25/3/13

DÍA DE...


Aínda que non nos gusta facer publicidade directa dunha editorial, agradecemos os recursos que cada unha delas pon á nosa disposición, para poder visibilizar materiais relacionados con determinadas datas do calendario civil e cíclico.
Neste caso, para celebrar o día da auga.

22/3/13

SELECCIÓNS DE LECTURA TEMÁTICA


O Club Kiriko achéganos unha selección de lecturas arredor da diferentes temas.
Unha delas é SER MUJER.
Outra unha referencia ao día da poesía, co sempre poeta Frederick e un grupiño de libros relacionados con este género.
Tamén podemos acceder a un monllo de libros arredor da narración oral ou outras co día do pai como eixe.
Este grupo de librarías, Kiriko, acostuma realizar este tipo de traballos de calidade manifesta. Cumpre estar atentos/as á súas publicacións.

21/3/13

LITERATURA DE RISCO


A novela O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais, acaba de ganar o premio de literatura infantil e xuvenil da AGE (Asociación Galega de Editores)
Unha novela que reflite un problema.
Un problema moi actual.
Unha moza que se refuxia nun amor a distancia, que nace e se mantén grazas a internet e as súas redes.
Mitoloxía e estrelas como punto de unión; o misterio da noite cos astros tan lonxe e tan perto.
Unha relación platónica, na que non hai fallo.
O encontro e desenlace.
Un final duro para unha historia que non fai concesións a Hollywood.
Un relato para ler e falar. Un relato que non deixa indiferente.
Ledicia, volve á novela, despois de Unha estrela no vento que se publicara no 20000, nesta mesma colección. É certo que polo medio participou con Pere Tobaruela, baixo o acrónimo de Pereledi e varios títulos de novela policiaca: Desaparizión, Mortos de Ningures e Letras de xeo, na editoral Everest Galicia.

20/3/13

A NOITE DA EDICIÓN PREMIA A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL




Por fin, se produciu ese cambio cualitativo que moitas agardabamos.
A presenza do libro dirixido á infancia e á xuventude faise presente nunha entrega de premios, acadando unha cotas nunca antes conseguidas.
Era algo que tiña que suceder, porque o contrario sería inxusto e unha maneira de seguir minusvalorándoo.
Cando non se pode negar que a industria editorial galega se mantén grazas aos lectores e lectoras máis novas, que sentido ten seguir ocultando a calidade dos produtos dirixidos a ese tramo de idade?
A contradición é enorme, sobre todo se temos en conta que unha das editoras máis especializadas foi recoñecida co premio do Ministerio á mellor labor editorial.
Pois ben, a noite da edición, otorgou os seus premios de tal maneira que o premio Ánxel Casal ao libro de non ficción foi para Agustín Fernández Paz (un autor de lix) por O rastro que deixamos, O premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado foi para a novela gráfica Cartas de inverno, o premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil foi para O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, o premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo foi para a colección Cociña infantil e familiar de Ouvirmos, o premio Xosé Mª Álvarez Blázquez para Fina Casalderrey (unha autora de lix) e o premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial foi para OQO films. Incluso o premio Ánxel Casal ao libro de poesía e teatro, así como o Lois Tobío ao libro traducido, recaeron na mesma colección dunha editora que se dirixe maioritariamente ao lector infantil e xuvenil.
Estamos de noraboa! 

19/3/13

DE DÍA EN DÍA



Todas as ocasións nos valen para ler, para facernos cun libro; para ir de librarías.
Agora é o día do pai. E OQO faise eco desta data para propornos libros relacionados cos pais.
Tampouco podemos esquecer aquel Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos, publicado por Xerais.

18/3/13

LIBROS INFORMATIVOS

O Carballo, de Calros Silvar, editado por Baía.
Trátase dunha especie rara, entre nós. Non nós referimos á árbore, senón ao libro. Un libro informativo, realizado co coidado e a minuciosidade necesarias para agradar e convencer. Unha obra na que consultar e coñecer todo o relativo ao carballo. Nela recóllese información sobre a importancia desta árbore na nosa historia e cultura, os diferentes tipos, a flora e fauna que vive nas carballeiras, os seus cambios ao longo das estacións do ano, os ditos e refráns relacionados, un glosario e unhas ilustracións hiperrealistas, precisas e fermosas, do mesmo autor.

15/3/13

CIRCO E TÍTERES


Titiricircus é un álbum ilustrado no que colabora a editorial Kalandraka e a compañía de títeres Tanxarina. Conmemoran así, os vintecinco anos da obra que leva este nome, Titiricircus, e as máis dun milleiro de representacións.
Neste libro cóntase a historia de dous traballadores dun cico desaparecido que lembran os éxitos cos seus monicreques: equilibristas, homes dunha fortaleza incrible, encantadores de serpes, malabaristas e outros personaxes van pasando polo recordo e a escena para que os nenos e nenas de todas as épocas volvan a sentir a emoción de presenciar o gran espectáculo do mundo unha e outra vez. Ao tempo, é unha inmersión nas interioridades do teatro desde o proceso de elaboración e pintado dos títeres á posta en escena.
As ilustración correron a cargo do escenógrafo Pablo Giráldez ‘O Pastor’.  


14/3/13

UN FINALISTA DOS PREMIOS DA EDICIÓN QUE SE RETIRA


O valor da dignidade
Recollémolo, da súa páxina Cabrafanada.
Fran Alonso solicitoulle hai dúas semanas á Asociación Galega de Editores a retirada de concurso de «A punta de pistola» dos Premios da Edición, coincidindo co momento en que se fixo pública a composición do xurado dos Premios da Edición, a retirada de concurso da súa novela A punta de pistola, que foi elixida entre as finalistas do Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil. A solicitude do escritor prodúcese pola relación familiar que o une a unha das persoas que a organización nomeou para o xurado. Fran Alonso agradécelle, así mesmo, aos editores/as o apoio á súa novela, o que permitiu que fose finalista.

12/3/13

Aí veñen as LETRAS!





Veñen chegando... as Letras, e con elas os libros relacionados coa figura á que se lle dedican este ano: Roberto Vidal Bolaño.
Por primeira vez un dramaturgo completo. Un home de teatro na creación de grupos, na representación, na dirección, na escrita.
As Obras completas son publicadas por Edicións Positivas, pero tamén é o momento das edicións críticas, dos libros que analizan o seu teatro. Así, van saíndo á luz Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño de Camilo Franco, publicada en Biblos; A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de X. Manuel Fernández Castro e Roberto Vidal Bolaño e o xogo dramático de Afonso Becerra de Becerreá,  publicadas ambas por LaioventoRoberto Vidal Bolaño, unha vida para o teatro de Laura Tato publicado por Toxosoutos e un longo etcétera que irá aparecendo ao longo do ano 2013. 

11/3/13

PREMIOS QUE DESAPARECEN...






Víase vir...
Todo comezara cando unha fundación empezou a facerse publicidade a si mesma en vez de promover os valores culturais do país ao que representaba. Así, os que foran calendarios de pintores galegos que se conservaban en cada casa enmarcados para permanecer máis alá do ano, pasaron a ser publicidade da publicidade con calendarios onde se vían fotos do logo nos paraugas, nas "marquesinas", bancos e demais...
Nesa orde de cousas, foi unha alegría cando se decidiron a promover un premio de literatura xuvenil galega que se publicaría na colección Fóra de xogo. A mala noticia era que en vez de levar ese nome (o da colección) lle puxeron o da propia entidade (burda publicidade, de novo), de tal maneira que cando deixaron de subvencionalo a editora non podía convocalo: como facelo publicitando un nome que non aportaba nada, nesa caso?
É unha mágoa que desapareza un premio, tan necesario.
Un premio con cinco edicións, catro sucesivas e unha bianual (por aquilo de que un ano non se convocou e posteriormente resurxiu por unha soa vez)
Febre de Héctor Carré foi a derradeira obra premiada.

6/3/13

CONTADAS DESDE ATLÁNTICA


Desde onte mesmo, 5 de marzo, ata o 16 deste mes terá lugar en Compostela o Festival Internacional de Narración Oral, ATLÁNTICA.
O festival que ten como obxectivo a posta en valor da narración oral, está promovido polo Pub Atlántico (o berce desta actividade na cidade) e conta con destacados narradores e narradoras desta e aquela ribeira, con representación de Galicia, Arxentina, Brasil, Uruguai, Portugal e Reino Unido.
Unha boa ocasión para tomarlle o pulso á narración, a través das voces de Kiko Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Avelino González, Tim Bowley, Pedro Brandariz, Raquel Queizás, Clara Hadad ou Celso Fernández, escritores como Manuel Rivas, Xabier P. Docampo ou Xurxo Ayán, e bibliotecarias como Blanca Calvo, Mª Luz Fernández ou Carina Fernández.




Finalistas de L.I.X. nos premios da edición









Traemos aquí os finalistas dos premios da edición, na modalidade de literatura infantil e xuvenil, é dicir, finalistas ao Premio Neira Vilas ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil:

Paxaro de Mar e Vento, Tucho Calvo (Biblos)
O corazón de Xúpiter, Ledicia Costas (Xerais)
Titiricircus, Miguel Borines, Tanxarina (Kalandraka)
Carrabuñas, Charlotte Pardi (OQO)
Maria Fumaça, Uxía Senlla (Galaxia)
A punta de pistola, Fran Alonso (Xerais)
Cartas de inverno, Agustín Fernández Paz (Xerais)



5/3/13

Máis música


Magín Blanco acaba de sacar o seu segundo traballo na estela de A nena e o grilo, a través do selo editorial Fol Música.
Trátase dun conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. Un libro de sesenta páxinas, ilustrado por Leandro Lamas e acompañado de actividades creativas e interactivas para que os nenose nenas poidan crear o seu propio libro, acompañado dun Cd. O proxecto vaise presentar o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, onde tamén terá lugar o primeiro concerto o día 9. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Este traballo conta coa colaboración de Uxía, Fran Perez, Guillerme Fernandez, Isaac Palacin ou Segundo Grandío, entre outros.

4/3/13

COCIÑA INFANTIL E FAMILIAR


A editora Ouvirmos acaba de sacar á luz a colección "Cociña infantil e familiar" cos títulos Bocadillos e sándwiches, Sobremesas e Pastas e pizzas.
Cada libro inclúe vinte receitas básicas para animar ás familias a compartir horas na cociña. Un tempo rico en experiencias e moi aproveitable para traballar valores e igualdade.
Unha boa iniciativa a de esta editora que xa nos tiña sorprendido coa calidade das súas edicións sonoras.

1/3/13

Stéphane Hessel e o seu legado

O 27 de febreiro morreu Stéphane Hessel. No cumio dos noventa anos conseguiu que o seu nome fora coñecido por mozos e mozas de todo o mundo. A súa voz chegou a todos a través dun pequeno libro que baixo o título de INDIGNÁDEVOS! aportábanos as reflexións dunha longa vida, rica en experiencias e loita pola democracia e o ben común.
Acompañouno José Luís Sampedro no prólogo da versión en castelán e Manuel Rivas á edición en galego da man de Kalandraka. Xente, tamén de ben.
Foi unha lección, esa derradeira lección do mestre da que falaba Castelao, tendendo a man ás xeracións novas cando semellaba que ninguén se atrevía a facelo ou non tiña o valor moral de enfrontalo. Por iso compre lembralo, a el, a Sábato... e desexarlle longa vida a José Luís Sampedro (outro imprescindible).  
De paso, ter en conta o valor do texto corto e de certas edicións que chegan a moitas mans.