30/12/20

Unha lección de historia: Dende 1880



O álbum Dende 1880 de Pietro Gotusso, publicado en Kalandraka, é o gañador do XIIIPremio Internacional Compostela para álbums ilustrados 2020.

Nesta narración gráfica convídasenos a pasear pola historia destes dous últimos séculos a través dunha cidade occidental que vai mudando co paso do tempo. A lectura deste álbum sen palabras proponnos un xogo de busca das diferentes mudanzas: na libraría, no café, na galería de arte (que nos mostra a historia da pintura), coa chegada da guerra, nos hábitos, nos modelos de negocio, nas familias, nos medios de transporte, nos avances tecnolóxicos ou na tipografía.

Este álbum debería formar parte da colección de todas as bibliotecas escolares.


29/12/20

Novidades da editorial Cuarto de Inverno

A editorial Cuarto de inverno vén de publicar estas dúas novelas na súa colección xuvenil.

En SuperUlex, Susana Sanches Aríns preséntanos a Clara, a primeira " superoína" galega que tras un tratamento de quimioterapia xa non é quen de tolerar as inxustizas que ocorren ao seu redor, especialmente no Instituto. Con traxe de superheroína e coa axuda da avoa Rorita, conseguirá levar ao centro ás mozas e mozos que están na marxe. 

A autora, con cariño e tenrura, móstranos unha adolescencia realista, sen prexuízos nin condescendencias.

En Velloucas e Minchas, III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, Lorena Conde conta con moito humor como
Sofía, Gabri e a veciñanza terán que resolver un sarillo no que están metidas a avoa de Sofía e as súas amigas do 1º andar.

Unha vez máis a solidariedade e a amizade son quen de amañar os problemas.

Ambos os dous libros, dirixidos a un lectorado experto e xuvenil, acaen ben na colección das bibliotecas escolares con temática inclusiva e poden achegar diferentes miradas sobre a adolescencia nos Clubs de Lectura.

Agasallos de Nadal


Dámoslle a benvida  Belagua Edicións que vén de achegarnos algúns dos seus libros de Literatura infantil e xuvenil.

No Pinterest de Ciencia en galego nas bibliotecas podedes atopar Un mundo para Maruxa.

Na entrada Cociñamos na casa deste mesmo blog propoñemos a lectura d´ As receitas de Rosaura de Isabel Blanco, ilustrado por Luz Beloso.

9/12/20

Por unha biblioteca inclusiva: LECTURA E DISCAPACIDADE. QUE, QUEN E COMO

Parabenizamos á editorial Bululú por publicar en galego LECTURA E DISCAPACIDADE. QUE, QUEN E COMO  da autoría da bibliotecaria Susana Peix e da psicóloga Meritxell Almirall, que xa coñeciamos na súa versión orixinal en catalán.

As autoras achégannos un manual para entender a diversidade funcional, cales son as necesidades lectoras destes nenos e nenas e como se poden normalizar a través dos recursos que existen.

Resulta de interese para as bibliotecas escolares porque nos fornece de información moi útil para conformarmos unha biblioteca escolar inclusiva.

As propostas literarias que nos propoñen as autoras poden ser acrecentadas con títulos en galego.



Xeografías lectoras: Mar de mazá de Elvira Ribeiro Tobío

 

Mar de mazá é un libro de poemas redondo, comeza cun convite e remata cunha despedida, Maradeus. Con este pouso de Rosalía ou Manuel Antonio, Elvira Ribeiro proponnos unha singradura polo Mar de mazá a través de 17 poemas con arrecendo salgado que nos descobren o mar: a carabela, o mar calmo, o mar bravo, as mil cores, o marpalabras, os sete mares, a cantiga das ondas, a nena pirata, os soños, a mariñeira, a nena surfeira, os faros, as illas, os tesouros até chegar ao Maradeus.

Cun léxico moi coidado e con ilustracións evocadoras de Begoña G. Arce, este Mar de mazá ten tamén moitas referencias literarias que convidamos a descubrir.

Ler e recitar os poemas ou viaxar a través das imaxes son algunhas das propostas deste poemario, publicado en Galaxia, dirixido a todo o lectorado e que non debe faltar nas nosas bibliotecas.

Aquí podedes escoitar unha entrevista que lle fixeron á autora no programa Zig Zag da RTVG.