Mostrando entradas con la etiqueta diversidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta diversidade. Mostrar todas las entradas

8/6/20

Propostas lectoras para o Día Mundial dos Océanos



En decembro de 2008 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas resolveu que a partir de 2009, cada 8 de xuño se celebraría o Día Mundial dos Océanos. Esta conmemoración ten como propósito concienciar á opinión pública sobre as consecuencias que a actividade humana ten para os océanos e poñer en marcha un movemento mundial cidadán a favor da xestión sostible destes, xa que son unha fonte importante de alimentos e medicinas e unha parte esencial da biosfera.

​Como di Ana Pêgo, autora do libro Plasticus maritimus. Unha especie invasora, “cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van parar aos océanos, o equivalente a un camión cheo de plástico, por minuto! Xa é tempo de facermos algunha cousa.”
Plasticus maritimus. Unha especie invasora vén de ser publicado en galego por Kalandraka. Escrito por Ana Pêgo e Isabel Minhós Martins está ilustrado por Bernardo P. Carvalho. A tradución correu a cargo de Celia Recarey. A obra acadou a mención de honra na Feira do libro de Boloña 2020 e forma parte das lecturas do Plano Nacional de Leitura de Portugal.
O libro, cun formato próximo ao caderno de campo, contén información sobre a relación entre o plástico e os océanos. Tamén conta cunha guía para preparar visitas á praia para recoller e analizar exemplares do plasticus maritimus, co fin de alertar sobre as consecuencias do plástico na vida do planeta e a necesidade de erradicar o seu uso para preservar o ecosistema mariño.


Se os peores prognósticos se cumprisen, en 2050 o peso do plástico nos océanos superaría o dos propios peixes, por iso na novela de Rosa Aneiros Xelís, o guieiro das botellas de mar  o protagonista, xunto co mascato Mult, Ilva e o avó Jonás, emprende a afanosa tarefa de atrapar a illa de plástico para evitar a desfeita ecolóxica do planeta.
Con ilustracións de Andrés Meixide, a obra de Rosa Aneiros acadou en 2019 o Premio Merlín de Literatura Infantil e entrou na Lista de Honra da OEPLI.


Destinadas a un lectorado autónomo e imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares para coñecermos  e traballarmos os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 , en ambas as dúas obras hai unha chamada ao coidado da vida submarina e a acción polo clima.


2/4/20

NOVAS LECTURAS PARA UNHA BIBLIOTECA INCLUSIVA


O 2 de abril celebramos o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil pero tamén conmemoramos o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo (#DiaMundialAutismo).

Das nosas lecturas para conformarmos unha biblioteca máis inclusiva queremos recomendar o álbum TEA de Alejandra González e publicado pola editorial Pintacoda.
TEA presenta unha dobre mirada sobre o Trastorno do Espectro Autista, a nosa e a das persoas autistas, por iso nos fornece de dous pares de lentes para entendermos e empatizarmos, tan necesitados estes días, con este colectivo. Poderemos entender por que son hipersensibles a diferentes estímulos auditivos, visuais, táctiles, por que senten ansiedade en espazos ruidosos ou por que teñen dificultades para comprender as nosas bromas ou a linguaxe figurada. Nas últimas páxinas do libro encontramos unha guía didáctica que explica as principais alteracións que presenta unha persoa con TEA.

 

Recentemente Kalandraka publicou na súa colección Makakiños A verdadeira historia de carapuchiña vermella, texto de Bata, a partir da versión de A. R. Almodóvar e con ilustracións de Marc Taeger . Na presentación editorial dinnos que “esta versión de Carapuchiña xa é accesible con pictogramas para que a frescura e a sabedoría dos contos da avoa chegue con toda a súa esencia ás persoas con necesidades de apoio educativo”.
 
Estes recursos son imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares porque son ferramentas para entendermos a escola: plural, diversa e accesible.

23/9/19

Lectura e diversidade: novos títulos en galego

Acaban de publicarse novos libros en galego que facilitan a lectura en pictogramas ou con textos de lectura fácil. Estes recursos son imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares para facelas plenamente inclusivas.


Kalandraka vén de publicar A verdadeira historia de carapuchiña vermella, texto de Bata, a partir da versión de A. R. Almodóvar e con ilustracións de Marc Taeger.


Tamén en Kalandraka, con texto de Bata e ilustracións de Alicia Suárez, aparece Nicolás cociña sen lume, que convida a cociñar, seguindo os pictogramas.



A editorial La mar de fácil verque ao galego dous títulos seguindo as pautas de lectura fácil (textos para ser leídos e entendidos por persoas con dificultades de comprensión lectora).

O primeiro título é Trampa de lume de Núria Martí Constans. Nesta novela cóntasenos a historia das loitas laborais das mulleres que se produciron en EE.UU nos primeiros anos do século XX , provocadas polo incendio dunha fábrica onde traballaban mulleres en condición pésimas e que acabou coa vida de 146 destas mulleres.
Moito ruído e poucas noces, de William Shakespeare, adaptada por Núria Martí Constans é unha comedia romántica, onde a verdade e o amor triunfan finalmente por enriba dos enganos e os malentendidos.
Unha ollada a estes títulos pode dotar de recursos aos clubs de lectura inclusiva.