28/6/18

No pasamento de Xabier P. Docampo

O día 26 de xuño faleceu Xabier P. Docampo, un dos escritores fundamentais para a consolidación da Literatura infantil e xuvenil galega. Pero tamén foi docente, promotor da lectura e especialista en bibliotecas escolares, activista a prol da lingua, contacontos, actor ou guionista.
En 1995 acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Cando petan na porta pola noite. A esta obra precedéronlle outras como O misterio das badaladas ou A chave das noces. Posteriormente, virían outras como O pazo baleiro, A casa da luz, Bolboretas (White Ravens 2005), Catro cartas, O país adormentado, A illa de todas as illas, O libro das viaxes imaxianarias, e xa no 2017 A nena do abrigo de astracán á que lle adicou os últimos anos da súa escrita e coa que gañou o Premio de narrativa na III Gala do Libro Galego 2018. 
Para Docampo ler era conquistar unha illa misteriosa por iso foi un grande promotor da lectura. Xunto con Antonio Ventura dirixiu a revista Bloc (Revista internacional de arte y literatura infantil) que se editou entre os anos 2007 e 2010.
Convidamos ás bibliotecas escolares galegas a que difundan e lean a obra de Xabier P. Docampo como mellor mostra de afecto e recoñecemento.


Novas de banda deseñada: Animalia de Xosé Tomás


Na colección Merlín cómic, a editorial Xerais vén de publicar Animalia 1. Verde de Xosé Tomás.

Este cómic, destinado inicialmente para lectores expertos, fará rir a nenos e nenas e persoas adultas porque a tira cómica que debuxou Xosé Tomás non ten idade.
Primeiro dunha serie sobre animais, completarase con outras dúas entregas.
Segundo o autor, "Animalia constitúe unha reflexión sobre a humanidade como especie e como civilización, dende as posibilidades que ofrece a caracterización dos animais na súa diversidade".
Imprescindible nas bibliotecas escolares, nas maletas de cómic, na selección de lecturas para o verán, porque precisamos do humor que transmiten estes animais!

21/6/18

Lectura fácil en galego: 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne.


Parabenizamos a publicación do libro de Jules Verne 20000 leguas baixo dos mares que vén de editar Galaxia segundo as pautas de lectura fácil.

A lectura fácil vén atender a un lectorado con dificultades de lectura ou de comprensión e facilita o disfrute da lectura, facendo unha biblioteca, unha escola e, por extensión, unha sociedade máis democrática e inclusiva.
Imprescindible para a normalización linguística, este título (primeiro dunha serie), non debe faltar nas bibliotecas escolares galegas, sobre todo nas de secundaria, para incentivar a creación de clubs de lectura fácil ou para favorecer a alfabetización en galego de lectorado con dificultades de aprendizaxe.
Ë destacable tamén o título que inicia esta serie, pola vinculación da obra e de Jules Verne a Galicia.

Choiva de ras de Ánxela Loureiro


CHOIVA DE RAS, de Ánxela Loureiro (Xerais, 2018) 

A autora volve escoller unha protagonista feminina valente para esta divertida novela de aventuras: unha ra que prefire ser diferente, facer monadas e anoar flores para poñelas nas orellas (a modo de auriculares) a participar no ruidoso ritual de galanteo dos da súa especie. Pero esta "solteirona" convencida acabará asumindo responsabilidades maternais e atopando curiosos aliados para saírse coa súa. 
Como os xogos de palabras e as rimas teñen unha importante presenza nesta obra, cremos que, aínda que está concebida para lectores autónomos, ben podería encaixar para unha lectura compartida en voz alta nun encontro con  rapaces e rapazas máis pequenos. 
Para gozar colectivamente das espectaculares ilustracións de Xosé Tomás e rir xuntos, que non é pouco.

7/6/18

De que cor é un bico?


Rocio BONILLA (trad. María SOLAR):De que cor é un bico? , Algar
Outra nena que goza cos contos e con pintar (con cores, por suposto). Minimoni é moi sesuda, ten moi claro o que lle gusta e o que non... agora quere pintar bicos e dálle moitas voltas á cor axeitada. Non é nada doado porque ela pensa moito as cousas e sempre encontra “peros”.
Ademais dos atinados e divertidos razoamentos da protagonista, as ilustracións -da propia autora- son moi disfrutables por si soas.
Algar Editorial ten traducidos ao galego este e outros álbumes ilustrados de Rocío Bonilla, como A montaña de libros máis alta do mundo ou Max e os superheroes. Unha boa achega para a biblioteca escolar, sexa para lecturas individuais ou compartidas (para que os lectores autónomos o fagan chegar aos primeiros lectores, poñamos por caso).