Mostrando entradas con la etiqueta lectura compartida. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lectura compartida. Mostrar todas las entradas

20/3/20

20 de marzo:Día Mundial da Narración Oral


Todos os anos, o 20 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Narración Oral. Comezou a celebrarse en Suecia coincidindo co equinoccio de primavera e despois foi estendéndose ao resto dos países.

Este ano vai ser moi diferente a súa celebración por causa da pandemia do coronavirus (COVID-19) pero nestes días as asociacións de narradores/as orais Colectivo NOGA e AEDA Narración Oral poñen á nosa disposición contos para ver e escoitar mentres quedamos na casa.







Como novidade bibliográfica, Antonio Reigosa vén de publicar en Xerais con ilustracións de Noemí López a Guía de campo de Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, unha guía para divulgar a nosa cultura popular chea de mitos, lendas, ritos, contos, saberes e sucedidos, tesouros, lendas urbanas, prodixios, mitoloxía, pontes, camiños... que conforman o noso gran patrimonio inmaterial.

É tempo tamen para revisitar a  súa páxina: Galicia encantada. Enciclopedía da fantasía popular de Galicia, especialmente o apartado de XOGOS (diversións, entretementos, enredos, pasatempos, actividades físicas ou mentais tradicionais de Galicia.)  nestes momentos de acougo forzoso.




18/3/20

Poesía..."irmá paxaro" de Tamara Andrés


Próxima a celebración do Día mundial da poesía o 21 de marzo, neste tempo difícil que nos toca vivir, queremos recomendar irmá paxaro de Tamara Andrés, con ilustracións de María Montes. Este poemario  foi publicado a finais de 2019 na recén creada editorial  Cuarto de Inverno. 

irmá paxaro é finalista dos Premios da Gala do libro galego 2019 tanto no apartado de poesía, no xuvenil como no de libro ilustrado.

Libro de poemas destinado a un lectorado xuvenil,  en irmá paxaro atopamos "o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo". A xove poeta Tamara Andrés "emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena: a irmá paxaro".

Lectura que recomendamos para un club de lectura de poesía, para as nosas seleccións poéticas ou para as lecturas en voz alta, aínda que sexan virtuais agora mesmo.
ela pousou a súa ollada sobre min
e vestiume

2/7/19

Poéticas diversas, tamén no verán



POESÍA E PRAIA: RATOS DE VIAXE
Álbum de Oli, con ilustracións de Natalia Colombo e publicado en Kalandraka.
Como ben se di na presentación editorial, “cargados de equipaxe e viaxando en caravana, os ratos deste conto marchan á praia”. Rimas divertidas e encadeadas para unhas vacaciones con moitas aventuras, destinadas aos primeiros lectores.


ARTE E POESÍA: HIMBU, EL PEQUEÑO PINTOR


A poeta Raquel Lanseros escribe este fermoso libro, ilustrado por Christian Inaraja e editado por Edelvives.
En 21 poemas, cóntasenos a historia de Himbu, un pequeno elefante, que movido pola curiosidade, un día entra no estudio de pintura da súa nai e queda fascinado polo mundo das cores e a súa beleza ...
O poemario está destinado a partir de lectores autónomos.

POESÍA E MAR: VERSOS E VICEVERSOS

Kalandraka publica un diálogo poético a dúas voces, Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos con fermosísimas ilustracións de Juan Ramón Alonso.

Son versos do norte e versos do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuña o seu intercambio literario e lingüístico.

20/3/19

Día da narración oral: "Contar" de Pep Bruno

Hoxe, 20 de marzo, conmemórase o Día da narración oral.
Aproveitamos a efeméride para presentar o libro de Pep Bruno, Contar. Neste libro informativo o autor fala da importancia de contar e dá algunhas pistas sobre como contar contos. O libro foi publicado en febreiro de 2019 por A buen paso e as ilustracións  son de Andrea Antinori.
Recomendamos aos mediadores a súa lectura e posta en práctica nas nosas bibliotecas escolares.



21/6/18

Lectura fácil en galego: 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne.


Parabenizamos a publicación do libro de Jules Verne 20000 leguas baixo dos mares que vén de editar Galaxia segundo as pautas de lectura fácil.

A lectura fácil vén atender a un lectorado con dificultades de lectura ou de comprensión e facilita o disfrute da lectura, facendo unha biblioteca, unha escola e, por extensión, unha sociedade máis democrática e inclusiva.
Imprescindible para a normalización linguística, este título (primeiro dunha serie), non debe faltar nas bibliotecas escolares galegas, sobre todo nas de secundaria, para incentivar a creación de clubs de lectura fácil ou para favorecer a alfabetización en galego de lectorado con dificultades de aprendizaxe.
Ë destacable tamén o título que inicia esta serie, pola vinculación da obra e de Jules Verne a Galicia.

Choiva de ras de Ánxela Loureiro


CHOIVA DE RAS, de Ánxela Loureiro (Xerais, 2018) 

A autora volve escoller unha protagonista feminina valente para esta divertida novela de aventuras: unha ra que prefire ser diferente, facer monadas e anoar flores para poñelas nas orellas (a modo de auriculares) a participar no ruidoso ritual de galanteo dos da súa especie. Pero esta "solteirona" convencida acabará asumindo responsabilidades maternais e atopando curiosos aliados para saírse coa súa. 
Como os xogos de palabras e as rimas teñen unha importante presenza nesta obra, cremos que, aínda que está concebida para lectores autónomos, ben podería encaixar para unha lectura compartida en voz alta nun encontro con  rapaces e rapazas máis pequenos. 
Para gozar colectivamente das espectaculares ilustracións de Xosé Tomás e rir xuntos, que non é pouco.