29/11/15

XOSÉ NEIRA VILAS NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

La Región (versión dixital 24/9/2015)
O 8 de abril de 2011, na clausura dos Encontros PLAMBE, acompañounos Xosé Neira Vilas. Na presentación, Pilar Sampedro referiuse a el como o único clásico que aínda quedaba vivo. Nese ano estábase a celebrar o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego.

Neira Vilas falou da súa vida "emigro para ter libros" e da súa experiencia coa lectura, sobre todo cos libros para nenos e nenas.

Home xeneroso, sempre atendeu a chamada das escolas, visitando e apadriñando bibliotecas, dando charlas para rapaces e rapazas, acolléndonos en Gres de xeito agarimoso... actividades das que fomos dando conta en revistas escolares e blogs de bibliotecas.

Sempre firme na defensa da literatura galega e do ensino da lingua na escola, que coidaba fundamental para súa pervivencia.

O 26 de novembro de 2015, o noso clásico vivo, deixounos de xeito inesperado. Moitos dos seus proxectos están recén saídos como a nova edición de Cantarolas,da man da editorial Kalandraka e ilustradas por Leandro Lamas, que tivo a posibilidade de ver o día anterior á morte. Tamén ía presentar no Culturgal Romaría de historias, editado por Galaxia. Outros, aínda no forno, non terá ocasión de degustar, como ese disco con Roi Casal ou unha novela sobre o mar. Serán outros os que rematen todo ese inxente traballo iniciado por el. Ás bibliotecas escolares e á sociedade quédannos os seus libros para seren lidos, xa clásicos da literatura universal.

CONFERENCIA DE NEIRA VILAS NOS ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011


17/11/15

Un novo premio para Ledicia Costas, o Lazarillo 2015


A literatura infantil e xuvenil en galego está de noraboa xa que Ledicia Costas foi galardoada esta pasada fin de semana co Premio Lazarillo 2015 pola súa novela xuvenil Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante. O premio foi  convocado pola Organizacion Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) e conta co patrocinio do Ministerio de Educacion, Cultura e Deporte.

O xurado destacou da obra obra gañadora  que se trata dunha «novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben axeitada e unha linguaxe sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e imprimíndolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura».
A novela publicarase en Xerais no 2016.

Os noso parabéns a Ledicia Costas por este novo recoñecemento. 





16/11/15

Por que as sombras non teñen ollos de Luís García Mañá



Luís García Mañá publica en Xerais  Por que as sombras non teñen ollos, unha novela ambientada no territorio raiano do Couto Mixto na 2ª Guerra Mundial. O autor recrea un feito histórico acaecido nese lugar para tecer unha novela de misterio, onde non faltan a espionaxe.

Esta novela, recomendada para un público xuvenil ou adulto, pode ser un bo motivo para adentrarnos na historia do Couto Mixto, un territorio descoñecido para moitos galegos e galegas, estudado xa polo mesmo autor noutras ocasións.

11/11/15

ONDE VIVEN AS FADAS? Conto para ler ás escuras.

Onde viven as fadas? «Conto para ler ás escuras». 
Neste conto, publicado por Xerais e  dirixido aos lectores máis pequenos,  o autor  proponnos xogar. Teremos que atopar as fadas e debemos iluminar o álbum para poder encontralas. Seguro que despertará nos nenos e nenas a maxia e o misterio.

Material para dar a coñecer ás familias, ben pode estar nunha mochila viaxeira ou nas suxestións de Nadal.