31/5/20

O Chispas, un músico cósmico

A colección Sopa de Libros, de Edicións Xerais, engade un novo título para lectores expertos, un tramo do lectorado novo que cómpre atender con xeito nas bibliotecas escolares e desde a mediación. O CHISPAS é o último título do escritor Manuel Rivas para xente nova e, abofé que xoga con elementos que poden espertar o interese da rapazada: a música, un ser singular, o poder das palabras, as modas, os mundos paralelos, os robots, o amor... Atraínte ese protagonista que pode levar tras de si ás lectoras e aos lectores, cabalgando na súa Montesa, coa guitarra ao lombo (atractivo personaxe para os varóns, ese grupo de risco lector). Pero a historia é moito máis, pois O Chispas garda algúns segredos, entre eles a da Fonte da Fala, de Estrelampo, a aldea na que naceu, ou o porqué do seu tic espectacular. As ilustracións son de Sonia García, quen ten traballado, entre outros ámbitos, en ilustración científica.

Non está sobrada a LIX galega de textos que conectan coa ciencia ficción pero O Chispas pode ser unha invitación adentrarse no xénero, en contextos de clubs de lectura ou, simplemente na busca individual do lector e da lectora. 



30/5/20

Lecturas para o verán: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca é o último libro que vén de publicar a escritora Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais.
A novela conta a historia de Eleonora, unha vampira un tanto peculiar que vive nunha biblioteca especial como a Biblioteca Joanina da Universidade de Coímbra. Como os morcegos que habitan na biblioteca portuguesa, Eleonora ten que eliminar a todo becho que ameace a conservación dos libros. Acompañada de Xa e Mon, os seus morcegos de confianza e coa complicidade dunha bibliotecaria, un avó e os seus netos, terá que enfrontarse aos insectos bibliófagos para preservar os libros desta importante biblioteca.
Proposta moi acaída para as recomendacións lectoras do verán e destinada a partir dun lectorado autónomo, con Vampira de biblioteca tense asegurada unha lectura divertida, con nomes, personaxes e diálogos moi ocorrentes amais dunha defensa das bibliotecas, dos libros, da lectura e da literatura.

24/5/20

Libros galegos na Lista de Honra 2019 da OEPLI


A OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) xunto coas súas seccións territoriais: Consejo General de libro (castelán), ClijCat (catalán), Galtzagorri (euskera) e Gálix (galego), e en colaboración co Ministerio de Cultura y Deporte, elaboran todos os anos un catálogo de literatura infantil e xuvenil que contén unha  selección bibliográfica de 200 títulos infantís e xuvenís publicados nese período, obedecendo a criterios de calidade e idoneidade para os tramos de idade en que a miúdo se clasifican as coleccións e que os fai merecedores de formar parte desa lista de honra por consideralos significativos dentro da gran produción existente.

Forman parte desta selección de 2019 os seguintes títulos en galego:

0-6 anos
O país do gran furado. Xerardo Quintiá . Baía Edicións
O veleiro verde. María Fumaça. Editorial Galaxia
Ola! Son un bicho bóla! Elvira Ribeiro. Apiario
Ratos de viaxe. Oli. Kalandraka

A partir de 6 anos
A que cheiran as cores?A esperada guía para coñecer o cerebro. Juan Casto Rivadulla. Editorial Galaxia
Os nosos bosques. Diego García et alii. Miudiño S. Coop. Galega
A pequena compaña. Carlos Labraña. Edicións Embora
Bicos e non balas. Antonio García Teijeiro. Editorial Galaxia

A partir de 9 anos
Lúa en ningures . Beatriz Maceda Abeleira. Xerais
Noé e gato fan teatro. Gloria Sánchez. Oqueleo
Pioneiras 2.Galegas que abriron camiño. Anaír Rodríguez. Xerais
Somos os monstros. Paula Carballeira. Xerais

A partir de 12 anos
Conta nove estrelas .Andrea Maceiras. Xerais
Xelís, o guieiro das botellas do mar. Rosa Aneiros. Xerais

Xuvenil
Be water. Antía Yáñez. Cuarto de inverno
Memoria do silencio. Eva Mejuto. Xerais
O grupo. An Alfaya. Xerais
O home que mercou un libro. Paco Martín. Editorial Galaxia
Os corpos invisibles. Emma Pedreira. Xerais
Parece unha formiga. Pablo Otero. Kalandraka
Penumbra. Daniel Landesa. Xerais

Tamén hai libros que se poden ler no orixinal ou na tradución ao galego, aínda que fosen seleccionados noutra lingua:

0-6 anos
Distinta. Beto Valencia. Kalandraka
O pirata valente. Ricardo Alcántara. Kalandraka
Animais. Antonio Rubio. Kalandraka

A partir de 6 anos
Bechopoemas e outras bestas. Leire Bilbao. Kalandraka
O home que contaba estrelas . Arturo Abad. OQO
Versos e viceversos . Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos. Kalandraka

Xuvenil
Iridium . Francisco Castro. Editorial Galaxia
Medo. Care Santos. Edebé

Neste ENLACE pódense consultar todos os libros seleccionados no ano 2019.

20/5/20

Galicia contada aos non galeguistas


Edicións Xerais de Galicia presenta entre as súas novidades desta primavera estraña, un libro ben curioso, pois polo contido e pola súa edición sáese do común e consegue sorprender, sempre que á súa lectura se entre con mirada aberta, procurando atar ben os prexuizos. Pois ben, o xornalista Manuel Veiga Taboada pon nas mans do lector experto e adulto este Galicia contada aos non galeguistas a modo de pequeno manual para desfacer estereotipos (algúns, que quedan outros tantos ou máis) sobre o que vén sendo iso de ser galegos, que vén sendo iso de Galicia e por que pasa o que pasa. 

A través de pequenos capítulos, o autor convídanos a unha viaxe por esa "paisaxe tatuada" que constitúe Galicia, avísanos de que "observar os camiños" levaranos a coñecer o país, que algunha das claves está en saber quen son e quen foron "os donos da terra"; explícanos por que Galicia é unha "fábrica de ministros" ou que "a ambigüidade da escaleira ten explicación", entre outras. Manuel Veiga rende contas das fontes históricas que nutren a súa versión desta Galicia que cómpre recoñecer, o que motiva a buscar novas lecturas e exploracións históricas.

A edición dun tamaño ergonómico garda tamén a sorpresa das ilustracións de autoría de Jano (Alejandro Viñuela Agra).

Desde a óptica das bibliotecas escolares este libro pode motivar debates interesantes en reunións de clubs de lectura de alumnos dos últimos niveis do ensino ou de grupos de adultos, o mesmo que algúns dos seus capítulos poden dar entrada a outras lecturas máis específicas da historia de Galicia; por todo isto é un material a valorar para a súa inclusión na colección das bibliotecas de ensino secundario.

6/5/20

Novidades editoriais sobre Ricardo Carvalho Calero


Moitas son as novidades editoriais en torno á vida, obra e pensamento do polifacético autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero.

Para primeiros lectores e lectoras

Polo Correo do Vento. Lela Edicións, 2020
Os autores desta banda deseñada toman os personaxes da novela Scórpio, Scórpio e Cleo, que funcionan como fío condutor da súa biografía.
Os debuxos son de Miguel Pérez Ramudo.
 




Para lectores/as  autónomos/as

Héctor Cajaraville. Xerais, 2020.
O libro inclúe un percorrido pola biografía e a obra do autor. Engade sete pequenas pezas teatrais sobre momentos concretos da vida de Carvalho Calero.
  
 








Alberto Ramos. Auga editora, 2020.
Con ilustracións de Antonio Seijas, nesta biografía o autor fai un percorrido pola xeira vital e intelectual de Carvalho Calero.



 
Para lectorado experto, xuvenil e adulto 
 


Charo Baleirón Sóñora,Marta Domínguez Tenreiro e Belén Rodríguez Suárez. Hercules Ediciones, 2020.
O libro conta cunha breve biografía e unha cronobiografía, unha escolma de textos acompañada dunha guía de lectura, un “Paso a palabra” e o xogo-escapada “A caixa de Don Ricardo”, que propón un percorrido por Ferrol.

    





Henrique Dacosta. Xerais, 2020.
Libro divulgativo sobre a vida e a obra do autor das Letras Galegas 2020. 




  

 
Entrevista feita entre os anos 1983 e 1984. Abórdanse nela algúns temas esenciais, como a biografía, a política, a formación intelectual, a crítica literaria, a lingüística, a poesía, a narrativa e o teatro. 
 


 







Neste libro diferentes narradores iluminan o conxunto da obra literaria, lingüística ou filolóxica de Carvalho Calero e as sucesivas etapas biográficas.



Antoloxías poéticas

 
Ricardo Carvalho Calero. Escolma poética e limiar de Pilar Pallarés. Chan da Pólvora, 2020.
 


Ricardo Carvalho Calero. Selección de Paulo Fdez Mirás e prólogo de Carmen Blanco. Através Editora, 2019.