29/10/15

De novo, O lapis de Rosalía de Antón Cortizas


O lapis de Rosalía de Antón Cortizas vén de ser editado de novo da man de Xerais na colección Merlín ,con ilustracións de David Sierra.
O novo lapis de Rosalía é imaxinativo, poético, optimista, mesmo desobediente...un lapis especial para nenas de seis anos, ao que non lle gusta escribir parvadas.

Trátase dun libro moi acaído para as lecturas compartidas entre pequenos e grandes, que seguro se han divertir coas situacións  que nos propón o autor.
Para nenos e nenas de seis anos ou máis...!

20/10/15

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

O selo editorial Apiario presenta este libro para docentes que queren traballar coa poesía nas aulas. Xa no prólogo, Agustín Fernández Paz quere derrubar os muros para que a literatura, neste caso a poesía, se desprenda do enfoque historicista e que estimule as capacidades creativas do alumnado. Lémbranos Fernández Paz a Rodari na Gramática da Fantasía: “A cuestión é que na escola se len os textos para xulgalos e clasificalos, non para comprendelos. A peneira da corrección retén e revaloriza as pedras, deixando escapar o ouro.”
Nos seis ensaios que compoñen o libro, seis poetas, fannos cadansúa proposta :

Tamén conta cun blog onde se pode atopar material extra para continuar co traballo na aula.

Facer chegar a poesía á mocidade é labor ben complicado. Agradecemos a Apiario esta aposta tan decidida.



14/10/15

Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir


Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir 

É o título do primeiro álbum da escritora María Lado , publicado en Apiario en 2014. As ilustracións son de Yanina Torres Tuirán.
Neste álbum, María Lado cóntanos o que lle acontece a Cuqui, un osiño de peluxe, dende a visión dun neno pequeno que cuestiona a sensibilidade das persoas adultas.
Este álbum ten interes para a lectura en familia e a través del podemos establecer vínculos afectivos coa lingua, tan necesarios hoxe.
Para ter en conta ao seleccionarmos materiais para as mochilas viaxeiras dos  máis pequenos.



6/10/15

Ledicia Costas, galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil


A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

Durante o curso 2014-2015 este libro foi recibido con entusiasmo polos lectores e lectoras das bibliotecas escolares  e os clubs de lectura de todo o país. Velaquí un exemplo desde a biblioteca do CEIP Eduardo Pondal de Vigo.

Parabéns a Ledicia Costas por este premio e á Literatura Infantil e Xuvenil galega por este novo recoñecemento.