18/12/15

A estrambótica Illa do Tesouro


Bululú publica este álbum ilustrado da autoría de Pinto&Chinto. Nel fan 
unha recreación divertida d´A illa do tesouro de Stevenson. Conservan os personaxes, manteñen os fitos clave, pero cunha lente deformante segundo a súa visión humorística. Xa nos advirten na nota aclaratoria inicial: Ten coidado, porque é un libro pantasma e en calquera momento, mentres o les, pode evaporarse e desaparecer de entre as túas mans.
Indicado para lectores autónomos, esta versión pode convidar a ler a novela orixinal e introducir os clásicos nas propostas lectoras das bibliotecas escolares.

Os creadores xa publicaron, na mesma editorial  As estrambóticas viaxes de Gulliver e O estrambótico Principiño.


15/12/15

Teño uns pés perfectos


Teño uns pés perfectos está publicado por Kalandraka con texto de María Solar e  ilustracións de Gusti.
María Solar escribe este libro cunha dupla función, literaria e e informativa, e utiliza o recurso dun libro dentro doutro.
O personaxe principal , Melchor Sabichón, preséntase ao concurso Na busca do neno máis listo pero, malia ter preparado moitos temas, non esperaba enfrontarse a unha materia descoñecida: os pés. O protagonista atopará nun libro, que lle facilita a nai, todo canto necesita saber sobre esas extremidades inferiores: os tipos de pés, a súa anatomía e a función que cumpren para que poidamos camiñar e correr, o número de ósos que teñen, curiosidades sobre as unllas ou as pegadas que deixamos. Descobre, ao rematar o concurso, que o próximo pásanos moitas veces desapercibido.

Libro escrito con humor, destinado a lectores autónomos que queiran saber moito sobre pés.

10/12/15

Ler ciencia: Cor animal


Facémonos eco dun recurso informativo en galego, de interese para as bibliotecas escolares. Kalandraka publica un libro que achega a ciencia os máis pequenos. Trátase dun álbum escrito por Agustín Agra e ilustrado por Maya Hanisch. 

Cunha linguaxe adaptada ao alumnado de infantil e primaria descríbense trinta especies animais de diferentes lugares do mundo. Acompañadas dunha ilustración en collage dixital aprendemos como os animais marcan o seu terreo, como cortexan as femias, como se reproducen, como se camuflan, por que emigran, canto miden, etc.
O álbum ben pode ser unha recomendación lectora  para as familias a través da mochila viaxeira ou formar parte da selección de recursos cando se traballan os animais.

1/12/15

EUROPA EXPRESS , Premio Jules Verne de Narrativa Xuvenil 2015


Europa Express de Andrea Maceiras gañou o Premio Jules Verne de narrativa xuvenil, na edición de 2015.  
A novela, publicada recentemente na colección Fóra de xogo de Xerais, está protagonizada por un grupo de mozos e mozas que realizan unha viaxe Interrail por Europa ao rematar os seus estudos. Desenvólvese por distintos países e en distintos tempos (a actualidade e dez anos atrás, o tempo da viaxe) e unha postal serve para que Nico inicie o retorno ao pasado en busca de respostas ante a traxedia. Esta vai ser o pulso da vida de cada un dos personaxes, ela vai tecendo unha arañeira, unha trama psicolóxica á par da aventura de cada un deles na busca da súa identidade.
Outros temas coma o amor, a amizade, o desencanto da vida, os conflitos de identidade enriquecen a trama.

Novela recomendada para a lectura persoal e compartida.