Mostrando entradas con la etiqueta coeducación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta coeducación. Mostrar todas las entradas

8/4/20

Cociñamos na casa

Estes días que pasamos en casa debido á situación excepcional que estamos vivindo pola pandemia da COVID-19 son unha boa ocasión para aprendermos a cociñar ou para mellorarmos os nosos dotes culinarios. E as crianzas tamén.
Alén de todas as receitas que se poden recoller dos nosos familiares queremos lembrar algúns libros de cociña que de seguro xa están nas nosas bibliotecas escolares.
  

As receitas de Rosaura combina a cociña coa poesía. Publicado por Belagua en 2018 é un álbum de Isabel Blanco, ilustrado por Luz Beloso.
O libro comeza presentándonos a Rosaura, afeccionada á cociña, e facendo unha listaxe co material necesario para a elaboración dos pratos. A continuación recolle media ducia de receitas escritas en verso e pensadas para que os nenos e nenas poidan achegarse ao mundo da gastronomía dun xeito sinxelo.
No seguinte enlace podedes escoitar algunhas das receitas nunha sesión de lectura de Bibliobernardino (Biblioteca do IES As Barxas de Moaña, Pontevedra).


Nicolás cociña sen lume 



Publicado en Kalandraka, con texto de Bata e ilustracións de Alicia Suárez,  Nicolás cociña sen lume, convida a cociñar canapés, macedonia, xeado de plátano, batido de amorodo... seguindo os pictogramas.

Cociñando con Bolboretas no bandullo

O que naceu en 2013 como un proxecto dixital de Diana Fernández e David Díaz , apaixonados da gastronomía mais tamén comprometidos coa lingua e a cultura galegas concretouse no libro de receitas Cociñando con Bolboretas no bandullo, publicado en 2018 por Xerais.
O libro componse de 15 receitas que van acompañadas de ilustracións dos ingredientes, utensilios, graos de dificultade e unhas breves instrucións de como elaboralas. Pódese seguir todo o proceso de elaboración das receitas na súa canle de YouTube a través dos códigos QR que aparecen en cada unha delas.
Tamén podedes consultar o blog.



Cociña infantil e familiar


Desde 2011 a editorial Ouvirmos foi publicando os libros da colección Cociña infantil e familiar que está composta por 10 libros de receitas que ensinan a preparar pratos fáciles e creativos, especificamente concibidos para elaborar en familia. Forman parte da colección: Bocadillos e Sándwichs ,Sobremesas, Pastas e pizzas, Menús para festas, Arroces, Peixes, Carnes, Chocolates, Pratos do mundo e Xeados.
Tamén podedes consultar a entrada en Redelectura.



19/7/19

Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade


A Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar a  Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade.

Coordinada por Pilar Sampedro, esta guía ofrece unha selección de libros publicados nos anos 2014, 2015 e 2016, distribuídos en tres tramos en función da idade ou competencia lectora. As obras escollidas alentan a reflexión e o debate sobre o papel da muller na sociedade ou o concepto de xénero e aportan referentes necesarios de mulleres, de novas masculinidades e diversidade de opcións sexuais.
Cómpre termos en conta esta guía nas seleccións que fagamos en torno á igualdade e coeducación. Asi mesmo é unha ferramenta moi útil para achegar recursos ás bibliotecas escolares.

7/3/19

Lecturas para o #8M


Seleccionamos para conmemorar o Día Internacional da Muller dúas historias que aínda hoxe teñen vixencia, unha publicada hai 40 anos e outra, ambientada no século XIX.


As mulleres e os homes de Catroventos Editora, con texto do Equipo Plantel e ilustracións de Luci Gutiérrez, foi publicado en 1978 mais a historia que conta está de plena actualidade xa que os cambios producidos para  acadarmos unha sociedade igualitaria non son suficientes.

O cómic Sally Heathcote. Sufragista publicado por La cúpula e coautoría de Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot, conta a historia das mulleres inglesas que loitaron polo dereito ao voto feminino.

Ambos os dous libros forman parte das novas maletas de banda deseñada, As mulleres e os homes na de primaria e Sally Heathcote. Sufragista, na de Secundaria.

11/2/19

Pioneiras 2, para celebrarmos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia


O 11 de febreiro foi declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas."

Aproveitamos esta data para difundir a publicación por parte de Xerais do segundo volume de Pioneiras 2, Galegas que abriron camiño de Anaír Rodríguez e con ilustracións de Abi Castillo.