Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

13/1/16

A bruxa Discordia. Cancións para a paz



Nestes días que as bibliotecas escolares seleccionan materiais para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a  Paz, lembramos que Mamá Cabra e Carmen Gil acaban de publicar o libro-disco A bruxa Discordia. Cancións para a paz na coleccción Sonárbore da Editorial Galaxia. As ilustracións son de Iria Fafián.

Galaxia explica que, no contexto social actual, A bruxa Discordia constitúe un álbum ateigado de valores positivos pensado e desenvolvido tendo en conta as necesidades dos nenos e nenas. Mensaxes como a importancia de compartir, de respectar ao próximo ou de convivir en harmonía escritas na súa propia linguaxe e transportadas a través dun dos vehículos máis eficaces: a música.
Material ben acaído para os primeiros lectores e para acompañar no Día da Paz.
Velaquí unha mostra das cancións que inclúe o libro-disco:



Baile da paz

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Ombro con ombro
pódese todo.

Dá un taconazo.
levanta o brazo
e con donaire
dálle ao cú aire.

Colle a orella
da túa parella.
Faille cóxegas.
Ponte en crequenas.

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Agora dá un brinco,
ou mellor cinco!,
e tres palmadas
con gargalladas.

Logo ao compás
anda cara atrás.
E cara adiante,
coma un xigante.

Pinta un momento
paz no vento.
Grita un segundo:
"paz no mundo"


3/6/15

Carme Kruckenberg, musicada


Xardín desordenado, ponlle música a un poema de Carme Kruckemberg, ao tempo que nos conta o necemento desa colaboración.
Así se presentan: 
"No ano 2.011 uns músicos de Vigo decidiron percorrer librarías e bibliotecas, á busca de palabras ás que poñer música. A selección resultante non obedeceu a criterios centíficos, senón á provocación que os poetas producían nos “exploradores”.
Logo, algunhas noites reuníanse nunha bufarda de Tirán, onde, compartían os poemas elexidos e as súas experiencias musicais; case todos transitaran polo Jazz, aínda que chegados dende diversas procedencias.
O seu obxectivo era promover a poesía galega e o concretaron nun primeiro traballo, con quince poemas escritos por homes. Chamaron ao CD como a si mesmos: “Xardín desordenado” e nel, acompañados pola cálida sonoridade que proporcionan os instrumentos acústicos, estes “xardineiros desordenados” convertiron os magníficos textos en boleros, en swing, en blues…"

25/5/15

Sira e o robot. Adventures on Titan. Galego e inglés con música


Sira e o robot. Adventures on Titan é un libro disco de Mark Wiersma e Miguel Mosquera 
As ilustracións de Iván Sende resultan moi adecuadas, especialmente as máis panorámicas como a do colexio e destaca pola súa orixinalidade como a da nave espacial en forma de hórreo que nos lembra aquela serie de nome Anamarciana de Alberto Varela, na que no firmamento, entre os planetas aparecían as vacas. 
Para ler e escoitar, para cantar acompañando as voces a modo de galeoke
Diferentes ritmos musicais: hip hop, rap, lied... 
Plurilingüísmo: galego, castelán, inglés, francés, portugués, chinés, alemán
A modo de teatro radiofónico, as voces do narrador e a narradora así como a de cada un dos personaxes, condúcennos a unha visión imaxinativa.
Referencias a Luar, a catedral de San Google, Leo Arremecaghona ou a clase de twitter sitúannos na máis salvaxe actualidade. E os valores a pé de obra, eses valores realmente plurais que non agachan imperios encubertos. Grazas pola frescura!
Terá continuidade?

17/2/15

Premio da Música Martín Códax na categoría de Música Infantil

 O libro-disco de Pablo Díaz, Toc toc, resultou ganador nos Premios da Música Martín Códax 2014, na modalidade de música infantil. este traballo, con ilustracións de Nuria Díaz, impúxose aos finalistas Te, chocolate, café de Golfiños e Xiqui Xoque, Fiú Fiú de María Fumaça.
 



12/1/15

E ... taboleiro do libro galego (XXIX) para comparar




O taboleiro do libro galego, correspondente ao mes de decembro,  publicado polo blogue Caderno da crítica da autoría de Ramón Nicolás, co apoio das librarías (Trama, Paz,  Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón,  Libros para soñar, Pedreira, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith) onde se mostran os libros galegos máis vendidos.
recollemos aqueles apartados máis relacionados coas nosas bibliotecas
Literatura xuvenil
1º-. Xesús Fraga, Reo, Galaxia. Premio Raíña Lupa.
2º-. Rosa Aneiros, Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, Xerais. A derradeira entrega da triloxía "Ámote Leo A".
3º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
4º-. Elena Gallego, Dragal III, Xerais. Outra entrega da serie.
5º-. Anxo Fariña, Os megatoxos e o dragón de xade, Xerais. Unha entrega máis da serie dos Megatoxos.
Literatura infantil
1º-. Ledicia Costas (ilustracións de Víctor Ribas), Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais. Premio Merlín.
2º-. Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, O soño de Esther, Nova Galicia Edicións.
3º-. Chema Heras (ilustracións de Kiko Dasilva),  Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, Kalandraka. Reimpresión e sorprendente éxito continuado.
4º-. Antón e o Apalpador, Barafunda Animación.
Música
1º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
 2º-. Paco Nogueiras e David Pintor,  Brinca vai!,  Kalandraka.
3º-. Uxía, Xiqui Xoque, fiú fiú!,  Galaxia.
4º-. Magín Blanco, Gatuxo, Fol Música.
5º-. Os tres TENedoORES, Cocido sinfónico, Galaxia.
Non deixa de chamar a atención o gusto polas series (Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, Dragall III, Os Megatoxos e o dragón de xade) dentro dos preferidos na literatura xuvenil, a presenza dos premios (Raíña Lupa e Merlín), as novidades (Tes ata 10,  Non hai berce coma o colo...), os libros que seguen a ser actuais ao longo do tempo e os de época (Antón e o Apalpador).

29/12/14

O apalpador. Cantémoslle!


Hai tempo que non lle cedemos a páxina a Paco Nogueiras, ese músico e actor disposto a facernos cantar e bailar.
É Nadal e andamos a agardar ao apalpador, así que busquémolo! 

3/10/14

Unha web para difundir a música galega



Galician Tunes é unha web a través da que se difunde a música galega. O seu catálogo, que tamén dá acceso a 410 vídeos musicais e a información sobre 325 discos, permanece aberto á incorporación de novas bandas, artistas, empresas e festivais galegos.
Desenvolvida a través da Agadic e en colaboración con AGEM e Músicos ao Vivo, busca converterse nunha ferramenta útil cara a unha maior visibilidade social e proxección da industria musical galega baixo esta marca común.
Así se conta no portal. 

17/1/14

Máis libros e música arredor da Rosalía.

Máis obras, máis músicas que traen os Cantares Gallegos á actualidade, para que sigamos lendo e escoitando os versos. 
Para iso están as autoras clásicas... as obras clásicas, para volver unha e outra vez a elas e reinterpretándoas desde os diferentes tempos e as diferentes representacións. 
Teno demostrado Rosalía sempre, pero máis ao longo do pasado ano, cando se cumprían os150 anos da súa publicación.
Agora, queremos lembrar dúas edicións: Nas tardes escuras de Narf, editado por El Patito Editorial con ilustracións a base de colaxes de Fausto Isorna.  Por outra, Os ollos que falan, un CD de Tempo Catro no que o sexteto, composto por profesores/as do Conservatorio de Ferrol, musica os versos de Rosalía a ritmo de valse, fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre. 
E outra máis, aCadaCanto (Guadi Gallego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero) acaban de publicar A Rosa d´Adina. Escoitémola! 

18/12/13

Música para animarnos a cantar e bailar


Migallas, da man de Kalandraka, saca á luz a obra Pan de millo. Un título verdadeiramente axeitado para espertar referencias doutras infancias que converxen coa actual.
Migallas pon o texto, Dani Padrón unhas ilustracións que cada día definen máis un estilo propio e amable, Paulo Nogueira e Carlos Yus a música. Unha obra construída entre varios, para animar á familia a que cante e baile, a que faga festa neste Nadal.
Catorce pezas musicais, unhas veces inspiradas noutras tradicionais das que nos chegan lembranzas, e outras veces buscando a creatividade que nace da fonte sempre segura do mestre Rodari
No video, que se xunta, colabora a EEI de Verducido (Pontevedra)
 

16/12/13

Máis libros con CD - DVD e moita música


Publicado por Kalandraka, CoraSons é presentado como "un libro-cd-dvd que reúne fotografías, músicas e un completo traballo audiovisual sobre o proxecto que, baixo a dirección de Uxía, reúne un feixe de destacados intérpretes galaico-lusófonos. 
“…Corações de Galiza, Portugal, Brasil e Angola pulsando, batendo e emocionando na mesma lingua con «sotaques» diferentes”.
[Fragmento do limiar de Uxía] 
“Cada imagem conta uma história, um momento irrepetível, adquirindo múltiplos sentidos, para quem contempla. Recriar, improvisar, jogar com os reflexos e com a desfocagem, procurar a geometria da minúcia, desafiar as sombras e a magia, ousar a poesia e a simplicidade, dar à luz cor e metáforas…”
[Fragmento do limiar de Isabel Leal] 
“Unha mostra, encontros, química, música… E amizade, por cima de todo a amizade… e a lingua común”
 [Fragmento do limiar de Carlos Blanco]
CoraSons é unha experiencia artística que xurdiu nas redes sociais a través da páxina “Quem vê corações” e materializouse inicialmente nunha exposición de fotografías de Isabel Leal e nun recital posterior coa participación de varios músicos na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. A ese encontro seguiulle un gran concerto celebrado na Illa de Arousa ao que se sumaron máis de 40 intérpretes e que se plasmou nun documental gravado por Paco Abelleira. Agora, da man de KALANDRAKA, o proxecto que dirixe Uxía convértese nun libro-cd-dvd con 19 temas e cunha película de hora e media.

12/12/13

TOC TOC, músicas e libros petando na porta


De Pablo Díaz, publicado por Galaxia na colección Sonárbore, un novo disco, con ilustracións de Nuria Díaz.
Así o presenta a editorial:
Unha nova obra para achegar a música e a poesía aos máis pequenos e pequenas da casa.
Un mollo de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.
E así aparece en Ulträqäns:
"Despois de editar o primeiro traballo "Tic Tac" aló polo 2009, non era sen tempo que chegara a segunda entrega, feita sen presa pero sen pausa como se facía o carbón de turgueira.
A banda composta por Carlos Freire á batería, Diego Barral á guitarra, Álex Fente ao acordeón e Antón ao baixo, dirixida polo xefe Pablo Díaz coa inestimável axuda de Olaga Kirk, volven á carga con 13 temas cheos de piratas con loros, ratos e gatos dialogantes, mazaricos con cabuxas, piollos e pulgas namoradeiras e garavanciñas ecoloxistas nunha orquestra zoolóxica metida no saco do noso amigo carboeiro.
Na banda tamén pasaron outros fenómenos como Sergio Delgado, Fran Amil, Santi Cribeiro, Roberto Grandal, Dani Cerqueiro, Juan Tinaquero ou Juan Naya... vamos que esto é o como o SuperDépor de Irureta, onde había polo menos 2 homes en cada posto!.
Se o primeiro disco xurdiu como unha suma de colaboracións (e que colaboracións! Carmen Rey, Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Pedro Lamas... entre outros) que daban a cada tema un carácter diferenciado, o resultado do novo traballo é mais homoxéneo, dado que é o resultado de 4 anos de xiras da banda, facendo un son característico que ten como patrón o rock acústico con toques folk, pero sen deixar de facer chiscadelas ao mais tradicional ou até os ritmos mais "sabrosones" 
Tempo de música!

9/12/13

Libros para cantar e bailar


Edicións do Cumio é unha editora especializada en temas musicais (entre outros), de aí que de cando en vez nos achegue produtos imprescindibles para atender eses campo. Xa coñecíamos Para cantar e bailar de Luís Prego e agora temos a ocasión de ver Xogos musicais, do mesmo autor, ambas na colección Música e multimedia.
A presentación editorial aclara:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”.
Contén un CD con 38 cancións."
As ilustracións de Marta Iglesias aportan ese outro compoñente plástico tan necesario cando se trata de ter o libro nas mans. Unha visión sintética e esquemática, unhas cores alegres que falan desa ledicia que todos sentimos cando cantamos e xogamos, a arte nas páxinas.
Un material de moito interese que ten un lugar de privilexio nas mochilas viaxeiras dos máis pequenos, para recuperar a tradición, para vinculala aos afectos, para xogar e xogar!
Outro título que debemos lembrar é Zampadanzas do mundo. Danzas á carta de Marta Pereira Coutinho, e lembrar que se pode descargar un capítulo de cada libro para catar.

26/11/13

Libro - Música para unha serie de éxito


Os Bolechas fan unha banda é un libro disco, o primeiro de Os Bolechas. A editora Bolanda pon en marcha este proxecto, da man de Pepe Carreiro e a participación de de dez grupos galegos. Cada un deles achega un tema orixinal e, paso a paso, vanse tocando diferentes estilos con Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID.
Bolanda, que se fixo cargo deste proxecto, desaparecida a A Nosa Terra (primeira editora da serie) tamén levou a esta popular familia de bonecos á TVG.




19/11/13

Novos libros e novas lecturas



A miña primeira Rosalía é un libro disco que continúa a estela daquel outro, O primeiro Celso Emilio, que Xerais fixera público o ano pasado.
Da autoría de Xosé e Xiana Lastra, o libro consta dunha biografía e unha antoloxía poética, así como dun CD no que se recollen unha ducia de poemas musicados, interpretados por Mini e Mero, Xiana Lastra e María Manuela, que tamén é autora das ilustracións.  
Sempre é un luxo ver o que pon en marcha este grupo de artistas e promotores da música e cultura galega, sen esquecer que a mirada de Lastra ten, sempre, un obxectivo comprometido coa didáctica.
Grazas por esta nova entrega!

28/10/13

Recursos musicais


A nova web de GalicianTunes, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, busca a promoción da música galega. A páxina chega da man de Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM).
Trátase dunha ferramenta útil para coñecer o traballo dos artistas e grupos.

16/10/13

Rosalía e a música


 
No aniversario dun libro que recibe o nome de Cantares Gallegos, era de agardar diferentes versións nas que se pon música ás letras de Rosalía. Uns detrás doutros, non deixan de aparecer músicas para a poeta do Rexurdimento, ata o punto de que xa contamos cunha escolma de adaptacións musicais de Rosalía na web da Consellería de Cultura á que podemos acceder neste enlace.
O Consello da Cultura celebraba o pasado dezaseis de maio o concerto Aqueles doces cantares, que recollía trinta e seis pezas breves realizadas por compositores actuais a partir de versos da obra de Rosalía. Agora aparece a publicación do traballo que pode baixarse completo da páxina da institución.
Non é o último, a Xunta acaba de anunciar a publicación de Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación. Un volume que recupera, da man do tenor Joaquín Pixán e do pianista Alejandro Zabala unha escolma de obras creadas por diferentes compositores ao longo do século XX a partir de poemas desta obra, ás que se suma un novo tema composto por Octavio Vázquez. Andrés Gaos, Juan Durán ou Joaquín Rodrigo.

16/9/13

García Teijeiro na voz de Paco Ibáñez



Unha poesía de Antonio García Teijeiro (un poeta ben coñecido pola rapazada galega) aparece neste video musicado polo cantautor Paco Ibáñez.

13/9/13

SEMPRE ROSALÍA



Na lingua que eu falo,un libro con CD editado por Galaxia.
A voz ponlla a cantante galego palestina Najla Shami e a letra Rosalía de Castro, maioitariamente, pois Shami tamén asume o reto de incorporar temas propios que combinan cos ecos rosalinianos. Nalgúns temas, outras voces acompañan a esta cantante.

11/9/13

Celso Emilio Ferreira en música


Xosé Manuel Budiño pon a música e Luís Tosar a voz, a dous poemas ferreirianos.
Unha colaboración que aparece incluída no traballo Sotaque de Budiño baixo o título Hoxe canto en libertá.