18/12/15

A estrambótica Illa do Tesouro


Bululú publica este álbum ilustrado da autoría de Pinto&Chinto. Nel fan 
unha recreación divertida d´A illa do tesouro de Stevenson. Conservan os personaxes, manteñen os fitos clave, pero cunha lente deformante segundo a súa visión humorística. Xa nos advirten na nota aclaratoria inicial: Ten coidado, porque é un libro pantasma e en calquera momento, mentres o les, pode evaporarse e desaparecer de entre as túas mans.
Indicado para lectores autónomos, esta versión pode convidar a ler a novela orixinal e introducir os clásicos nas propostas lectoras das bibliotecas escolares.

Os creadores xa publicaron, na mesma editorial  As estrambóticas viaxes de Gulliver e O estrambótico Principiño.


15/12/15

Teño uns pés perfectos


Teño uns pés perfectos está publicado por Kalandraka con texto de María Solar e  ilustracións de Gusti.
María Solar escribe este libro cunha dupla función, literaria e e informativa, e utiliza o recurso dun libro dentro doutro.
O personaxe principal , Melchor Sabichón, preséntase ao concurso Na busca do neno máis listo pero, malia ter preparado moitos temas, non esperaba enfrontarse a unha materia descoñecida: os pés. O protagonista atopará nun libro, que lle facilita a nai, todo canto necesita saber sobre esas extremidades inferiores: os tipos de pés, a súa anatomía e a función que cumpren para que poidamos camiñar e correr, o número de ósos que teñen, curiosidades sobre as unllas ou as pegadas que deixamos. Descobre, ao rematar o concurso, que o próximo pásanos moitas veces desapercibido.

Libro escrito con humor, destinado a lectores autónomos que queiran saber moito sobre pés.

10/12/15

Ler ciencia: Cor animal


Facémonos eco dun recurso informativo en galego, de interese para as bibliotecas escolares. Kalandraka publica un libro que achega a ciencia os máis pequenos. Trátase dun álbum escrito por Agustín Agra e ilustrado por Maya Hanisch. 

Cunha linguaxe adaptada ao alumnado de infantil e primaria descríbense trinta especies animais de diferentes lugares do mundo. Acompañadas dunha ilustración en collage dixital aprendemos como os animais marcan o seu terreo, como cortexan as femias, como se reproducen, como se camuflan, por que emigran, canto miden, etc.
O álbum ben pode ser unha recomendación lectora  para as familias a través da mochila viaxeira ou formar parte da selección de recursos cando se traballan os animais.

1/12/15

EUROPA EXPRESS , Premio Jules Verne de Narrativa Xuvenil 2015


Europa Express de Andrea Maceiras gañou o Premio Jules Verne de narrativa xuvenil, na edición de 2015.  
A novela, publicada recentemente na colección Fóra de xogo de Xerais, está protagonizada por un grupo de mozos e mozas que realizan unha viaxe Interrail por Europa ao rematar os seus estudos. Desenvólvese por distintos países e en distintos tempos (a actualidade e dez anos atrás, o tempo da viaxe) e unha postal serve para que Nico inicie o retorno ao pasado en busca de respostas ante a traxedia. Esta vai ser o pulso da vida de cada un dos personaxes, ela vai tecendo unha arañeira, unha trama psicolóxica á par da aventura de cada un deles na busca da súa identidade.
Outros temas coma o amor, a amizade, o desencanto da vida, os conflitos de identidade enriquecen a trama.

Novela recomendada para a lectura persoal e compartida.


29/11/15

XOSÉ NEIRA VILAS NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

La Región (versión dixital 24/9/2015)
O 8 de abril de 2011, na clausura dos Encontros PLAMBE, acompañounos Xosé Neira Vilas. Na presentación, Pilar Sampedro referiuse a el como o único clásico que aínda quedaba vivo. Nese ano estábase a celebrar o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego.

Neira Vilas falou da súa vida "emigro para ter libros" e da súa experiencia coa lectura, sobre todo cos libros para nenos e nenas.

Home xeneroso, sempre atendeu a chamada das escolas, visitando e apadriñando bibliotecas, dando charlas para rapaces e rapazas, acolléndonos en Gres de xeito agarimoso... actividades das que fomos dando conta en revistas escolares e blogs de bibliotecas.

Sempre firme na defensa da literatura galega e do ensino da lingua na escola, que coidaba fundamental para súa pervivencia.

O 26 de novembro de 2015, o noso clásico vivo, deixounos de xeito inesperado. Moitos dos seus proxectos están recén saídos como a nova edición de Cantarolas,da man da editorial Kalandraka e ilustradas por Leandro Lamas, que tivo a posibilidade de ver o día anterior á morte. Tamén ía presentar no Culturgal Romaría de historias, editado por Galaxia. Outros, aínda no forno, non terá ocasión de degustar, como ese disco con Roi Casal ou unha novela sobre o mar. Serán outros os que rematen todo ese inxente traballo iniciado por el. Ás bibliotecas escolares e á sociedade quédannos os seus libros para seren lidos, xa clásicos da literatura universal.

CONFERENCIA DE NEIRA VILAS NOS ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011


17/11/15

Un novo premio para Ledicia Costas, o Lazarillo 2015


A literatura infantil e xuvenil en galego está de noraboa xa que Ledicia Costas foi galardoada esta pasada fin de semana co Premio Lazarillo 2015 pola súa novela xuvenil Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante. O premio foi  convocado pola Organizacion Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) e conta co patrocinio do Ministerio de Educacion, Cultura e Deporte.

O xurado destacou da obra obra gañadora  que se trata dunha «novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben axeitada e unha linguaxe sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e imprimíndolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura».
A novela publicarase en Xerais no 2016.

Os noso parabéns a Ledicia Costas por este novo recoñecemento. 





16/11/15

Por que as sombras non teñen ollos de Luís García Mañá



Luís García Mañá publica en Xerais  Por que as sombras non teñen ollos, unha novela ambientada no territorio raiano do Couto Mixto na 2ª Guerra Mundial. O autor recrea un feito histórico acaecido nese lugar para tecer unha novela de misterio, onde non faltan a espionaxe.

Esta novela, recomendada para un público xuvenil ou adulto, pode ser un bo motivo para adentrarnos na historia do Couto Mixto, un territorio descoñecido para moitos galegos e galegas, estudado xa polo mesmo autor noutras ocasións.

11/11/15

ONDE VIVEN AS FADAS? Conto para ler ás escuras.

Onde viven as fadas? «Conto para ler ás escuras». 
Neste conto, publicado por Xerais e  dirixido aos lectores máis pequenos,  o autor  proponnos xogar. Teremos que atopar as fadas e debemos iluminar o álbum para poder encontralas. Seguro que despertará nos nenos e nenas a maxia e o misterio.

Material para dar a coñecer ás familias, ben pode estar nunha mochila viaxeira ou nas suxestións de Nadal.

29/10/15

De novo, O lapis de Rosalía de Antón Cortizas


O lapis de Rosalía de Antón Cortizas vén de ser editado de novo da man de Xerais na colección Merlín ,con ilustracións de David Sierra.
O novo lapis de Rosalía é imaxinativo, poético, optimista, mesmo desobediente...un lapis especial para nenas de seis anos, ao que non lle gusta escribir parvadas.

Trátase dun libro moi acaído para as lecturas compartidas entre pequenos e grandes, que seguro se han divertir coas situacións  que nos propón o autor.
Para nenos e nenas de seis anos ou máis...!

20/10/15

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

O selo editorial Apiario presenta este libro para docentes que queren traballar coa poesía nas aulas. Xa no prólogo, Agustín Fernández Paz quere derrubar os muros para que a literatura, neste caso a poesía, se desprenda do enfoque historicista e que estimule as capacidades creativas do alumnado. Lémbranos Fernández Paz a Rodari na Gramática da Fantasía: “A cuestión é que na escola se len os textos para xulgalos e clasificalos, non para comprendelos. A peneira da corrección retén e revaloriza as pedras, deixando escapar o ouro.”
Nos seis ensaios que compoñen o libro, seis poetas, fannos cadansúa proposta :

Tamén conta cun blog onde se pode atopar material extra para continuar co traballo na aula.

Facer chegar a poesía á mocidade é labor ben complicado. Agradecemos a Apiario esta aposta tan decidida.



14/10/15

Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir


Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir 

É o título do primeiro álbum da escritora María Lado , publicado en Apiario en 2014. As ilustracións son de Yanina Torres Tuirán.
Neste álbum, María Lado cóntanos o que lle acontece a Cuqui, un osiño de peluxe, dende a visión dun neno pequeno que cuestiona a sensibilidade das persoas adultas.
Este álbum ten interes para a lectura en familia e a través del podemos establecer vínculos afectivos coa lingua, tan necesarios hoxe.
Para ter en conta ao seleccionarmos materiais para as mochilas viaxeiras dos  máis pequenos.



6/10/15

Ledicia Costas, galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil


A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

Durante o curso 2014-2015 este libro foi recibido con entusiasmo polos lectores e lectoras das bibliotecas escolares  e os clubs de lectura de todo o país. Velaquí un exemplo desde a biblioteca do CEIP Eduardo Pondal de Vigo.

Parabéns a Ledicia Costas por este premio e á Literatura Infantil e Xuvenil galega por este novo recoñecemento.

28/9/15

Teatro para pequenos: O lobo e a lúa


A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer  acadou o premio Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, na súa edición de 2014.
Nesta peza teatral, publicada agora por Baía Edicións e ilustrada por Chus Ferrín, os personaxes non son o que a priori pensamos e van axudar a resolver o enigma de por que o lobo quere falar coa lúa...
Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”.
A autora dános moitas pistas para a súa representación. 


21/9/15

Novo libro de Xoán Babarro




Comezamos o curso cunha novidade da Editorial Galaxia, na súa colección Arbore e recomendada para lectores a partir dos 10 anos.
Xoán Babarro propón neste libro, unha viaxe ás rúas de Bengala da man do profesor Robindra. Este mestre de literatura, amante do teatro de monicreques, aproveitará as carautas de boteiro de Vilariño de Conso para contar aos nenas e nenas fermosas historias e poesías.
Teremos tamén ocasión de aprender e practicar algunhas palabras en bengalí.


20/8/15

Bono cultural para mozos e mozas de 18 a 30 anos

No DOG do 6 de agosto aparece a resolución pola que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais)pon en marcha a campaña tarxeta-bono Cultura Galega, coa que se pretende incentivar na poboación galega de 18 a 30 anos o consumo de produtos culturais galegos, concretamente libros en galego e artes escénicas representadas na nosa comunidade autónoma. 1. A campaña tarxeta-bono Cultura Galega realizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ten por obxecto a subvención da compra de certos produtos culturais, entre a poboación comprendida entre os 18 e 30 anos, mediante a emisión de bonos cos cales o usuario/a se beneficiará dunha subvención para adquirir libros en galego e/ou entradas para asistir a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego). 2. Cada un destes bonos concretRecollemos dos fins:izados nunha tarxeta(s)-bono Cultura Galega terá un prezo de venda de 33 euros e daralle ao/á portador/a un valor de 50 euros para a adquisición de libros en galego ou entradas a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego) e realizados dentro da rede de establecementos adheridos á campaña. A diferenza –subvención– de 17 euros en cada tarxeta-bono será achegada pola Agadic co obxectivo de incentivar o consumo destes produtos culturais. Máis información na páxina.

15/8/15

Unha historia da LIXG

Un recurso necesario.
A Historia da literatura infantil e xuvenil galega era algo que se botaba de menos, especialmente a estas alturas cando esta literatura xa pode ir falando de canon, de clásicos escritos orixinariamente no noso idioma e dos que veñen de fóra pero son verquidos á nosa lingua para ir creando ese sistema literario de noso. A literatura actual ten referencias do pasado, bebe das fontes, de aí que sexa tan necesario recoller a liña do tempo e os produtos que foi dando.
Esta é tamén unha maneira de demostrar o moito que ten avanzado, en moi pouco tempo.
Neste caso, e seguindo unha colección de ensaios que ata a actualidade xiraba arredor de temáticas argumentais e xéneros, a profesora Blanca Ana Roig co seu grupo de colaboradoras, preséntanos este estudo. 
Un estudo amplo que leva aparelladas as dificultades que moitos deles teñen. Cando moito citamos, podemos botar de menos algunhas referencias de gran importancia no estudo desta literatura. Incluso nos pode resultar excesiva a bibliografía no que se refire ás participantes neste libro e facerse moi visible o silencio doutras fontes. Non imos a analizar as razóns desa invisibilidade, pero debemos telas en conta á hora de seguir a estudar a nosa literatura infantil e xuvenil.
O dito, un recurso a ter en conta para non esquecer o que hai, para valorar o canon e para ir analizando as novidades, na proporción debida. Un estudo necesario, a investigación universitaria buscando sistematizar esta produción. Partindo da organización temporal e seguindo as metodoloxías  que ás investigadoras lle semellan máis axeitadas ao sistema literario galego.

29/7/15

A serie Osiño




Con texto de Else Homelund Minarik e  ilustracións de Maurice Sendak, a serie de Osiño.
Frases moi curtas e sinxelas. Historias cheas de tenrura envoltas nun humor especial e unhas relacións que remiten ao mellor da infancia. Osiño e os seus amigos (Galiña, Parrulo, Gato, Bufo...), Osiño e a súa familia: pais e avós.
Catro libros, cada un con catro historias arredor dun eixe temático, así, en Osiño atoparemos  “Que vestirá Osiño?”, “Sopa de aniversario”, “Osiño vai á Lúa” e “O desexo de Osiño”. Todas as historias xiran arredor de Osiño e súa nai, o cariño e o sentido común ao lado da parte divertida que pon en solfa o que semellaba non estar claro. En Papá Oso volve á casa cóntanse aventuras relacionadas co seu pai, a aventura de andar pólo mar e os mitos salpresando a vida. A visita de Osiño conta a visita de Osiño aos avós, cómo a avoa lle conta o conto de cando Mamá Osa era pequena e coidou un paporroibo ata que o deixou voar para que fora feliz e el volveu e os fillos dos seus fillos o seguen a facer, cómo o avó lle conta o conto do trasno que ten medo os seus zapatos...
En Un bico para Osiño, cóntasenos a historia do bico que a avoa lle envía a Osiño para agradecer o debuxo que lle enviou e como ese bico dá voltas e voltas… Ese debuxo de Osiño lembraranos a algún outro de Sendak. A ilustración deste volume cambian un pouco de estilo coas anteriores, resultan máis barrocas, máis natureza, menos personificadas máis debuxo do natural.   

28/7/15

Novidades con premio

Da autoría de Antón Cortizas, o texto recolle o mellor da súa faceta de recompilador da tradición oral e dos xogos populares. Lembremos que del son os libros Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares de Galicia, Tastarabás. Enciclopeda de brinquedos tradicionais e Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota.
A obra presenta o xogo como actividade imprescindible e para iso toma man da tradición, dos xogos pasados de boca en boca a través da memoria. Da memoria que hai que gardar fronte a o Gro que é un monstro que quere roubala. Unha loita na que dúas fadas (Impo, de imposible e Tempus de tempo) axudan aos humanos, pero na que os gatos terán moito que dicir. 
Unha nena aburrida de ver televisión e andar coa video consola tenta brincar, e se non hai nenos farao coa Lúa.
Actores e títeres, teatro real e de sombrqas para poñer sobre as táboas e no chan do teatro os xogos de sempre, as lengalengas, as estruturas acumulativas e repetitivas, as adiviñas... en catro actos (un deles opcional con xogos a realizar cos espectadores) e todo iso adobado coas cancións infantís (que se nos achegan cos seus pentagramas).   
Porque "xogades que facedes ou facedes que xogades?", "xogar ou non xogar... esa é a cuestión".
E asa ilustracións de Leandro Lamas acompañando o texto, coas súas características propias, aportando o seu bo facer.  


27/7/15

Libros que andan polas praias e demais lugares de vacacións



Explica o autor que está baseado nun personaxe real, o xeadeiro músico. Arredor del, arma unha historia de música e lúa, de viaxes polas diferentes partes do mundo para escoitar as músicas que a natureza crea neses lugares. 
Non todos teremos que ser músicos, o importante será ter a sensiilidade para escoitala e gozala, para creala chegado o momento, para vivila.

23/7/15

Por aí... andan os libros

 
O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez con ilustracións de Elsa Klever
Unha nena buscando un avó... porque os avós fan falla, moita falla e se non o tes debes buscalo, e se non o atopas debes crealo. Diso trata este álbum.
As covas de aceiro, de Isaac Asimov, publicado por Hugin e Munin. Nunca é tarde para volver aos clásicos e ler ciencia ficción, da clásica.
A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila. Terceiro volume da saga "O Mundo secreto de Basilius Hoffman", despois de  O ladrón de soños Un faro na escuridade. Unha serie de fantasía feita en Galicia e publicada por Urco. 


22/7/15

Os clásicos da literatura infantil internacional



Kalandraka continúa nesa labor imprescindible de traernos aos clásico da literatura infantil universal. E así, vainos achegando esas obras que moitas veces xa ficaban descatalogadas e que nunca tiveramos na nosa lingua. Así sucede coa serie de Osiño.

A serie de Gatiño, con textos de Joel Franz Rosell e ilustracións de  Constanza v. Kitzing
As marabillosas e expresivas imaxes, as situacións que deben resolverse da maneira máis axeitada, os textos mínimos... 
E canto á Gatiño e as vacacións, contasenos que o último día, antes das vacacións, na clase de Gatiño, todos os animais contan a onde irán no verán; hai para todos os gustos: Parrula vaise con súa nai ao mar, Coella vai cos irmáns á casa do avós, Esquío parará a metade do tempo co pai e a metade coa nai e cámping, Ourizo vaise só a aprender idiomas a Inglaterra... pero Gatiño non sabe qué vai facer. Cando chega á casa pregunta e a resposta non pode ser mellor: non irán a ningunha parte “pasarémolo moi ben: papá, túa irmá, teu irmán, ti e máis eu... Serán unhas vacacións fantásticas!, porque imos estar todos... xuntos” di a nai. 
Unha ensinanza, o valor de compartir o tempo, facendo o que sexa, sen necesidade de ir nin lonxe nin a un lugar distinto, estar xuntos. 
Outra ensinanza, a presentación de todo tipo de familias e situacións e ningunha mellor que outra, simplemente distintas. O traballo coa memoria a través das repeticións... 





20/7/15

Libros que andan polas bibliotecas

Ilustracións con moito movemento e moita liña curva, ás veces cun aire que lembra aos debuxos doutra época.
Desa época é o relato. Unha historia de guerra, de recuperación histórica no mellor sentido da palabra. Unha historia con lirismo, que pode lembrar as de Juan Farias.
Un neno que admira ao amigo do seu pai, o home lagarto. Porque os homes lagarto soben aos postes, voan dun lugar a outro en bicicleta... son os celadores da telefonía. O neno, Mundo, quere ser coma el, celador de telefonía. A admiración ha ir máis alá da bicicleta e facilidade para escalar, porque un día desaparece o pai e será este amigo o que axude á familia levándolle algo que comer pero tamén noticias do pai. 
Farao mediante libros, neles van as mensaxes do "desaparecido". Porque nesa época desaparecían... o humor de Fina esmaga con contundencia: seica os levan "de paseo".  Pero xusto cando debería estar rematando a guerra deteñen a este home lagarto. Haberá que facer sacrificios para que esa forza descoñecida na que queremos confiar nolo traia, igual que trouxo ao pai; haberá que deixar de respirar, haberá que tentalo.
El rayo que no cesa, e o seu autor, Miguel Hernández, están presentes na historia.

Libros que andan por aí...

Como ben dicía Eva Mejuto no Culturagal, as narradoras oraiz teñen un don niso de escribir contos: dominan o ritmo, as paradas. os silencios. Demóstrase neste caso, a ganadora do Premio de Narración Oral Cociña de Contos, un certamen que é unha das principais acciones do programa "Europa á carta", organizado poa editorial OQO e que, xunto coas editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e Tako (Polonia) como socias, foi seleccionado para o programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea.
Para cociñar historias, neste tempo de vacacións.

17/7/15

Animación de álbum (II)


O peixe que sorría de Jimmy Liao. Un álbum que dá lugar a un audiovisual.
Unha curta de animación realiada en Taiwan que ganou un premio especial no festival de Berlim de 2006. Os directores son ay Shih, Alan I. Tuan e Poliang Lin, e a música é de Chien-Ci Chen.

14/7/15

Banda deseñada clásica

Volver aos cómics clásicos, ás series que fan lectores. 
Bandas deseñadas para rir e rir e rir e... volver a rir. E rindo recuperamos as referencias dun mundo que sigue vivo. 
Con Goscinny e Uderzo, en galego, de novo... porque están tolos estes romanos e nós somos irredutibles. Beberemos a poción máxica para meternos a gladiadores ¡pobres dos adestradores e donos de escravos! ¡pobres dos godos que un día se atreveron co nosos druída! ¡pobres dos que non estean dispostos a respectar a aldea gala! 
Secuestro tras secuestro, Obélix e Astérix recuperan o que é seu, sexa druída ou bardo... que aínda que resulte molesto ha de volver a onde o aprecian porque é compañeiro.

13/7/15

Libros censurados

Kalandraka informa da censura dun dos seus libros:
Orellas de bolboreta”, con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves (publicado pola editora pontevedresa en galego, castelán, catalán, éuskaro, portugués, inglés e italiano) é uno dos 49 títulos que o novo alcalde de Venecia, Luigi Brugnaro, retirou das garderías e das escolas municipais de Educación Infantil por estar incluído no programa “Ler sen estereotipos”, desenvolvido polo anterior goberno local.  
Trátase dunha das obras máis demandadas, recomendadas e eloxiadas do catálogo de Kaladraka, seleccionada polo Plan Nacional de Lectura en Portugal e finalista en Italia do Premio Nacional Cittá di Bella".
Este álbum forma parte dun programa de lectura titulado “Ler sen estereotipos”, que reúne 49 títulos entre os que se atopan destacados clásicos da literatura infantil e xuvenil, como Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, de Leo Lionni e Imos cazar un oso, de Michael Rosen e Helen Oxenbury .

10/7/15

Máis novidades...





Trátase da recuperación dun dos libros deste autor para o lectorado autónomo; as ilustracións son do Premio Nacional de Banda Deseñada: Miguelanxo Prado.
No primeiro deles, que lle dá nome á obra, unha nena valente cambiará o discorrer das cousas, cando os camiños secretos do soño lle comuniquen o perigo que corre seu irmán.
No segundo, “A maldición da néboa”, será tamén unha nena a que vaia á Torre dos Corvos (morada de antigos deuses que noutros tempos gobernaran o mundo) para enfrontarse ao incomprensible, e así poder espertar a todos os que dormen desde a chegada da Néboa Negra.
O recente Premio dos Clubs de Lectura comenta”Ademais de consolidar nos nenos e nenas o pracer de ler con historias que os fascinen, é inevitable que dun xeito máis ou menos explícito, transmita a miña visión do mundo. Un mundo onde non haxa lugar para a dominación dunhas persoas por outras. Un mundo onde a liberdade e a xustiza sexan valores básicos”.

9/7/15

Dúas historias nunha ou unha novela en clave realista e fantástica

O corazón da maxia de Xavier Estévez, magnificamente ilustrado por Santi Gutiérrez ten eses ingredientes: realismo e fantasía. Nese senso, lémbranos o anterior premio Jules Verne, O Gran Reino, onde o día a día da moza protagonista se mesturaba cunha gran aventura. Ambas historias, tamén,  teñen relación con hospitais.
Neste caso, a rapaza protagonista caracterízase pola alegría que desprende sempre que o corpo llo permite. Ela vai repartindo ledicia por todo o hospital, visitando aos outros rapaces e achegando optimismo, a pesar das súas circunstancias. Unha grave enfermidade mantena débil pero ela inventará outra vida a través da historia que cada noite crea para a súa compañeira de cuarto, unha nena que ten medo e chora na noite. A partir de agora, as noites estarán poboadas de dragóns que desaparecen e de dúas rapazas que van na súa busca; cheas de fortaleza e valentía, non pararán ata resolver o enigma e devolver os dragóns a cada unha das aldeas. Un pano de pirata e as ganas de vivir. E, no espello, as dúas realidades dándose a man dun outro ao outro, porque a realidade... é múltiple. 
Tamén deste autor: A lenda do Rei Lobo, A rapaza da fiestra e Todos os soños.

8/7/15

Libros de Neira Vilas para o lectorado máis novo

 O xardín de Irene, é un libro poesía para primeiros lectores. Di o autor que a este público polo que sinte especial predilección hai que darlles palabras en idioma galego desde o berce, co obxectivo de que ao medrar sigan querendo ler na lingua de Galicia. Darlles versos, achegarlles un ritmo que os engancha. As ilustracións son de Leandro Lamas, un creador moi próximo á infancia. Edición de editorial ferrolá Embora.
Cantos de sol a sol é un libro-CD, con ilustracións de Xosé Vizoso y musicado por Xosé Lueiro. Aquí as poesías son musicadas e as ilustracións enchen as páxinas para acompañar as cancións.
Tamén ilustrado por Xosé Vizoso está o libro Aquel neno que consta de pequenos relatos do autor de Gres.
Todos eles, dirixidos á infancia. Todos eles escritos nos últimos anos con toda a enerxía creadora do autor das Memorias dun neno labrego. Neira Vilas continúa a producir os textos necesarios.