23/9/19

Lectura e diversidade: novos títulos en galego

Acaban de publicarse novos libros en galego que facilitan a lectura en pictogramas ou con textos de lectura fácil. Estes recursos son imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares para facelas plenamente inclusivas.


Kalandraka vén de publicar A verdadeira historia de carapuchiña vermella, texto de Bata, a partir da versión de A. R. Almodóvar e con ilustracións de Marc Taeger.


Tamén en Kalandraka, contexto de Bata e ilustracións de Alicia Suárez, aparece Nicolás cociña sen lume, que convida a cociñar, seguindo os pictogramas.



A editorial La mar de fácil verque ao galego dous títulos seguindo as pautas de lectura fácil (textos para ser leídos e entendidos por persoas con dificultades de comprensión lectora).

O primeiro título é Trampa de lume de Núria Martí Constans. Nesta novela cóntasenos a historia das loitas laborais das mulleres que se produciron en EE.UU nos primeiros anos do século XX , provocadas polo incendio dunha fábrica onde traballaban mulleres en condición pésimas e que acabou coa vida de 146 destas mulleres.
Moito ruído e poucas noces, de William Shakespeare, adaptada por Núria Martí Constans é unha comedia romántica, onde a verdade e o amor triunfan finalmente por enriba dos enganos e os malentendidos.
Unha ollada a estes títulos pode dotar de recursos aos clubs de lectura inclusiva.

20/9/19

Bechopoemas e outras bestas

    
Bechopoemas e outras bestas é un fantástico bestiario e un bestiario fantástico.

Leire Bilbao agasalla aos lectores e lectoras máis pequenos con poemas inmediatos e potentes, de gran valor metafórico e imaxinativo. Versos nos que os animais voan, nadan, reptan e ruxen.

Maite Mutuberria pon imaxe, coas súas ilustracións, a estes animais con letras, recortes, manchas, pegadas ... ofrecéndonos a oportunidade de traballar co noso alumnado a creatividade a partir da palabra, de aprender xuntos a mirar e ver o que unha ilustración pode ofrecer máis aló de apoiar un texto.

Para non perder, a tradución de Isaac Xubín que traslada o eúscaro ás nosas singularidades.

10/9/19

Man de Camelle ou cando unha historia non precisa de palabras


Cun simple lapis Carme Hermo convídanos a adentrarnos na vida e obra de Man (Manfred Gnädinger), artista alemán afincado en Camelle que viviu e creou a súa obra en harmonía co mar e a natureza.
Os duros e lineais trazos do inicio vanse transformando en liñas suaves que se funden coa natureza, como na obra do artista.
Este álbum recibiu o  Premio Gala do Libro Galego 2019 de Ilustración.