23/9/20

Wolfram. Espias, nazis e maquis

 

A editorial Xerais vén de publicar a última obra de Alberto Varela Ferreiro: Wolfram. Espías, nazis e maquis.

O cómic como ferramenta informativa que achega unha parte da historia de Galicia non moi coñecida, o acontecido durante a segunda Guerra Mundial coa presenza dos nazis no noso país.

Un fermoso percorrido visual polas cidades, vilas e aldeas galegas dos anos 40 do pasado século. Unha pequena obra enriquecida cun coidado glosario, mapas e bibliografía. Unha oportunidade para crear unha constelación literaria coas obras publicadas en galego, con esta temática, nestes últimos anos.

Unha lectura que convida a explorar, investigar... seguindo o lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar"



18/9/20

Miña Guía, Meu Capitán

 

A editorial Kalandra vén de publicar "Miña Guía, Meu Capitán" unha historia de Gonzalo Moure, ilustrada por María Girón, cargada de emoción, sensibilidade e cor.
 
A capacidade transformadora e sanadora do amor entre un pai e unha filla. A superación das dificultades a través da imaxinación. Todo esto narrado e ilustrado con sensibilidade e sen dramatismo.
 
O autor achéganos á historia mesturando diálogos e reflexións persoais e a ilustradora convida a un paseo coa mirada da imaxinación e a seguir a historia a través do xogo das cores.
 
Un pequeno ser azul acompaña este paseo desde a portada...

11/9/20

Novidades para o inicio do curso: cómic e exploración artística

Desde a editorial Bululú chegan novidades para empezar o curso con creatividade.


Chega a segunda parte de Unha mestra en apuros con texto de Pilar Serrano Burgos
e ilustración de Jorge Campos "Ilustratecto"A nosa mestra de infantil lembra as situacións que vive día a día cun alumnado capaz de crear situacións imposibles. Un convite para que os adultos valoren o traballo do noso profesorado e para que o alumnado véxase reflectido no seu día a día. Un cómic cargado de humor e surrealismo.



Alén. A arte de explorar  é un álbum ilustrado de Liébana Goñi que invita a mergullarse nas súas páxinas e explorar as referencias á creación artística e os seus protagonistas que nelas se agochan. Un recurso para ampliar os fondos dos espazos creativos das nosas bibliotecas.