5/5/09

XARDÍN DO PASATEMPO


Para falar deste libro, quero recoller as palabras dun editor, Ignacio Chao, que segue a exercer o oficio como a arte que é ... para mostrar libros de autor (Ramiro Fonte) e de ilustrador (Jacobo Muñiz), pero tamén libros de editor.


"Á parte das súas virtudes estilísticas e da escolla dos temas (outra vez o diálogo entre tradición e modernidade, unha das marcas da súa obra), valoro nel que sexa un libro non para unha categoría ou unha franxa da infancia, senón verbo dunha categoría da infancia. Tamén, como a súa triloxía narrativa, é un libro de memorias de cativo. O libro do neno que habitaba no corazón do adulto. O primeiro poema, "Xardín do pasatempo" está entre os mellores da súa obra. É unha declaración de intencións e propón o panorama moral de todo o libro: a idea de que a infancia é o espello da identidade de cada un. Pero tamén pola simplicidade do enunciado, pola súa potencia plástica, cunha enumeración de elementos cheos de vida, pola enorme capacidade de evocación e pola axilidade rítmica, que suxire o compás dun paseo real."

30/4/09

Emilio Pascual. Na defensa da literatura oral.


EL FANTASMA ANIDÓ BAJO EL ALERO Anaya, 2003. Colección Leer y pensar. Ilustracións Javier Serrano. No estilo do artista, en branco e negro; todas elas son cartas dunha baralla, aquela que o pequeno debuxa para que o avó poida xogar con el o só mentres está no purgatorio. Unha baralla na que as espadas son agullas, os ouros estrelas, os bastos lapis e as copas rosas. Un xogo e unha aposta de gran calidade na que texto e imaxe se enchen de simbolismo e poesía. O libro, unha reivindicación da literatura oral, da contada, da trasmisión da tradición de avós a netos… porque o avó non pode deixar de contarlle todo tipo de historias: as que están ao seu alcance e aquelas que precisan do seu apoio para entendelas, e aínda aquelas que poida que non se entendan, como se recolle naqueles fragmento no que o avó pregunta: “-¿Lo entiendes?” e o neto contesta: “-No, pero me gusta.” Todo se pode contar, todos os libros se poden comentar cun pequeno… iso é o que pensa este avó que foi mestre republicano e agora vive “bajo el alero” convertido nun fantasma que debe andar polo purgatorio (ao entender do pequeno), un fuxido en tempos de posguerra, … O autor entroncaba así con esa literatura que toca cos dedos a memoria histórica e coa alma as historias que nos humanizan...

27/4/09

Emilio Pascual. Unha literatura que reivindica a literatura.


Ilustracións de Javier Serrano con profusión de imaxes de libros. A obra constitúe unha defensa da literatura escrita, da redención a través da lectura literaria. Un libro de libros, de lectores que len para outros ao tempo que se van facendo donos das palabras e das historias… que os van atando para sempre aos libros e á cultura. Un rei mago, varios reis magos, vanlle preparando o camiño do ocio cultural ao adolescente protagonista, salvándoo do risco de abandono escolar e familiar, levándoo a compartir o patrimonio propio da cultura occidental, a converterse en lector. El aprende literatura ao tempo que aprende vida. E conta … “(…) Lo cierto es que mi ciego (…) parecía adivinar cuándo era yo lector de oficio y cuándo quedaba atrapado en algún laberinto de la historia. Si presentía que me acechaba el fantasma del aburrimiento, con una notable destreza simulaba que se acababa el tiempo, y el libro no volvía a aparecer. Otras veces, aunque sabía que me apasionaba -o precisamente por ello-, interrumpía la lectura en el momento más emocionante, como si quisiera asegurarse mi regreso.”

22/4/09

MARCOS S. CALVEIRO: Premio Nacional da Crítica en galego




Gústanos lembrar a Calveiro e as súas incursións na literatura xuvenil (Sari, soñador de mares /Rinocerontes e quimeras) e infantil (O carteiro de Bagdad, XVIII Premio de Literatura Infantil Ala Delta /O canto dos peixes, Premio O Barco de Vapor 24 edición).



Un dos novos valores da literatura infantil e xuvenil galega, como o demostran os premios recibidos en tan curto espazo de tempo, pero tamén a calidade de cada un dos seus libros. Calveiro lembrándonos a Simbad, o mariñeiro dos contos e a fantasía; a ese neno fillo dun carteiro no Bagdad en guerra; a ese outro que recolle quincalla e se fai amigo dun vello mariñeiro co que comparte a preocupación por un mar que xa non o é ou aos rapaces "diferentes" que acompañan ás quimeras do circo.

Podemos ler os seus libros e, tamén, a súa bitácora: Alfaias.


Aledámonos dos seus premios: Irmandade do libro / Premio Nacional da Crítica en narrativa en galego... e os que virán.

13/4/09

Miguelanxo Prado, a banda deseñada na Academia


Recollo

a noticia na prensa:


"A Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario aprobou o ingreso de Miguelanxo Prado como membro numerario. Prado, proposto polos académicos Xurxo Lobato, Felipe Senén e José Ramón Soraluce, integrarase na sección de Artes da Imaxe, sendo o primeiro autor de banda deseñada que fai parte desta prestixiosa institución galega. A Academia aínda non ten data para o acto de ingreso."


E, con este motivo lembramos un dos últimos traballos deste autor. De Profundis, o libro aparecido despois da longametraxe que nos sorprendera por constituír unha proposta audiovisual de gran orixinalidade ao fusionar pinturas ao óleo dotadas de movemento coa música do compositor Nani García. Era a primeira vez que se traballaba con óleo nunha longametraxe. O propio autor definiuna como un poema visual e musical que non pretende convencer senón suxerir, que non pretende impoñer unha realidade senón conseguir a complicidade sentimental e estética do espectador; o seu aviso a navegantes - espectadores era "A quen lle aburra contemplar un atardecer de 10 minutos resultaralle tediosa".

E despois de poder disfrutalo en cines e de aparecer en formato doméstico, preséntase o libro cun relato ilustrado.

Unha obra na que seguir a traxectora do autor de Trazo de xiz, Quotidiania delirante ou Fragmentos da enciclopedia Délfica e que traballou para Spielberg na serie de debuxos animados Men in Black. Lembremos tamén a súa participación no Proxecto Terra co cómic A mansión dos Pampín ou o seu papel como director do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico.

6/4/09

A CABEZA DA MEDUSA


Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, un dos tres White Raven de literatura galega 2009 e un dos cinco finalista dos premios de literatura infantil e xuvenil AELG 2009.
Coller o libro na man e atopar á fotografía de Victoria Dielh na capa. Unha imaxe que sintetiza o texto recollendo o que se podería chamar fotografía escultórica pero non só, porque é fotografía si, escultura tamén e mestura de realidades; algo suxerinte e evocador como porta de entrada a un libro valente dunha escritora que ten demostrado o seu compromiso desde a primeira publicación. Marilar Aleixandre enfronta o tema da violación dunhas adolescentes á volta dunha festa e faino con todas as consecuencias, relatando paso por paso as situacións polas que han de pasar, todas elas co denominador común da vergonza – culpabilidade que semella deben sentir elas e non quen comete o delito. A identidade de quen o fai, as dúbidas nas que se debaten as violadas, o intento de mercalas, a xustiza que semella cega e xorda algunha vez, o sensacionalismo da prensa… O relato vai camiñando por esas rutas mentres as citas relacionadas coa historia da Medusa o acompaña. Onte e hoxe, no mito e na realidade, as mulleres pagan polo que outros cometeron co horror de vivir cunha melena de serpes e coa soidade dunha mirada que mata. Un bo libro dunha boa autora. Un libro para ler, para traballar igualdade, para reflexionar e falar … falar.

30/3/09

FUME


FUME con texto de Antón Fortes e ilustracións de Joanna Concejo, publicado por OQO, na colección Contextos. Un dos libros galegos seleccionados pola Internationale Jugendbibliothek München, xunto con A cabeza da Medusa de Marilar Aleixandre e O prodixio dos zapatos de cristal de X. A. Neira Cruz. Un dos nosos White Raven 2009. Un novo orgullo para esta literatura que semella ter que demostrar continuamente que está entre as mellores, que non ten que acomplexarse, que pode recomendarse… que pode lerse en galego sen estar na periferia de nada. En Fume, aparece de novo o nazismo e os campos de concentración. De novo un dos momentos máis duros da Historia da humanidade e, de novo, na voz dun neno. Un pequeno preso con súa nai e separados do pai. No medio da crueldade, o neno fala dese mundo tal como el o entende, porque aínda no horror segue a ser un neno que analiza a realidade cos ollos da súa experiencia; fálanos da realidade, da solidariedade co “outro” e da amizade que tamén aí ten o seu lugar. O fume sube ao ceo, os mortos van ao ceo..., e calquera lugar é mellor ese. As ilustracións manteñen o ton con apenas cor, as figuras envólvennos no ambiente do relato e o libro pasa a ser un obxecto de arte para ver, sentir, emocionar... Algunha vez haberá que facer, tamén, libros nos que os nenos palestinos nos conten o que ven, o que senten, o que lles emociona...

23/3/09

O LIBRO DAS VIAXES IMAXINARIAS


Agora, que sabemos que o premio Irmandade do libro a un escritor, será entregado a Xabier P. Docampo, queremos lembrar o seu "Libro das viaxes imaxinarias". Esta obra foi premio Isaac Díaz Pardo a libro ilustrado da AGE, no 2008.
Introducimos un pequeno texto que mostrará o ton xeral: "Arama non ten río nin montañas que o arrodeen e delimiten. Non está nunha beiramar que poña un rumor de auga no aire seco e tépedo que o acomete da mañá á noite. Arama é un lugar no medio de ningures que chama polo Viaxeiro desde o renxer continuo das carricantas e a secura areosa dunhas rúas de fino po branco. Ándase por elas no temor dun vento que espila esa brancura virándoa en nube que envolva ao transeúnte, penetrándoo por todos os orificios até afogalo. Quizais por iso Arama está sempre deserto coma un pobo abandonado; coma un pobo agonizante ou morto. Pero abonda con entrar neste lugar e petar nunha porta calquera, facelo golpeando cun daqueles chamadores de martelo, que semellan unha man que agarra unha esfera metálica ou os que son un medallón cun aro metálico que bate no seu centro; tamén os hai que parecen un can que pega coas patas dianteiras; outros son unha simple argola de ferro que golpea sobre dun cravo de cabeza arredondada. Calquera deles que for, cando o Viaxeiro petou nel, abríronse todas as portas de Arama e en cadansúa unha persoa inquiriu polo motivo da chamada. O aire de todas as voces da cidade soando a un tempo moveu lixeiramente, coma unha ameaza, o po albar das rúas, que non chegou a refolar. Cando o Viaxeiro respondeu que andaba á procura dun lugar para pasar a noite, as portas fóronse pechando unha por unha e a muller que abrira aquela na que el petara, indicoulle onde estaba a pousada. Díxolle que a recoñecería porque era a única que habería ficar, despois da súa chamada, coa porta entreaberta. Alí se dirixiu e encontrou que, efectivamente, tiña a porta algo entornada pero non pechada. Mais, como non vise a ninguén, deu un golpe co puño na madeira e de inmediato todas as portas de Arama se abriron a un tempo, porque en Arama cando petas nunha porta a túa chamada resoa en todas, e todas se abren e en cada oco hai unha persoa que lle pregunta ao Viaxeiro que é o que quere, e con iso unha nova pasada do airiño que remexe o po do chan." Unha verdadeira homenaxe a Italo Calvino e Ulises, á imaxinación e ás viaxes.

17/3/09

SEN PALABRAS (3)


O boneco de M. Alzéal. Factoría K de libros Álbum sen texto. Historia sen palabras. Novela gráfica que nos fala das diferentes xeracións (avós / pais / fillos), do paso do tempo, da diferenza entre os xoguetes do pasado e os actuais, e, especialmente, da relación que se establece entre un humano e un boneco. Un problema de saúde fai que o avó marche da casa familiar, daquela légalle ao neto o boneco que o acompañou desde a infancia, pero o pequeno está inmerso nas pantallas dos vídeo xogos e non lle fai caso… Daquela o boneco séntese condenado ao esquecemento e marcha aproveitando unha ventá aberta; é feliz polas rúas, case se namora dunha boneca nun parque, ata que volve á tenda onde fora vendido e se atopa con que tampouco alí hai lugar para el. Ante isto decide suicidarse atándose unha pedra aos pés e tirándose á auga, pero no último momento parécelle ver ao vello e decide volver. Aí, o autor fai unha chiscadela humorística, cando o boneco quita a cabeza e a coloca debaixo do brazo para poder retirar a cadea corda que o ata á pedra. Sube pero o vello xa morreu e o boneco acompañarao ao cemiterio onde espera a que se erga e o colla, de novo, nas súas mans para levalo con el. Encanto e bondade… sentimentos a flor de pel, sen necesidade de palabras.

9/3/09

SEN PALABRAS (2)


Mi león.


Libro de imaxes no que se relata o encontro dun neno e un león.

Ao principio, o león quere comer ao neno -como corresponde- pero todos os animais son sensibles ás crías, incluso ás das outras especies, así que remata establecéndose unha amizade entre os dous.

A historia, que comeza cando o neno se perde no deserto, continúa co rescate e a devolución aos seus por parte do felino. O león debe defender á criatura dos outros animais, e ao darse conta do perigo que corre decide levalo ao poboado e entregalo á súa tribo; cando o fai é el quen se atopa en situación de risco, pois os humanos queren cazalo.

O libro mostra o poder das imaxes para construír unha narración rica en situacións e emocións, no que a amizade e os afectos poden coas diferenzas, aínda que sexa no mundo da imaxinación... Unha historia que mostra unha difícil relación, na que león e neno deben vivir separados pero poden continuar soñando un co outro, cada noite.

Unha historia africana contada por Mandana Sadat, publicado por FCE na colección A la orilla del viento.

SEN PALABRAS 2

Mi león. Libro de imaxes no que se conta o encontro dun neno e un león. Ao principio, o animal quere comer ao neno -como corresponde- pero todas as especies son sensibles ás crías, incluso ás das outras, así que remata establecéndose unha amizade entre os dous. A historia, que comeza cando o neno se perde no deserto, continúa co rescate e a devolución aos seus por parte do felino. O león debe defender á criatura dos outros animais, e ao darse conta do perigo que corre decide levalo ao poboado e entregalo á súa tribo; cando o fai é el quen se atopa en perigo, pois os humanos queren cazalo. O libro mostra o poder das imaxes para construír un relato rico en situacións e emocións, no que a amizade e os afectos poden coas diferenzas, aínda que sexa no mundo da imaxinación... Unha historia que mostra unha difícil relación, na que león e neno deben vivir separados pero poden continuar soñando un co outro, cada noite. Unha historia africana contada por Mandana Sadat, publicado por FCE n acolección A la orilla del viento.

2/3/09

SEN PALABRAS (1)


Hai libros sen palabras, para os que non fai falla utilizar o código escrito. Libros para observar, para interpretar as ilustracións, para ler imaxes... Libros magníficos para pequenos e grandes. Libros que nos fan pensar, imaxinar,... Libros nos que vemos máis do que nun principio pensabamos. Libros para ver, mirar e remirar, para descubrir e gozar. Así é La ola de Suzy Lee, publicado por Barbara Fiore Editora. E ollando este libro preguntámonos: quen dixo que había que saber descifrar o código escrito para entender as historias? Só utilizando o branco e negro do lapis / carbón xunto ao azul da acuarela o relato vai sucedendo. Poucos personaxes, apenas unha nena que xoga coa ola que representa a descuberta do mar, unhas gavotas que semellan secundar á protagonista e unha nai que a introduce e a recolle ao final, simbolizando esa tarefa dos adultos facilitadores de experiencias que se manteñen á distancia necesaria. Unha expresividade a proba de significado que nos mostra o diálogo lúdico entre o mar e a nena; unha relación que semella simétrica na que se pasa do medo á confianza, da sorpresa ao susto, do desafío ao agasallo con que o mar remata premiando á nena. E cando marcha vai cambiada, algo mudou e converteu o mar en amigo.

23/2/09

MOLA QUE CHOVA


Mola que chova con textos e ilustracións de Renata Otero, publicado por Galaxia na colección Árbore.

Renata é unha artista e tamén profesora de educación plástica e visual no IES de Ames. O seu estilo podería definirse como pop. A súa é unha maneira alegre e colorista de observar a vida… comezando coa propia. Talvez, ela, lle toma así o pulso á realidade e represéntaa por medio de pinturas e colaxes, que pasan de formatos redondos a cadrados, do rectángulo ao círculo. Ata o momento só fixo esta incursión no mundo da literatura infantil. E del nos acordamos aqueles días, nos que chove despois de chover (monotonía de chuvia tras os cristais), en palabras de Manuel Rivas. Mola que chova, pois daquela poderás facer cousas diferentes, poderás gozar dese tempo distinto no que o mundo se molla e limpa, para que todo poida volver a medrar. E unha vez rematado.., poderás continuar engadindo cousas que se poden facer cando chove, por eso mola que chova. E cando nos cheve, como agora, acordámonos deste libro porque a autora ten unha exposición na galería Espacio 48 de Compostela.

19/2/09

ADIVIÑANDO … ADIVIÑANDO…


Aquí, Gloria Sánchez; aquí, adiviñas!

“Un verde fogón,

que fixo: “¡Atchíiiiiiiiiiissss!”

queimou o pano

do nariz.

Ten escamas

e peixe non é.

Ten gadoupas con coitelos,

un rabo longo con punta

e unha crista de carrelo.

¿Paparía o moi babeco

a bombona de butano?

¡A-a-a-at----------------chíssssssss!

¡Ale! ¡Todo o conto chamuscado!”

Adiviñas monstruosas de Gloria Sánchez, con ilustracións de Purificación Hernández.


As adiviñas poden ser as estrelas da literatura de tradición oral, pero non só. Ao lado dos moitos libros que recompilan as adiviñas que foron de boca en boca, hai outros tantos nos que diferentes autores as crearon para ledicia dos pequenos e pequenas, aos que tamén lles encanta inventalas.

Entre as autoras de adiviñas, Gloria Sánchez podería ter recollido máis dun premio. Lembremos as 303 adiviñas, publicadas en Xerais, con ilustracións de Pablo Otero “Peixe”, ou leamos agora estas outras, que chegan da man de Rodeira na colección Tucán. Coa creatividade que a caracteriza e eses grans de humor salpresando os versos, a sorpresa coa que nos pilla unha e outra vez e a intelixencia coa que nos trata…

13/2/09

CANDO DE AMOR SE TRATA…


O amor pode dicirse, declararse, mostrarse, demostrarse; pode lerse… e esta pode ser unha obra axeitada. O amor pode regalarse … Un libro é un bo agasallo, un dos mellores. E, de novo, pode ser este: Bolboretas. As ilustracións de Cobas, entre a figuración e o etéreo, coas manchas de cor creando fondos marabillosos que serven de espita á imaxinación, cun deseño de bolboreta que fai historia e uns trazos de lapis que achegan outra ollada. O texto de Docampo, coa sinxeleza do profundo, co ton do que antes foi contado e emocionou á audiencia. Porque o amor é iso, sentimento que aniña sen poder explicarse demasiado, descuberta que se quere compartir. O autor é artista, na arte de escribir e de contar, artista que engade a creatividade ao oficio. Amores antigos, camiños a facer xuntos, sensacións para describir... Docampo e Cobas comparten libro, coma en moitas outras ocasión. Neste caso, o libro faise obxecto a compartir cos demais, a mostrarlles e entregarlles en man, nun día sinalado porque... “ (...) Pero un día, mentres unha bolboreta me enchía a boca de azul e cerraba os ollos para identificar ben todas as sensacións que lle contaría despois, sentín que me dicía: - Pásama. Notei os seus labios nos meus. Sentín que abría a boca e eu abrín a miña. A bolboreta pasou tocando lixeiramente a miña lingua. Ela pechou os labios atrapando todo aquel azul. Abrín os ollos para ver como os cerraba ela. (...)”

10/2/09

CANDO VAI DE ANTROPÓLOGOS...


“Raposiño e o cego” A primeira obra narrativa de Manuel Mandianes con paratextos que se aproximan á literatura dirixida á infancia e xuventude, publicada por Limaia, con ilustracións de Aurora López. Dise na presentación que se trata “dun libro sobre a Galicia que desaparece e que permanece, ao mesmo tempo; narrada por catro voces: o cego, que é o pobo galego; o avó, que é a voz da tradición; a avoa, o verdadeiro sostén da sociedade: a tenrura, a nostalxia, o cariño; e Raposiño, a posible e única continuación. O libro revela, ademais, a modo documental, parte das vellas tradicións e anécdotas desta aldea nos séculos pasados (...)” Mandianes lembra a aldea, unha aldea do interior de Galicia, da que saían as xentes para a emigración, especialmente a Barcelona. O seu é unha contada dos aconteceres daqueles tempos, nos que un neno nado fóra da terra, entra en contacto co mundo dos avós. Recolle os personaxes e os costumes, as crezas, pero tamén vai deitando unha serie de pensamentos para remoer. Tal vez se nos pide un esforzo por entender esa maneira entre real e máxica de estar no mundo. Un libro formado por pequenas historias - a modo de píldoras- que pode ser alimento, na mochila, para avós e pais. Botádelle unha mirada! Un anaquiño de mostra... “ Unha persoa da familia pechoulle os ollos, outra foi dar a noticia ao sacerdote, e o sancristán tocou a defunto. A nova traspasou todos os recunchos do val. - Até os animais, nas cortes, deixaron de respirar – sentenciou o avó. - Por un intre, o mundo parou – proclamou a tía Manuela. O avó vira a avoa sentada ao pé da figueira que medra na beira do canastro, xunto aos muros do patio. A tía Dolores ouvira un espertador, o tío Francisco sentira as pegas grallando cando cruzaban a aldea en voo rasante e a Raposo dixéranllo as campás. - Cubran os espellos – ordenou Dolores cando a avoa deu o último bafexo. (...)”

9/2/09

CAL VIVA, CAL MORTA. A DERRADEIRA FESTA.


Unha curtametraxe documental sobre os últimos caleiros, que xa foi presentada en Mondoñedo, Ourense e Santiago. O artista audiovisual Mariano Casas e o antropólogo Duarte Fernández xúntanse para documentar un oficio pouco coñecido e en período de regresión, o dos caleiros que transforman a caliza en cal. Leamos a presentación dos autores na web da Academia Galega do Audiovisual: Esta peza documental, de 48 minutos de duración, é unha interesantísima ollada á vida dos derradeiros CALEIROS, sobreviventes ata hai pouco dun milenario oficio, que consistía en cocer pedra caliza durante días nunha enorme cheminea, obtendo así o cal. Deste oficio, que supuxo unha incipiente industria da que vivíu moita xente na zona da Mariña Central, apenas quedan erguidas unha ducia de caleiras, algunhas delas en moi mal estado de conservación. Esta ruindade material é o primeiro síntoma da desaparición dunha cultura que viu no coñecemento dos usos tradicionais do cal, unha forma de subsistencia e posterior desenvolvemento. Os últimos caleiros, homes xa octoxenarios, fixeron unha derradeira QUEIMA, para que o oficio que coñeceron en vida non morra con eles. Esa queima foi unha gran festa na que a xente de Masma (Mondoñedo) contou en primeira persoa o que fora esta dura e fermosa labor. Vexamos un trailer en You Tube

21/1/09

AVENTURA NO CAMIÑO DE SANTIAGO


Banda deseñada en branco e negro, da autoría de Primitivo Marcos e publicado por El Patito Editorial. No prólogo, Francisco Síngal, comenta que a obra lle resulta representativa das posibilidades de ficción dun asunto coma a historia do Camiño de Santiago. Os personaxes móvense por un itinerario pautado que comeza no Cebreiro e ha de rematar en Compostela. No guión mestúrase lenda con e creación, Historia e historia. A obra sitúase no século XIII, nese tempo en que na cidade de Santiago se constrúe o mosteiro de San Francisco. Na historia participa unha familia nobre que peregrina acompañada polo seu séquito e, en cada un dos episodios, van incorporándose situacións e personaxes que darán lugar á aventura. Na primeira das historias coñecemos a uns asaltantes que pretenden saquear aos viaxeiros e a un cabaleiro que -para pagar as súas culpas- vai facendo o camiño e defendendo ao resto dos viandantes. Alguén que se oculta detrás dunha armadura e que ven podería formar parte dunha das ordes militares que tiñan ese cometido. Na segunda coñecemos a unha familia que está pasando penalidades mentres espera que o home, que traballa na construción do citado mosteiro en Santiago, volva para levalas con el. Faise presente a dificultade para sobrevivir naqueles tempos e a necesidade de apoio -duns aos outros- para resistir os perigos que os rodeaban. Noutra aventura, asistimos á disputa entre mulleres e homes, a competencia que se establece entre ambos, nunha aposta, que finalmente ganan elas. Un episodio tal vez non demasiado crible, pero que gustará ao lectorado. Na última das entregas aparece un lobishome. É unha muller a quen seu pai maldice e que só poderá salvarse cando os rapaces interveñan. É moi probable que a historia continúe, igual que o camiño… e que proximamente atopemos máis etapas.

16/1/09

"Galego. Á beira do mar" de Juan Farias


Unha historia contada como só sabe facer este galego que escribe na outra lingua falando de nós. Coa emoción contida baixo aparencia de normalidade, cun aquel de realismo máxico entrando e saíndo na narración, coa ¿morriña/saudade? que semella caracterizalo, con esa linguaxe sintética na que nada sobra e cada palabra é un significante pleno de imaxes e contido. Describe; máis que contar describe, e faino ao longo do tempo, falando da vida e de todo o que a envolve, de sentimentos e sucesos, … Farias fala -como poucos poden facelo- do mundo mariñeiro, de vilas e tempos de posguerra, días tristes nos que a fame foi protagonista e a dor acompañante. Lembremos que este autor foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Premio Iberoamericano de Literatura Infantil y Juvenil. Unha mostra desta obra, para facer boca… “Pasaron os anos, non saben estar quietos. Todo cambiou, asfaltaron as corredoiras; as bucetas, os polbeiros, as gamelas, xa non foron de táboas grandes; acabouse o calafate, o cheiro a brea. Case ninguén volveu remar, a cambio veu o motor fora borda, os coches pariron e moi axiña houbo máis ca moscas; nas casas abriuse outra ventá, había que enchufala, non daba ao monte senón ao mundo enteiro, por ela podías ver aos chineses na China e as luras no fondo do mar. Só o amor seguiu a ser o mesmo”. ¿Haberá unha forma máis fermosa de presentar o televisor e de explicarnos o paso do tempo, o que permanece e o que cambia con el…? As ilustracións de Xosé Cobas préstanlle ese minimalismo delicado nas figuras (que pouco somos ante o tempo!) e as manchas de cor que falan dos fondos das nosas paisaxes, do que é natureza nas nosas vidas. Complétase o relato cun pequeno glosario de termos mariños coa participación do ilustrador.

23/12/08

ÁRBORE MUSICONTOS



Acaban de saír os dous primeiros títulos desta colección de Galaxia: O debut de Martino Porconi e O prodixio dos zapatos de cristal. Nacen co obxectivo de introducir aos pequenos e pequenas na música clásica, e de facelo da man dos contos clásicos … tal vez porque clásico é todo aquilo que perdura sobre o tempo, que resiste o paso dos séculos demostrando o seu valor; e non é clásico por clasista e afastado senón por valioso e pleno de calidade. De aí que Galaxia una os contos de sempre coa música permanente, neste caso, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Álbumes de gran formato con Cd. Historias da autoría de Xosé Antonio Neira Cruz que realiza unhas versións moi libres e abertas dos contos de Perrault, que levan aos personaxes ata o mundo da música e os abren a novas realidades e visións. O debut de Martino Porconi está inspirado en Os tres porquiños e as súas respectivas casas. Un conto que todos recoñecemos conforme o tenor Martino vai rememorando o seu pasado antes de entrar en escena, e que nos fala de amizades entre seres moi diferentes. Está ilustrado polo Premio Nacional de Ilustración, Federico Fernández. A música é Les illuminations de Benjamín Britten, e a Sinfonía nº 9 en Mi bemol maior de Dimitri Shostalóvich. A historia foi narrada por Francisco Martínez Barreiro nos concertos didácticos do Auditorio. O prodixio dos zapatos de cristal inspírase en Cincenta e os seus marabillosos zapatos que só admiten os pes dunha muller especial, non pola orixe nin pola elegancia senón polo don que lle é propio. A nena, que nos conta a súa historia en primeira persoa, é unha inmigrante con vocación de cantante; a cincenta -primeira e verdadeira- non será esposa senón filla adoptiva dun rei que lle cede o trono, pero ademais, ao final do seu mandato retírase e o “feliz reino convértese en próspera república”, e todas aquelas que poidan calzar os zapatiños de cristal verán cumprirse os seus soños... A nena será cantante “porque nada mellor hai no mundo que poder ser o que unha quere ser até o final”. Neste caso as ilustracións son de Rodrigo Chao e a música La Cenerentola de Rossini. Tal como se recolle no libro, a historia foi narrada por Teresa Santamaría no Auditorio de Galicia dentro do seu programa de concertos didácticos. Unha idea orixinal que xunta o álbum ilustrado e a música, o clásico: música e contos, o texto e a ilustración en pé de igualdade, a gravación do texto do conto coa música intercalada por un lado e a música soa por outro, para poder traballar conxuntamente ou por separado ambas disciplinas. Unha idea na que, coa editorial, se implica o Consorcio de Santiago para abrir as portas da música aos nenos e nenas, da man do libro.

9/12/08

OS CINCO NARRADORES DE BAGDAD


OS CINCO NARRADORES DE BAGDAD Fabien Vehlmann / Frantz Duchazeau Factoría K de libros A banda deseñada de viaxe pola capital dos contos, pola cidade dos narradores, tan amada e soñada ao longo dos séculos. Factoría K achéganos esta historia traducida do francés. As boas historias, dísenos, son aquelas que sementan a dúbida, que desconcertan, que provocan e suscitan a inquedanza. Desas trata esta obra... Un vello diríxese aos que len / escoitan para facer o relato dos cinco narradores, el é un deles así que o que conta é de primeira man. O califa, que adoraba os contos, convoca un concurso a tres anos vista. Mil e un inscritos, o peor narrador será executado (ninguén pode facer perder o tempo a un califa) e o que consiga narrar a mellor historia recibirá as riquezas máis fabulosas. Os cinco máis prometedores terían que colaborar: Nazim que conta no mercado adaptándose ás expectativas do seu auditorio, Wahid que fascina aos clientes dos cafés con relatos desconcertantes, Tarek que foi rapaz da rúa e conta tan ben que a historia é o de menos, Anouar que é o máis brillante e menos amable e Ahmed que é fillo do califa e gusta dos contos tanto coma seu pai. Antes de comezar a viaxe, van ao adiviño. El anúncialles o que sucederá na viaxe, ao tempo que lles descubre que Wahid é Wahida e casará cun deles, que un deles atopará a historia perfecta pero será outro quen gane e, finalmente, que un deles morrería a mans do outro. Teremos que seguir lendo para descubrir se a profecía se cumpre, pero sobre todo para descubrir cales han de ser os ingredientes dunha boa historia e a integridade dun bo contador.

2/12/08

Frío, frío de Óscar Calato


Novela xuvenil narrada en primeira persoa por un adolescente en crise. A narración é compacta, coa espesura daqueles textos que necesitan contar moitas cousas e talvez non teñan demasiado tempo para facelo. Unha idea mesta repítese a modo de martelada: a dificultade da supervivencia. Para iso utiliza o símil das tartarugas: “Calcúlase que tan só o cero coma cero, cero un por cento do total teñen éxito nesa carreira vital –ou mortífera, segundo se vexa-“, nos informa, referíndose á carreira das crías ata a auga. Resistir ante todos os perigos cos que a natureza ou a sociedade rodea aos máis novos. O relato debulla as relacións: a incomprensión do mundo paterno, o afecto a proba de bomba polo irmán pequeno, o compañeirismo, a amizade, a profesora particular pola que se sente atraído, o curmán que ven de volta de todo, o primeiro amor e o primeiro desengano ... situacións típicas, comúns e cotiáns, coma a vida mesma ou coma as que se contan en moitas novelas xuvenís. Hai unha clave que o autor nos transmite, unha cita de W. Carracedo “O erudito cita aos autores que coñece. O home sabio cítase cos libros que ama”, e Calato cítase con Salinger e o seu magnífico vixía no centeo. A relación de Martín, o personaxe principal desta novela, co irmán pequeno semella brotar da mesma fonte, esa adoración e defensa por riba de todo, como o único limpo que se pode salvar desta barbarie. Martín, cos seus dezaseis anos, anda a construír a coiraza que lle sirva para defenderse dese mundo no que dá atopado o seu lugar. Un inadaptado que se rebela e que leva con el iso que nos agarra á novela, algo que non sabemos ata onde nos atrae ou nos renxe, esa crueldade asumida coa que trata ao amigo tímido e débil que o acompaña coma unha sombra, iso que en Holden Caulfield eran comportamentos autodestrutivos e aquí se converte en destrución do outro, en aras a non ser destruído. Unha novela, editada por Galaxia, coa que Óscar Calato entra na literatura para a mocidade.

26/11/08

CONTATRÁS


Contatrás de Paula Carballeira ou de cando se pode escribir teatro, narrativa, e tamén, poesía. Paula sorpréndenos nesta ocasión cun libro de poemas para a rapazada, publicado por edicións Positivas, dentro da súa colección DI – VERSOS. Outra maneira de versificar, na que se introduce o xogo cos sons, o ritmo e o sentido, de tal maneira que ás veces pode semellar simple pero non é tal, só un pequeoo engano para pillarnos en falta, sorprendéndonos. Algunha que outra referencia para volver a tropezar con Alicia ou aquela odisea no espazo en ano capicúa. Humor e compromiso. Xogo e pensamento. Nenos, animais, trens, naves espaciais e continentes… que de todo hai neste libro de Paula que lemos escoltando a súa voz por detrás da orella, vendo os seus xestos e percibindo a presenza da Paula actriz. As ilustracións son de X. Carlos Hidalgo, en branco e negro. Outra maneira de facer ilustre o debuxo, de meter moito contido en poucos trazos, de obrigarnos a pensar e facer que vaian aboiando os significados. É o seu un bo traballo para exercer esa actividade tan lúdica e interesante da lectura de imaxes. Un ilustrador, que trata aos lectores con respecto porque os sabe intelixentes e dispostos a ver máis alá. Entremos na Contatrás (e ogallá vos espera unha boa viaxe pola poesía) 10… Abrochade os pantalóns Senón, que escándalo! 9… agarrádevos aos asentos senón, que medo! 8… despegade voade 7… deixade saír os ollos que miren ben lonxe 6… deixade que o nariz se mova que sinta os arrecendos que cheire 5… deixade que a boca se abra que se abraie ieeeeepaie 4… despedídevos dos demais dos que quedan cos pés na terra dos que non saben que hai paxaros no aire 3… despedídevos do que queda atrás do que non voa por máis que vos doa 2… esquecede por un intre que sodes persoas 1… xoguemos a ser xigantes así o mundo non será tan grande 0… O Mund O

27/10/08

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR


O AMOR POLA LECTURA está presente en todo o libro e en cada un dos relatos desta obra de Agustín Fernández Paz.

Incluso, hai textos nos que este amor é case didáctico e nos mostra técnicas de fomento lector como sucede no primeiro deles "Un radiante silencio" no que se nos conta como o libreiro establece un diálogo en torno ao amor, por medio da poesía, para que a muller escollida se vaia atando aos versos, aos poemarios, e a el, en definitiva.

Unha fórmula estupenda que máis dun mediador está levando a cabo despois de ler este libro de amor e de libros.

Outra fórmula aparece recollida en "Un río de palabras" e dela extraemos o seguinte fragmento para ir facendo boca:

"(...) Así que entra dentro da lóxica que se me ocorrese algo parecido cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo.

A idea veu a min con naturalidade. Aínda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel volume de relatos que me tivera absorbido nos días anteriores. Fíxeno cunha letra de corpo vinte e un interliñado xeneroso, de ningunha maneira quería que pasase inadvertido entre os outros papeis. (...)"

Haberá que acudir ao libro e seguir lendo para ver en qué consiste a actividade.

Libros que falan de libros e de lectura, libros que son boa literatura e da que xa non é necesario falar despois de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil, un galardón do que se alegra o país, os lectores e mediadores, que sinten este premio coma propio porque levaban tempo outorgándollo xa, demostrándoo a través das recomendacións e do recoñecemento lector.

As ilustracións de Pablo Auladell aportan outra visión artística, a dunha plástica plena de suxerencias, en tonalidades que van do gris aos ocres, para mostrar o paso do tempo e o pouso que vai deixando nas páxinas da vida.

Queda o amor. Como en Casablanca. Quedan as lecturase os libros que nos deixaron pegada e nos axudaron a ser o que somos.

Parabéns a Agustín Fernández Paz e parabéns á literatura infantil e xuvenil galega por este novo recoñecemento. E tamén a Xerais por esa edición tan coidade á que acompaña A noite d´O Risón de Gonzalo Moure.

Tamén podemos acceder á presentación do libro ou á lectura dun dos relatos na voz do autor.

29/9/08

Os guerreiros do arco da vella e a súa mítica embarcación


O pasado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, a editorial Kalandraka xunto con Greenpeace, presentaron o álbum A historia do Rainbow Warrior, con texto e ilustracións de Rocío Martínez. A autora retoma a idea dunha escena familiar na que un ecoloxista lle conta á súa filla esa historia para escribir este libro no que será unha balea quen lle presente o barco á súa cría. Uns debuxos moi delicados envolven o texto e enchen o relato de novos significados. Un desplegable final documenta os feitos, para que non quede a menor dúbida de que nada é produto da imaxinación. Trátase dun libro ecolóxico, certificado como tal ao cumprir os requisitos do proxecto “Libro Amigo dos Bosques” xa que na súa elaboración utilizouse papel fabricado a partir de madeira procedente de plantacións ambientalmente sostibles. Polo tanto, un libro sobre a defensa do medio ambiente que ao tempo o respecta na súa elaboración.
A historia do guerreiro do arco da vella, é digna de ser contada e coñecida por todos os nenos e nenas do mundo. Un vello barco no que a organización da paz verde surca os mares a partir do 1978 denunciando as agresións á auga e á Terra. Unha embarcación coa que os activistas se enfrontaron a aqueles que buscaban a morte de baleas e focas, impedindo que se envorcaran residuos tóxicos, protestando contra todo tipo de atentados ao medio ambiente e sendo brutalmente destruído con cargas explosivas o 10 de xullo de 1985 cando estaba nunha campaña de rexeitamento das probas nucleares francesas en Mururoa. Nese atentado morreu o fotógrafo portugués Fernando Pereira demostrando, desa maneira, que os que non respectan a terra tampouco o fan coas vidas das persoas. Hoxe, o Rainbow Warrior, está afundido e convertido nun arrecife de coral, un final digno para unha embarcación que permanece na memoria de tod@s nós. Un álbum imprescindible para preservar a memoria e mantela viva.

23/9/08

TÍO MISERIA de Inacio

Tío Miseria era un ferreiro pobre e con mala sorte ata que un día atopou unha moeda de ouro que desencadearía todo un torrente de acontecementos: San Pedro que daquela andaba polo mundo pídelle que lle ferre a burra e a cambio cumpriralle un desexo (que coma sempre non semella moi ben escollido: que ninguén poida baixar da pereira sen o seu permiso), un trasacordo (“por que non pediría trinta anos de vida?”) que chama ao demo disposto a darlle ese tempo a cambio da alma, o contrato asinado e… a historia continúa seguindo a tradición e cun final que nos explica a razón de que haxa miseria no mundo.
Da autoría de Inacio Vilariño tanto o relato (baseado nun conto popular) coma as ilustracións (fotografías de monicreques de madeira). As imaxes teñen un ar primitivo e naif, uns toques surrealistas que lle confiren unha nova lectura e abrirán as mentes á imaxinación e a posibilidade de seguir creando en base a onbxectos cotiáns. A introdución de mans, dedos e sombras colaboran no relato achegando unha expresividade e uns remates realmente artísticos. O branco e negro de fondo rómpese con golpes de cor, que nos sorprenden gratamente tamén na tipografía.

Un bo libro de Baía.

3/7/08

UNHA CHEA DE FAMILIAS de Xosé Antonio Neira Cruz.


Unha chea de familias de Xosé Antonio Neira Cruz é un álbum publicado pola editorial Galaxia nun formato xeneroso. As ilustracións de Rodrigo Chao achegan un volumes cargados de afecto e sensibilidade sobre uns fondos enriquecidos de vellas tonalidades que espertan a sensación de paso do tempo pegado á cotidianeidade. O autor quere facer visible esa chea de “familias diferentes que pode haber. Familias que pasan ao noso carón todos os días. Familias que non vemos ou non queremos ver. Pero están aí”. Faino a través das preguntas de Mariña e a resposta que o seu pai lle ofrece, a través das visitas ás familias do seu edificio. Desta maneira, aproveita para coñecer a todos eses veciños cos que coinciden no portal ou no ascensor, pero que son verdadeiros descoñecidos. Unha viaxe polo edificio convérsese nun percorrido polos continentes e polas distintas clases de familias que pode haber: con pai e nai, cun ou varios fillos, con avós, monoparentais froito de fecundacións artificiais ou da perda do conxénere, unidas ou separadas, bisexuais ou homosexuais, con fillos ou sen eles, con fillos naturais ou adoptados, … todas son familias porque teñen algo en común: viven xuntos e quérense moito, están unidas polo amor (aínda que non sempre, porque a realidade é certamente complexa, tal e como recolle o autor). O tratamento da diferenza dunha maneira natural e respectuosa para evitar a desigualdade, iso é o que fai o autor. Porque “O timbre do 2º D soa coma unha campá. O timbre da casa de Mariña soa coma un chifre. Mariña non sabería dicir cal lle gusta máis” . Porque todos os sons son igualmente válidos, igual que os olores, igual que as maneiras de vivir e compartir… E ao tempo, sitúanos ante a necesidade de coñecernos, de recoñecer aos que camiñan ao noso lado, comunicarnos coa veciñanza por iso Mariña co seu pai van petando en todas as portas do edificio, para saudar e non seguir sendo estraños, e cando o fan descobren que todos están encantados de compartir ese tempo no que nos aceptamos os que de aquí e os de alá, os que veñen da China e de Marrocos cos que acaban de chegar da aldea porque todos estamos de paso nas cidades do presente. Un encontro cos outros, un saúdo á morte e á enfermidade dun xeito amable pero sen ocultar nada, nin os problemas da vellez nin as enfermidades psíquicas tal como se recolle no seguinte texto “Perder un ser querido dá moita pena. A pena, cando é moi grande, chámase depresión, que é como andar todo o día cunha nube escura sobre a cabeza. Non importa que fóra vaia un fermosos día de sol. A túa nube impídeche ver outra cousa que non sexa tristura.” Un libro para gozar coa súa lectura.

Un libro para axudar a entender a diferenza.

Un libro para axudar a asumir a enfermidade ou a morte.

Un libro para valorar...

17/6/08

ESCOLMA POÉTICA de Celso Emilio Ferreiro


Celso Emilio Ferreiro Escolma poética con imaxes de Baldo Ramos, publicado por Factoría K en edición literaria de Ramón Nicolás.
Tal como se recolle na publicación:

Trece Lúas

Trece poemas en cada libro,
trece poemas como trece lúas,
como os trece meses do calendario lunar.

A lúa, ese ser cambiante
que muda a súa cara de espello circular.
Señora das mareas, astro da fecundidade.
Ritmos lunares para dar medida ao tempo,
ao tempo poético.

Unha escolla axeitada que nos trae poemas de Onde o mundo se chama Celanova, Viaxe ao País dos Ananos e Longa noite de pedra. Unha edición moi coidada na que as follas se abren e estenden, ilustrada por outro poeta que ademais de achegar unha pintura xestual a completa coas caligrafías tan do gusto dun poemario.
Un poeta e outro poeta, ambos daquel lugar “onde o mundo se chama Celanova”, unidos para producir un fermoso libro para ler e mirar, para manter aberto sobre a mesa ou nun atril, permitíndonos ler e reler, mirar e remirar.
Recobrar os poemas de Celso Emilio Ferreiro, poñelos de novo na boca de vellos e mozos, porque eles teñen moito que dicir e nós moito que sentir.
Noraboa a Factoría K por este produto que ven a facer máis rico o acervo editorial.

12/6/08

UN LOTO NA NEVE



Un loto na neve de Gonzalo Moure, un libro a recobrar e retomar.

Lembremos o que o autor comentaba a respecto das traducións ao galego das súas obras nos Encontros dos centros do plan de mellora de bibliotecas escolares, do ben que lle soaban as súas historias no galego de Ignacio Chao, o tradutor desta novela.

Un loto na neve é un título poderoso, tanto como a imaxe creada por ese rapaz nepalí , nu, sentado no duro xeo, que coa súa obstinación demostra ao mundo que é máis forte que o soldado abrigado e armado que o vixía a carón do lume. A loita entre os pobos do Tíbet e o invasor chino constitúe o escenario deste relato, que vai moito máis alá, ata chegar ao fondo da natureza humana e beber na parte da realidade que non comprendemos pero está aí conectando con espazos que van máis aló do corpo e o coñecemento, do presente e o aquí. O encontro, entre un home maduro e un rapaz, que marcará as súas vidas.

Unha imaxe potente, un misterio, a loita pola identidade dun pobo e a grandeza dunha vida única e compartida.

Para finalizar, as notas do autor respecto da orixe da novela e a bibliografía que achega acerca do Tíbet, darannos pé para ir deste a outros libros, a modo de percorrido na rede do liberespazo, tal como nos indica Frabetti. Outros libros nesa arañeira poderían ser o de Jaureguízar Plastilina nos pulmóns (nesta mesma colección) ou o de Josep-Francesc Delgado (co que comparte tradutor) Sgarmatha publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais.


10/6/08

O HUMOR ... NON ENGORDA


Dínolo Kiko da Silva e ben podemos crerllo.

O humor ... non engorda é o título que sae á luz na colección Mandaio de Biblos e no que se recolle algunha das súas viñetas humorísticas, publicadas na prensa diaria entre o 2004 e o 2007.

Este ilustrador, debuxante de banda deseñada e humorista gráfico ten demostrado que rir máis ben adelgaza.

Divertirémonos lembrando as noticias que deron lugar a esta recreación humorística, riremos abertamente e tal vez decidamos continuar por ese camiño do humor (tan necesario, tamén, coma o pan de cada día) introducíndonos na revista mensual de humor galego Retranca, dirixida polo mesmo autor.

Contamos cunha moi boa tradición humorística e faise necesario retomala. Do mesmo xeito, e aproveitando que está a ser noticia -grazas as exposicións que a visibilizan-, a banda deseñada tamén debe ocupar o seu lugar, un espazo que perdemos con Golfiño pero que Kiko da Silva recupera -en parte- grazas á colección BD Banda que edita Factoría K.

Hai xente así, que vai poñendo o seu gran naqueles campos necesarios, e tamén imprescindibles, para a normalización lingüística. Xente colaboradora que ademais nos regala risas.