23/12/08

ÁRBORE MUSICONTOS



Acaban de saír os dous primeiros títulos desta colección de Galaxia: O debut de Martino Porconi e O prodixio dos zapatos de cristal. Nacen co obxectivo de introducir aos pequenos e pequenas na música clásica, e de facelo da man dos contos clásicos … tal vez porque clásico é todo aquilo que perdura sobre o tempo, que resiste o paso dos séculos demostrando o seu valor; e non é clásico por clasista e afastado senón por valioso e pleno de calidade. De aí que Galaxia una os contos de sempre coa música permanente, neste caso, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Álbumes de gran formato con Cd. Historias da autoría de Xosé Antonio Neira Cruz que realiza unhas versións moi libres e abertas dos contos de Perrault, que levan aos personaxes ata o mundo da música e os abren a novas realidades e visións. O debut de Martino Porconi está inspirado en Os tres porquiños e as súas respectivas casas. Un conto que todos recoñecemos conforme o tenor Martino vai rememorando o seu pasado antes de entrar en escena, e que nos fala de amizades entre seres moi diferentes. Está ilustrado polo Premio Nacional de Ilustración, Federico Fernández. A música é Les illuminations de Benjamín Britten, e a Sinfonía nº 9 en Mi bemol maior de Dimitri Shostalóvich. A historia foi narrada por Francisco Martínez Barreiro nos concertos didácticos do Auditorio. O prodixio dos zapatos de cristal inspírase en Cincenta e os seus marabillosos zapatos que só admiten os pes dunha muller especial, non pola orixe nin pola elegancia senón polo don que lle é propio. A nena, que nos conta a súa historia en primeira persoa, é unha inmigrante con vocación de cantante; a cincenta -primeira e verdadeira- non será esposa senón filla adoptiva dun rei que lle cede o trono, pero ademais, ao final do seu mandato retírase e o “feliz reino convértese en próspera república”, e todas aquelas que poidan calzar os zapatiños de cristal verán cumprirse os seus soños... A nena será cantante “porque nada mellor hai no mundo que poder ser o que unha quere ser até o final”. Neste caso as ilustracións son de Rodrigo Chao e a música La Cenerentola de Rossini. Tal como se recolle no libro, a historia foi narrada por Teresa Santamaría no Auditorio de Galicia dentro do seu programa de concertos didácticos. Unha idea orixinal que xunta o álbum ilustrado e a música, o clásico: música e contos, o texto e a ilustración en pé de igualdade, a gravación do texto do conto coa música intercalada por un lado e a música soa por outro, para poder traballar conxuntamente ou por separado ambas disciplinas. Unha idea na que, coa editorial, se implica o Consorcio de Santiago para abrir as portas da música aos nenos e nenas, da man do libro.

No hay comentarios: