30/10/20

Quen dixo medo? Lecturas para o Samaín

 Chegan novidades ás bibliotecas para celebrar o Samaín.



Desde a editorial Xerais recibimos unha nova entrega de Astérix en galego: Astérix e os Normandos.Os normandos chegan a nosa coñecida aldea gala dispostos a saber que é o medo, certo é que o conseguen e, como sempre ocorre na Galia, todo acaba cunha canción.
Unha oportunidade para traballar o cómic, a historia, a xeografía e, por suposto, os medos que cada quen sinte e afronta de xeito diferente.


A editorial Bululú  presenta unha nova creación de Xan Eguía: Seres Fantásticos do Camiño. Novamente, o autor e ilustrador achégase ao mundo da mitoloxía. Intentando saír do bosque, o protagonista vai descubrindo seres fantásticos dos diferentes Camiños de Santiago, criaturas da mitoloxía popular misteriosas e divertidas.
Un convite a adentrarnos na mitoloxía galega e a traballar o Camiño desde unha perspectiva diferente.

26/10/20

A viaxe culinaria de Kukinhas

 


A editorial Xerais publica A viaxe culinaria de Kukinhas. A volta ao mundo en 50 receitas.de Elisa KukinhasAlgo máis que un libro de receitas, unha viaxe polos cinco continentes e a súa gastronomía, porque como dí a autora "A nosa lingua pode falar de calquera gastronomía do mundo" non só da nosa. O libro está dividido en 5 partes e cada unha presenta 10 receitas. 

A presentación tradicional das receitas vese enriquecida polas iconas que aparecen sobre as fotografías sinalando tempos e tipo de molde, ademais ao pé de cada receita aparece unha información adicional.




Fotografías do blog da autora

Unha boa oportunidade para traballar a gastronomía nos proxectos que viaxan polo mundo adiante con receitas que convidan a ampliar informacións.

A ter en conta o artigo de Kukinhas no que nos fala de como fixo este libro.

De interese para ampliar a sección de cociña nos espazos creativos das nosas bibliotecas.

22/10/20

Fábulas contadas

 


Desde a editorial Xerais recibimos Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza con ilustracións de Orelí Pello. "As fábulas, que foron incorporadas á tradición popular desde hai milenios, son pequenos relatos de intención moralizante onde personaxes animais encarnan condutas e caracteres humanos."  O autor recrea, actualiza e galeguiza unha decena de fábulas nas que se mantén, sen perder o humor, a denuncia e a crítica, poñendo en valor a vixencia destes textos para traballar co noso alumnado.

As ilustracións, que reflicten o protagonismo dos animais nestos textos, xogan co texto transformándose en metáforas visuais.

Redondea a publicación o prólogo de Antonio Reigosa, un convite a viaxar, desde as primeiras civilizacións, pola historia da fabulación. En A república das fábulas indica que "As fábulas foron e seguen sendo un instrumento divertido, axeitado e moi eficaz contra os abusos dos poderosos e para amainar, xa que non erradicar, a estupidez humana. Tomen nota e gocen das súas ensinanzas!"


19/10/20

Atlas da Galicia Pequeniña

Obra finalista na Gala do libro  galego
2020
na categoría de  libro mellor editado


A editorial allaricense Aira volta a sorprendernos moi agradablemente coa publicación de Atlas da Galicia Pequeniña, unha obra destinada ás crianzas, pero da que tamén gozamos, e moito, as maiores.

César Cequeliños e Jorge Campos (premio da Gala do Libro 2017 polo seu cómic Alter·Nativo) compuxeron un Atlas moi visual, cheo de vocabulario e mapas, pero a través das súas páxinas tamén podemos facer un percorrido pola xeografía humana e a historia que conforman a identidade do noso país.


Un índice ben cheo de contidos.

Toda esta información, como xa dixemos é presentada dun xeito moi visual, ameno e ata divertido.

Fonte: @bandadeseada


Fonte: Domestika.org

Polo tanto, xa temos todos os ingredientes para unha gozosa lectura compartida (en familia, na aula, coas cómplices lectoras...) ou un tempo de viaxes en solitario.

Unha obra imprescindible nas nosas bibliotecas tendo en conta, ademais, o ermo do panorama das obras dista temática na nosa lingua e para crianzas. (Tanto o Atlas temático de Galicia, de Obradoiro-Santillana, de 1999, como o Atlas básico de Galicia da ed Sálvora, de 1982, están xa descatalogados).


En definitiva, unha obra para perderse nas Xeografías Lectoras.







16/10/20

Bo camiño, Valentiño!

 



Bo camiño, Valentiño! é unha novidade de Ediciones Jaguar na colección Miau galego. A autora, Gracia Iglesias, e a ilustradora, Sara Sánchez, convídannos a acompañar a Valentino no seu camiño a Compostela.

A través dunha estrutura repetitiva e rimada, o pimgüín Valentiño vai facendo camiño ao tempo que os seus xenerosos amigos van aumentando a súa equipaxe."Ata que, con tantos "por se acaso", non pode dar nin un paso."

Unha publicación a ter en conta nos proxectos sobre o Camiño que tanto abundan neste curso. Unha lectura que permite, a través do xogo visual e poético, achegar aos máis pequenos a esta experiencia. Importante, tamén, pararnos nas ilustracións das gardas para poñer en valor a importancia do respecto ao medio e o patrimonio.

Na contraportada un código qr da acceso a actividades e pasatempos relacionados coa lectura.

15/10/20

Tempo de outono


A editorial bookolia presenta "Tempo de outono" escrito e ilustrado por Concha Pasamar.

"É doado non reparar; é doado distraerse
en mil pequenas rutinas cotiás:
o tempo é esquivo."


Estamos ante un álbum ilustrado que nos arroupa coa súa poesía e beleza. Un álbum atemporal que convida, a ritmo lento, a andar pola vida cos ollos abertos, a disfrutar dos pequenos detalles. As cores do outono acompañan, e enriquecen, un texto cargado de ritmo e poesía. 

Unha lectura para deixarse levar, unha oportunidade para reflexionar sobre a velocidade das nosas vidas e a necesidade de pararse e ver.

Un convite á creación!