18/7/18

Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade


No centenario do nacemento de Nelson Mandela, pai da nación surafricana e icona da paz, da convivencia e da liberdade, a editorial Kalandraka vén de publicar Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade de Antonio Lozano con tradución ao galego de Ramón Nicolás.

Na nota aclaratoria que inicia o libro xa se nos indica que é unha biografía novelada. Todo o que se conta sobre Nelson Mandela é conforme coa vida do líder surafricano, mais o fío condutor desta historia protagonízano unha serie de personaxes de ficción: Walter, Sipho, Thandiwe, o director do museo e os pais de Walter. Este, hipotético bisneto de Madiba, encarna a toda a mocidade surafricana que quere e debe coñecer o camiño da liberdade que iniciou Mandela.
Destinada a un público xuvenil, esta biografía achéganos a unha figura clave da historia máis recente da humanidade e tamén é unha lección de historia sobre o apartheid e a conquista dos dereitos civís. 
Na selección de libros de historia que fai a biblioteca escolar, nos clubs de lectura ou na Efeméride da paz e non violencia sería bo contar con esta novela sobre o Pai da Nación, que hoxe cumpriría 100 anos.

13/7/18

Reedición de Imaxina animais de Kalandraka


Van xa 10 anos da 1ª edición de   Imaxina Animais, publicado na colección Demamora de Kalandraka. Os textos de Xosé Ballesteros veñen acompañados das ilustracións de Juan Vidaurre.

Estes imaxinados animais, porque nada é o que parece, descríbense con cadansúa ilustración que mestura a fotografía de obxectos cotiáns e debuxos, a modo de collage.
A ilustración, o nome dos diferentes animais ou a propia descrición destes, cargada de imaxinación e enxeño, fan que este libro sexa moi atractivo para o lectorado, desde os máis pequenos até os mozos e mozas da ESO. Permite adiviñar, crear, debuxar, inventar, interpretar...todo ese mundo animal imaxinado.
Moitas das bibliotecas escolares xa contaban na súa colección con Imaxina animais pero aquelas que non o posúan deben ter moi en conta esta proposta creativa.

6/7/18

Con Galaxia, para contar e cantar no verán


Achegamos tres novidades de libro- disco na colección Sonárbore da Editorial Galaxia, que como sabedes,  conta tamén cunha canle de Youtube.

E como o verán é para ler e contar pero tamén para cantar e bailar, velaquí van as novidades, que se non están, ben poderían estar nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria ou nas recomendacións ás familias.

No país do vento con contos, texto das cancións e música de Charo Pita e ilustracións de Óscar Villán. Neste país "nada queda quieto:  os pés bailan, as saias xiran e moitas melodías e alguhas pequenas historias van buscando orellas que as escoiten e labios que as cantaruxen para seguir vivas montadas no lombo das brisas e dos furacáns."


Monstros con ou sen consentimento de Chuches Amil, con ilustracións de Manel Cráneo.
Son "cancións para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar. E tamén moitos monstros, que medo!"


Coas miñas mans de Pablo Díaz con ilustracións de Lucía Cobo.
Coas miñas mans "podo debuxar, contar, sentir... Música para aprender os números, as cores, as comidas… pero tamén para cantarlle á lúa, á primavera… Cancións divertidas para medrar con alegría!"


3/7/18

Novidades na colección Fóra de Xogo de Xerais


Unha das novidades de Xerais é a novela O que sei do silencio de Andrea 
Maceiras,  que foi finalista do Premio Raíña Lupa en 2017.
No inicio da novela Delia, a protagonista, di dela mesma "Chámome Delia e son unha covarde. Esta é a historia de como acosamos a Silke durante os meses que estudou no noso instituto. E de como todo se nos foi das mans. Das miñas mans inútiles". E crea un blog para contar esta historia de acoso pasivo e cómplice.
Destinada a un lectorado xuvenil, a novela é ben interesante para tratar o tema do acoso, e se se fai como lectura compartida nun club de lectura dará para reflexionar sobre este problema tan grave entre os e as adolescentes e mudar o rumbo das relacións interpersoais nos centros de ensino.

Con Fóra do normal  María Reimóndez acadou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017. Ilustrada por Antonio Seijas, a novela trata do conflito entre identidade e corpo que ten André, o mozo protagonista. Acompañado de amigas, como Mucha e a Patrulla Trans, e da lectura de cómics intentará superar o problema porque "no medio da treboada, a única heroicidade é resistir".
Destinada tamén a un lectorado xuvenil, é unha novela moi acaída para a selección de lecturas sobre igualdade e coeducación, onde se nos fala de tecer redes de afectos, máis alá do xénero e que posibilitará a moitos mozos e mozas atopar referentes... novela espello mais tamén xanela ao mundo.

Títulos ambos,  imprescindibles tamén, nas suxestións lectoras para o verán.