Mostrando entradas con la etiqueta Libro de relatos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libro de relatos. Mostrar todas las entradas

21/9/15

Novo libro de Xoán Babarro




Comezamos o curso cunha novidade da Editorial Galaxia, na súa colección Arbore e recomendada para lectores a partir dos 10 anos.
Xoán Babarro propón neste libro, unha viaxe ás rúas de Bengala da man do profesor Robindra. Este mestre de literatura, amante do teatro de monicreques, aproveitará as carautas de boteiro de Vilariño de Conso para contar aos nenas e nenas fermosas historias e poesías.
Teremos tamén ocasión de aprender e practicar algunhas palabras en bengalí.


15/11/13

Libros e lecturas para lembrar... 11 anos despois





 

A sentenza, feita pública cando se están a cumprir os 11 anos da catástrofe do Prestige, absolve aos acusados de "delitos mediambientais". Ante o estupor, a memoria, sempre a memoria, porque tamén o dicía de todas as manerias posibles El olvido que seremos...
A memoria en forma de libros:
E outros que aparecen no seguinte enlace.  
En educación, sempre estamos a traballar coas mesmas idades e con distintos alumno e alumnas. É nosa miseria (o mito de Sísife) e a nosa grandeza.

27/10/11

SEMPRE RODARI



Moito lle hai que agradecer a Kalandraka que nos traia, de novo, libros imprescindibles como este de Gianni Rodari: Contos por teléfono. E, aínda máis, que o faga cunha presentación e ilustrado con toda a creatividade posible, neste caso, da man de man de Pablo Otero "Peixe", un artista surrealista que tan bo facer nos ten entregado, como aquelas 303 adiviñas de Gloria Sánchez, pasando por Rato Pincho da mesma autora, Cidades de Fran Alonso, Deseñadora de hora en hora de Xoán Babarro, O príncipe das sombras de Milan ou Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico de Paula Carballeira. Nunha e outra obra, recoñecible o seu estilo e unha e outra vez apostando por ir máis lonxe...

De Gianni Rodari e os seus contos só dicir que sempre están de actualidade. Estes setenta relatos breves son mostras dunha imaxinación potente que abre portas á creatividade de quen os le.

25/3/11

COMER LITERATURA

Menú de enganos. Un monllo de relatos de Manuel Núñez Singala, que publica Galaxia na súa colección Costa Oeste. A modo de literatura á carta (literatura con sabor ou historias para remoer) atopamos relatos para picar, entrantes, primeiros, segundos e sobremesas. Todos eles son pequenas narracións concisas e sintéticas; froito da observación da realidade e das súas contradicións; do que nos caracteriza e podería ser froito da investigación dun antropólogo. O humor, a retranca, caendo como poalla sobre os alimentos e a crueza servíndolle de bandexa. Podería ter un aire aos Retrincos de Castelao pero máis distantes, máis froito destes tempos, sen lirismo nin sentimentos, tomada a realidade a distancia, dándolle unha nova volta de torca a cada situación como se se tratara de cazadores cazados, xogando coas dobres interpretacións e chegando a lembrar as gueguerías. Con esa dose de crueldade, para facer pensar, para remover o noso mundo e as nosas conciencias, para zarandearnos e obrigarnos a ver o que non queremos. O autor, que conta no seu haber con libros como Comedia bífida ou En galego, por que non? demostra o dominio dos recursos do discurso, das trampas que se agachan no pensamento e na linguaxe.

7/10/10

LIBROS SOLIDARIOS (3)


O son das buguinas publicado por http://implicadas.blogspot.com/ no desenvolvemento (IND) e Xerais.

Implicad@s no desenvolvemento é unha Organización Non Gobernamental (ONG) galega que apoia proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. O proxecto O son das buguinas, xermolouse como unha das respostas de IND á tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India (onde esta ONG viña traballando desde 1998 en Tamil Nadu, un dos estados máis azoutados polo maremoto) e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diversoas narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe. Froito daquel chamamento é O son das buguinas, un producto editorial conformado por un libro de sete relatos (ilustrado por Xulia Barros) e un DVD. O volume inclúe os relatos de Marilar Aleixandre (“No lombo do río elefante”), An Alfaya (“Fiu, o paxaro de canto fino”), Fran Alonso (“A guerra”), Rosa Aneiros (“Ver os paxaros voar”), Agustín Fernández Paz (“Lúa do Senegal”) , María Reimóndez Meilán (“O ventre do mar”) e Dolores Ruíz (“O canto do papani”), ademais dunha introdución, titulada “O son das buguinas”, textos que conforman unha proposta de literatura comprometida, unha buguina que fala da alternativa, da posibilidade real de chegar á Pobreza 0 para toda a humanidade. O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental (8’30’’) sobre o labor de IND en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación (4’30’’) sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental (7’30’’) sobre a tsunami e un xogo interactivo (“Pensa e actúa”) sobre a cooperación.

De O Xornal de Galicia. com

6/10/10

LIBROS SOLIDARIOS, 2


Camiñan descalzas polas rochas. Autoras polos dereitos humanos das mulleres. Amnistía Internacional e Editorial Tris Tram, 2010. Toman o título dunha poesía de Ana Romaní. Trátase da colaboración de escritoras e ilustradoras xunto co desinteresado apoio da editorial. As obras foron creadas para contribuír coa campaña de Amnistía InternacIonal “Non máis violencia contra as mulleres”. O obxectivo é resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres (a violencia sexual, o maltrato de xénero, a violación como arma de guerra...) e o papel das mulleres como axentes de cambio. Os beneficios da venda serán para a ONG Amnistía Internacional do grupo de Lugo. Comeza co poema de Ana Romaní que lle dá nome e remata cun de Yolanda Castaño, envolvendo os relatos do resto das autoras. Autoras: Rosa Aneiros, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Carme Blanco, Marilar Aleixandre, Maria Reymóndez, Helena Villar, Ana Expósito, Marica Campo, Yolanda Castaño. Ilustradoras: Nuria Díaz, Noemí López, Almudena Aparicio, Ánxeles Rodríguez Ferrer, Marina Seoane, María Lires, Carmela González, Ana Pillado, Aurora López, RebecaLópez.

5/10/10

LIBROS SOLIDARIOS


Trátase de libros solidarios pola temática que tratan, pero tamén polo beneficio da compra, neste caso destinado ao grupo de Lugo de Amnistía Internacional.

Ninguén está só. 21 autores a prol dos dereitos humanos. Amnistía Internacional / Editorial Tris Tram, 2001. Toman o título dun poema de José Agustín Goytisolo para un manllado de relatos inspirados no tema dos dereitos humanos: inmigración, guerra, subdesenvolvemento, tortura, pena de morte, refuxiados, compromiso político... que servirán de instrumento de coñecemento, reflexión e debate, tal como aparece na presentación. Colaboración de escritores (Fran Alonso, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Ana Expósito, Agustín Fernández Paz, Jaureguízar, Paco Martín, Antonio Reigosa, Helena Villar) e ilustradores (Miguelanxo Prado, Noemí López, Manuel Díez, Xosé Tomás, Xan López Domínguez, Carmela González, Santiago Catalán, Honorio, Espiral); 10 relatos ilustrados.

9/9/10

CONTOS PARA NENOS...


Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto & Chinto, no estilo das Minimaladas e Novas minimaladas. Pequenas historias, minúsculos textos nos que se concentra todo un relato adobado con humor.

Unha mostra:

"O neno que imaxinaba

Aquel neno era o único neno na aldea, non había ningún outro neno con quen xogar, así que aquel neno creou un amigo imaxinario. Como aquel neno e o seu amigo imaxinario non tiñan xoguetes, aquel neno creou unha bicicleta imaxinaria, e unha pelota imaxinaria, e un imaxinario cabalo de cartón.

O inverno estaba sendo moi duro na aldea, e os pais daquel neno non o deixaban saír fóra. Entón aquel neno imaxinou que era verán, e imaxinou que el e máis o seu amigo imaxinario saían fóra, e imaxinou que corrían polos campos, e imaxinou que collían froita madura das árbores, e imaxinou que ían bañarse ao río.

E logo aquel neno imaxinou que alguén escribiría esta historia, e que alguén a estaría lendo neste preciso momento."

2/9/10

CONTOS MARABILLOSOS


O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos está publicado por Kalandraka na colección Seteleguas. Da autoría do contador Tim Bowley e ilustrado por Óscar Villán é este un libro de contos á vella maneira. Contos de animais e princesas, de seres míticos situados en mundos da fantasía.

Autor e ilustrador chegan a cotas de calidade sorprendentes na creación de espazos que sempre formaron parte da nosa imaxinación pero que agora se reelaboran para nacer de novo...

Unha verdadeira marabilla!

3/5/10

VERDADES DE PLASTILINA, novo Lagarto Pintado




Nestas datas, arredor do Día do Libro, acostuman saír á luz novas entregas da Colección Lagarto Pintado.

Neste 2010, unha delas leva o nome de Verdades de plastilina e recolle textos de Yolanda Castaño, Jacobo Fernández, Charo Pita e Xavier Queipo. Todos eles adobados co pincel de David Pintor

Recollemos un pequeno fragmento do relato de Queipo, un texto magnífico que nos reconforta e nos fai pensar no valor da literatura.


"Estaba no bordo do leito. Abrín os ollos e fun pasando así un a un os obxectos que había naquela caixa que eu gardase cando neno. A area transportoume a un deserto imaxinario, camiño da China, onde un día me levasen as lecturas das aventuras de marco Polo. O tacto frío dunha bóla de aceiro fixo que recorrese dacabalo as estepas de Siberia como correo do Zar de todas as Rusias, ata que me queimaron os ollos e fiquei "xa para sempre" cego. Un anaco de madeira atopado andando as crebas na praia de Carnota levoume a navegar camiño das Indias, a sucar os mares do Sur ata cruzar o Cabo da Boa esperanza e partir logo na rota das Illas das especias, alí houben confrontar os tigres comedores de homes e os piratas máis feros, aos que con mañas elegantes arrebatei o tesouro que tiñan agochado nunha illa de coral. Xa logo apreixei na man as penas de ouriolo e de bubela e abrindo os ollos puiden ver que estaba montado nun cisne percorrendo toda Suecia dende o alto, voando por riba de lagos e forestas, outeando o horizonte camiño do Polo Ártico. Entretívenme con morsas e osos brancos, vin combater narvais co seu corno en espiral, vin paspallás de plumas brancas e golfiños barbados. Agora tiña frío e daquela, pensando no caloriño do sol, entrei nun saloom dun pobo de kansas. Fóra había indios pacíficos e con eles cabalguei co rostro pintado de cores e tocado de plumas, percorrendo as chairas na caza dos búfalos."

11/5/09

OS DUROS DE XERAIS


No labirinto do vento de Marina Colasanti, ilustrado por Carmen Segovia (obra seleccionada na Feira Internacional de Boloña de 2002) e traducido por Mercedes Pacheco. Contos de fadas, princesas, unicornios e demais fauna marabillosa, obxectos e espazos que desde sempre acompañaron o inexplicable coma o espello, o reflexo, o pelo, o labirinto; o vento coa súa carga de loucura e absurdo, o tempo; o soño e o sono... Son contos dos de sempre pero doutra maneira, contos de autora que vai un pouco máis lonxe coa imaxinación e o misterio, contos que introduce no surreal e xogan a partir da tradición dándolle unha nova volta de torca. Dise na presentación que a obra desta autora foi admirada por escritores co mo Julio Cortázar e enténdese moi ben a razón, pois máis dunha vez os imaxinarios de ambos poden entrar en contacto. O libro que reúne dous anteriores Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ten acadado o Gran Premio da Crítica e o Premio da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil, en Brasil. As ilustracións achegan unha recreación das historias no mesmo plano, desde unha óptica que parte de compartir unha mirada. En canto ás técnicas vai alternando as sombras ou baleirados nunha cor, os debuxos en branco e negro que lembran as imaxes dos vellos libros introducindo o desconcerto de personaxes que a medias son paxaros ou leóns, e os colaxes nos que se unen as técnicas anteriores con outros compoñentes. En canto ao contido faise presente o misterio e a presenza de personaxes actuais ilustrando contos que pertencerían á tradición, rapazas con roupa á moda, unicornios que son nenos con disfrace ou reis que no deixan de ser rapaces en roupa deportiva. Unha boa mestura da realidade actual coa tradición marabillosa.

27/10/08

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR


O AMOR POLA LECTURA está presente en todo o libro e en cada un dos relatos desta obra de Agustín Fernández Paz.

Incluso, hai textos nos que este amor é case didáctico e nos mostra técnicas de fomento lector como sucede no primeiro deles "Un radiante silencio" no que se nos conta como o libreiro establece un diálogo en torno ao amor, por medio da poesía, para que a muller escollida se vaia atando aos versos, aos poemarios, e a el, en definitiva.

Unha fórmula estupenda que máis dun mediador está levando a cabo despois de ler este libro de amor e de libros.

Outra fórmula aparece recollida en "Un río de palabras" e dela extraemos o seguinte fragmento para ir facendo boca:

"(...) Así que entra dentro da lóxica que se me ocorrese algo parecido cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo.

A idea veu a min con naturalidade. Aínda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel volume de relatos que me tivera absorbido nos días anteriores. Fíxeno cunha letra de corpo vinte e un interliñado xeneroso, de ningunha maneira quería que pasase inadvertido entre os outros papeis. (...)"

Haberá que acudir ao libro e seguir lendo para ver en qué consiste a actividade.

Libros que falan de libros e de lectura, libros que son boa literatura e da que xa non é necesario falar despois de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil, un galardón do que se alegra o país, os lectores e mediadores, que sinten este premio coma propio porque levaban tempo outorgándollo xa, demostrándoo a través das recomendacións e do recoñecemento lector.

As ilustracións de Pablo Auladell aportan outra visión artística, a dunha plástica plena de suxerencias, en tonalidades que van do gris aos ocres, para mostrar o paso do tempo e o pouso que vai deixando nas páxinas da vida.

Queda o amor. Como en Casablanca. Quedan as lecturase os libros que nos deixaron pegada e nos axudaron a ser o que somos.

Parabéns a Agustín Fernández Paz e parabéns á literatura infantil e xuvenil galega por este novo recoñecemento. E tamén a Xerais por esa edición tan coidade á que acompaña A noite d´O Risón de Gonzalo Moure.

Tamén podemos acceder á presentación do libro ou á lectura dun dos relatos na voz do autor.

5/5/08

MADE IN GALIZA por Séchu Sende


Un libro de relatos en torno ao galego e a súa situación. Séchu Sende pon en xogo toda a creatividade para mirar o idioma dende olladas diferentes, todas elas cunha certa carga de ironía. Unha observación detallada do fenómeno sociolingüístico con moita economía na escrita e moita xenerosidade na reflexión. Pensar e repensar para que mentres botamos unhas risas nos deamos contas de quen somos e de que falamos. Made in Galiza está a ser un libro de éxito, porque nos gusta que nos fagan rir mentres pensamos e pensar mentres rimos. E para mostra ... un anaquiño: "(...) A xente que nunca chegaba a falala explicaba, na madurez ou na senectude das súas vidas e por tanto cando xa chegaban a reflexionar profundamente sobre o problema, que non se atrevían a falar a lingua porque aínda non estaban preparados; ou levando a man á cocorota e rascando co dedo índice dicían que lles parecía imposíbel ou que xa era demasiado tarde; ou, cunha vaga esperanza e confiando nas xeracións vindeiras, dicían A ver se os meus fillos o conseguen" Dábanse algúns casos extraordinarios, si, de nenos e nenas precoces na aprendizaxe e uso do seu idioma, que chegaban á escola falando na súa lingua, se ben eran excepcións que confirmaban a regra: unha porcentaxe mínima entre a inmensa maioría dos que, acabados os estudos obrigatorios e mesmo os universitarios, non conseguían botarse a falar no idioma daquel inaudito país."

25/4/08

A NENA PÁLIDA de XOSÉ MIRANDA


Tres relatos co denominador común do misterio, ese fantástico que entra pola porta de atrás da realidade e nos fai vela doutra maneira. Neste xénero do terror (suaviño e ben levado) semella mergullarse este autor. Asentado na tradición oral, recreándoa e introducindo elementos da máis pura actualidade. Así, o último dos relatos “Un trasno no tour de Francia” que coloca a este ser mítico no medio da competición facendo das súas. Riremos aínda que zumegue frustración o segundo deles “Aprendendo a nubeira” pois non sempre é posible herdar as mañas da familia. Faranos pensar moito o primeiro deles “A nena pálida”, vexamos o por que: “(...) E fuxín, baixei as escaleiras e metinme no meu cuarto. Non volvín subir ao faiado. E non é por medo. É que estou moi ocupada pensando en cal é a maneira de conseguir que non me pase algún día o mesmo, e que a nena que son siga sempre, sempre, vivindo dentro de min e non teña que refuxiarse nun faiado (...)”

En branco e negro, de puro carbón, as ilustracións de Ramón Trigo, ambientando o misterio.

18/2/08

Personaxes de conto


Piratas, bruxas e outros amigos de Daniel Ameixeiro, con ilustracións de Federico Fernández, publicado por Galaxia na colección Árbore. No estilo ao que o autor nos ten acostumados e lembrando un tanto aquela fermosa historia de Xan e Pericán. Neste caso, reúnense varios relatos rimados nos que o xogo e o nonsense se fan protagonistas, todo adobado cun certo humor e unhas areas poéticas. E deso vai, de piratas, bruxas, princesas e outros personaxes de conto, todo ese repertorio de oficios que andan pola tradición dun imaxinario que sigue dando voltas polas cabeciñas. Agora xa recreándoas, inverténdoas, obrigándoas a vivir noutros tempos nos que as cousas non son o que eran. Dous creadores, imaxe e palabra, ao servizo dunha obra que dá para ler.

3/12/07

CARTAS DE AMOR


Nove cartas de amor que son chamadas de atención sobre os dereitos humanos nos diferentes lugares do mundo. Porque as cartas de amor son o vehículo, que Fran Alonso utiliza, para mostrar eses outros mundos que semellan golpearnos nas noticias. Nove cartas que non son cartas de amor ao uso. Todas elas escritas por mulleres que se atopan en situación difíciles, porque "as mulleres son vítimas dunha historia que a sociedade foi construíndo sen permitir que elas participasen ou opinasen" (escribe o autor no prólogo). Mulleres que son inmigrantes ilegais, que viven en campamentos de refuxiados saharauís, que traballan nun bordel, que están no medio dunha guerra ou acaban de pasar por ela, mulleres que foron abandonadas cargando cunha culpa da que non eran responsables... Cartas que din aquilo que ninguén preguntou e falan de sentimentos. Cartas que nalgún caso contestan a outras cartas, que noutros se dirixen a alguén que xa non pode lelas ou non quere, pero case sempre buscan comunicarse, tanto que o fagan en papel ou por correo electrónico, que as escriban directamente ou a través de quen transcribe o que din porque aínda non todas están alfabetizadas. Algunha das cartas xa fora publicada pois é o resultado da colaboración con determinadas ONGs, pero o libro, resulta certamente interesante ao mostrarnos ese feixe de textos que son anaquiños de consciencia.

26/10/07

¿Será tempo de fábulas?



En Fábulas de ayer y de hoy (Carlo Frabetti, Alfaguara) atopamos, como o propio nome indica, fábulas, metafábulas (que son aquelas que falan doutras, das de sempre) e tamén algo que o autor chama "pregunteja" e define como unha pequena pregunta que obriga a unha reflexión e leva implícita unha ensinanza. E ... como mostra un botón ¡de fábula! EL NIÑO Y EL LIBRO "Leerte cuesta trabajo", al libro le dice el niño, "y aunque te tengo cariño, me voy a jugar abajo". Replica el libro: "Oye, majo, también te cuesta jugar más trabajo que mirar: tienes que cansarte un poco, ya sea de cuerpo o de coco, si quieres participar".