31/10/12

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL


Laura Gallego, acaba de ser premiada pola novela Donde los árboles cantan. Unha novela épica que se sitúa dentro do xénero fantástico, como a meirande parte da súa produción.
Lembramos que esta autora comezou a súa carreira con obras como Finis Mundi ou La leyenda del rey errante, conta coa saga Memorias de Idhún e unha trintena de títulos máis. Unha das creadoras con máis éxito no momento actual. Esta obra xa foi número un de ventas. 

24/10/12

... POR ENTREGAS

A punta de pistola, é o  relato ganador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Unha historia contada en 31 episodios que agora se publica da man de Edicións Xerais de Galicia., na colección xuvenil "Fóra de xogo".
O seu autor, Fran Alonso, conta cunha boa traxectoria dentro da literatura infantil e xuvenil con obras como Cidades, O brillo dos elefantes, A casa da dunaO brillo dos elefantes, Cartas de amor, Poetízate. Antoloxía da poesía galega, A vida secreta de María Mariño, A araña e máis eu, Folerpas de NovoneyraO meu gato é un poeta.
"A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un punto de encontro familiar para ver aos seus fillos, baixo tutela dos servizos sociais. Pero unha vez alí os secuestran e os levan a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida por Vigo e a súa contorna, narrada con axilidade e un pulso que recolle o ritmo das mellores persecucións cinematográficas", así nolo contaba o xornal o día que facía público o premio.
Paralela a esta historia, que podería ser de sempre, unha historia de actualidade, a dunha camioneira doctorada, dona da empresa e que neste momento recibe a proposta dunha universidade americana para traballar un tempo; as súas dúbidas e a volta unha e outra vez á historia de Celia Rivas (unha muller de Fisterra que en 1932 se converteu na primeira muller camioneira de España) corren parellas á fuxida deses pais e fillos pechados nun coche roubado.

23/10/12

ACHEGÁNDOSE AO SAMAÍN

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) programa para a véspera do samaín un obradoiro co artista Jack Mircala. Nesta actividade, sen custo, que se realizará o 31 de outubro, poderán inscribirse un total de 20 nenos e nenas de 7 a 12 anos. Poderán facelo ou ben por teléfono ou enviando un correo a cgac.educacion@xunta.es
Posteriormente terá lugar a presentación do libro Baixada a esquela.
Lembremos que este artista é un dos ilustradores máis orixinais do panorama actual, realizando un traballo de construción con papel en tres dimensións que posteriormente se fotografa, sempre dentro dun imaxinario propio, que bebe do universo gótico e romántico.
Con El acertijo de Valpul conseguiu o Premio Lazarillo de Ilustración. Tamén é moi coñecida a súa colección de contos O baúl das sombras.
Nesta páxina tamén podedes acceder a algunhas imaxes da exposición Compostela Iconográfica que se pode visitar no palacio de Xelmírez.

22/10/12

NOVA COLECCIÓN. Banda deseñada para a infancia

A banda deseñada, Marcopola, a illa remeira, xa fora editada en castelán, catalán ou francés por Bang! Edicións e ve agora a luz na nosa lingua da man de Xerais. Segundo adianta a editora, este é o primeiro número da nova colección Merlín Cómics, centrada nos lectores máis novos que comeza con As orixes de Marcopola e continuará co título Marcopola e os piratas da Lúa, do mesmo autor, Jacobo Fernández Serrano.
Unha illa que quere moverse e que o logrará, coa axuda de quen?
Cal é papel das bolboretas?
Cales son os amigos da illa?
Que lle pasa?
Estas e moitas máis preguntas terán a súa resposta neste volume.
O facer de Jacobo, o seu humor surreal... que aparece claro no título do segundo capítulo “O día de mañá” desta entrega, ou no nome que lle pon Libro “Illa sen nome”. A imaxinación desbordante dun creador que non lle pon límites á fantasía ... e que nos trae lembranzas de Cunqueiro, como sempre que a imaxinación reina.

19/10/12

OUTROS SOPORTES (III)



MARÍA FUMACA!!! … cantar e bailar para ser máis feliz
CD+DVD+ libro todo nun lote, presentado por Galaxia na colección Sonárbore.
Un proxecto literario e audiovisual que xira arredor do tema da felicidade e da festa.
Un neno, Rui, que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar, é o centro deste proxecto. Un traballo realizado por moitos músicos galegos reunidos con este bxectivo. Música, vídeo e karaoke para defender o que hai que defender, a marabilla que supón ter unha lingua e unha cultura propias, a ledicia de estar xuntos unhas e outros, cada unha e cada un de nós distintos, coas nosas capacidades e discapacidades.
As ilustracións de P. Pastor tamén nos traen ese ambiente festeiro que necesitamos todos/as, e máis nestes tempos.

18/10/12

OUTROS SOPORTES (II)



Así fan os bailadores… de Sergio de la Osa, Xabier Iglesias, János Fügedi e Juan Parga. Un conxunto de CD+DVD+libro que nos trae unha compilación de bailes e danzas que nos servirán de iniciación ao baile galego. Editado por Dos Acordes.
Unhas veces cantamos e outras bailamos, e de cando en cando facemos de todo.
Quen dixo complexo?
A bailar que toca!
A bailar que alguén toca!

17/10/12

OUTROS SOPORTES (I)



Que gusto dá que alguén se dea conta das nosas necesidades e nos axude a satisfacelas, ou non?
Pois si, alguén creou este material para que poidas acostumarte a cantar canda todos e non te quedes sen notas nin letra.
GALEOKE. A música que levas dentro.
Xogo de karaoke para ordenador. Dísenos que serve para practicar o coñecemento da música galega, o canto e a lectura. Ademais, e sobre todo neste caso, divertirémonos en calquera ocasión que antes nos podía producir certa inseguridade, gustaremos do noso e utilizarémolo. Mostraremos a competencia na lingua e a música galega...
Que ben que alguén se dea conta deste marabilloso método para a instalación na lingua e a cultura.
Non hai desculpa para non telo xa, do xeito máis legal e solidario posible. Na páxina aparecen os lugares onde conseguilo.

16/10/12

OLA!!!!!!!!!!!!!!!!!!


Que tal estás? é unha das últimas publicacións de Kalandraka, da man de Anthony Browne. Trátase dunha desas traducións que aparecen na colección Tras os montes. Neste caso, a versión ao galego é de Silvia Pérez Tato. 
A esta pregunta, "que tal estás?" contéstase no libro:
"Ben, pero ás veces estou aburrido
e ás veces síntome só. 
Ás  veces estou moi contento...
e outras veces estou triste."
Ata finalizar cunha nova pregunta: "E ti, que tal estás?" nun encadeado que nos vai levando duns a outras. Podemos dicir como estamos guiándonos polos contrarios ou non, pero sempre acompañando as palabras coas imaxes desas expresións. 
Un libro para ler e mirar, para observar e opinar; un libro para as emocións e os sentimentos que nos dará pé para facer o noso propio libriño co mesmo título ou algún outro semellante. Un libro para ler, para crear e para pasarlle a pregunta a un novo protagonista que tamén se verá empuxado a crear o seu propio libro...   
Poucas palabras que só lle poñen nome ás ilustracións, que campean por si mesma. A sinxeleza en estado puro, porque o breve cando é bo ...

15/10/12

VII PREMIO IBEROAMERICANO S.M. DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 2012


Ana Mª Machado acadou o novo Premio Iberoamericano de literatura infantil e xuvenil. Despois de Agustín Fernández Paz, chegou –de novo- o momento da literatura brasileña da man dunha muller que xa conseguira o máximo galardón deste ámbito, o Ándersen. É o tempo dos escritores dignos, daqueles que nos poden ensinar o amor polo libros e o valor da lectura ao longo da vida. Non hai máis que ver a súa conferencia inaugural no Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y la Cultura.
Vexamos cales foron os autores e autoras anteriormente premiados: Juan Farias (2006), Montserrat del Amo y Gili (2007), Bartolomeu Campos de Queirós (2008), María Teresa Andruetto (2009), Laura Devetach (2010) e o galego Agustín Fernández Paz (2011).

11/10/12

OUTUBRO, MES DA BIBLIOTECA ESCOLAR


                                                                                                                                       Recuncho do CEIP A Sangriña
Que celebramos neste mes?
A biblioteca escolar, a chegada do outono, o magosto, o samaín,... moito se move nas bibliotecas ao longo neste outubro.
Hoxe detémonos na biblioteca e nos libros. Nos libros que falan de biblioteca e de libros, ¡de lectura!

10/10/12

PREMIO A UNHA EDITORA GALEGA


Kalandraka acaba de obter o PREMIO NACIONAL AO MELLOR LABOR EDITORIAL 2012, concedido polo Ministerior de Educación e Cultura.
Segundo informa a prensa,  este premio responde ao "seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros maís complexos como a poesía. É, por iso, un referente en España e no estranxeiro".
Un galardón que a editora estende "ao traballo colectivo, ao catálogo que temos, aos autores presentes, ao traballo dos ilustradores e ao da imprenta coa que traballamos". E que nós ampliamos aos lectores e lectoras, aos profesores e profesoras, ao conxunto da sociedade lectora que sente orgullo de que Kalandraka se atope en Pontevedra e a súa imprenta en Poio. Non é chauvinismo senón poñernos contentas da calidade dos produtos culturais galegos.
Ogallá nos caia algún premio máis!  

3/10/12

Hai quen dixo tres e hai quen di catro



Catro amigos pillabáns de Ramón Caride, semella unha homenaxe a aquela marabillosa serie de Tres amigos de Helme Heine, tamén publicados por Xerais. Como nisa, estes amigos (un porco, un gato, un caracol e un rato) son ben distintos, pero iso non lles impide entenderse e correr grandes aventuras xuntos.  
Cunhas magníficas ilustracións de Manuel Uhía, cóntase a historia de catro amigos que rematan sendo cinco: Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato... e Verdegarto. Adiviña de que animal se trata e cales son as súas aventuras na escola, no zoo, no cine, co bastón máxico, no mar ou no circo. Lonxe ou de volta á casa... os amigos son amigos.
Leamos:
“E os bastóns máxicos, coma as lámpadas máxicas e todos os obxectos máxicos en xeral, teñen a propiedade de encoller o tempo para os que están fóra e estiralo para os que están dentro.
Pensade nun libro, que é un chico máxico. Nun libro calquera, que ledes por vez primeira. Mesneste se cadra: a que, cando vos gustamoito, estades dentro del e pasan moitas cousas? E a que, cando saídes do libro, o tempo fíxose curto de máis? Pois entón.”

2/10/12

PARA TEMPOS DE CHUVIA


O paraugas amarelo, con texto de Joel Franz Rossell e ilustracións de Giulia Frances, traducido por Xosé Ballesteros na colección Maremar de Kalandraka.
Un mundo gris no que os paraugas e as vidas teñen esa cor. Nunha fábrica de paraugas, un operario ten unha idea: tocar a panca “tinta amarelo pito” para que poida verse un paraugas cor de sol baixo a chuvia. Non é éxito o que lle agarda a este paraugas... despois de ser ocultado e posteriormente permanencer no escaparate xunto con outras cousas rebaixadas, será escollido por un paiaso que o leva ao circo. A pesar de que esa non é a vida que el soñara, acabará feliz porque atopou un mundo que ten cores e a xente despois da función “volve á súa casa contenta, coma quen leva un xirasol a moverse dentro do seu peito.”