27/2/19

É TEMPO DE ENTROIDO!!!

Xerais publicou a fins de 2018 o álbum É tempo de entroido! con texto de Ramón Domínguez e ilustracións de David Sierra.
O libro fai un percorrido polos diferentes entroidos galegos, á vez que vai organizando un xantar propio da festa de carnaval.
Polo álbum desfilan as figuras tradicionais do entroido como son os cigarróns, boteiros, volantes, peliqueiros, mázcaras, troiteiros, labardeiros, vergalleiros, pantallas, felos ou osos, madamas e galáns, os xenerais do Ulla, o loro Ravachol, unha merdeira viguesa e mais uns choqueiros coruñeses que foron xuntos nun chimpín a facer festa. 
O libro complétase cunha canción de Isabel Fernández Reviriego inspirada no propio texto, un karaoke  e dúas figuras para colorear, que se poden descargar no Blog de Xerais.

Múltiples posibilidades ofrece o álbum de investigación sobre os entroidos tradicionais galegos: máscaras, traxes ou a gastronomía propia da celebración.
Recomendado para primeiros lectores,  ben merece estar nas nosas bibliotecas escolares.

20/2/19

24 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

Próximo o día 24 de febreiro, Día de Rosalía, achegamos algunhas novidades en torno  á súa vida e obra.

A escolma de poesía rosaliana  Rosalía feminista,  realizada por Helena González Fernández en Xerais e dirixida a alumnado xuvenil.

Na presentación editorial fálasenos de que"A poesía de Rosalía de Castro agroma nun triángulo de furias: a reivindicación das mulleres; a meniña gaiteira que tatexa palabras inaugurais dunha nación non prevista; e a ira contra a precariedade, a compaixón polas persoas inocentes e tristes, a certeza da vulnerabilidade. Nese triángulo de furias afírmase a Rosalía feminista. Dálle voz á moza, á violada, á solteira, á vella, á nai obrigada a deixar o fillo só, ás mulleres confinadas entre o amor romántico e unha idea estreita de familia. Avisa dos perigos do gaiteiro da festa, do emigrante que non ha volver, da violencia do poder. Defende a xustiza pola man. E crea a viúva de vivo: esa muller soa, sen rostro, sen amor e tamén sen amo que resolve, como unha Penélope navegante, deixar de agardar.


A editorial Hoja de Lata publica unha biografía de Rosalia escrita por Luisa Carnés (narradora invisibilizada da Xeración do 27) en 1945, no seu exilio mexicano.
O prólogo foi escrito por Mª Xesús Lama, quen en 2018 gañou o Premio Nacional de Ensaio que concede o Ministerio de Cultura e Deporte de España por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863).
Segundo a súa presentación editorial é "Unha obra chea de encanto e complicidade, tan rica en ambientes que parece, en moitos momentos, un conto gótico máis que un texto biográfico".
Este libro vai destinado a partir dun lectorado autónomo.

13/2/19

Algúns recursos no Día Mundial da Radio




Como cada 13 de febreiro desde o ano 2013 celebramos o Día Mundial da Radio por ser a data da creación de Radio Nacións Unidas no ano 1946.
"Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a coperación internacional entre os organismos de radiodifusión."
Este ano celébrase co lema:"Diálogo, tolerancia e paz" e o poder da radio para promover o entendemento e o empoderamento das comunidades.

Lembramos algúns recursos que non debería faltar nas nosas bibliotecas escolares.



RADIO BULEBULE de Paco Nogueiras con ilustracións de David Pintor, editado por Kalandraka.
"Unha ducia de cancións divertidas, pegadizas e inspiradas nas ondas herztianas conforman a grella de programación dunha emisora comunitaria onde "o falar non ten cancelas".










Ruído de Pablo Albo, con ilustracións de Guridi e editado en Narval.
Nesta historia é prender a radio e montar un grande barullo...



En RADIO PICARIÑA podedes acceder a  unha canle de música infantil  en galego á carta.

11/2/19

Pioneiras 2, para celebrarmos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia


O 11 de febreiro foi declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas."

Aproveitamos esta data para difundir a publicación por parte de Xerais do segundo volume de Pioneiras 2, Galegas que abriron camiñde Anaír Rodríguez e con ilustracións de Abi Castillo.

1/2/19

Fondos para a biblioteca creativa: "Novos amigos" e "Como construir un hermano mayor"

Iniciamos unha selección de libros que deberían estar nos espazos creativos das nosas bibliotecas.
Pódense atopar máis recursos no Pinterest de Bibliotecas Escolares no taboleiro de Biblioteca creativa.




Novos amigos de Kalandraka presenta a un rapaz e unha rapaza unidos pola creatividade e a arte. Amósanos tamén como podemos reutilizar nas nosas creacións materiais da vida cotiá.
Asimesmo o libro fai unha lectura da capacidade integradora que ten a arte.







Cómo construir un hermano mayor da Editorial Juventud proponnos aprender anatomía a través do deseño, do xogo da creación, da manipulación e da reciclaxe.