24/5/12

Literatura e arte


Pequeno Azul e Pequeno Amarelo.
Dunhas poucas verbas e uns anacos de papel, válese Leo Leonni, para contarnos unha boa historia que destaca a dulzura e a creatividade. Esta é a súa ópera prima, un conto que nace cando quere amenizar unha viaxe en tren aos seus netos e que se publicou, por primeira vez, en 1959.
Azul e Amarelo fúndense nun abrazo e transformánse nunha nova cor, iso entristéceos e ao chorar volven a aparecer de novo as cores primarias. Daquela, cóntanllo ás outras cores e comeza o xogo de fundirse entre eles con apertas e separarse por medio das bágoas. A mestizaxe é posible aos afectos  e a amizade, e cando nos separamos embárganos a tristeza. Desde o minimalismo unha ensinanza artística plena de valores. 
Temos que agradecer a Kalandraka que, unha vez máis, recupere estas historias que xa son clásicas.    

22/5/12

Foise SENDAK

Así o contan na páxina de Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI)...
"O célebre autor de literatura infantil estadounidense Maurice Sendak, considerado un dos ilustradores de contos infantís máis importantes do século XX, morreu hoxe nun hospital de Connecticut aos 83 anos, segundo The New York Times.
Sendak saltou á fama en 1963 coa publicación de Onde viven os monstros, obra que foi adaptada nos últimos anos á gran pantalla. Os contos deste escritor e ilustrador, que introduciron o lector nun mundo máxico de grandes riquezas visuais e narrativas, foron unha parte fundamental da infancia estadounidense desde os anos sesenta."
Unha mágoa!

16/5/12

ACOLLERSE Á ESPERANZA


O principio é un álbum ilustrado con texto de Paula Carballeira e ilustracións de Sonja Danowski.
Unha historia de guerra, contada con tenrura desde a voz dun pequeno. Unha historia de moi poucas palabras, que malia tratar un tema tan duro remata coa esperanza leda que caracteriza á rapazada. 
Porque se che derriban a casa sempre poderás vivir no coche e así serás cidadán do mundo, cando vaias quedando sen roupa terás menos que lavar... e sempre aparecerá algo co que poder xogar, algo que provoque a risa e encha o ar de estrelas luminosas. 
Haberá que poñer as gafas de mirar positivamente, de ver os cousas boas incluso na peor das situacións. 
O principio de reconstrución está aí, cando se estrea a risa provocando unha fervenza de sons que cambia a expresión das caras.

15/5/12

A favor das nenas


Un libro de referencia publicado hai máis de trinta anos, que Kalandraka recupera e pon na nosa lingua e dentro da colección Tras os montes. Unha fábula para traballar valores democráticos ao tempo que lemos palabras e imaxes de calidade, un libro para a igualdade, para desbotar roles sexistas e discriminatorios.
Érase unha vez a historia dunha tartaruga que cando atopou parella soñaba con aventuras, pero a realidade foi outra. Cando ela quería ir a clase de pintura Artur mercáballe unha obra de arte que colocaba sobre a súa cuncha (en plena casa), cando quixo aprender música mercoulle un gramófono, ... e obxecto a obxecto foi cargando Clementina sobre as súas costas ata que cansou e ... daquela tirou con todo e botouse ao mundo, por aí anda, coa súa casiña baleira e facendo da vida unha obra de arte. 
Artur e Clementina, xunto con Rosa Caramelo e outros relatos formou parte da colección A favor das nenas.

14/5/12

DE ... LETRAS


Letras nos cordóns é un álbum que nos trae a saudade doutros tempos, doutras letras e outros cadernos, doutros mundos nos que só se calzaban cando ían á escola (e para entrar nela). Moita necesidade había, si, pero tamén moita valoración da educación. Diso vai, dunha familia numerosa; sete pequenos ao coidado dunha avoa, que reciben a visita da nai de vez en cando. Tantas ganas teñen de compartila que se deitan na cama de tal maneira de todos eles poidan tocala ¡e son sete!
En primeira persoa váísenos contando o día a día, desde a perspectiva dun deses nenos que asiste ao gozo da irmá máis vella ante a lectura.
Ilustracións dun realismo delicado envolto nunha atmosfera de tempo de lembranzas. O xogo das capitulares a modo de aros para xogar, asentos ou cabalos para sentarse, balcóns nos que apoiarse, mesa sobre a que colocar algo, ... auga que cae nun caldeiro ou nun vaso. Así son as letras que nas gardas se cosen con fíos ou cordóns.
Marina Marcolin (ilustración)
Manuela Rodríguez (traducción)

11/5/12

Outro recurso máis ... que chega pola mesma canle


"Datos e datas para lembrar... en pé de igualdade... e non esquecer o resto do ano"
É unha publicación editada pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo e nela podemos atopar unha moi boa selección de materiais de documentación, propostas de actividades, videos sobre cada tema e exemplos de experiencias levadas a cabo".
Coordinado por Mercedes Oliveira, da que lembraremos moitos materiais relaiconados con Educación para a Igualdade ou o proxecto Batas do IES Alexandre Bóveda. 

PÁXINAS CON RECURSOS



Queremos visibilizar unha serie de páxinas que contan con recursos interesante para as bibliotecas escolares.
Páxinas que nos chegan, neste caso, a través do blogue Lecturo LiteraTuro da biblioteca do CPI O Progeso de Catoira.
Trátase da páxina Galicinema (O cine tamén fala galego) onde poder atopar películas na nosa lingua. Así se presentan: "Galicinema é un blogue de cine galego e tamén de cine en galego. Comentaremos noticias de cine, críticas, especiais, tops e todo o que se nos ocorra neste blogue, iso si, sempre en galego. De momento é un pequeno proxecto, que esperamos que creza e creza ata convertirse nun grande"
E tamén un novo espazo de Música infantil creado pola Coordinadora Galega de ENDL. "Unha boa recompilación da música infantil en galego onde tamén podedes atopar videos e outros materiais premendo nos enlaces"


10/5/12

NOVIDADES...



Novidades ... que non son tales ou si o son. Trátase de dous libros publicados hai xa tempo peor que continúan a estar vivos.
A nena de auga e o príncipe de lume de Xabier P. Docampo, aparece de novo na colección Merlín, unha versión integramente correxida polo autor e con novas ilustracións de Xosé Cobas, realizadas de novo para esta edición, que sería a 5ª
Por outra banda, Aire negro de Agustín Fernández Paz, pasa da colección xuvenil "Fóra de xogo" á Xerais narrativa dirixida ao público adulto. Esta novela de misterio e terror, seleccionada na Lista de Honra do IBBY no ano 2002 e na dos White Ravens 2001 tamén conseguira o Premio Protagonista Jove en 2001. Agora, sae á busca de novos lectores e de seguro que os atopará. Desta maneira demóstrase, tamén a lixeireza das fronteiras entre a literatura de adultos e a xuvenil, nese ir e vir dunha a outra.

9/5/12

Inventarios varios


Un inventario no que se recolle un cento de animais da fauna representativa de todo o mundo; animais de todo tipo clasificados xeograficamente pola zona na que viven... desde os bosques tropicais ás rexións polares pasando polos desertos, as sabanas, as montañas e bosques das zonas templadas, os océanos, as costas e ribeiras ou aquelas habitadas coma as granxas.
De un dos animais recóllese o debuxo naturalista coloreado con acuarelas, o nome científico e común e unha pequena descrición.
Un libro para mirar, aprender e incluso xogar ás adiviñas. Un verdadeiro catálogo con saber antigo e actual.