26/11/13

Libro - Música para unha serie de éxito


Os Bolechas fan unha banda é un libro disco, o primeiro de Os Bolechas. A editora Bolanda pon en marcha este proxecto, da man de Pepe Carreiro e a participación de de dez grupos galegos. Cada un deles achega un tema orixinal e, paso a paso, vanse tocando diferentes estilos con Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID.
Bolanda, que se fixo cargo deste proxecto, desaparecida a A Nosa Terra (primeira editora da serie) tamén levou a esta popular familia de bonecos á TVG.




22/11/13

ADIANTO: XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO


Recollemos a noticia de Fervenzas Literarias, onde pode lerse o artigo completo.
"O poeta e creador cinematográfico Xosé Antón Cascudo fai un adianto con parte de O instante eterno, o documental no que ven traballando dende o ano 2011 sobre a figura de Xosé María Díaz Castro, o poeta de Guitiriz ao que a Real Academia Galega homenaxeará o vindeiro ano e autor do poemario Nimbos.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron Alfonso Blanco, presidente da Asociación Xermolos e un dos principais impulsores deste proxecto; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá... Un valor engadido é a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O autor do filme ten a intención é estrealo durante a semana do centenario do nacemento de Díaz Castro, no mes de febreiro do 2014."

20/11/13

De libros e librarías

Na prensa, recollemos unha información, acerca da apertura dunha nova libraría en Santiago. O seu nome "O fogar das palabras", os seus promotores Urco Editora e Contos Estraños
Así se definen e convidan:
«Trátase dun novo concepto de libraría, onde non soamente compartimos a paixón pola lectura, tamén o facemos pola escrita. Para iso creamos unha aula onde poderás participar nos nosos talleres, sempre relacionados co mundo literario e editorial, e impartidos por profesionais do medio. Neste novo espazo poderás entrar en contacto tanto con novos escritores como con editores, tradutores, ilustradores, deseñadores… Participar ou organizar presentacións de libros, recitais poéticos, palestras lingüísticas e calquera actividade relacionada co mundo do libro e as palabras. Creamos tamén un selo editorial para as vosas auto-edicións, as cales, e en cooperación con Sacauntos Cooperativa Gráfica vos axudaremos a sacar adiante desde a libraría con presentacións, venda e presenza nas feiras culturais ou do libro nas que participemos."
Gustaranos pasar por alí e ir vendo as novidades que ambos selos andan a sacar á luz, pois o esforzo en tradución que a segunda delas está a facer, ven o merece. 
Benvidos!


19/11/13

Novos libros e novas lecturas



A miña primeira Rosalía é un libro disco que continúa a estela daquel outro, O primeiro Celso Emilio, que Xerais fixera público o ano pasado.
Da autoría de Xosé e Xiana Lastra, o libro consta dunha biografía e unha antoloxía poética, así como dun CD no que se recollen unha ducia de poemas musicados, interpretados por Mini e Mero, Xiana Lastra e María Manuela, que tamén é autora das ilustracións.  
Sempre é un luxo ver o que pon en marcha este grupo de artistas e promotores da música e cultura galega, sen esquecer que a mirada de Lastra ten, sempre, un obxectivo comprometido coa didáctica.
Grazas por esta nova entrega!

18/11/13

LECTURAS EN NOVEMBRO



O outono tráenos temas pouco usuais, pero moi reais.
Un deles é a morte. Un dos últimos títulos de Galaxia, na colección Costa Oeste, é  Ás veces quero morrer coa risa.
O resumo, feito pola editora, é absolutamente aclaratorio:
"O protagonista non é capaz de pensar con claridade diante da tremenda realidade, nin entender por que ten que morrer tan novo con todo o que lle queda por vivir: ter noiva, o primeiro coche, ir a concertos..., en definitiva, todo o que calquera adolescente devece por facer. Séntese furioso, desvalido e enganado pola vida. Todo semella inxusto. Ten que decidir onde pasar o tempo que lle queda, se seguir no hospital, onde está rodeado por persoas que comparten o mesmo fado, ou marchar cos seus pais. Mais coñece a Helene, unha rapaza que está aínda máis enferma ca el. Así, coa aparición do amor, descobre un posible sentido para o tempo que lle queda: quere pasalo con Helene."
Máis alá desa situación, está a forma de vida nesa sección do hospital, a reacción ante a morte e a maneira de facerlle fronte coas palabras, o pensamento e as actitudes deses seres tan novos e xa condenados a saber a proximidade do seu final. 
As autoras, Birgit Schlieper e Nina Stahl uniron o seu bo facer, unhas delas dende o ámbito da experiencia de traballo neste campo de xoves enfermos terminais, de forma que conforme lemos, semella que estamos asistindo ao proceso de despedida da vida duns rapaces que non merecen semellante carga. As dúbidas do protagonista a respecto de a onde ir a pasar eses últimos días, se á casa do pai ou da nai, os seus sentimentos ante a forma de reaccionar cada un deles, a rabia,... pero tamén a liberación solidaria, esa maneira de ser felices axudando a outros, distraéndoos, estando con eles é a gran lección desta historia. Unha historia impresionante que se presta para falar e falar, para relacionar con series como Pulseras rojas e outras obras relacionadas con esta temática, algunha delas xa citadas na propia novela como Os irmáns Corazón de León, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

15/11/13

Libros e lecturas para lembrar... 11 anos despois





 

A sentenza, feita pública cando se están a cumprir os 11 anos da catástrofe do Prestige, absolve aos acusados de "delitos mediambientais". Ante o estupor, a memoria, sempre a memoria, porque tamén o dicía de todas as manerias posibles El olvido que seremos...
A memoria en forma de libros:
E outros que aparecen no seguinte enlace.  
En educación, sempre estamos a traballar coas mesmas idades e con distintos alumno e alumnas. É nosa miseria (o mito de Sísife) e a nosa grandeza.

14/11/13

Lecturas matemáticas: Universo Pitágoras



Universo Pitágoras de Rocío Leira Castro é un libro que se presenta (no prólogo) como enmeigado por un trasno matemático que o castiga porque a súa autora ten un erro á hora de facer unha complicada multiplicación. O maleficio consiste en desordenar os capítulos, de forma que será o propio lector o que ha de buscar a orde de lectura, en base á solución do xogo que lle propón a autora, ao final de cada capítulo. Polo tanto, debemos facer unha lectura activa. Un exemplo, despois de ler o primeiro capítulo, debemos acertar coa resposta á seguinte adiviña para saber por cal seguir:
"Un pan, outro pan.
Pan e medio e medio pan.
Cantos pans son?"
¡Está claro, non?
Vexamos outro, igual de doado:
"Que número ten tantas letras como o valor que el expresa?"
Non hai maneira de perderse, nin con trasno nen sen el.
De todas formas, esta non é a única relación coas matermáticas, Pitágoras e o seu universo está presente no argumento de cada un dos capítulos. De algo terá que servir que a súa autora sexa matemática...
O ilustrador, Xosé Tomás, enche de imaxes as páxinas, co estilo e o bo facer a que nos ten acostumados.

13/11/13

Lectura e escoita activa: músicos anónimos fronte á crise

A través da páxina do Consello da Cultura Galega, chéganos unha nova relacionada coa saída pública dun CD no que se recollen dez temas de denunca da situación actual de crise. Trátase dun grupo de músicos anónimos que se autoeditan e prometen ir presentándose a través de próximas actuacións en directo.
Unhas letras interesantes, con títulos como Evasión, Banqueiro indultado ou Flechazo na cola do paro, que xiran arredor da denuncia social.
Estado de shock é o título do CD e UN o do grupo. Podemos acceder a unha das cancións neste enlace.


8/11/13

Lecturas para o traballo cos cómics



Entender o cómic. A arte invisible é un dos libros que se atopan no mercado para traballar coa banda deseñada. Esta tradución, publicada por Rinoceronte editora, acompaña a outra tradución, neste caso a de Factoría K, Como facer un cómic.
Outras obras, realizadas en Galicia, como O abc do Cómic da autoría de Xaquín Marín, publicado por Baía, ou Facermos cómics de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais.
Porque nos gusta a banda deseñada, porque un dos nosos autores é Premio Nacional e non nos cabe a fachenda no corpo!

7/11/13

Máis banda deseñada de éxito para a súa lectura en galego

Astérix e os pictos. A nova aventura dos galos resistentes está a chegar ás librarías da man de Edicións Xerais de Galicia. 
O 24 de outubro foi a data marcada para a súa saída internacional na versión orixinal en francés e en máis de vinte linguas, entre elas o galego
Tras a morte do seu creador René Goscinny en 1977, o debuxante Albert Uderzo asumiu en solitario a elaboración das aventuras dos galos ata que o pasado 2011 anunciou a súa retirada. O propio Uderzo foi quen seleccionou aos que serán os continuadores da serie, o guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Didier Conrad. Ferri é coñecido polas súas colaboracións co debuxante Manu Larcenet en series como Le retour à la terre ou Le sens de la vis; pola súa banda, Conrad debe a súa sona a dúas series desenvolvidas co guionista Yann, Les innommables e Tigresse blanche
Segundo as últimas noticias, a edición en galego desta obra, está a agotarse, polo tanto é hora de correr ás librarías, como verdadeiros galos e facernos co exemplar. Nunca será o mesmo lelo en castelán! (despois de todo, trátase de galos e resistencia).  

6/11/13

BD. Grandes obras do xénero, para a súa lectura en galego

  
Rinoceronte Editora está a facer un gran esforzo na publicación de grandes obras da banda deseñada internacional, na nosa lingua.
Así, foron aparecendo títulos como Persépole de Marjane Satrapy, Palestina ou Gorazde, zona segura.
Gorazde, zona segura e Palestina son de Joe Sacco. Para a realización da primeira delas (na que combina a técnica da reportaxe en primeira persoa coa narrativa da novela ilustrada) permaneceu dous meses nos territorios ocupados. Con ela conseguiu o American Book Award de 1996. Para a segunda das obras, o debuxante e xornalista, viaxa catro meses á antiga Iugoslavia para relatar as consecuencias dunha guerra no corazón de Europa.
E outras como Contrato con Deus de Will Eisner ou Na procura de Ed o Riseiro de Kim Deitch.
Agradecemos, así a achega desta editora á lectura de banda deseñada en galego para mozos e mozas.
 





5/11/13

Lectura de teatro e sobre o teatro




Con esta frase remataban os espectaculos do último títere tradicional galego. O seu nome, Barriga Verde, resoa aínda na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento.
Para evitalo, distintas iniciativas procedentes dos eidos do audiovisual, do teatro e da investigación únense no Proxecto Barriga Verde co que recuperar o patrimonio titiriteiro galego e poñelo en relación coa estirpe europea dos Polichinelas.
Este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos complementan as imaxes do documental no que Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida. 
(Da presentación editorial) 
Manuel María, tamén publicaría unha obra teatral con este nome, Barriga Verde.

4/11/13

Premio Nacional de Cómic para Miguelanxo Prado


Esta obra que xa fora declarada Mejor Obra de Autor Español do 2012 no Salón Internacional do Cómic de Barcelona, é a primeira banda deseñada galega que acada este galardón.
O xurado destacou o caracter poético da obra, que mestura a realkidade co soño, a memoria e o esquecemento, e a súa mestría técnica no uso da cor.
Parabéns para o autor e para toda a banda deseñada galega. 
Hai tempo que vimos falando do bo nivel deste xénero, da necesidade de que sexan traducidas as obras destes creadores que están a ser publicadas noutras idiomas, e de que sexan suficientemente coñecidas. Pode que este premio axude neste sentido, e bo será!
Aproveitamos para lembrar o cartaz que Miguelanxo realizou para as bibliotecas escolares de Galicia