID-19) pero nestes días as asociacións de narradores/as orais Colectivo NOGA e AEDA Narración Oral poñen á nosa disposición contos para ver e escoitar mentres quedamos na casa.







Como novidade bibliográfica, Antonio Reigosa vén de publicar en Xerais con ilustracións de Noemí López a Guía de campo de Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, unha guía para divulgar a nosa cultura popular chea de mitos, lendas, ritos, contos, saberes e sucedidos, tesouros, lendas urbanas, prodixios, mitoloxía, pontes, camiños... que conforman o noso gran patrimonio inmaterial.

É tempo tamen para revisitar a  súa páxina: Galicia encantada. Enciclopedía da fantasía popular de Galicia, especialmente o apartado de XOGOS (diversións, entretementos, enredos, pasatempos, actividades físicas ou mentais tradicionais de Galicia.)  nestes momentos de acougo forzoso.




18/3/20

Poesía..."irmá paxaro" de Tamara Andrés


Próxima a celebración do Día mundial da poesía o 21 de marzo, neste tempo difícil que nos toca vivir, queremos recomendar irmá paxaro de Tamara Andrés, con ilustracións de María Montes. Este poemario  foi publicado a finais de 2019 na recén creada editorial  Cuarto de Inverno

irmá paxaro é finalista dos Premios da Gala do libro galego 2019 tanto no apartado de poesía, no xuvenil como no de libro ilustrado.

Libro de poemas destinado a un lectorado xuvenil,  en irmá paxaro atopamos "o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo". A xove poeta Tamara Andrés "emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena: a irmá paxaro".

Lectura que recomendamos para un club de lectura de poesía, para as nosas seleccións poéticas ou para as lecturas en voz alta, aínda que sexan virtuais agora mesmo.
ela pousou a súa ollada sobre min
e vestiume

6/3/20

Poesía... "Porque te quero" de Baldo Ramos

A editorial Galaxia vén de publicar Porque te quero de Baldo Ramos, con ilustracións de Anxo Rodríguez Fariña.
O poeta afirma que se inspirou nas ocorrencias e preguntas que lle facían os seus fillos a medida que ían descubrindo o mundo. Concíbeos como poemas reversibles que se len practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, promovendo tamén a lectura como xogo.
Neste mes que celebramos o Día da poesía, temos que apostar pola lectura de poemas nas nosas bibliotecas, nas seleccións de lectura, nas mochilas viaxeiras, nos clubs de lectura... para facermos lectores e lectoras  porque as crianzas non teñen prexuízos e de seguro que quererán seguir lendo poesía.

Velaquí o poema final que nos convida a ler e escribir:

RECEITA PARA ESCRIBIR POEMAS IRRACIONAIS

Le este libro durante
6 días, 6 horas e 66 minutos
Escolle de cada poema unha palabra.
Reméxeas con maña e forza:
a poesía éche o que ten.
Méteas no peto
da túa chaqueta reversible
outros 6 días, 6 horas e 66 minutos.
Nese momento exacto
sentirás que se entenden.
Que teñen vida propia
e que saben convivir.
Entón é o momento
de sacar o poema a pacer.
Compartilo cos que te queren.
escribir é sempre un xeito
de agradecer que nos queiran.